Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 166 Martes, 3 de setembro de 2019 Páx. 38646

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 1 de agosto de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción da modificación da subestación eléctrica do parque eólico de Zas, sita no concello de Santa Comba (A Coruña) e promovida por EDP Renovables España, S.L.U.

Examinado o expediente iniciado por solicitude de EDP Renovables España, S.L.U. en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción da modificación da subestación do parque eólico Zas, constan os seguintes antecedentes de feito:

Primeiro. O 7.6.1996 a Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio resolveu autorizar as instalacións electromecánicas, declarar a utilidade pública e aprobar o proxecto de execución do parque eólico denominado Planta eólica de Zas (número de expediente 94/1994). O 30.9.1998 a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio autorizou a posta en servizo das instalacións da mencionada planta eólica.

Segundo. O 15.2.2017, Desarrollos Eólicos de Galicia, S.A.U. solicitou a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución do parque eólico Zas modificación substancial (repotenciación parque eólico de Zas), segundo o previsto no Decreto 138/2010, do 5 de agosto, polo que se establece o procedemento e as condicións técnico-administrativas para a obtención das autorizacións de proxectos de repotenciación de parques eólicos existentes na Comunidade Autónoma de Galicia. Posteriormente, o 17.10.2017, a mencionada sociedade completou a solicitude presentada o 15.2.2017, achegando o proxecto de execución e o estudo de impacto ambiental correspondentes, así como o proxecto de desmantelamento do parque eólico Zas.

Terceiro. O 11.12.2017, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas autorizou a transmisión da titularidade dos parques eólicos de Desarrollos Eólicos de Galicia, S.A.U. e Desarrollos Eólicos de Corme, S.A.U. (sociedades absorbidas) a favor de EDP Renovables España, S.L.U. (sociedade absorbente).

Cuarto. O 15.2.2018, o Consello da Xunta de Galicia declarou o proxecto do parque eólico Zas modificación substancial (repotenciación parque eólico de Zas) como de interese especial.

Quinto. O 9.5.2018 e o 10.5.2018 a través do Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, a promotora solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción para o proxecto da modificación da subestación do parque eólico Zas (en adiante a subestación).

Sexto. O 21.5.2018, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas remitiu á Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Emprego e Industria (en adiante a xefatura territorial), para a súa tramitación, a solicitude e documentación achegadas pola promotora en relación coa modificación da subestación.

Sétimo. O 28.12.2018 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas, resolveu outorgar as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico de Zas modificación substancial (repotenciación parque eólico de Zas).

Na tramitación ambiental e na correspondente ao proxecto sectorial da modificación substancial do parque eólico, tívose en consideración a proxectada modificación da subestación.

Oitavo. O 4.5.2019 a promotora presentou ante a xefatura territorial unha actualización da solicitude de autorización administrativa previa e de construción para a modificación da subestación.

Noveno. O 5.6.2019 a xefatura territorial remitiu á Dirección Xeral de Enerxía e Minas a solicitude actualizada mencionada no punto anterior.

Décimo. Mediante oficio do 2.7.2019, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas solicitou informe á xefatura territorial sobre o proxecto de execución da modificación da subestación.

Décimo primeiro. O 10.7.2019 a xefatura territorial emitiu o informe solicitado, no que se recolle que o obxecto do proxecto achegado pola promotora é adaptar a subestación do parque eólico Zas á modificación substancial autorizada. O informe conclúe que desde un punto de vista técnico non se atopa ningún impedimento para emitir a autorización administrativa previa e de construción.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os requisitos establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, no Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, no Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, na Lei 5/2017, do 19 de outubro, na Resolución do 19 de febreiro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas pola que aproba o procedemento de autorización administrativa construción de acordo co previsto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a autorización administrativa previa para a modificación da subestación eléctrica do parque eólico Zas, sita no concello de Santa Comba (A Coruña) e promovida pola sociedade EDP Renovables España, S.L.U.

Segundo. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución da modificación da subestación eléctrica do parque eólico Zas, composto polo documento reforma subestación Zas 20/66 kV, proxecto de execución, abril de 2019, asinado polo enxeñeiro industrial José Luis Morera Barragán, colexiado número 4417 do Colegio Oficial de Ingenieros Industriales de Andalucía Occidental, e visado polo dito Colexio o 16.4.2019, co número SE1900414.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: EDP Renovables España, S.L.U.

Domicilio: rúa Amio, 114, P.E. Costa Vella, 15702 Santiago de Compostela, A Coruña.

Denominación: reforma subestación Zas 20/66 kV.

Concello afectado: Santa Comba (A Coruña).

Orzamento de execución material: 866.349,80 €.

Emprazamento da subestación:

Coordenadas UTM (Datum ETRS89, fuso 29)

SET

UTM-X

UTM-Y

1

510.828,3747

4.771.231,6925

2

510.795,0465

4.771.240,3275

3

510.799,9373

4.771.260,0424

4

510.808,7245

4.771.257,7913

5

510.813,6364

4.771.277,7175

6

510.838,1128

4.771.271,3679

Características técnicas das instalacións actuais da subestación:

– Dúas posicións de liña 66 kV para conexión da liña aérea de evacuación ata a subestación de Vimianzo (propiedade de Unión Fenosa Distribución) e da liña de conexión co parque eólico Fontesilva.

– Unha posición de transformador 20/66 kV, de potencia nominal 25/30 MVA ONAN/ONAF, de intemperie, con illamento de aceite mineral.

– Catro posicións de entrada de liña 20 kV para conexión dos aeroxeradores (unha de reserva).

– Unha posición de protección en 20 kV para o transformador de servizos auxiliares.

– Un transformador de servizos auxiliares 20/0,4 kV, de 100 kVA, de intemperie, con illamento de aceite mineral.

Actuacións e características técnicas das instalacións reformadas:

– Desmantelamento do sistema de 20 kV actual, incluíndo os pórticos e aparamenta exterior das posicións de entrada de liña procedentes do parque eólico Zas, así como do transformador de servizos auxiliares e o sistema asociado a este.

– Instalación dun conxunto de celas de 20 kV para conexión dos tres circuítos procedentes do parque eólico repotenciado máis unha de reserva, así como as celas adicionais para protección do transformador, batería de condensadores, medida e servizos auxiliares.

– Instalación dun conxunto de baterías de condensadores de 20 kV para a compensación da enerxía reactiva entregada á rede, de exterior, co súa aparellaxe asociada (interruptor e transformadores de corrente para protección).

– Instalación dun novo transformador para alimentación dos servizos auxiliares, de 100 kVA de potencia nominal, illamento seco e servizo interior.

– Instalación dun grupo electróxeno de emerxencia de 100 kVA de potencia para alimentación dos servizos auxiliares da subestación en caso de desconexión da rede de distribución.

– Construción dun novo edificio prefabricado para albergar as celas de media tensión, o transformador de servizos auxiliares e o grupo electróxeno de emerxencia. O edificio será dunha soa planta rectangular de 14,15 × 5,20 metros e unha altura total de 4,75 metros.

– Subministración, instalación e parametrización de cadros de servizos auxiliares.

– Adaptación dos sistemas de control, protección e medida da subestación ás novas instalacións.

– Instalación de armario de protección para posición de transformador incluíndo todas as unidades de protección.

– Subministración e montaxe de unidade de control de subestación (SCU).

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. A instalación eléctrica que se autoriza terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto que por esta resolución se autoriza.

2. Previo ao inicio das obras, a promotora comunicará a data de comezo dos traballos á Dirección Xeral de Enerxía e Minas e á Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

3. A promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade.

4. En todo momento deberase cumprir canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobado polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro; o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobado polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio; así como as demais normativas e directrices vixentes que sexan de aplicación.

5. O prazo para solicitar a autorización de explotación será de tres anos, contados a partir do presente outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción. En caso de incumprimento, poderá producirse a súa revogación nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, ou norma que a substitúa.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións a promotora deberá presentar, ante a xefatura territorial, un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, no que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución autorizado, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Unha vez solicitada a autorización de explotación, a xefatura territorial será a encargada de emitila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

7. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar a revogación das autorizacións, previa audiencia do interesado.

8. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

9. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2019

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas