Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Martes, 20 de agosto de 2019 Páx. 37007

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 19 de xullo de 2019 pola que se regulan as bases que rexerán a concesión de axudas económicas para a creación de escolas infantís 0-3 en polígonos industriais e outros contornos laborais, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2019 e 2020 (código de procedemento BS403D).

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece, no seu artigo 3, os obxectivos do sistema galego de servizos sociais, incluíndo entre estes o de proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral, así como o de garantir o apoio ás familias como marco de referencia no que se desenvolven as persoas.

Así mesmo, a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, recoñece, no seu artigo 6, como un dos principios de responsabilidade pública o de atender, apoiar e protexer as familias como núcleo fundamental da sociedade no cumprimento das súas funcións.

De conformidade co Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, atribúese á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica o exercicio das políticas públicas de apoio á familia e á infancia, así como a promoción e adopción das medidas de conciliación que garantan un ambiente favorable para o libre desenvolvemento das familias. No marco das ditas políticas, a Xunta de Galicia considera unha prioridade investir na educación infantil para que sexa accesible e de calidade pois non só mellora os resultados educativos posteriores dos nenos e nenas, senón que tamén facilita a conciliación da vida persoal, familiar e laboral e a participación feminina no mercado de traballo contribuíndo á consecución de tres dos obxectivos principais da Estratexia europa 2020: reducir o abandono escolar prematuro por baixo do 10 %, acadar unha taxa de emprego do 75 % das persoas de 20 a 64 anos e sacar a 20 millóns de persoas da pobreza.

Deste xeito, a mellora e ampliación dos recursos de atención educativa 0-3 anos postos á disposición das familias galegas é unha das actuacións clave do Programa de apoio á natalidade (PAN), un programa posto en marcha pola Administración autonómica co obxectivo de dar unha resposta global ás necesidades das nais e dos pais galegos de forma que se garanta o benestar das familias e estas sexan apoiadas dun xeito integral e continuo.

As políticas de conciliación son, como sinalou a Comisión Europea (Eurofound, 2010, pp. 6), a resposta clave aos retos económicos e demográficos a longo prazo e, neste sentido, teñen un impacto significativo na mellora da calidade de vida e de traballo das persoas, no aumento da produtividade das empresas e na igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

As medidas de conciliación levan, ademais, asociadas vantaxes que contribúen á mellora do clima laboral e ao incremento da rendibilidade das empresas, pois axudan entre outras cuestións a diminuír o absentismo e a rotación de persoal, sendo un factor de fidelización e de retención do talento.

Neste sentido a Consellería de Política Social propúxose impulsar a corresponsabilidade da Administración pública e das empresas no desenvolvemento de medidas de conciliación e, deste xeito, en 2016 puxo en marcha unha liña de axudas destinada á posta en marcha de escolas infantís en polígonos industriais e parques empresariais, onde a Xunta de Galicia financiaba parte do gasto derivado da construción dunha escola infantil e as entidades citadas se encargaban da súa xestión, no convencemento de que esta iniciativa contribuiría a crear contornos laborais máis atractivos e eficientes e a que as e os galegos puideran ter os fillos e fillas que desexasen.

Esta nova convocatoria proponse avanzar na mellora da conciliación das familias galegas e achegar a posibilidade de creación de escolas infantís en todo tipo de contornos laborais, polo que, ademais dos recollidos en anos anteriores, preténdese que poidan acollerse a esta liña de apoio espazos de traballo colectivo de tipo industrial, loxístico, científico, tecnolóxico, comercial ou de servizos, incluídas as entidades asociativas de cooperativas agrarias e as confrarías de pescadores, poñendo especial atención nos que se desenvolvan en zonas pouco poboadas (ZPP) e zonas intermedias (ZIP) da Comunidade Autónoma, para que toda a poboación de Galicia teña acceso a recursos de conciliación con independencia do seu lugar de residencia. Deste xeito, diríxese, ademais de ás asociacións empresariais ou entidades representativas dun polígono industrial ou parque empresarial, a outros axentes, entidades ou organizacións con intereses similares representantes dos distintos tipos de contornos laborais e outorga unha puntuación específica aos proxectos que se localicen no medio rural.

En consonancia co anterior, esta orde de convocatoria diríxese a apoiar que as familias poidan ter un lugar para a atención educativa dos seus fillos e fillas menores de tres anos preto do lugar do seu posto de traballo, actuación que contribuirá tanto a que as persoas compatibilicen a súa vida persoal e familiar coa profesional, como a que as empresas ou organizacións para as que traballan melloren a súa posición no mercado a través dunha mellor administración do seu capital humano.

A xestión desta orde realízase por convocatoria pública de axudas baixo o procedemento de concorrencia competitiva, amparado no réxime de axudas de minimis e cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no programa operativo de Galicia 2014-2020, eixe prioritario 10, prioridade de investimento 10.5, obxectivo específico 10.5.1.

Esta orde de convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Así mesmo, enmárcase no programa operativo Feder Galicia para o período 2014-2020, de conformidade co disposto no artigo 125.3.e) do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello, e no Regulamento (UE) núm. 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 1080/2006.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas económicas para a posta en funcionamento de escolas infantís 0-3 en polígonos industriais e outros contornos laborais da Comunidade Autónoma de Galicia e proceder á súa convocatoria para o período 2019-2020 (código de procedemento BS403D).

Artigo 2. Requisitos das escolas infantís 0-3

As escolas infantís que se poñan en marcha ao abeiro desta orde reunirán os seguintes requisitos:

a) Constituirán un centro completo cun mínimo de 3 unidades con 41 prazas, agás nos casos en que a demanda potencial non sexa suficiente para un centro completo nos que se creará o número de prazas e unidades internivelares que aprobe a Consellería de Política Social con base no proxecto presentado e á información que obre no seu poder, de acordo co disposto no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia en Galicia.

b) Adaptaranse ao establecido no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia, e no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, no Decreto 192/2015, do 29 de outubro, polo que se define a Carteira de servizos sociais de familia, infancia e adolescencia, así como, de ser o caso, na normativa de desenvolvemento, sen prexuízo do cumprimento da normativa sectorial que sexa de aplicación.

c) A parcela onde se localicen estará separada de actividade industrial, preferentemente nunha zona axardinada que protexa o edificio das condicións exteriores, e non estará acaroada a naves ou establecementos susceptibles de actividades perigosas.

d) A parcela e o patio de xogos estarán cercados e protexidos ata unha altura mínima de 1,50 m.

e) Os elementos de xogo do patio cumprirán os requisitos establecidos no Decreto 245/2003, do 24 de abril, polo que se establecen as normas de seguridade nos parques infantís.

f) O inmoble contará coas medidas correctoras precisas de protección contra o tráfico, ruído, contaminación e outras actividades molestas ou prexudiciais.

Artigo 3. Financiamento

1. Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de oitocentos mil euros (800.000 €) que se imputará á aplicación orzamentaria 13.02.312B.781.0 distribuído en dúas anualidades, correspondendo 200.000 € á anualidade 2019 e 600.000 € á anualidade 2020.

2. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas, a título individual ou agrupadas, as asociacións empresariais ou comerciais representantes de polígonos, parques, viveiros e outros espazos de tipo industrial, loxístico, científico, tecnolóxico, comercial ou de servizos, incluídas as entidades asociativas de cooperativas agrarias e as confrarías de pescadores, que reúnan os seguintes requisitos:

a) Desenvolver a súa actividade no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Dispoñer dunha parcela de terreo apta para o establecemento dunha escola infantil no recinto ou nas inmediacións do lugar ou centros de traballo das empresas ou entidades a quen representan.

c) Achegar un estudo que reflicta o número mínimo de nenos/as menores de tres anos potenciais usuarios/as da escola infantil 0-3, incluídos os/as non nados/as e en proceso de adopción.

d) Presentar un plan de viabilidade que permita a posta en funcionamento e o mantemento do centro durante un mínimo de 5 anos.

2. Cando se trate de agrupacións deberán facerse constar expresamente na solicitude os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de entidade beneficiaria. En calquera caso, deberá nomearse unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As entidades solicitantes deberán acreditar mediante declaración responsable que non están incursas en ningunha das causas de prohibición previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, para obter a condición de beneficiarias.

4. Non poderán obter a condición de beneficiarias segundo o disposto no artigo 3.3 do Regulamento (UE) núm. 1301/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento no crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 1080/2006, as empresas en crise segundo a definición do artigo 2.18 do Regulamento (UE) núm. 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior na aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

Artigo 5. Permanencia mínima da actividade

O período mínimo de permanencia da actividade da escola infantil 0-3 subvencionada será de 5 anos desde a data do pagamento final da axuda.

Artigo 6. Accións e gastos subvencionables

1. De acordo co disposto no artigo 65.6 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello, só serán subvencionables os gastos daquelas operacións que non estean totalmente finalizadas no momento da presentación da solicitude de axuda. Os ditos gastos deben ter sido realizados con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2018 e efectivamente pagados con data límite do 31 de decembro de 2019 respecto da cantidade anticipada consonte o previsto no artigo 22, e con anterioridade ao 1 de outubro de 2020 respecto do resto da subvención obtida, relativas ás seguintes actuacións:

a) A realización do proxecto básico e de execución para a construción ou reforma dun inmoble destinado á creación dunha escola infantil 0-3.

b) O acondicionamento da parcela e a construción ou reforma dun inmoble para creación dunha escola infantil 0-3.

c) O equipamento da escola infantil 0-3, incluíndo o mobiliario e o material didáctico e de xogo. Este equipamento poderá ser de segunda man, sempre que estea en perfecto estado de uso e conste unha declaración de quen o vende sobre a orixe dos bens e sobre que estes non foron obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria, e que o prezo non sexa superior ao valor de mercado e ao custo dos bens novos similares, acreditándose estes requisitos do prezo mediante certificación de taxación independente.

As actuacións sinaladas na letra c), sempre que sexa pertinente, deberán realizarse aplicando a perspectiva de xénero para asegurar que promoven o benestar equilibrado de nenas e nenos e unha construción da personalidade libre de estereotipos.

2. Non serán en ningún caso subvencionables os xuros debedores nin outros gastos financeiros. Tampouco o imposto sobre o valor engadido (IVE) que sexa recuperable.

3. Os gastos previstos deberán ser especificados na solicitude (anexo I).

Artigo 7. Tipos de axuda e contías

As axudas consistirán nunha subvención de ata o 100 % do custo total do investimento realizado, cun límite máximo global por escola infantil e entidade beneficiaria de 200.000 euros, agás nos casos en que se trate dun centro de menos de tres unidades onde este límite se fixa en 150.000 euros.

Artigo 8. Procedemento e réxime de concesión

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

2. Estas axudas estarán cofinanciadas nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, eixe prioritario 10, Investir en educación, formación e formación profesional para a adquisición de capacidades e unha aprendizaxe permanente; prioridade de investimento 10.5, Infraestruturas de educación e formación; obxectivo específico 10.5.1, Mellorar as infraestruturas de educación e formación; actuación10.5.1.4b, Axudas ao investimento en centros de atención á primeira infancia de 0-3 anos e casas niño, e están sometidas ao disposto no Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e no Regulamento (UE) núm. 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello do 17 de decembro de 2013, así como ao previsto na Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020. Así mesmo, estas axudas ampáranse no réxime de minimis establecido no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. Esta circunstancia farase constar expresamente na resolución de concesión. Polo tanto, de recibir a persoa xurídica outras axudas baixo o réxime de minimis deberase garantir que non se supera o límite de 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

Artigo 9. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. De acordo co disposto no artigo 65.11 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, no caso de concorreren no proxecto outras axudas financiadas con fondos estruturais e de inversión europeos (fondos EIE) ou outros instrumentos da Unión, serán compatibles a condición de que a mesma partida de gasto non estea subvencionada por outro fondo ou instrumento da Unión, nin polo mesmo fondo Feder conforme a un programa operativo distinto.

2. No caso de percibírense outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

3. En ningún caso o importe das axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutros entes privados, nacionais ou internacionais, supere o custo do investimento.

4. As entidades solicitantes cubrirán a epígrafe correspondente da solicitude relativa á declaración de todas as axudas e subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma finalidade.

Artigo 10. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado anexo I dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. De acordo co previsto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

3. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano responsable da tramitación requirirá as entidades interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, teranse por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos previstos no artigo 21 da mesma lei.

Artigo 11. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Acreditación da personalidade e representación da entidade solicitante.

b) Documentación acreditativa da dispoñibilidade dos terreos durante, cando menos, o período mínimo de permanencia da actividade subvencionada.

c) Certificación acreditativa asinada polo/a representante da entidade solicitante de que no orzamento da entidade existe crédito para cofinanciar a contía correspondente, de propoñerse unha achega orzamentaria propia.

d) Memoria urbanística xustificativa da viabilidade dos investimentos propostos coa situación xurídica, catalogación e permisos dos usos dos terreos.

e) Certificado ou informe municipal sobre as actividades da zona e a súa compatibilidade coa escola infantil 0-3.

f) Estudo que reflicta o número de nenos/as menores de tres anos potenciais usuarios/as da escola infantil 0-3, incluídos os/as non nados/as e en proceso de adopción.

g) Plan de viabilidade que permita a posta en funcionamento e o mantemento do centro durante un mínimo de 5 anos.

2. Para o caso de que se presente solicitude de forma agrupada deberase achegar ademais:

a) Documento cos compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles.

b) Nomeamento e apoderamento da persoa que ten a representación única da agrupación.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que vai presentar a entidade solicitante de forma electrónica supere os tamaños ou límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a entidade interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Artigo 12. Trámites posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Comprobación de datos

1. De conformidade coa normativa de procedemento administrativo e de protección de datos, para a tramitación deste procedemento consultaranse os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Número de identificación fiscal ( NIF) da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

d) Inhabilitacións para obter subvencións ou axudas.

e) Concesións de subvencións e axudas.

f) Concesións pola regra de minimis.

g) Certificación de estar ao día nas obrigas tributarias emitida pola Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT).

h) Certificación de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social.

i) Certificación de estar ao día nas obrigas tributarias coa facenda da Xunta de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilita a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 14. Instrución dos procedementos

1. A instrución dos procedementos corresponde á Subdirección Xeral de Demografía e Conciliación, quen realizará as correspondentes propostas de resolución.

2. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a correcta definición, avaliación, seguimento e comprobación da solicitude presentada para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aquelas que reúnan todos os requisitos e acheguen a documentación necesaria serán remitidas á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo 15.

5. Respecto dos expedientes en que concorran causas de inadmisión así como de declaración ou aceptación de desistencia o órgano instrutor formulará a correspondente proposta que elevará ao órgano competente para resolver.

Artigo 15. Comisión de valoración

1. Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, unha vez instruídos os expedientes constituirase como órgano colexiado unha comisión de valoración que, de acordo cos criterios de baremación de solicitudes establecidos, realizará a selección e emitirá o correspondente informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada, indicando a puntuación e a axuda aplicable en cada caso.

A comisión rexerase polo establecido na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e mais na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, no relativo aos órganos colexiados, e estará integrada polos seguintes membros:

a) Presidencia: a persoa titular do Servizo de Conciliación Familiar da Consellería de Política Social ou persoa que a supla.

b) Vogais: a persoa titular do Servizo de Planificación para o Impulso Demográfico e unha persoa funcionaria por proposta da persoa titular da presidencia.

c) Unha das persoas vogais, por proposta da persoa titular da presidencia, actuará como secretaria.

Se, por calquera causa, algunha das persoas que compoñen a comisión de valoración non puider asistir cando esta se reúna para o exame das solicitudes, será substituída pola/o funcionaria/o designada/o para estes efectos pola persoa que exerza a presidencia.

2. A avaliación realizarase segundo os datos que resulten da documentación presentada coa solicitude ou recabada de oficio polo órgano instrutor.

A puntuación polo compromiso de implantación dun plan de igualdade na escola infantil outorgarase pola declaración responsable que se cubrirá no formulario de solicitude.

Nos casos de solicitudes con igualdade de puntuación terase en conta, para os efectos de resolver o empate, a puntuación obtida criterio a criterio, seguindo a orde en que figuran relacionados, empezando polo primeiro, ata que se produza o desempate; no caso de esgotarse os criterios e persistir o empate, a preferencia determinarase pola data de presentación da solicitude.

3. Unha vez avaliados os expedientes e determinada a axuda que lle corresponde a cada proxecto, a comisión fixará o limiar mínimo de puntuación necesario para acadar axuda, tendo en conta o crédito orzamentario e os topes xerais establecidos nestas bases, e presentaralle á persoa responsable do departamento a correspondente proposta de adxudicación. Así mesmo, emitirá informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada.

Artigo 16. Criterios de valoración

1. A comisión de valoración examinará as solicitudes presentadas e avaliaraas cun máximo de 150 puntos conforme os seguintes criterios:

a) Número de persoas traballadoras ás cales representa a entidade solicitante, ata 20 puntos coa seguinte desagregación:

1º. Ata 1.500 traballadores/as: 5 puntos.

2º. Entre 1.500 e 3.000 traballadores/as: 10 puntos.

3º. Máis de 3.000 traballadores/as: 20 puntos.

b) Número de fillos/as menores de tres anos do cadro de persoal das empresas representadas pola entidade solicitante, ata 20 puntos coa seguinte desagregación:

1º. Ata 50: 5 puntos.

2º. Entre 51 e 100: 10 puntos.

3º. Máis de 100: 20 puntos.

c) Adecuación do número de unidades da escola infantil 0-3 proposta ao número de nenos/as potenciais usuarios/as, ata 20 puntos coa seguinte desagregación:

1º. Cobertura de ata o 50 %: 4 puntos.

2º. Cobertura entre o 51 % e o 75 %: 8 puntos.

3º. Cobertura entre o 76 % e o 99 %: 16 puntos.

4º. Cobertura do 100 %: 20 puntos.

d) Porcentaxe de persoas traballadoras menores de 45 anos das empresas representadas pola entidade solicitante: outorgaranse 5 puntos por cada 10 % de traballadores/as neste suposto, cun máximo de 20 puntos.

e) Orzamento que destina a entidade solicitante para cofinanciar o proxecto segundo o custo total da obra establecido no artigo 7.1, outorgaranse un máximo de 20 puntos coa seguinte desagregación:

1º. Ata un 25 % do custo total do proxecto: 5 puntos.

2º. Máis dun 25 % e ata o 50 % do custo total do proxecto: 10 puntos.

3º. Máis dun 50 % e ata o 75 % do custo total do proxecto: 15 puntos.

4º. Máis do 75 % do custo total do proxecto: 20 puntos.

f) Actuación localizada en zona pouco poboada (ZPP) ou en zona intermedia (ZIP) segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística: outorgaranse 30 ou 20 puntos respectivamente.

g) Compromiso de implantación, ao inicio da actividade da escola infantil, dun plan de igualdade con incorporación da perspectiva de xénero na atención educativa: 5 puntos.

h) Presentación dunha solicitude conxunta por dúas ou máis das entidades recollidas no artigo 4.1 para a posta en marcha conxunta dunha escola infantil: 15 puntos.

2. A Subdirección Xeral de Demografía e Conciliación elevará o informe da comisión xunto coa proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou denegación da subvención solicitada.

3. No caso de existiren solicitudes susceptibles de axuda pero que non se inclúen na proposta anterior por terse esgotado o crédito dispoñible, quedarán en reserva para seren atendidas, ben co crédito que quedase libre ben por non terse enviado a documentación no prazo establecido nos supostos de resolución condicionada ben por producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ou ben por incremento do crédito orzamentario destinado a esta subvención. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivas propostas de resolución ata a fin do exercicio 2019 conforme o sinalado neste artigo.

Artigo 17. Resolución

1. A resolución dos expedientes de axudas, que será debidamente motivada e se realizará logo da fiscalización da proposta, corresponde á persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, quen resolverá por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social.

Con anterioridade a ditarse a resolución de concesión deberá quedar acreditado que as entidades beneficiarias están ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O prazo para resolver e notificar será de cinco meses, que se computará a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que recaese resolución expresa, as solicitudes entenderanse desestimadas.

3. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva e de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, as resolucións destas subvencións serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, a cal producirá os mesmos efectos da notificación. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o limiar mínimo de puntuación necesario para acadar axuda, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como as solicitudes desestimadas con expresión sucinta dos motivos da desestimación.

4. Unha vez publicada a resolución das solicitudes no Diario Oficial de Galicia, por tratarse dunha axuda cofinanciada a través do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, cada entidade beneficiaria recibirá unha notificación electrónica co documento de condicións da axuda (DECA) que indicará a identificación da entidade beneficiaria, o obxecto da operación, a súa localización, os importes do custo total e da contribución pública, o calendario de execución, as obrigas específicas da entidade beneficiaria así como os demais requisitos previstos na norma comunitaria aplicable.

Así mesmo, informarase de que a aceptación da subvención comunitaria implicará a súa aparición na lista pública de operacións cos nomes das entidades beneficiarias, no suposto de seren entidades xurídicas, así como a outra información recollida no anexo XII do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) núm. 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión, en relación co artigo 115.2 do dito regulamento. Esta lista de operacións publicarase no portal da Consellería de Política Social, https://www.xunta.gal/politica-social

5. Unha vez publicada a resolución das solicitudes e notificado o DECA ás entidades con axudas favorables, as entidades beneficiarias quedan obrigadas a comunicar expresamente no prazo de dez (10) días hábiles a aceptación das condicións da axuda.

Artigo 18. Publicación e notificación

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os actos administrativos de requirimento de emenda de documentación así como as correspondentes resolucións. Esta publicación producirá os efectos de notificación.

2. Complementariamente, as notificacións de actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. Para as notificacións electrónicas as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

5. As notificacións electrónicas entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 19. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro da presente orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse ben o recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, se esta fose expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ben directamente o recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, se esta fose expresa, ou de seis meses a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

No caso de interpoñer o recurso de reposición, non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se producise a desestimación presunta do dito recurso de reposición interposto.

Artigo 20. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 21. Obrigas das persoas beneficiarias

1. De conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable, as persoas beneficiarias destas axudas están obrigadas a:

a) Comunicar a aceptación das condicións da axuda e executar e acreditar a realización da actuación que fundamenta a concesión da subvención e o cumprimento dos requisitos e das condicións desta ante o órgano que a concede, sen prexuízo da facultade da Consellería de Política Social de comprobar a realización material das actuacións.

b) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder e conservar toda a documentación relativa a esta subvención durante un período de tres anos que se contará a partir do 31 de decembro seguinte á presentación perante a Comisión Europea das contas en que estean incluídos os gastos da operación, data esta que se comunicará á persoa beneficiaria.

c) Ter unha permanencia mínima ininterrompida na actividade e manter as infraestruturas e equipamentos subvencionados destinados ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención por un período non inferior ao establecido no artigo 5, tal como recolle o artigo 29.4.a) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 71 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013. O incumprimento deste requisito dará lugar á revogación da subvención, co reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora legalmente establecidos desde o momento do pagamento da subvención. Ademais, deberá garantirse a durabilidade dos investimentos financiados con Feder nos termos previstos no artigo 71 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013.

d) Facer constar, en todo tipo de publicidade e información relativas aos programas e actuacións realizadas a condición de subvencionadas pola Consellería de Política Social e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional 2014/2020 segundo o establecido no anexo XII do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e nos artigos 3 a 5 do Regulamento de execución (UE) núm. 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ás modalidades concretas de transferencia e xestión das contribucións do programa, á presentación de información sobre os instrumentos financeiros, ás características técnicas das medidas de información e comunicación das operacións e ao sistema para o rexistro e o almacenamento de datos.

e) Informar o público durante un período non inferior a cinco anos de que a infraestrutura está financiada pola Xunta de Galicia e polo Feder, así como dos obxectivos dos fondos. No lugar de prestación do servizo colocarase nun lugar destacado e visible un cartel informativo dun tamaño mínimo A3 no cal aparezan os anagramas da Xunta de Galicia e do Feder.

f) Efectuar a xustificación para a percepción da axuda conforme o establecido nesta orde.

g) Facilitar toda a información que lles requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

h) Informar no momento da xustificación final da axuda sobre o nivel de logro do indicador de produtividade asociado a esta convocatoria. Este indicador é o seguinte: identificador: C035, nome: capacidade de coidado de nenos ou de infraestruturas de educación subvencionadas, unidade de medida: persoas.

i) Someterse ás actuacións de comprobación e control e facilitar toda a información requirida pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica e polos servizos de inspección da Consellería de Política Social; polos órganos verificadores que se establezan en aplicación dos artigos 72, 73 e 74 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas, e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

j) Comunicarlle á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera ente privado, nacional ou internacional, e non superar as porcentaxes máximas de acumulación establecidas na normativa aplicable.

k) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, estar ao día nas obrigas tributarias estatais e autonómicas e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración xeral da Comunidade Autónoma. Cando as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o indicado no artigo 13 desta orde, desen como resultado que a entidade solicitante ou a beneficiaria ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase para que regularice a situación e presente por si mesma os correspondentes certificados.

l) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

m) Comunicar á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica a concesión da autorización de creación/construción do centro, segundo o previsto no Decreto 254/2011, do 23 de decembro.

n) Poñer en funcionamento a escola infantil 0-3 antes do 31 de decembro de 2020 e manter a actividade subvencionada como mínimo 5 anos desde a data do pagamento final da axuda.

ñ) No suposto de proxectos en que se tivese valorado a implantación dun plan de igualdade, remitir o dito plan á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica con carácter previo ao inicio da actividade da escola infantil e mantelo implantado durante como mínimo 5 anos desde a data do pagamento final da axuda.

o) Todas aquelas obrigas e requisitos que se desprendan do articulado desta orde e dos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e da súa normativa de desenvolvemento.

2. As persoas beneficiarias, en virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da dita lei.

Artigo 22. Xustificación da subvención

1. Con base no establecido no título III, artigo 48.3, do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e tendo en conta o obxecto e a natureza destas axudas, as persoas beneficiarias deberán xustificar, con data límite do 1 de outubro de 2020, as actuacións realizadas mediante a presentación da solicitude de pagamento (anexo II) acompañada da seguinte documentación:

a) Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e de pagamento.

b) Facturas ou documentos de valor probatorio equivalente do total dos gastos realizados xunto cos xustificantes bancarios que acrediten o seu pagamento: transferencias e certificacións bancarias ou extractos de pagamento onde deberán constar claramente identificados o receptor e emisor do pagamento, o número de factura obxecto do pagamento e a súa data. En todo caso as facturas correspondentes ao anticipo previsto no artigo 23 deberán estar efectivamente pagadas na anualidade 2019.

c) Acreditación documental, material e/ou gráfica (fotografías, fotocopias, captura de pantallas) do cumprimento da obriga de información e publicidade do financiamento público da acción subvencionada.

d) Declaración de axudas actualizada, na que consten expresamente as axudas de minimis solicitadas ou concedidas nos últimos 3 exercicios fiscais, no suposto de que haxa variacións respecto da declaración de axudas realizada no anexo I da solicitude.

e) Se o importe do gasto subvencionable supera as contías establecidas para o contrato menor na normativa de contratación do sector público vixente no momento de realización do dito gasto, a entidade beneficiaria deberá presentar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación de servizo ou entrega do ben. A elección dunha das ofertas fundamentarase sempre en criterios de aforro.

Non será necesario acreditar as 3 ofertas no caso de que polas especiais características dos gastos que se subvencionan non exista no mercado suficiente número de entidades que o fornezan ou presten, debendo a persoa beneficiaria neste suposto prestar declaración expresa motivada en tal sentido.

f) Compromiso de cumprimento das obrigas establecidas no artigo 21 segundo o modelo do anexo III.

2. Se a persoa beneficiaria se opón expresamente á consulta das certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, deberá achegar a documentación acreditativa de estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma.

3. No caso de que a xustificación fose incorrecta e/ou incompleta, requirirase a persoa beneficiaria para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, advertíndolle que, de non facelo, se procederá, logo de resolución, á revogación da axuda e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de mora.

Para os efectos desta orde, os gastos de investimento teñen que cumprir os seguintes requisitos: ser gastos da acción subvencionada, adecuados aos obxectivos da medida a que pertence a actuación, ser verificable documentalmente a súa realización e ser realizados e efectivamente pagados dentro do período establecido no parágrafo 1 deste artigo.

De acordo co artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados.

Artigo 23. Pagamento

1. Realizarase un primeiro pagamento do 25 % da totalidade da subvención, en concepto de anticipo. Con este anticipo financiaranse exclusivamente as actuacións realizadas na anualidade 2019. Así mesmo, no momento da súa concesión poderanse facer pagamentos á conta a medida que a entidade beneficiaria xustifique os investimentos efectuados sempre que xunto co pagamento anticipado non se supere o 90 % da subvención concedida nin se exceda o crédito orzamentario previsto nesta convocatoria para cada anualidade.

Os pagamentos parciais quedarán condicionados ao resultado da liquidación definitiva da subvención.

2. Unha vez xustificada a totalidade da subvención, antes de proceder ao seu pagamento, verificarase a realización da actividade subvencionada, da que quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada tanto pola persoa representante da Administración como pola entidade beneficiaria, segundo o sinalado no artigo 30.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 24. Incumprimento, revogación e reintegro de axudas

1. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida calquera incumprimento das obrigas previstas no artigo 21 e concretamente:

a) O incumprimento da finalidade ou do obxectivo para a que se concedeu a subvención ou da obriga de xustificar a realización da actuación e a non permanencia mínima da actividade subvencionada nos termos dispostos no artigo 5 e tendo en conta o disposto no artigo 71 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013.

b) A obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

c) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, ou incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos.

2. Procederá o reintegro parcial da subvención concedida nos seguintes supostos:

a) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas e os investimentos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos Feder, que suporá a perda dun 2 % da subvención concedida.

b) Non dar publicidade ao financiamento dos investimentos que sexan obxecto de subvención, de acordo co establecido no artigo 19.1, que suporá a perda dun 2 % da subvención concedida.

c) Non comunicar a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, que suporá a perda dun 5 % da subvención concedida. Esta porcentaxe do 5 % aplicarase, de ser o caso, unha vez descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

d) Non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período de 5 anos suporá o reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido de forma proporcional ao período en que se incumprise este requisito.

No caso de condicións que constitúan obrigas que a entidade beneficiaria debe acreditar en fase de xustificación, tales como obrigas de publicidade ou comunicación doutras axudas, estas deberán xustificarse en todo caso para poder proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste número só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso de que se detecte en controis posteriores ao pagamento algún incumprimento relativo ás ditas obrigas.

3. Deberá reembolsarse a contribución dos fondos EIE se, nos 10 anos seguintes ao pagamento final á entidade, a actividade produtiva se somete a unha localización fóra da Unión.

4. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os puntos anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

5. Con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as persoas beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro.

Esta devolución efectuarase mediante ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia ES82-2080-0300-87-3110063172, segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación, e o importe incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 25. Infraccións e sancións

Ás persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 26. Control e verificación

Todas as axudas concedidas ao abeiro desta orde estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento; ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e ás de comprobación e control obrigadas pola normativa comunitaria de aplicación.

Artigo 27. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recabados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería de Política Social coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que a cidadanía poida acceder de forma integral á información relativa a unha materia. Así mesmo, comunicaranse á Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos para a xestión, seguimento, control, coordinación e estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europa, na súa condición de organismo intermedio dos programas operativos en virtude das funcións atribuídas pola autoridade de xestión dos programas operativos segundo o disposto nos artigos 125, punto 2, artigo 140, puntos 3 a 5, e anexo XIII, punto 3, do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 e as súas disposicións de desenvolvemento.

A fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificadores das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais ou páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Artigo 28. Publicidade e información

1. Ao tratarse de subvencións cofinanciadas con fondos estruturais da Unión Europea, de conformidade co previsto no anexo XII, punto 2.2, do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, a entidade beneficiaria deberá cumprir os seguintes requisitos de publicación e comunicación:

a) Recoñecer en todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo o apoio da Xunta de Galicia e do Feder ao proxecto, incluíndo a imaxe institucional da Xunta de Galicia e mostrando:

1º. O emblema da Unión e unha referencia á Unión Europea.

2º. Referencia ao fondo Feder que dá apoio ao proxecto.

3º. Referencia ao lema do fondo «Unha maneira de facer Europa».

b) Durante a realización do proxecto e durante o período de duración dos compromisos de mantemento do investimento:

1º. Mostrar unha breve descrición do proxecto na páxina de inicio do seu sitio da internet, no caso de que dispoña dun, de xeito proporcionado ao nivel de apoio prestado, dos seus obxectivos e resultados e destacando o apoio financeiro da Xunta de Galicia e da Unión.

2º. Colocar, polo menos, un cartel con información sobre o proxecto (dun tamaño mínimo A3) en que se mencionará a axuda financeira da Xunta de Galicia e da Unión, nun lugar visible para o público, por exemplo, na entrada do edificio.

c) De facer uso de aplicacións informáticas, deberán facerse as citadas referencias na zona de inicio ou menú principal da aplicación informática, así como na epígrafe de información da aplicación: «axuda», «acerca de» ou similares; así mesmo, cando se elaboren materiais divulgativos da escola infantil 0-3 (cadernos, folletos, notas informativas) deberán constar na contraportada das devanditas publicacións as citadas referencias.

2. No portal da Consellería de Política Social informarase das características do devandito cartel e dos logos e lendas de obrigada inclusión.

3. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, programa e crédito orzamentario, listaxe de entidades beneficiarias, nome das operacións, contía de fondos públicos asignados a cada operación e finalidade da subvención, en aplicación do disposto no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Igualmente, publicarase na correspondente páxina web oficial nos termos previstos no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro.

Artigo 29. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, a consellería responsable da iniciativa publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información que sexa necesaria.

Artigo 30. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código BS403D, poderase obter documentación normalizada ou información na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal ou do portal da Consellería de Política Social https://www.xunta.gal/politica-social, na Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, do teléfonos 012, no enderezo electrónico demografiaeconciliacion@xunta.gal, ou de forma presencial.

Artigo 31. Medidas antifraude

Ao abeiro do disposto no Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, ao que están sometidas estas axudas, calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puideran ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total o parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

Disposición adicional única. Delegación de competencias

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica a actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o ditado de instrucións

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións precisas para o desenvolvemento desta convocatoria, as cales serán obxecto de publicación no portal da Consellería de Política Social.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2019

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file