Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Luns, 2 de setembro de 2019 Páx. 38462

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 2 de agosto de 2019, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se ordena a publicación dos criterios de repartición do fondo de acción social para o exercicio económico do ano 2018 relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade.

A Lei 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 44, do 2 de marzo), que establece no seu artigo 3.1: «suspéndese, para todo o persoal incluído no ámbito de aplicación desta lei, a convocatoria, a concesión ou o aboamento de calquera axuda derivada do concepto de acción social, así como calquera outra que teña a mesma natureza ou finalidade, agás a axuda por persoa con discapacidade, que non poderá ser superior á contía de 180 euros mensuais por cada persoa, namentres estea en vigor esta lei».

En aplicación do dito precepto legal, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 1 de agosto de 2019, adoptou o acordo de aprobar os criterios de repartición do fondo de acción social para o exercicio económico do ano 2018.

O artigo 22 do Decreto 30/2017, do 30 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda (DOG nº 64, do 31 de marzo), atribúe á Dirección Xeral da Función Pública a xestión do fondo de acción social.

Visto o texto do acordo e en cumprimento das competencias conferidas,

DISPOÑO:

Primeiro. Que se publiquen no Diario Oficial de Galicia como anexo a esta resolución, os criterios de repartición do fondo de acción social para o exercicio económico do ano 2018, relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade.

Segundo. Contra este acordo do Consello da Xunta de Galicia, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto no artigo 10.1.a) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Igualmente, con carácter previo e potestativo, poderase interpoñer recurso de reposición ante o Consello da Xunta de Galicia no prazo dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2019

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública

ANEXO

En Santiago de Compostela o 9 de maio de 2019, oídos os representantes das organizacións sindicais CIG, CC.OO., CSI-F (excusa a súa asistencia) e UGT, representadas na Mesa Xeral de Negociación de Funcionarios e no Comité Intercentros do Persoal Laboral, en virtude do establecido no artigo 38.7 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, en relación co artigo 13.2 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia. Na comisión de persoal do día 23 de xullo de 2019 acórdase o incremento do 50 % da diferenza das contías propostas na xuntanza dos criterios de repartición do Fondo de Acción Social que tivo lugar o 9 de maio e outro tanto ata acadar o 100% dos 180 euros mensuais na vindeira anualidade. Na súa xestión non se terán en conta os ingresos da unidade familiar, senón o límite establecido no artigo 35 do V Convenio colectivo do SMI do discapacitado a cargo. Ademais, non se terán en conta os ingresos da persoa con discapacidade cando a discapacidade sexa igual ou superior ao 75 %.

O Consello da Xunta de Galicia acorda aprobar os criterios de repartición do Fondo de Acción Social para o exercicio económico do ano 2018 relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade.

I. Normas xerais:

1. Ámbito persoal:

1.1. Poderá solicitar as axudas do Fondo de Acción Social o persoal:

– Funcionario de carreira.

– Funcionario interino que ocupe postos incluídos nas relacións de postos de traballo.

– Laboral fixo ou temporal, soamente no suposto de que a persoa causante da prestación teña rendas superiores ao salario mínimo interprofesional (SMI) e unha discapacidade igual ou superior ao 75 %; e achegue coa solicitude certificado da súa exclusión á axuda do artigo 35 do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

– Profesores de relixión.

Que prestasen servizos na Administración da Xunta de Galicia ou nos entes instrumentais do sector público autonómico no ano 2018 e que no prazo de presentación de solicitudes se atopen en situación de servizo activo ou en suspensión de funcións de carácter provisorio prevista no artigo 195 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

1.2. Quedan excluídos do ámbito de aplicación deste acordo:

a) O persoal ao servizo de órganos estatutarios a que se refire a disposición adicional 1ª da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, o persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, así como o persoal procedente do Hospital Médico - Cirúrxico Provincial de Santiago, Sanatorio Psiquiátrico de Conxo, Hospital Provincial Santa María Nai de Ourense, Hospital Municipal Nicolás Peña de Vigo, Hospital Xeral Provincial de Pontevedra, Hospital Psiquiátrico Provincial O Rebullón de Pontevedra e Hospital Militar da Coruña.

b) O persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza.

c) O persoal laboral fixo-descontinuo do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF).

d) Persoal laboral fixo ou temporal da Xunta de Galicia, sen prexuízo do disposto no punto 1.1.

1.3. No suposto de que dous/dúas empregados/as teñan a condición de beneficiarios/as en relación co/coa mesmo/a causante, só un/unha deles/as terá dereito á axuda.

2. Incompatibilidades:

A axuda obxecto destes criterios é incompatible coa percepción doutras de natureza similar concedidas pola Xunta de Galicia ou por outro organismo oficial ou empresa privada.

Axuda do artigo 35 do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia (tanto se se percibiu, como se se ten dereito a percibir e non se solicitou).

O persoal funcionario cuxo cónxuxe sexa persoal laboral da Xunta de Galicia que perciba ou teña dereito a percibir a axuda prevista no artigo 35 do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia non terá dereito a axuda do presente Fondo de Acción Social.

3. Solicitudes e documentación.

3.1. Os que, atopándose incluídos no ámbito persoal da axuda, desexen optar a ela/s deberán completar en liña a solicitude e anexos que, como formulario electrónico, se atoparán na páxina web: http://www.xunta.es/dxfp/fas.htm. Posteriormente, presentarán esa mesma solicitude impresa debidamente asinada, perante as correspondentes unidades de persoal.

3.2. As persoas solicitantes deben xuntar á petición, os documentos que se exixen na norma específica 1.4 e xustificar mediante certificación os feitos que se aleguen.

Carecerán de validez os documentos achegados con emendas ou riscaduras.

Todas as fotocopias que presenten as persoas solicitantes como documentación requirida para solicitar a axuda, deben ser lexibles e estar debidamente cotexadas.

O Servizo de Relacións Laborais poderá solicitar calquera outro tipo de documentación complementaria que considere necesaria.

1ª Fase do procedemento da solicitude da axuda:

3.3. O prazo para cubrir na web as solicitudes e para presentalas ante as unidades de persoal, unha vez impresas, será desde o día da publicación no Diario Oficial de Galicia e ata o 18 de setembro.

3.4. As unidades de persoal deberán completar en liña os datos que figuran no espazo reservado para a certificación da unidade de persoal en todas as solicitudes.

Unha vez cumprido todo o anterior, imprimirán a solicitude conformada, asinarana e selarana.

Será causa de denegación toda solicitude que non veña certificada a través da páxina web polas unidades seguintes de acordo co destino de cada traballador:

– Servizos centrais: secretario/a xeral, subdirector/a xeral ou xefes/as de servizo que teñan atribuídas funcións en materia de xestión de persoal das consellerías respectivas.

Se a persoa solicitante é persoal funcionario ou laboral do Servizo Galego de Saúde: subdirector/a xeral ou xefe/a de servizo da Dirección de Recursos Humanos que teña atribuídas funcións en materia de persoal.

– Servizos periféricos: secretarios/as territoriais, xefes/as territoriais, delegados/as comarcais ou funcionarios/as que teñan atribuídas funcións en materia de xestión de persoal das consellerías respectivas.

Se a persoa solicitante é persoal con destino en centros educativos dependentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional: directores/as e secretarios/as de centros.

Se a persoa solicitante é persoal funcionario ou laboral do Servizo Galego de Saúde que preste os seus servizos nas estruturas organizativas de xestión integrada do organismo: o/a director/a de recursos humanos da respectiva estrutura de xestión integrada.

Unha vez que estea realizada esta 1ª fase, xa se pode remitir a súa solicitude ao correspondente servizo de persoal (2ª fase) ou presentar a solicitude no Rexistro (3ª fase), sen ter que esperar os prazos das seguintes fases.

2ª Fase do procedemento da solicitude da axuda:

3.5. As solicitudes conformadas, unidas ao resto da documentación, serán entregadas polas unidades de persoal aos/ás respectivos/as peticionarios/as no prazo dos 5 días hábiles seguintes ao remate do prazo do punto 3.3 (ata o 25 de setembro).

Os certificadores verificarán unicamente os datos persoais e profesionais e imprimirán a solicitude para remitir á Dirección Xeral da Función Pública. A persoa solicitante si deberá presentar no rexistro a documentación xustificativa debidamente cotexada.

