Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Mércores, 28 de agosto de 2019 Páx. 37777

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

RESOLUCIÓN do 9 de agosto de 2019, da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, pola que se publica a Resolución do 7 de agosto de 2019 do procedemento BS324B de concesión de subvencións destinadas ao Programa de mobilidade transnacional xuvenil Galeuropa dirixido ás persoas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019.

A Consellería de Política Social convocou no ano 2019, a través da Orde do 26 de abril de 2019 (DOG núm. 81, do 29 abril), as bases do procedemento de concesión de subvencións para o Programa de mobilidade transnacional xuvenil, para a realización de prácticas formativas non laborais en entidades/empresas públicas ou privadas en países europeos. O procedemento de concesión de subvencións será en réxime de concorrencia competitiva e conforme os principios de publicidade, transparencia, igualdade e non discriminación.

As subvencións á mobilidade establecidas na dita orde regularanse a través dos seguintes procedementos:

a) BS324A: subvencións individuais de mobilidade para a mocidade galega.

b) BS324B: subvencións a proxectos de mobilidade presentados por entidades sen ánimo de lucro, con sede permanente ou domicilio social en Galicia que desenvolvan actividades no eido da xuventude.

c) BS324C: subvencións para proxectos de mobilidade presentados por concellos, mancomunidades, agrupacións ou fusións de concellos.

De conformidade coa disposición adicional primeira, apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Política Social na persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, para resolver a concesión, denegación, modificación, a procedencia de reintegro total ou parcial, a declaración de perda de dereito da subvención, ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispor os gastos, o recoñecemento de obrigas e a proposta de pagamento, en relación co disposto no artigo 73 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Así mesmo, o artigo 13 da orde indica que se publicará no Diario Oficial de Galicia de conformidade co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, entre outras, as correspondentes resolucións dos procedementos, coa relación de persoas beneficiarias, excluídas e en lista de agarda. Esta publicación producirá efectos de notificación. Serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e de xeito adicional efectuaranse notificacións complementarias por medios electrónicos cando as persoas interesadas estean obrigadas a comunicarse por esta vía.

Con data do 9 de xullo de 2019 ditouse a resolución de concesión de subvencións a proxectos de mobilidade presentados por entidades sen ánimo de lucro, con sede permanente ou domicilio social en Galicia que desenvolvan actividades no eido da xuventude, sendo notificada pola Resolución do 10 de xullo de 2019, publicada no Diario Oficial de Galicia do 19 de xullo de 2019 (DOG número 137).

A contía global da convocatoria recollida no artigo 6 da orde é de 1.945.311,00 €, a distribución dos créditos era a seguinte:

a) BS324A: 653.819,00 € con cargo á aplicación 13.05.313A.480.0, para as subvencións de mobilidade individuais de mozos e mozas.

b) BS324B: 941.492,00 € con cargo á aplicación 13.05.313A.481.0, para a concesión de proxectos presentados por entidades sen ánimo de lucro con sede permanente ou domicilio social en Galicia que desenvolvan actividades no eido da xuventude, e

c) BS324C: 350.000,00 € con cargo á aplicación 13.05.313A.460.0, para proxectos presentados por concellos, agrupacións de concellos ou mancomunidades da Comunidade Autónoma de Galicia validamente constituídas, así como as entidades resultantes da fusión de municipios a que se refire a Lei 5/1997, do 22 de xullo.

No artigo 6.3 da orde de convocatoria recóllese que, no caso de producirse remanentes de crédito nalgún dos procedementos anteriores, procederase á reasignación das contías sobrantes entre os restantes polo que os importes de cada procedemento poderán ser incrementados ou minorados como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos destinados ao financiamento dos programas do Sistema nacional de garantía xuvenil, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Con data do 2 de agosto de 2019, contabilizouse a reasignación de créditos incrementando o procedemento BS324B en 51.510,97 € na aplicación 13.05.313A.481.0. e, de conformidade co exposto, dítase nova Resolución o 7 de agosto de 2019, no procedemento BS324B de concesión de subvencións destinada ao Programa de mobilidade transnacional xuvenil (Galeuropa) con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil, presentados por entidades sen ánimo de lucro con sede permanente ou domicilio social en Galicia que desenvolvan actividades no eido da mocidade.

Polo exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia do contido íntegro da Resolución do 7 de agosto de 2019, ditada no procedemento BS324B de concesión de subvencións destinada ao Programa de mobilidade transnacional xuvenil (Galeuropa) con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil, presentados por entidades sen ánimo de lucro con sede permanente ou domicilio social en Galicia que desenvolvan actividades no eido da mocidade.

Segundo. Comunicar que a Resolución do 7 de agosto de 2019 esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Terceira. A notificación da resolución comprenderá o acto de outorgamento da subvención que será efectiva desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co artigo 22. Malia isto, a efectividade da resolución estará condicionada a que o/a beneficiario/a a acepte expresamente mediante a entrega de documentación sinalada no artigo 10, nos seguintes prazos:

a) No prazo de 10 días hábiles, o anexo III cuberto aceptando ou renunciando á subvención. No caso de solicitar o anticipo previsto no artigo 24.2 terá que indicalo no mesmo anexo marcando o cadro previsto para o efecto e indicando o número de conta bancaria da que sexa titular, co código IBAN.

b) No prazo de 20 días hábiles deberá presentar, sempre que non se presentase con anterioridade: acordo entre a entidade concesionaria da subvención e a entidade socia de acollida das mobilidades, debidamente cuberto e selado por ambas as partes, no cal conste o compromiso para a realización das prácticas e o número máximo de persoas que se poden beneficiar (segundo o modelo establecido no anexo IV).

A falta de presentación, en prazo e forma, dos anexos III e IV determinará a perda do dereito á subvención, logo de resolución ditada nos termos do artigo 21, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, incluíndo audiencia da persoa beneficiaria e sen que esta declaración dea lugar a ningún tipo de dereito indemnizatorio.

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2019

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado
P.S. (Disposición adicional primeira do Decreto 176/2015, do 3 de decembro)
Mª Amparo González Méndez
Directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica

ANEXO

Resolución do 7 de agosto de 2019 ditada no procedemento BS324B de subvencións para proxectos de mobilidade presentados por entidades sen ánimo de lucro con sede permanente ou domicilio social en Galicia que desenvolvan actividades no eido da xuventude no Programa de mobilidade transnacional xuvenil Galeuropa.

De conformidade co artigo 6 da orde de convocatoria a contía total do Programa de mobilidade transnacional xuvenil Galeuropa 2019 é de 1.945.311,00 €, para o que existe crédito suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019 no proxecto 2015/00551. Este programa está cofinanciado pola Iniciativa de emprego xuvenil e polo Fondo Social Europeo nunha porcentaxe do 91,89 %.

A distribución de crédito para o procedemento BS324B, con cargo á aplicación 13.05.313A.481.0 para proxectos presentados por entidades sen ánimo de lucro con sede permanente ou domicilio social en Galicia que desenvolvan actividades no eido da xuventude, é de 941.492,00 €.

Con data do 19 de xullo de 2019 publícase no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 9 de xullo de 2019 de concesión de axudas ás entidades sen ánimo de lucro, incluíndo a lista de agarda e lista de entidades excluídas.

Nesta relación de entidades beneficiarias, a Asociación Xuvenil Arousa Moza (orde de prelación núm. 11) experimentou un axuste do orzamento do seu proxecto por esgotamento da partida orzamentaria, cunha diferenza de 5.732,97 € (orzamento solicitado: 68.240,50 €; orzamento aprobado: 62.507,53 €).

Tras a nova asignación de créditos sobrantes, ao abeiro do artigo 6.3, cóntase para o procedemento BS324B con máis crédito orzamentario.

Vista a proposta de resolución da Subdirección Xeral de Programas para a Xuventude de conformidade co disposto na Orde do 26 de abril de 2019, pola que se establecen as bases para a concesion de subvencións destinadas ao Programa de mobilidade transnacional xuvenil Galeuropa dirixido ás persoas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019,

RESOLVO:

Primeiro. Conceder á entidade beneficiaria Asociación Xuvenil Arousa Moza (orde de prelación nº 11) o importe de 5.732,97 euros, para os efectos da aprobación da totalidade do orzamento do proxecto presentado e obxecto de axuste inicial por esgotamento da partida orzamentaria.

