A representante de Pangea Escuela Viva, S.L., solicita autorización de apertura e funcionamento do centro docente estranxeiro Pangea Active School, de Arteixo, para impartir as ensinanzas do sistema educativo dos Estados Unidos de América a alumnado español e estranxeiro.
O centro achega certificado temporal, con validez ata o 31 de agosto de 2020, de elixibilidade no proceso de acreditación da New England Association of Schools & Colleges (NEASC) para impartir as ensinanzas de Pre-School Section que se corresponden coa etapa de educación infantil (de 3 a 6 anos) para un máximo de 24 postos escolares, e para as ensinanzas de Elementary Section que se corresponden coa etapa de educación primaria (de 6 a 12 anos) para un máximo de 20 postos escolares, do sistema educativo dos Estados Unidos de América.
Logo da tramitación do expediente de acordo co establecido no Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre réxime de centros docentes estranxeiros en España, así como no Decreto 133/1995, do 10 de maio, de autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias, e coa Orde do 20 de setembro de 1995 que o desenvolve, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,
DISPOÑO:
Artigo 1. Autorización temporal
Autorizar a apertura e funcionamento, con carácter temporal ata o 31 de agosto de 2020, do centro privado estranxeiro Pangea Active School, de Arteixo, para impartir as ensinanzas de Pre-School Section (de 3 a 6 anos) e de Elementary Section (de 6 a 12 anos), do sistema educativo dos Estados Unidos de América.
Os datos do centro son os que se detallan a seguir:
Denominación xenérica: centro privado estranxeiro (CPREX).
Denominación específica: Pangea Active School.
Código do centro: 15033174.
Domicilio: Camiño da Colina, 18.
Localidade: Arteixo.
Código postal: 15008.
Concello: Arteixo.
Provincia: A Coruña.
Titular: Pangea Escuela Viva, S.L.
Ensinanzas que se autorizan temporalmente:
Sistema educativo dos Estados Unidos de América, para alumnado español e estranxeiro.
• Pre-School Section que se corresponden coa etapa de educación infantil (de 3 a 6 anos) para un máximo de 24 postos escolares.
• Elementary Section que se corresponden coa etapa de educación primaria (de 6 a 12 anos) para un máximo de 20 postos escolares.
Artigo 2. Ensinanzas de lingua e cultura
O centro deberá complementar as ensinanzas autorizadas, de niveles equivalentes aos obrigatorios do sistema educativo con ensinanzas de lingua española e de lingua galega, que deberán impartirse co mesmo deseño e horario establecidos nos correspondentes decretos da Comunidade Autónoma de Galicia.
Así mesmo, a cultura española deberá desenvolver os contidos esenciais da correspondente área de coñecemento, recollidos na norma reguladora das ensinanzas.
Artigo 3. Requisitos do profesorado
O profesorado que imparta as ensinanzas mencionadas no artigo anterior deberá reunir os requisitos de titulación requiridos pola lexislación española para o nivel educativo, e terá os dereitos e as obrigas que determina o artigo 12 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre réxime de centros docentes estranxeiros en España.
A Xefatura Territorial da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Coruña, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que imparta estas materias.
Artigo 4. Validez autorización temporal
A autorización temporal a que fai referencia o artigo primeiro desta orde terá validez desde o 1 de setembro de 2019 ata o 31 de agosto de 2020, conforme o certificado emitido pola New England Association of Schools & Colleges (NEASC). A partir desta data, a autorización dependerá dunha nova inspección dos servizos da Embaixada dos Estados Unidos de América.
Artigo 5. Inscrición no rexistro de centros
Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 6. Modificación da autorización
O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e sometido á inspección educativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, de conformidade co establecido no artigo 9 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, así como a solicitar unha nova autorización e inscrición no caso de que se produza calquera variación nos elementos e circunstancias que dan lugar a esta autorización.
Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas , ou ben, directamente, o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2019
Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional