Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Luns, 16 de setembro de 2019 Páx. 40297

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 4 de setembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades organizadoras de congresos, seminarios, convencións, incentivos ou calquera outro evento relativo ao turismo de reunións en Galicia, e se procede á súa convocatoria para os anos 2019 e 2020 (código de procedemento TU403A).

A Axencia Turismo de Galicia créase en virtude da autorización contida na disposición adicional cuarta da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, polo Decreto 196/2012, do 27 de setembro, como unha axencia pública autonómica, que terá como finalidade impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e a ordenación do turismo dentro da comunidade.

O artigo 94 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, regula o fomento do turismo mediante a elaboración, pola Administración da Xunta de Galicia, de programas para potenciar a oferta turística galega, a través de medidas de fomento que permitan acadar, unha serie de obxectivos, entre os que se atopa a diversificación da oferta turística, co impulso da segmentación mediante o apoio ao desenvolvemento, entre outros, do turismo de reunións.

Por outra parte, a Estratexia do turismo de Galicia 2020 plasma o marco de traballo en materia turística para o período 2017/2020 e aborda as necesidades dos axentes dos distintos ámbitos do sector turístico galego; entre eles, o de reforzar o atractivo turístico e situar a Galicia como destino único a través dun modelo máis competitivo, sustentable e adaptado aos cambios do mercado.

En consecuencia, con cargo aos créditos da Axencia Turismo de Galicia asignados para esta finalidade, e consonte o establecido sobre as medidas de fomento no artigo 94 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, e o sinalado no artigo 95 da dita lei; tendo en conta ademais a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da devandita lei, e de conformidade coa competencia conferida polo artigo 19 dos estatutos da Axencia Turismo de Galicia, aprobados polo Decreto 196/2012, do 27 de setembro,

RESOLVO:

1. Convocatoria e bases reguladoras.

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades organizadoras de congresos, seminarios, convencións, incentivos ou calquera outro evento relativo ao turismo de reunións que fomenten e promocionen a actividade congresual en Galicia, e se procede á súa convocatoria para os anos 2019 e 2020.

2. Solicitudes.

2.1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 6 das bases reguladoras.

2.2. As solicitudes deberán presentarse na forma e no prazo establecidos no artigo 5 das bases reguladoras.

3. Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

4. Información ás persoas interesadas.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia Turismo de Galicia:

http://www.turismo.gal/canle-profesional/promocion-do-sector/axudas-e-subvencions

b) Páxina web https://sede.xunta.gal/portada, e introducindo no buscador o código de procedemento.

c) Os teléfonos 981 54 63 60 e 981 54 63 64.

d) Enderezo electrónico fomento.turismo@xunta.gal

5. Réxime de recursos.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

6. Base de datos nacional de subvencións.

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2019

María Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a entidades organizadoras de congresos, seminarios, convencións, incentivos ou calquera outro evento relativo ao turismo de reunións en Galicia (código de procedemento TU403A)

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a regulación da concesión de subvencións a entidades organizadoras de congresos, seminarios, convencións, incentivos ou calquera outro evento relativo ao turismo de reunións que fomenten e promocionen a actividade congresual e que se desenvolvan no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Gastos subvencionables

1. Considéranse gastos subvencionables os derivados daqueles programas ou actividades que promovan o intercambio e a difusión de saberes mediante a organización de congresos, seminarios, convencións, incentivos ou calquera outro evento relativo a calquera área de coñecemento que se vaia desenvolver na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. En calquera caso, para os efectos previstos nestas bases, son gastos subvencionables os que respondan á natureza e obxecto da actividade subvencionada e se realicen desde o 1 de setembro de 2019 ata o 30 de setembro de 2020, en concreto terán a consideración de gastos subvencionables:

– Alugamento de equipos, locais, salóns, carpas e similares, e os relacionados coa organización do evento como servizos audiovisuais, iluminación e megafonía, servizo de azafatas, guías turísticos, contratacións artísticas e de presentadores/condutores, tradución simultánea, traslados internos en cidade, sede de congresistas e relatores, e similares; e os de produción e edición de materiais relacionados coa difusión e promoción do evento, tales como rotulación xeral, carteis, folletos, memorias, publicidade, material audiovisual, CD, DVD e similares.

– Gastos directos dos conferenciantes, tales como viaxes, axudas de custo, manutención e aloxamento.

– Calquera outro gasto relativo ás actividades e servizos incluídos no programa do evento.

3. Non serán gastos subvencionables aqueles gastos sociais non relacionados directamente co desenvolvemento dos congresos, seminarios e convencións que se celebren en Galicia, así como os gastos excluídos no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. A Axencia Turismo de Galicia facilitará material promocional de Galicia ás entidades organizadoras, e que resulten beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases, que así o soliciten, para o que deberán cubrir o anexo VI, e ata esgotamento de existencias.

Artigo 3. Financiamento e concorrencia

1. As subvencións relativas ao obxecto desta resolución imputaranse á aplicación orzamentaria 11.A2.761A.770.0, proxecto 2015 00005, cun crédito de 90.000 € para a anualidade 2019 e de 450.000 € para a anualidade 2020, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios do artigo 12.

2. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao Regulamento (UE) 1407/2013 relativo ás axudas de minimis, deberase garantir que, no caso de recibiren as persoas beneficiarias outras axudas baixo este réxime de minimis, non se supera o límite de 200.000 € nun período de tres exercicios fiscais. Este límite aplicarase independentemente da forma da axuda de minimis ou do obxectivo perseguido. O período determinarase tomando como referencia os dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal en curso, de acordo co establecido no artigo 2 do citado regulamento.

3. Estas axudas son compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, pero o seu importe, en ningún caso, poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada, segundo se establece no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. De conformidade co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, unha vez esgotado o crédito dispoñible poderá ampliarse este cando o aumento veña derivado dalgunha das condicións previstas no dito artigo.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as seguintes entidades:

a) Universidades ou organismos públicos de investigación, a través dos seus centros, institutos, departamentos, seccións u outras unidades de investigación.

b) Sociedades científicas legalmente constituídas, colexios profesionais e outras entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro, dotadas de personalidade xurídica propia.

c) Empresas ou sociedades privadas que promovan especificamente congresos, reunións, xornadas técnicas, eventos, presentacións, incentivos, etc.

2. Requisitos das entidades beneficiarias:

a) Estar constituídas de conformidade coa normativa vixente e ao día das súas obrigas tributarias (Facenda estatal e autonómica) e de Seguridade Social.

b) Non poderán obter a condición de beneficiaria aquelas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursas nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado.

c) Os requisitos para ser beneficiario deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 5. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

A este respecto, no caso das persoas físicas titulares de establecementos ou servizos turísticos considérase que por razón da súa actividade profesional queda acreditado que teñen acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) No caso de que o solicitante sexa unha empresa organizadora profesional de congresos (OPC) é preciso achegar o contrato de servizos entre esta e a institución que promove o congreso, evento ou reunión para a súa organización e que se teña en conta esta circunstancia á hora de identificar claramente solicitantes de servizos e destinatarios titulares de correspondentes gastos facturables.

b) Proxecto para o cal se solicita a subvención suficientemente detallado.

c) Orzamento desagregado por partidas en que se especificará o importe da execución do proxecto ou actuación para o cal se solicita a subvención.

d) Memoria explicativa sobre o cumprimento dos criterios de valoración sinalados no artigo 12.

e) Se é o caso, anexo VI.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. Sen prexuízo do disposto no parágrafo 1, a Axencia Turismo de Galicia poderá requirir o solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

6. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

7. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que se non o fai se terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei do procedemento administrativo común das administracións públicas.

8. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada.

Artigo 7. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– NIF da entidade solicitante.

– DNI/NIE/NIF da persoa ou entidade representante.

– Certificado de estar ao día nas súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma. No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que o solicitante ou o beneficiario ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase o solicitante ou beneficiario para que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar as certificacións de estar ao día nas citadas obrigas.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 9. Órganos competentes

A Xerencia de Turismo de Galicia será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e correspóndelle á directora da Axencia Turismo de Galicia ditar a resolución de concesión.

Artigo 10. Instrución do procedemento

1. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte. Para estes efectos, a Área de Fomento e Desenvolvemento Empresarial emitirá un informe por cada solicitude en que se indicará que proxectos dos solicitados son subvencionables.

2. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

3. No suposto de que algún beneficiario renuncie á subvención concedida, decaia no dereito á súa percepción ou proceda o reintegro de acordo co previsto nestas bases e na normativa que resulte de aplicación, os créditos liberados poderán asignarse por orde decrecente de puntuación aos proxectos admitidos que non obtivesen subvención por esgotamento do crédito previsto. Actuarase de igual xeito cando por razóns de dispoñibilidade orzamentaria se acorde incrementar o crédito máximo inicialmente previsto nesta convocatoria.

Artigo 11. Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos interesados.

2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

a) A persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, que a presidirá.

b) Vogais:

Unha persoa en representación da Xerencia de Turismo de Galicia.

Unha persoa en representación da Dirección de Competitividade de Turismo de Galicia.

Unha persoa en representación da Dirección de Promoción de Turismo de Galicia.

c) O/a xefe/a da Área de Fomento e Desenvolvemento Empresarial, que actuará como secretario/a.

3. Os/as titulares, e os/as suplentes, de ser o caso, serán designados/as pola persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia.

Artigo 12. Criterios de valoración

1. Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables, e os criterios de avaliación que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión da subvención serán por orde decrecente os seguintes, tendo en conta a valoración específica que se lle atribúe a cada un deles.

Os proxectos valoraranse ata 100 puntos de acordo cos seguintes criterios obxectivos de outorgamento:

A) Tipoloxía do evento e ámbito xeográfico do congreso (ata 45 puntos):

A.1. Tipo de congreso, evento ou reunión (ata 10 puntos):

Congreso: 10 puntos.

Outros: 5 puntos.

A.2. Ámbito xeográfico (ata 35 puntos):

– Ámbito internacional: 35 puntos.

– Ámbito nacional: 20 puntos.

– Ámbito autonómico: 10 puntos.

Para estes efectos, o evento considerarase de ámbito internacional cando entre os seus inscritos haxa polo menos un 40 % dos asistentes de polo menos tres países distintos. Se nun evento o 90 % dos inscritos son estranxeiros, poderán proceder de menos de 3 países e o evento manterá esta cualificación.

O evento considerarase de ámbito nacional cando como mínimo o 60 % dos inscritos son españois e de diferente comunidade autónoma a aquela onde se celebre a reunión. Polo menos un 40 % deberá proceder de tres comunidades autónomas diferentes. Se un 90 % dos participantes son de orixe nacional (excluída a Comunidade Autónoma de Galicia), poderán proceder de menos de tres comunidades autónomas e manter a cualificación.

B) Volume, temporalidade e data do evento (ata 25 puntos):

B.1. Volume da reunión (asistentes) (ata 10 puntos):

Máis de 2.000 asistentes: 10 puntos.

Máis de 1.000 ata 2.000 asistentes: 7 puntos.

Máis de 400 ata 1.000 asistentes: 4 puntos.

De 150 a 400: 2,5 puntos.

B.2. Temporalidade (mes de celebración) (ata 10 puntos):

Evento que se celebre nos meses de xaneiro, febreiro, outubro, novembro e decembro: 10 puntos.

Evento que se celebre nos restantes meses do ano: 5 puntos.

B.3. Datas de celebración (ata 5 puntos):

3 días ou máis: 5 puntos.

Ata 2 días: 2,5 puntos.

C) Actividades complementarias (ata 5 puntos):

Por cada actividade complementaria que se organice que permita coñecer o destino e/ou alongar a estadía: 2,5 puntos.

D) Entidade solicitante e gastos xerais de funcionamiento e/ou equipamento (ata 25 puntos):

D.1. Valoración da entidade solicitante, en relación coa súa traxectoria e proxección (ata 10 puntos).

2,5 puntos por cada evento, organizado nos últimos 5 anos, que conforme as presentes bases sería subvencionable.

D.2. Contar con sede (social ou fiscal), establecemento ou centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia: 10 puntos.

D.3. Achega de recursos propios para os gastos xerais de funcionamento e/ou equipamento (ata 5 puntos).

Achega dun 20 % ou porcentaxe maior: 5 puntos.

Achega dun 15 % e inferior ao 20 %: 3,5 puntos.

Achega dun 10 % e inferior ao 15 %: 2,5 puntos.

Menos dun 10 %: 0 puntos.

2. Os proxectos e actuacións poderán acadar unha subvención de ata o 100 % sobre o orzamento do investimento subvencionable, en todo caso o importe da axuda a cada entidade beneficiaria será dun máximo de 25.000 €. A porcentaxe de axuda sobre o investimento subvencionable calcularase con base na puntuación que acaden os proxectos presentados, segundo se detalla a seguir:

Puntos

 % axuda

Importe máximo subvención

85-100

100 %

25.000 €

70-84

70 %

15.000 €

55-69

50 %

10.000 €

30-54

30 %

5.000 €

15-29

25 %

2.500 €

As solicitudes con puntuación inferior a 15 puntos non poderán obter subvención.

