Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Xoves, 22 de agosto de 2019 Páx. 37278

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 13 de agosto de 2019, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publican os criterios de avaliación que se aplicarán no ano 2020 para acceder aos graos I a IV de carreira profesional.

Con data do 28 de xuño de 2019, na Comisión de Seguimento do Acordo sobre as bases da carreira profesional asinado o 6 de xullo de 2018 (DOG núm. 144, do 30 de xullo), a Administración sanitaria e as organizacións sindicais CIG, CSIF, SATSE, UGT e CESM acordaron os criterios de avaliación que se aplicarán no ano 2020 para acceder aos graos I a IV de carreira profesional.

Os ditos criterios foron ratificados na mesa sectorial de negociación do persoal estatutario na reunión do 19 de xullo de 2019 e, para xeral coñecemento, faise necesaria a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude,

RESOLVO:

Publicar o acordo sobre os criterios de avaliación que se aplicarán no ano 2020 para acceder aos graos I a IV de carreira profesional.

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2019

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos

Acordo sobre os criterios de avaliación que se aplicarán no ano 2020
para acceder aos graos I a IV de carreira profesional

O Acordo de carreira profesional no ámbito do Servizo Galego de Saúde e as entidades adscritas á Consellería de Sanidade e ao dito organismo, asinado o 6 de xullo de 2018 (DOG núm. 144, do 30 de xullo), establece que a primeira convocatoria para acceder aos graos I a IV, polo procedemento ordinario de carreira profesional, tramitarase no segundo semestre do ano 2020.

No que se refire aos baremos aplicables, o acordo establece, por unha parte, que a Administración sanitaria, logo de negociación na mesa sectorial, aprobará e publicará no Diario Oficial de Galicia os baremos detallados aplicables para o acceso aos sucesivos graos dos diversos colectivos profesionais, profesións ou categorías, concretando as actividades que serán valoradas en cada caso dentro da estrutura básica que figura nos anexos I a III do propio acordo; e, por outra, que os baremos serán publicados coa antelación suficiente para garantir o seu coñecemento polo persoal interesado.

Neste momento, no ámbito da Comisión de Seguimento estase a traballar na elaboración dos ditos baremos, con carácter previo á súa negociación na mesa sectorial. Este proceso de elaboración e negociación de baremos detallados, pola súa complexidade, prolongarase previsiblemente ata a primeiro semestre do ano 2020. E, desta forma, os baremos detallados non poderían ser publicados coa antelación suficiente a esa convocatoria do ano 2020.

En consecuencia, a comisión considera que nesa primeira convocatoria do ano 2020 procede aplicar, con contadas adaptacións, os criterios de avaliación que figuran no anexo IV do acordo.

Con base no que antecede acórdase o seguinte:

Na convocatoria para acceder aos graos I a IV de carreira profesional, que se executará no ano 2020, aplicaranse os criterios de avaliación que figuran como anexo IV do Acordo de carreira profesional (DOG núm. 144, do 30 de xullo de 2018), coas seguintes adaptacións:

– Para o persoal licenciado sanitario: a participación nos obxectivos asistenciais e o seu cumprimento, referiranse aos exercicios 2015 a 2019.

– Para todos os colectivos: valoraranse as actividades realizadas pola persoa solicitante entre o 1 de xaneiro de 2015 e o día inmediatamente anterior ao da publicación, no Diario Oficial de Galicia, desa convocatoria correspondente ao ano 2020.

Desas actividades, que figuran relacionadas nas letras a) a i) do anexo IV, descontarase a contía (de horas de formación, anos de supervisión...) que xa foi aplicada anteriormente, dun modo efectivo e necesario, para acadar unha avaliación positiva e o conseguinte recoñecemento de grao.

En correspondencia co anterior, adíase ata a seguinte convocatoria (ano 2021) a posta en funcionamento dos órganos de avaliación regulados no punto 8 do Acordo de carreira profesional (órganos de avaliación), manténdose con carácter transitorio a composición acordada para a convocatoria formalizada no ano 2018.