3ª Fase do procedemento da solicitude da axuda:

3.6. Os/as interesados/as presentarán as solicitudes conformadas polas unidades de persoal xunto con toda a documentación requirida en calquera dos lugares establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O prazo para presentar as solicitudes conformadas polas unidades de persoal rematará no prazo dos 5 días hábiles seguintes ao remate do prazo do punto 3.5 (ata o 2 de outubro).

4. Falsidades nas solicitudes.

As solicitudes presentadas ao abeiro da presente resolución terán o carácter de declaración responsable, segundo o disposto no artigo 69 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

De conformidade co dito precepto, a ocultación de datos, a falsidade na documentación achegada ou a omisión da requirida darán lugar á denegación da axuda solicitada ou á perda da concedida, coa devolución, neste último caso, das cantidades indebidamente percibidas, con independencia das responsabilidades que proceden.

Así mesmo, poderá dar lugar, logo da proposta favorable da Comisión de Seguimento deste acordo, á imposibilidade de solicitar as axudas do Fondo de Acción Social durante un prazo de 5 anos.

5. Distribución dos créditos.

5.1. En aplicación do orzamento da Xunta de Galicia para o ano 2019, destínase na partida orzamentaria 23 04 124A 162.04 a cantidade de 2.000.000,00 euros á axuda de atención de persoas con discapacidade do Fondo de Acción Social do exercicio económico 2018 e ao pagamento de axudas denegadas en anos anteriores estimadas en vía administrativa ou xudicial ou emenda de erros no pagamento de axudas de anos anteriores.

5.2. O importe da axuda será de:

Ano 2019

Ano 2020

Discapacidade do 33 % ao 64 %

1.560 euros (130 €/mes)

2.160 euros (180 €/mes)

Discapacidade do 65 % ao 74 %

1.800 euros (150 €/mes)

2.160 euros (180 €/mes)

Discapacidade desde o 75 %

2.160 euros (180 €/mes)

2.160 euros (180 €/mes)

No caso de que a cualificación da discapacidade fose posterior ao 1.1.2018, ratearase a contía da dita axuda.

6. Procedemento e resolución.

6.1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, procederase ao seu estudo e cualificación.

6.2. Mediante resolución da Dirección Xeral da Función Pública, publicarase o anuncio da exposición das listaxes provisionais de admitidos e excluídos no Diario Oficial de Galicia, con indicación, neste último caso, da/das causa/s de exclusión.

Os/as interesados/as poderán formular as reclamacións que consideren pertinentes e emendar os defectos causantes da exclusión provisional no prazo de dez (10) días hábiles, que se contarán desde o día seguinte ao da publicación.

6.3. A estimación ou desestimación definitiva da solicitude producirase coa publicación no Diario Oficial de Galicia do anuncio de exposición das listaxes definitivas de admitidos e excluídos con indicación, de ser o caso, da contía total da axuda.

6.4. Calquera interpretación, aclaración ou dúbida que xurda sobre as presentes bases será resolta pola Comisión de Seguimento deste acordo.

A comisión estará composta por un membro de cada organización sindical e un número igual de representantes da Administración. Actuará como presidente o titular da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico e Relacións Laborais e como secretario un representante dos empregados públicos.

6.5. O prazo máximo para resolver as solicitudes especificadas nesta orde será de cinco meses, que se contarán a partir do día seguinte ao da finalización do prazo para reclamar contra as listaxes provisionais. O dito prazo poderá prorrogarse no caso de que o elevado número de solicitudes así o requira. Se no prazo establecido non se resolve o expediente, entenderase desestimada a solicitude.

7. Renuncia ás axudas.

A renuncia dos/das interesados/as ás axudas solicitadas ao abeiro desta resolución so poderá efectuarse ata o remate do prazo de reclamación contra as listaxes provisionais.

8. Datos bancarios.

A axuda pagarase na conta consignada para o ingreso da nómina.

9. Axudas de anos anteriores.

As axudas denegadas en anos anteriores que como consecuencia de resolución xudicial ou administrativa sexan estimadas pagaranse co cargo ao presente Fondo de Acción Social.

II. Normas específicas.

1. Axudas para a atención de persoas con discapacidade.

1.1. Beneficiarios:

O persoal ao servizo da Xunta de Galicia recollido na norma xeral 1.1 que teña baixo a súa dependencia directa e legal e vivindo ás súas expensas cónxuxe, parella de feito, fillos ou ascendentes de 1º grao por consanguinidade ou afinidade ou tutelados por sentenza xudicial firme que sexan discapacitados físicos, psíquicos ou sensoriais recoñecidos como tales polo organismo competente antes do 1.1.2019.

Para causar dereito a axuda, os ingresos íntegros da persoa con discapacidade en concepto de rendementos de traballo ou prestación de supervivencia non poderán superar os 10.302,60 euros. Non se terán en conta os ingresos da persoa con discapacidade cando a súa discapacidade sexa igual ou superior ao 75 %.

O persoal laboral fixo-descontinuo da Xunta de Galicia deberá presentar certificado expedido polo habilitado da consellería de destino daquel, en que conste que no ano 2018 non percibiu a axuda do artigo 35 do V Convenio; será excluído da axuda o persoal funcionario cuxo cónxuxe sexa persoal laboral e percibise a dita axuda.

No suposto que o/a cónxuxe non teña dereito á dita axuda, deberá presentarse unha certificación do servizo de persoal desta circunstancia con indicación do motivo da exclusión.

1.2. Contido:

O importe da axuda será de:

Ano 2019

Ano 2020

Discapacidade do 33 % ao 64 %

1.560 euros (130 €/mes)

2.160 euros (180 €/mes)

Discapacidade do 65 % ao 74 %

1.800 euros (150 €/mes)

2.160 euros (180 €/mes)

Discapacidade desde o 75 %

2.160 euros (180 €/mes)

2.160 euros (180 €/mes)

No caso de que a cualificación da discapacidade sexa posterior ao 1.1.2018, ratearase a contía da dita axuda.

1.3. Solicitude:

Normalizada e única para todos os causantes discapacitados polos cales se solicita esta axuda.

1.4. Documentación:

– Para os fillos causantes:

a) Copia da cualificación oficial da discapacidade, expedida polo órgano competente. En caso de renovación ou alteración da porcentaxe de discapacidade no ano 2018, as dúas cualificacións.

b) Copia de todas as follas do libro de familia onde figuren edición, serie e número, cónxuxes e todos os fillos, agás que a persoa solicitante fose beneficiaria da axuda no exercicio 2017.

c) Se a persoa con discapacidade é maior de 16 anos deberá presentar certificado de vida laboral desde o 1.1.2017 da Tesouraría Territorial da Seguridade Social e, se é o caso, certificación de Facenda dos ingresos íntegros no ano 2017.

d) O persoal laboral descontinuo presentará certificado do habilitado da súa consellería relativo ao período do tempo traballado en que tiña asignado o posto no ano 2018.

No suposto de que a persoa con discapacidade ou representante asine a autorización para a consulta da documentación prevista na letra a) –cualificación oficial da discapacidade expedida polo órgano competente da Administración da Xunta de Galicia–, non será necesaria a súa presentación.

– Para os ascendentes, cónxuxes ou tutelados por sentenza xudicial firme:

a) Copia da cualificación oficial da discapacidade, expedida polo órgano competente. No caso de renovación ou alteración da porcentaxe da discapacidade no ano 2018, achegaranse as dúas cualificacións.

b) Copia do DNI da persoa con discapacidade.

c) Fe de vida da persoa con discapacidade.

d) Xustificación do parentesco da persoa con discapacidade co solicitante.

e) Certificado de convivencia/empadroamento conxunto do concello en que figure a persoa con discapacidade co solicitante.

f) Vida laboral da persoa con discapacidade da Tesouraría Territorial da Seguridade Social desde o 1 de xaneiro de 2017 e, se é o caso, certificación de Facenda dos ingresos íntegros no ano 2017. Non se precisa a vida laboral se a persoa con discapacidade percibe pensión de xubilación ou por incapacidade absoluta.

g) Certificado negativo ou positivo de pensións do Instituto Nacional da Seguridade Social da persoa con discapacidade correspondente ao ano 2017.

h) O persoal laboral descontinuo presentará certificado do habilitado da súa consellería relativo ao período do tempo de traballo en que tiña asignado o posto no ano 2018.

No suposto de que a persoa con discapacidade ou representante asine a autorización para a consulta da documentación prevista nas letras a) –cualificación oficial da discapacidade expedida polo órgano competente da Administración da Xunta de Galicia–, b) e e) non será necesaria a súa presentación.