Se por aplicación dos criterios de valoración dúas ou máis solicitudes acadasen igual puntuación e non existise crédito suficiente para atendelas todas, priorizaranse aquelas solicitudes presentadas en primeiro lugar.

Artigo 13. Audiencia e proposta de resolución

1. Efectuada a avaliación, a comisión fará un informe co seu resultado, á vista do cal, o órgano instrutor elaborará unha proposta de resolución provisional debidamente motivada que deberá ser notificada aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións de acordo co establecido no artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A proposta de resolución expresará de forma motivada a relación de proxectos para os cales se propón a concesión da axuda, coa identificación, en relación con cada proxecto, do beneficiario e importe e porcentaxe da subvención proposta. De ser o caso, contará cunha lista dos proxectos admitidos que non acadasen subvención polo esgotamento do orzamento dispoñible. Así mesmo, expresará, de xeito motivado, a relación de proxectos para os cales non se propón a concesión de subvención por falta de documentación ou por non reuniren os requisitos.

Artigo 14. Resolución

1. Examinadas as alegacións, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución definitiva e a elevará á directora da Axencia Turismo de Galicia.

2. A directora da Axencia, á vista da proposta de resolución, ditará no prazo de 15 días desde a súa elevación a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e na cal, en todo caso, quedarán debidamente xustificados todos os aspectos contidos no artigo 34.4 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de cinco meses, contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación.

Artigo 15. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido. Neste último caso, entenderase que a notificación foi rexeitada e terase por efectuado o trámite seguindo o procedemento, salvo que de oficio ou por instancia da persoa destinataria se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente resolución de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Axencia Turismo de Galicia. O prazo para a interposición do recurso de reposición será dun mes, se o acto for expreso. Transcorrido o dito prazo, unicamente poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, sen prexuízo, se é o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión. Se o acto non for expreso, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpoñer recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 17. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, as persoas beneficiarias poderán solicitar a modificación do seu contido antes de que remate o prazo para a realización da actividade.

2. A modificación poderase autorizar sempre que non dane dereitos de terceiros. En todo caso a modificación da resolución de concesión deberá respectar o obxecto da subvención, as actuacións subvencionables e non dar lugar a actuacións deficientes e incompletas.

3. Xunto coa solicitude, as persoas beneficiarias deberán presentar: memoria xustificativa, orzamento modificado e relación e identificación concreta dos cambios introducidos.

4. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Axencia Turismo de Galicia, logo da instrución do correspondente expediente en que se lles dará audiencia aos interesados nos termos previstos no artigo 13.

5. Cando as persoas beneficiarias da subvención poñan de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o establecido no artigo 14.1.m) da Lei de subvencións de Galicia, téndose omitido o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros.

Esta aceptación por parte do órgano concedente non exime o beneficiario das sancións que poidan corresponderlle conforme a citada Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Aceptación e renuncia

1. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como as persoas beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa en contra se entenderá tacitamente aceptada.

2. A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo III, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, a persoa titular da Axencia ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da citada lei.

Artigo 19. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias das subvencións adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable:

a) Cumprir o obxectivo e realizar a actuación subvencionada, de conformidade co proxecto presentado ou, se é o caso, co modificado coa autorización da Axencia Turismo de Galicia.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión ou o desfrute da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Axencia Turismo de Galicia, ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle á Axencia Turismo de Galicia a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención. Estas comunicacións deberanse efectuar tan axiña como se coñezan e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) As persoas beneficiarias deberán dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos na lexislación mercantil e sectorial aplicable coa finalidade de garantir o exercicio adecuado das facultades de comprobación e control; así mesmo, deberán conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos.

f) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma. Para tales efectos, o solicitante deberá achegar certificación de estar ao día nas citadas obrigas no caso de denegar expresamente que se soliciten polo órgano xestor, de conformidade co disposto no artigo 5.1. No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que o solicitante ou o beneficiario ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase o solicitante ou beneficiario para que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado.

