Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Venres, 20 de setembro de 2019 Páx. 40664

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 10 de setembro de 2019 pola que se modifica o prazo de xustificación da Orde do 30 de abril de 2019 pola que establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2019 (código de procedemento MR351A).

Mediante a Orde do 30 de abril de 2019 (DOG num. 90, do 13 de maio) convocáronse para o ano 2019 as axudas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

No artigo 27 da convocatoria establécese que as entidades beneficiarias terán ata o 31 de outubro de 2019 para presentar a documentación xustificativa da subvención. Tendo en conta que a resolución destas axudas non se produciu no prazo indicado no artigo 10 das bases reguladoras, motivada polo elevado número de solicitudes e o longo proceso de avaliación e resolución, co fin de facer viables os procesos de execución e xustificación dos investimentos, sen que con iso se cause prexuízo a terceiros, considérase necesario ampliar o prazo de xustificación.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Ampliación do prazo de execución e xustificación

Amplíase ata o 20 de decembro de 2019 (incluído) o prazo para executar e xustificar estas axudas.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2019

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural