Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Xoves, 19 de setembro de 2019 Páx. 40556

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 6 de setembro de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se procede á segunda convocatoria para o ano 2019, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero (código de procedemento SI461A).

De conformidade co Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, á Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano superior da Administración autonómica en materia de igualdade, correspóndelle impulsar as actuacións conducentes á promoción da igualdade e á eliminación da discriminación entre mulleres e homes, así como á eliminación da violencia de xénero nos termos establecidos na Constitución, no Estatuto de autonomía de Galicia, no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e na demais lexislación aplicable na materia.

En novembro de 2016, o Pleno do Congreso dos Deputados aprobou, por unanimidade, unha proposición non de lei pola que se instaba o Goberno a promover a subscrición dun Pacto de Estado en materia de violencia de xénero polo Goberno da Nación, as comunidades autónomas e cidades con Estatuto de autonomía e a Federación Española de Municipios e Provincias, que siga impulsando políticas para a erradicación da violencia sobre a muller como unha verdadeira política de Estado. Así, no seo da Comisión de Igualdade do Congreso, creouse unha subcomisión que tivo como obxectivo elaborar un informe no que se identificaran e analizaran os problemas que impiden avanzar na erradicación das diferentes formas de violencia de xénero, e no que se incluíran un conxunto de propostas de actuación, entre elas as principais reformas que deben acometerse para dar cumprimento efectivo para ese fin, así como ás recomendacións dos organismos internacionais.

Pola súa banda, a Comisión de Igualdade do Senado decidiu, o 21 de decembro de 2016, a creación dun relatorio que estudase e avaliase, en materia de violencia de xénero, os aspectos de prevención, protección e reparación das vítimas, analizase a estratexia para alcanzar e implementar un Pacto de Estado contra a violencia de xénero e examinase a Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero. O 13 de setembro de 2017, o Pleno do Senado aprobou, por unanimidade, o Informe do Relatorio de estudo para a elaboración de estratexias contra a violencia de xénero.

O 27 de decembro de 2017, todas as CC.AA. ratificaron de común acordo o documento final do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, que no seu eixe 3 recolle de maneira específica medidas para «o perfeccionamento da asistencia, axuda e protección ás vítimas», e entre elas, a elaboración de propostas para mellorar o apoio social, educativo, de formación e inserción laboral das mulleres que sofren violencia de xénero.

Son as comunidades autónomas as que asumen as competencias da asistencia social integral das mulleres vítimas de violencia de xénero e dos seus fillos e fillas e están, polo tanto, chamadas a xogar un papel clave na prevención, atención e reparación do dano.

Considerando que a independencia económica é clave para garantir que as mulleres en situación de violencia de xénero consigan maior estabilidade persoal, social e laboral, a presente resolución supón un paso máis na mellora da súa inserción laboral, articulando axudas económicas ás EELL para fomentar a contratación de mulleres que sofren violencia de xénero e que a curto prazo non poden acadar un posto de traballo no mercado laboral ordinario.

Así, a Resolución do 16 de maio de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade (DOG núm. 103, do 3 de xuño), aproba as bases que rexerán a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019.

A liña de axudas amparada na dita resolución acadou un alto grao de aceptación entre as entidades locais galegas, o que deu lugar o esgotamento do crédito previsto da Resolución do 16 de maio. Así, no DOG nº 156, do 20 de agosto, publicouse a Resolución do 5 de agosto de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se fai público o esgotamento do crédito para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas.

O éxito da dita convocatoria, posto de manifesto polo número de solicitudes, así como o volume de contratacións que supón, aconsella aprobar unha nova convocatoria de subvencións para o fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas, ao obxecto de dar cobertura ás necesidades de financiamento das ditas contratacións, incluídos os proxectos que non puideron atenderse ao abeiro da anterior convocatoria por esgotamento de fondos, e mellorar, en definitiva, acceso ao mercado laboral daquelas mulleres.

Por todo o disposto, e no uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto proceder á segunda convocatoria, en réxime de concorrencia non competitiva, para o ano 2019 das subvencións destinadas a financiar a contratación por parte das entidades locais galegas, de mulleres que sofren violencia de xénero, para a realización de obras ou servizos de interese xeral ou social, ata un máximo de 12 mensualidades, para mellorar e facilitar a súa inserción laboral, segundo o disposto nas bases reguladoras para a concesión da dita subvención, aprobadas pola Resolución do 16 de maio de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade (DOG nº 103, do 3 de xuño).

2. A súa finalidade e contribuír a que as mulleres acaden unha maior autonomía a través da promoción da súa independencia económica e do seu empoderamento, e reforzando, ao mesmo tempo, as posibilidades dunha posterior inserción laboral estable, co obxectivo fundamental de lograr a súa plena integración na vida económica e social.

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramítase mediante o réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo a cal as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4 da mesma lei.

4. As subvencións recollidas na presente resolución concederanse cando a contratación se produza con posterioridade á súa publicación.

5. O código do procedemento correspondente a estas axudas é o SI461A.

Artigo 2. Bases reguladoras

As subvencións deste programa rexeranse polas bases reguladoras establecidas na Resolución do 16 de maio de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 103, do 3 de xuño, coas especificacións que se establecen nesta resolución.

Artigo 3. Orzamento

1. Para a concesión destas axudas destinaranse 538.551,68 euros, que se imputarán á aplicación orzamentaria 05.11.313D.460.1 (código do proxecto 2018 00112) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2019.

A dita partida orzamentaria finánciase con fondos finalistas do Estado, que os orzamentos xerais do Estado destinan ao desenvolvemento ou ampliación das medidas recollidas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

2. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente, poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

3. O incremento de crédito, así como o crédito liberado polas renuncias ou revogacións das subvencións outorgadas, se for o caso, destinarase á concesión daqueloutras solicitudes que por insuficiencia de crédito non chegaron a obter subvención.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

Os requisitos necesarios para poder ser beneficiaria desta axuda son os establecidos no artigo 5 das bases reguladoras para a concesión da dita subvención, aprobadas pola Resolución do 16 de maio de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade.

Artigo 5. Prazo e solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será de 1 mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

No caso das entidades que presentaran a solicitude completa ao abeiro da Resolución do 16 de maio de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases que rexerán a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (DOG núm. 103, do 3 de xuño), e que non fosen atendidas anteriormente por esgotamento do crédito, haberá que aterse ao disposto na disposición adicional primeira da presente resolución.

2. A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365). Estes formularios só terán validez se están debidamente asinados por quen represente legalmente a entidade correspondente ou persoa debidamente acreditada.

Artigo 6. Requisitos da contratación

Os requisitos para realizar as contratacións obxecto desta subvención serán os recollidos nos puntos 1 e 2 do artigo 7 das bases reguladoras aprobadas pola Resolución do 16 de maio de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade (DOG nº 103, do 3 de xuño).

Os contratos deberán formalizarse por parte da entidade beneficiaria no prazo de 2 meses desde a notificación da resolución de concesión e, en todo caso, antes do 10 de novembro de 2019.

Artigo 7. Documentación necesaria para tramitar o procedemento

1. A solicitude da subvención deberá presentarse no modelo que figura como anexo I desta resolución, debidamente cuberto e asinado pola persoa que exerce a representación da entidade solicitante, xunto coa documentación sinalada no artigo 12 das bases reguladoras da subvención aprobadas pola Resolución do 16 de maio de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade (DOG nº 103, do 3 de xuño):

a) Anexo II: certificación do secretario ou secretaria da entidade local no que consten os seguintes aspectos:

1º. A representación que desempeña a persoa que asina a solicitude.

2º. A adopción do acordo de solicitar a subvención.

3º. A disposición de financiamento para financiar a acción obxecto da subvención solicitada, na parte non subvencionable, de ser o caso.

4º. As retribucións salariais brutas das traballadoras que se vaian contratar.

b) Anexo III (só no caso de agrupacións ou asociacións de concellos): certificación do secretario ou secretaria do concello representante, en que se faga constar, con base nos acordos adoptados polos órganos competentes de cada un dos concellos agrupados ou asociados, as cuestións que se recollen no dito anexo.

c) Copia do convenio de colaboración (só no caso de agrupacións ou asociacións de concellos).

2. No caso das solicitudes recibidas ao abeiro da Resolución do 16 de maio de 2019 (DOG núm. 103, do 3 de xuño), haberá que aterse ao disposto na disposición adicional primeira da presente resolución.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa que, en nome e representación da entidade, solicita a concesión da subvención.

b) NIF da entidade solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente, habilitado no formulario de inicio, e achegar os ditos documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Instrución, resolución e notificación

1. A instrución do procedemento correspóndelle á Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero da Secretaría Xeral da Igualdade.

2. A resolución dos expedientes de solicitude destas axudas correspóndelle á secretaria xeral da Igualdade.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de 1 mes, que se computará a partir do día seguinte ao da presentación da solicitude. Transcorrido este prazo sen que se ditase resolución expresa, a solicitude entenderase desestimada, de conformidade co disposto no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro desta resolución poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición perante a Secretaría Xeral da Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

5. A instrución, resolución e notificación do procedemento axustarase ao establecido nas bases reguladoras desta axuda.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos de posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Información básica sobre protección de datos persoais

De acordo co establecido na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, infórmase de que os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (Secretaría Xeral da Igualdade) coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión realizada en interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia, de ser o caso, no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucional dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán solicitar o acceso, rectificación e supresión dos seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presentando a súa solicitude asinada e por escrito en calquera das oficinas de rexistro e información propias da Xunta de Galicia, ou en calquera outra oficina ou rexistro dos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común para a presentación de documentos que as persoas interesadas dirixan ás administracións públicas, presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos.

Artigo 13. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código SI461A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral da Igualdade, nas unidades administrativas de igualdade das delegacións territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/portada, ou da Secretaría Xeral da Igualdade, https://igualdade.xunta.gal, dos teléfonos 981 95 72 68 e 981 54 53 61 ou no enderezo electrónico: vx.igualdade@xunta.gal.

Artigo 14. Xustificación e pagamento

1. O pagamento axustarase ao establecido na Lei 38/2003, xeral de subvencións, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A contía da subvención concedida aboaráselle ás entidades beneficiarias nun pagamento único polo importe que lle corresponda, logo de presentar a documentación xustificativa que se relaciona no número 3 deste artigo, unha vez cumprido o obxecto para o cal foi concedida. No caso de que o número de contratacións sexa superior a un, entenderase cumprido o obxecto para o cal foi concedida a subvención, unha vez realizada a última das contratacións.

3. A xustificación realizarase mediante a presentación da seguinte documentación dentro do prazo de 15 días hábiles desde o cumprimento do obxecto para o cal foi concedida, é dicir, a contratación e, en todo caso, con data límite o 15 de decembro de 2019:

a) Anexo IV: solicitude de pagamento.

b) Anexo V: declaración complementaria e actualizada na data da xustificación de todas as axudas ou subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma actuación, das distintas administracións públicas ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais ou, se é o caso, declaración de que non se solicitaron outras axudas ou subvencións; e declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

c) Anexo VI: certificado do/da secretario/a da entidade local beneficiaria que incluirá unha táboa coas retribucións salariais brutas da/das traballadora/s contratada/s ao abeiro desta resolución, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e mais as cotizacións empresariais á Seguridade Social.

d) Contratos de traballo formalizados e debidamente comunicados á oficina de emprego.

e) Partes de alta na Seguridade Social.

f) Documentos de información da subvención ás traballadoras, debidamente asinados, segundo modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

Artigo 15. Seguimento

1. Sen prexuízo da obriga de xustificación das subvencións percibidas nos termos establecidos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na presente norma, co fin de efectuar un seguimento adecuado das subvencións concedidas ao abeiro desta resolución, as entidades beneficiarias deberán remitirlle á Secretaría Xeral da Igualdade, no prazo de 15 días hábiles desde a finalización da última mensualidade subvencionada, a seguinte documentación:

1º. Memoria final, asinada polo órgano competente da entidade, que recolla o perfil das traballadoras contratadas ao abeiro desta subvención, así como a práctica profesional adquirida e a perspectiva de inserción laboral, segundo o modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

2º. Certificado de fin de actuación asinado pola/o secretaria/o da entidade, segundo o modelo que consta na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

Artigo 16. Réxime xurídico

As solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria rexeranse polo disposto nela, así como na Resolución do 16 de maio de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases que rexerán a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (DOG núm. 103, do 3 de xuño).

Disposición adicional primeira

As solicitudes recibidas ao abeiro da Resolución do 16 de maio de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases que rexerán a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (DOG núm. 103, do 3 de xuño), que non foran atendidas anteriormente por esgotamento do crédito orzamentario, resolveranse con cargo aos créditos desta resolución.

Nestes supostos, a solicitude e documentación a que se refiren o artigo 7 desta segunda convocatoria substituiranse por un escrito do alcalde ou da Xunta de Goberno da entidade local solicitante, ratificando a solicitude presentada ao abeiro da Resolución do 16 de maio de 2019 para a presente convocatoria, así como todas as declaracións e certificacións contidas na documentación achegada ao abeiro da anterior convocatoria (Resolución do 16 de maio de 2019), sempre que manteñan a súa vixencia.

Neste caso a data de ratificación da solicitude e das declaracións e certificacións contidas, sempre que manteñan a súa vixencia, entenderase como data de rexistro de entrada

Disposición adicional segunda

Unha vez esgotado o crédito, o órgano xestor deberá publicar o esgotamento da partida orzamentaria e a inadmisión de posteriores solicitudes.

Disposición derradeira primeira

A secretaria xeral da Igualdade ditará as instrucións necesarias para o axeitado desenvolvemento e cumprimento desta resolución.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2019

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file