g) As persoas beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

h) Igualmente, a persoa beneficiaria deberá incluír, nas súas accións promocionais, a marca turística de Galicia e a marca Xacobeo 2021. De ser o caso, na páxina web deberá inserir un banner cunha ligazón á páxina de promoción turística de Galicia. Nos folletos e outras publicacións deberá incluír na contraportada a marca turística de Galicia e a marca Xacobeo 2021, seguindo as indicacións dos manuais de identidade corporativa das citadas marcas previstas nas páxinas web https://www.xunta.gal/identidade-corporativa/marca-galicia e https://www.xunta.gal/identidade-corporativa/xacobeo-2021.

i) A facilitar datos, de forma periódica ou logo de requirimento da Administración turística galega, sobre a asistencia ao congreso, xornada, seminario ou convención.

j) Subministrar á Axencia Turismo de Galicia, en virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento pola Axencia Turismo de Galicia, das obrigas previstas no título I da citada lei.

k) As persoas beneficiarias quedan obrigadas a reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido pola subvención concedida, así como os correspondentes xuros de demora devindicados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

– Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

– Por incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos prazos e termos establecidos nesta resolución.

– Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

– Incumprimento total ou parcial do obxectivo da actividade, do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a subvención.

– Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo ou a concorrencia con outras axudas para a mesma finalidade percibidas de calquera Administración ou ente público ou privado.

– Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

Artigo 20. Xustificación da subvención

1. Para cobrar a subvención concedida, o beneficiario terá que presentar nos lugares sinalados no artigo 5 destas bases, mediante a modalidade de conta xustificativa (conforme o artigo 44 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia), copia da documentación que a continuación se indica:

a) Solicitude de cobramento, segundo o modelo do anexo IV.

b) Memoria da actuación, xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas, participantes, visitas...

Deberá incluír fotos ilustrativas da actuación efectuada, da inclusión da marca turística de Galicia e da marca do Xacobeo 2021.

c) Memoria económica do custo das actividades realizadas que conterá:

c.1) Relación clasificada e ordenada dos gastos da actividade, con indicación do acredor, número de factura, concepto do gasto, o seu importe, a data de emisión e a data de pagamento. Se é o caso, indicaranse as desviacións producidas no orzamento que serviu de base ao seu outorgamento. A dita ordenación deberá coincidir coa ordenación da documentación indicada no seguinte punto.

c.2) Facturas ou outros documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, entendendo por tal calquera documento presentado para xustificar que a contabilidade reflicte a imaxe fiel da realidade.

As facturas presentaranse en orixinal e achegarase xustificante bancario do pagamento polo beneficiario (extractos ou certificacións bancarias) debidamente identificados, selados e asinados polo beneficiario. No xustificante de pagamento constará o número da factura obxecto de pagamento, a identificación do beneficiario que paga e do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

As facturas deben reunir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

Non se admitirán como xustificantes de gasto albarás, notas de entrega, facturas pro forma, tickets cando sexa obrigatoria a expedición de factura, nin as facturas que non conteñan todos os requisitos citados para a súa consideración como tal ou cuxa data non se axuste aos prazos citados.

Unha partida do orzamento auxiliable poderá xustificarse mediante unha ou varias facturas relativas aos conceptos de gasto incluídos na dita partida, sempre que dita partida admita a desagregación en distintos conceptos.

En ningún caso se admitirán xustificantes de pagamento con data posterior á establecida para presentar a xustificación.

d) Anexo V: modelo de declaración actualizado.

e) Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa procedencia.

f) Se é o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Establécense os seguintes prazos de xustificación das axudas concedidas:

– Se o proxecto ou actuación subvencionada se executa entre o 1 de setembro e o 31 de outubro de 2019, o prazo de xustificación rematará o 15 de novembro de 2019.

– Se o proxecto ou actuación subvencionada se executa entre o 1 de novembro de 2019 e o 30 de setembro de 2020, o prazo de xustificación rematará o 31 de outubro de 2020.

3. Os gastos xustificados deberán ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas na resolución de concesión da subvención e responder, de xeito indubidable, á natureza da actividade subvencionada. Sen necesidade de instar procedemento de modificación da subvención, a Axencia Turismo de Galicia poderá aceptar variacións nas partidas de gasto aprobadas, coa condición de que as variacións non superen en conxunto o 20 % do orzamento, que non aumente o importe total do gasto aprobado, que non desvirtúen as características do proxecto e condicións que foron tidas en conta para a resolución de concesión.

Se o beneficiario xustifica conceptos e elementos subvencionables aprobados que representen menos do 60 % do importe da actuación subvencionable entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, perderá o dereito de cobramento da subvención. Se a xustificación é superior ao 60 %, pero sen acadar o 100 % do investimento subvencionable, o beneficiario percibirá a subvención proporcional correspondente ao investimento xustificado admisible, sempre que cumpra o resto das condicións de concesión e a finalidade ou obxectivos para os que se concedeu a axuda.

4. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso a persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. Só se considerará gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado na normativa reguladora da subvención.

Artigo 21. Pagamento

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da Axencia, antes de proceder ao seu pagamento, realizarán as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

Procederá a minoración da subvención concedida cando o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que esta minoración, debidamente xustificada pola entidade beneficiaria, non supoña unha realización deficiente da actuación subvencionada.

2. Previamente ao pagamento deberá acreditarse que as persoas beneficiarias se atopan ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia nin son debedoras por resolución de procedencia de reintegro.

Para tales efectos, o solicitante deberá achegar as ditas certificacións de estar ao día nas citadas obrigas no caso de denegar expresamente que as solicite o órgano xestor, de conformidade co disposto no artigo 6.2. No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que as persoas beneficiarias teñen débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase o solicitante ou beneficiario para que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado.

Artigo 22. Subcontratación

As entidades beneficiarias das subvencións establecidas nestas bases, como entidades executoras das actuacións subvencionables, co obxecto de garantir a súa adecuada execución, comprométense a asumir a dirección técnica, e, en consecuencia, deberá asignar os medios humanos e materiais que sexan necesarios e, se é o caso, subcontratar os servizos necesarios para desenvolver as actuacións subvencionables, podendo subcontratar totalmente as actividades previstas, e asumir expresamente o contido dos límites e obrigas establecidos no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En todo caso, quedan fóra da subcontratación aqueles gastos en que teñan que incorrer as entidades beneficiarias para a realización por si mesmas das actividades subvencionadas.

A necesidade da subcontratación estará debidamente motivada pola entidade beneficiaria e, en ningún caso, suporá un aumento do custo da actividade subvencionada.

Os subcontratistas quedarán obrigados soamente ante as entidades beneficiarias, que asumirán a total responsabilidade da execución da actividade subvencionada fronte á administración. As entidades beneficiarias serán as responsables de que na execución da actividade subvencionada concertada con terceiros se respecten os límites establecidos neste convenio en canto á natureza e contía dos gastos subvencionables e exixiranlles ás/aos subcontratistas os documentos acreditativos dos pagamentos correspondentes.

Os subcontratistas están obrigados a lles facilitar aos organismos de auditoría e control toda a información necesaria relativa ás accións subcontratadas.

En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con:

a) Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións do artigo 10 da Lei 9/2007.

b) Persoas ou entidades que percibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto de contratación.

c) Intermediarios ou asesores nos cales os pagamentos se definan como unha porcentaxe de custo total da operación, agás que o dito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos servizos prestados.

d) Persoas ou entidades vinculadas co beneficiario, agás que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado e que se obteña a autorización previa do órgano concedente nos termos que se fixen nestas bases reguladoras.

Artigo 23. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

3. Cando o cumprimento polo beneficiario se aproxime de modo significativo ao cumprimento total e se acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos compromisos adquiridos, a cantidade que hai que reintegrar responderá ao principio de proporcionalidade e determinarase aplicando os mesmos criterios de avaliación que se empregaron para a concesión referidos á realidade finalmente comprobada.

4. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 24. Control

1. A Axencia Turismo de Galicia poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 25. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario ou programa e crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Igualmente, será aplicable o réxime de publicidade establecido na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Os interesados poderán facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, en cumprimento do disposto nos artigos 18 e 20.8 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións comunicarase a concesión das axudas reguladas nesta convocatoria á Base de datos nacional de subvencións, que operará como sistema nacional de publicidade de subvencións.

Malia o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a tres mil euros (3.000 €), non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Axencia Turismo de Galicia.

Así mesmo, a solicitude para ser beneficiario da axuda levará implícita a autorización, no suposto de que se conceda a axuda solicitada, para a inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e Sancións dependente da Consellería de Facenda, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na súa solicitude. Non obstante, as persoas ou entidades solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións, cando concorra algunha das circunstancias previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 26. Remisión normativa

É de aplicación o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

Disposición adicional. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Axencia Turismo de Galicia, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta do cidadán.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explícita na información adicional recollida en https:// www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file