Nº de orde

Nº de expediente

Razón social

Puntuación total

Orzamento solicitado

Orzamento aprobado (axuste orzamentario)

Incremento orzamento aprobado

Orzamento concedido total

Nº de mobilidades

Duración prácticas formativas

11

2019/B/024

Asociación Xuvenil Arousa Moza

74,5

68.240,50 €

62.507,53 €

5.732,97 €

68.240,50 €

14

3 meses

Segundo. Conceder á entidade nº 1 da lista de agarda a subvención convocada na Orde do 29 de abril de 2019 con cargo á aplicación orzamentaria 13.05.313A.481.0.

Nº de orde

Nº de expediente

Razón social

Puntuación

total

Orzamento

solicitado

Número de mobilidades

Duración prácticas formativas

1

2019/B/009

Federación Efa Galicia

73

45.778,00 €

12

2 meses

Terceiro. A finalidade da subvención é fomentar a empregabilidade e as competencias profesionais dos/as mozos/as inscritos/as no Sistema nacional de garantía xuvenil, non ocupados e non integrados nos sistemas de educación ou formación, contribuíndo á mellora da súa formación e á adquisición de experiencia profesional necesaria para a incorporación ao mercado de traballo dunha maneira duradeira no tempo. Ademais, a mobilidade transnacional apoia a adquisición de competencias en idiomas estranxeiros que aumentan a empregabilidade das persoas novas.

Estas subvencións están cofinanciadas nun 91,89 % pola Iniciativa de emprego xuvenil e polo Fondo Social Europeo.

Eixe 5: integración sustentable no mercado de traballo das persoas mozas que non están empregadas nin participan en actividades de educación e formación, en particular, no contexto da garantía xuvenil.

Prioridade de investimento 8.2: integración sustentable no mercado de traballo das persoas mozas que non estean empregadas nin participen en actividades de educación nin formación, así como as que corren o risco de sufrir exclusión social e máis os/as procedentes de comunidades marxinadas, no contexto da garantía xuvenil.

Obxectivo específico 8.2.2: reforzar a empregabilidade e as competencias profesionais das persoas mozas non ocupadas nin integradas nos sistemas de educación ou formación.

Medida 8.2.2.8: programa de subvencións para proxectos de mobilidade dirixidos á mocidade para a realización de prácticas formativas en empresas/entidades de países europeos, de modo que complementan a súa competencia profesional e persoal, incrementado así as súas posibilidades de inserción laboral.

A concesión desta subvención supón que a entidade beneficiaria acepta ser incluída na lista pública de operacións prevista no artigo 115 do Regulamento (UE) 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas a FSE e outros fondos.

Para dar cumprimento aos requisitos de información e comunicación previstos nos anexos I e II do Regulamento (UE) 1304/2013 (modificado polo Regulamento 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo), poñerase á disposición das persoas beneficiarias a través da aplicación informática Participa 1420 os cuestionarios de indicadores de produtividade, resultado inmediato e a longo prazo, garantindo a integridade dos datos e a depuración automática da información.

A entidade beneficiaria debe colaborar no rexistro de participantes e a súa asociación á operación que desenvolven e na xestión de recollida da información requirida sobre participantes. Así mesmo, deberá asociarse a si mesma como un participante (entidade) na operación para proporcionar a información recollida no cuestionario de produtividade sobre entidades requirida pola normativa aplicable.

O método aplicado para determinar o importe da subvención é de baremo estándar de custos unitarios por participante, en función do país de destino e duración das prácticas.

Cuarto. A subvención concedida condicionarase ao cumprimento de todas as obrigas establecidas nos artigos 38 e 39 da Orde do 26 de abril de 2019.

Artigo 38. Obrigas das entidades beneficiarias relativas ao cofinanciamento pola Iniciativa de emprego xuvenil e o Fondo Social Europeo

1. Co fin de efectuar un seguimento adecuado da execución dos proxectos cofinanciados polo FSE ao abeiro do POEX para o período 2014-2020, mediante as subvencións reguladas nesta orde a entidade beneficiaria deberá someterse, segundo a normativa europea que resulte de aplicación, ao cumprimento das seguintes obrigas:

a) Respectar as normas de subvencionabilidade do gasto financiado polo FSE, reguladas mediante os artigos 69 e 125 do Regulamento (UE) 1303/2013, do 17 decembro, o artigo 13 do Regulamento (UE) 1304/2013, do 17 de decembro (regulamentos modificados polo Regulamento 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo), así como as que se diten no seu desenvolvemento para o período 2014-2020 e a Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo FSE durante o período de programación 2014-2020.

b) Cumprir coas medidas de información e comunicación establecidas no anexo XII do Regulamento (UE) 1303/2013 (modificado polo Regulamento 2018/1046, do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo), en concreto:

1º. Para os efectos de difusión pública, deberán identificar convenientemente as actividades e servizos que desenvolva o proxecto subvencionado, especialmente a través de publicidade estática realizada por medio de carteis (tamaño mínimo A3) ou paneis que, colocados en lugar visible, informarán do Programa de mobilidade transnacional xuvenil Galeuropa financiado pola Unión Europea, a través do FSE, POEX e do portal web do SNGX.

2º. Así mesmo, as persoas destinatarias serán informadas das mobilidades de que o Programa Galeuropa está cofinanciado pola Xunta de Galicia (Consellería de Política Social), pola IEX e o FSE, así como da finalidade da subvención, figurando todos os emblemas nas comunicacións. Tamén deberán facer unha breve descrición da operación na súa páxina web destacando o apoio financeiro da Unión Europea.

2. Relacionadas cos sistemas de xestión e control e sen prexuízo da obriga de xustificación das subvencións percibidas nos termos establecidos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, e na presente norma, deberán:

a) Manter un sistema de contabilidade diferenciado para todas as transaccións realizadas con cargo aos proxectos subvencionables polo FSE e IEX, contando polo menos, cun código contable axeitado que permita identificar claramente as transaccións e a súa trazabilidade.

b) Conservar e custodiar a documentación xustificativa dos gastos durante un prazo de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación, conforme o artigo 140 do Regulamento (UE) 1303/2013, modificado polo Regulamento 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018. A data de certificación dos gastos á Comisión Europea será oportunamente publicada no Diario Oficial de Galicia.

c) Realizar as actuacións precisas para recoller información suficiente relativa ao desenvolvemento das actuacións que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de produtividade e resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao FSE (modificado polo Regulamento 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo). Os indicadores de produtividade e os de resultado inmediato serán formalizados polas entidades e mozos/as beneficiarios/as nos 10 días seguintes á posta á súa disposición a través da aplicación Participa 1420.

Artigo 39. Obrigas

1. No marco do POEX a entidade beneficiaria deberá someterse ao cumprimento das seguintes obrigas:

a) Difundir a convocatoria de mobilidade transnacional xuvenil publicamente e coa adecuada antelación a través da internet (páxinas web e/ou redes sociais e na páxina web de xuventude), ou outros medios de difusión complementarios, de xeito que poidan ser coñecidas por todas as persoas potencialmente beneficiarias destas.

b) Cubrir os cuestionarios postos á súa disposición desde a aplicación informática 1420 relativos aos indicadores de produtividade e coa totalidade dos datos que lles sexan solicitados de entre os establecidos no anexo IX, segundo a forma e prazos que establecen os artigos 22.3 e 29. Os indicadores de produtividade serán cubertos no prazo dos 10 días hábiles desde a súa posta á disposición.

c) Pór á disposición dos seus participantes a través da aplicación Participa 1420 os cuestionarios de indicadores de produtividade e de resultados, realizando un labor de asesoramento e seguimento para a súa cobertura.

Os indicadores de produtividade e os de resultado inmediato serán cubertos polos participantes no prazo dos 10 días hábiles desde a súa posta á disposición.

2. Obrigas da entidade beneficiaria en relación coa actividade subvencionable para a execución do proxecto de mobilidade:

a) Buscar unha ou varias entidades socias de acollida no país de realización das prácticas que colaborarán coa entidade beneficiaria na execución do proxecto de mobilidade na busca de empresas e/ou entidades públicas ou privadas suficientes e adecuadas ao nivel de estudos e ás necesidades dos/das participantes.

b) Dispor dos seguros médicos, de accidentes e de responsabilidade civil necesarios para dar cobertura ás persoas participantes nas mobilidades durante o período de duración das mobilidades, desde o día da viaxe de ida ata o día de volta incluído.

c) Manter o contacto coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, durante todo o período de execución do proxecto de mobilidade subvencionado, en todas as súas fases, e ata un ano despois da súa finalización para os efectos do previsto no capítulo V.

d) Asistir ás reunións informativas e xornadas formativas ás cales sexan convocadas, durante o período de execución do proxecto subvencionado, e ata un ano despois da súa finalización.

e) Remitirlle á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, de conformidade co artigo 10 a seguinte documentación:

1º. No momento da adxudicación das subvencións as entidades beneficiarias deberán enviar as actas da comisión de valoración onde figuren as persoas seleccionadas para realizar as mobilidades, DNI e as puntuacións obtidas segundo os criterios de avaliación, co fin de que a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado verifique que efectivamente están inscritos no Rexistro Nacional de Garantía Xuvenil e que cumpren os requisitos exixidos.

2º. Ata 3 días antes de iniciar as prácticas formativas non laborais enviarán:

Unha relación das persoas participantes nas actividades de mobilidade para as cales se pide a subvención, con indicación da data de inicio e remate das prácticas.

Unha copia da póliza de seguros de accidentes e responsabilidade civil e seguros médicos que dea cobertura á mocidade que realizará as mobilidades.

Unha certificación da persoa representante da entidade en que conste o nome da persoa ou persoas contratadas, a súa titulación, experiencia e o número de horas ou a xornada dedicada ao proxecto, no caso de que se adquirise o compromiso de contratar persoal para realizar as mobilidades.

3º. Máximo 3 días despois de iniciar as prácticas:

A relación de empresas/entidades onde realizará as prácticas cada un dos/das participantes, con indicación da persoa que os/as monitorizará na empresa.

O calendario de realización das prácticas de cada participante, no cal se indique claramente a data de comezo e fin, os días laborables da semana e o horario.

De ser o caso, nos 3 días seguintes a que se produza o feito e motivando as causas:

A comunicación da interrupción ou abandono das prácticas. A comunicación deberá realizarse en documento motivado e asinado pola persoa participante.

A comunicación do cambio de empresa/entidade de prácticas.

f) Satisfacer, no momento do seu vencemento, as obrigas económicas que deriven do funcionamento do proxecto subvencionado, especialmente as de carácter salarial, se as houber, con independencia de que se percibise con anterioridade a subvención concedida.

g) Comunicarlle á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado as modificacións substanciais do proxecto obxecto de subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos, no momento en que se produzan. As ditas modificacións responderán a causas excepcionais debidamente xustificadas. Non se admitirán modificacións dos países de acollida das prácticas cando supoñan un aumento das contías das subvencións concedidas.

h) Planificar, organizar e xestionar as mobilidades, en que se refire á viaxe ao país de destino, o transporte local, o aloxamento e a manutención das persoas participantes durante as prácticas formativas non laborais.

i) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa acreditada para cumprir as condicións da subvención.

j) Informar, ao finalizar o programa, ás oficinas de emprego da relación de persoas que participaron nas mobilidades.

A xustificación da subvención realizarase de acordo co establecido no artigo 49 da orde de convocatoria.

O pagamento da subvención realizarase de acordo co establecido no artigo 24 da Orde do 26 de abril de 2019.

A entidade beneficiaria disporá dun prazo de 10 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, para achegar o anexo III aceptando ou renunciando a subvención e, no caso de solicitar o anticipo previsto no artigo 24.2 da orde, terá que indicalo no mesmo anexo.

No prazo de 20 días hábiles deberá presentar, sempre que non se presentase con anterioridade: acordo entre a entidade concesionaria da subvención e a entidade socia de acollida das mobilidades, debidamente cuberto e selado por ambas as partes, en que conste o compromiso para a realización das prácticas e o número máximo de persoas que se poden beneficiar (segundo o modelo establecido no anexo IV).

A non presentación dos anexos III e IV en prazo e forma implica a declaración da perda do dereito á subvención, sen que dea lugar a ningún tipo de dereito indemnizador para as entidades beneficiarias.

Quinto. Esta resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2019. A conselleira de Política Social. P.D. Orde do 26 de abril de 2019 (DOG núm. 81, do 29 de abril). A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Por suplencia artigo 4 Orde do 3.3.2016 e Decreto 176/2015, do 3 de decembro. A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Mª Amparo González Méndez