Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Luns, 16 de setembro de 2019 Páx. 40329

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 4 de setembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades organizadoras de congresos, seminarios, convencións, incentivos ou calquera outro evento relativo ao turismo de reunións en Galicia, e se procede á súa convocatoria para os anos 2019 e 2020 (código de procedemento TU403A).

BDNS (Identif): 472719.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

a) Universidades ou organismos públicos de investigación, a través dos seus centros, institutos, departamentos, seccións u outras unidades de investigación.

b) Sociedades científicas legalmente constituídas, colexios profesionais e outras entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro, dotadas de personalidade xurídica propia.

c) Empresas ou sociedades privadas que promovan especificamente congresos, reunións, xornadas técnicas, eventos, presentacións, incentivos, etc.

Segundo. Obxecto

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a regulación da concesión de subvencións a entidades organizadoras de congresos, seminarios, convencións, incentivos ou calquera outro evento relativo ao turismo de reunións que fomenten e promocionen a actividade congresual e que se desenvolvan no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 4 de setembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades organizadoras de congresos, seminarios, convencións, incentivos ou calquera outro evento relativo ao turismo de reunións en Galicia, e se procede á súa convocatoria para os anos 2019 e 2020 (código de procedemento TU403A).

Cuarto. Importe

As subvencións relativas ao obxecto desta resolución imputaranse á aplicación orzamentaria 11.A2.761A.770.0, proxecto 2015 00005, cun crédito de 90.000 € para a anualidade 2019 e de 450.000 € para a anualidade 2020.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Prazo de aceptación ou renuncia

Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como as persoas beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa en contra, entenderase tacitamente aceptada.

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2019

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia