Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183 Xoves, 26 de setembro de 2019 Páx. 42638

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 19 de setembro de 2019 pola que se regula a presentación electrónica de solicitudes de arrendamento de predios rústicos incorporados ao Banco de Terras de Galicia (código de procedemento MR711B).

A disposición transitoria segunda da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, atribúe o exercicio das funcións xestoras do Banco de Terras de Galicia á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), de conformidade co disposto na disposición adicional sexta da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo, na súa redacción dada pola disposición derradeira terceira da Lei 15/2010, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

O Banco de Terras de Galicia, en funcionamento desde o ano 2007, ten como obxectivo principal mobilizar superficie agraria infrautilizada poñéndoa á disposición das explotacións agrogandeiras. Con esta acción acádase unha dobre finalidade, por un lado, amplíase a base territorial das explotacións e, por outro lado, lóitase contra o avance do abandono do territorio rural galego. Para acadar este obxectivo, o Banco de Terras conta na actualizade con máis de 10.000 parcelas, que supoñen máis de 5.000 hectáreas e que son ofertadas para que todas aquelas persoas que así o desexen poidan solicitar o seu arrendamento por tempo determinado.

A presentación de solicitudes de arrendamentos de predios incorporados ao Banco de Terras é un procedemento suxeito a prazos. Ao estar regulado por normas anteriores á posta en funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia e das recentemente publicadas Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, require que esta se faga de maneira presencial por parte das persoas interesadas. Ademais, tamén se require determinada documentación que a lexislación vixente non permite solicitarlle á persoa solicitante e á cal a Administración galega pode acceder directamente mediante a plataforma de interoperabilidade administrativa.

Así pois, a partir da entrada en vigor desta orde, este procedemento estará dispoñible electronicamente, o que contribuirá a seguir afondando no impulso dunhas relacións máis áxiles, simples e fluídas entre a Xunta de Galicia e o conxunto dos cidadáns.

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto aprobar a posta en funcionamento do servizo para a presentación electrónica de solicitudes de arrendamento de predios rústicos incorporados ao Banco de Terras de Galicia regulado no capítulo III do título III da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.

Quedan excluídas deste procedemento as cesións pactadas de mutuo acordo recollidas no artigo 18.2.a) da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.

Este servizo habilitarase na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal e figurará na guía de procedementos e servizos regulada pola Orde do 12 de xaneiro de 2012, pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia, co código MR711B.

Artigo 2. Forma e lugar de presentación de solicitudes

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do anexo I dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

A presentación electrónica será obrigatoria para:

As administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas representantes dunha das anteriores e as persoas empregadas das administracións públicas nos trámites realizados pola súa condición de empregado público.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 3. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Non é necesario que as persoas interesadas acheguen ningunha documentación no momento de presentar a solicitude. No caso de que fose preciso presentar documentación nunha fase posterior do procedemento, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. Sen prexuízo do previsto nos puntos anteriores, aplicaranse á presentación de documentación as regras establecidas no artigo 28 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 4. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) Certificado de residencia con data de última variación padroal da persoa solicitante.

e) Declaración da renda.

f) Vida laboral.

g) Estatutos ou acta de constitución da agrupación.

h) Condición de titularidade de explotación agraria.

i) Condición de ser explotación agraria prioritaria.

j) Condición de ter un contrato de explotación sustentable en vigor.

k) Condición de persoa produtora agraria inscrita no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica.

l) Condición de ser persoa beneficiaria de axudas á primeira instalación de persoas agricultoras mozas.

m) Condición de ter un plan de mellora na explotación.

n) Acreditación da propiedade de predios para a valoración de criterios de proximidade.

o) Contrato de arrendamento de predio próximo ou lindante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 5. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar, en todo caso, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite as persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recabados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercitar outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional segunda. Actualización do anexo normalizado de acceso ao servizo

O anexo normalizado de acceso ao servizo poderá ser modificado co obxecto de mantelo actualizado e adaptado á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación deste anexo adaptado ou actualizado na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estará accesible para todas as persoas interesadas.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2019

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file