Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Venres, 27 de setembro de 2019 Páx. 42764

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 24 de setembro de 2019, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se procede á segunda convocatoria do ano 2019 para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a adquisición de equipamentos deportivos (código de procedemento PR949A).

A practica deportiva, a nivel competitivo, caracterízase pola necesidade de contar cunha serie de equipamentos deportivos que faciliten e melloren as condicións nas que os deportistas desenvolven a súa modalidade ou especialidade.

Tendo en conta a importancia que as entidades deportivas sen ánimo de lucro teñen nesa actuación do fomento da práctica deportiva, faise preciso arbitrar un sistema de axudas públicas dedicadas á adquisición de equipamentos, a fin de contribuír na modernización e actualización do material deportivo necesario para o adecuado exercicio da práctica deportiva do que dispoñen as citadas entidades.

O Estatuto de autonomía de Galicia recolle, no seu artigo 27.22, a competencia da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción do deporte. De conformidade cos parámetros de actuación establecidos na Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, e segundo ás atribucións que lle son conferidas polo Decreto 76/2017, do 28 de xullo, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral para o Deporte vén establecer a presente convocatoria para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a entidades deportivas sen ánimo de lucro de Galicia, para a adquisición de equipamentos deportivos.

Esta resolución dá cumprimento aos principios de publicidade, libre concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

Por outra banda, as subvencións reguladas na presente resolución tramitaranse polo procedemento ordinario de concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva conforme as previsións establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións.

En virtude do exposto, e en exercicio das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Por esta resolución procédese á segunda convocatoria para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a adquisición de equipamentos deportivos para o ano 2019.

2. As bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria de subvencións da Secretaría Xeral para o Deporte, en réxime de concorrencia competitiva, para a adquisición de equipamentos deportivos son as aprobadas a través da Resolución do 22 de maio de 2019, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento PR949A), que se publicou no DOG núm. 98, do 24 de maio.

3. En todo o non disposto expresamente nesta resolución, para os efectos do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, estarase ao disposto na Resolución do 22 de maio de 2019, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento PR949A).

Artigo 2. Financiamento

1. Para esta convocatoria, o crédito orzamentario para financiar estas axudas é de 1.916.089,69 €, con cargo á aplicación orzamentaria 04.40.441A.780.1, «Convocatoria para equipamento deportivo ás entidades deportivas», dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019.

2. Este crédito orzamentario poderase incrementar como consecuencia dunha xeración, ampliación, incorporación de crédito ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

3. Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura dun novo prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver e para xustificar.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro desta convocatoria os clubs deportivos galegos, sociedades anónimas deportivas e as federacións deportivas galegas que non resultasen beneficiarias da concesión da subvención a través da Resolución do 22 de maio de 2019, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento PR949A) .

Artigo 4. Lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible, segundo o anexo III, na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Non obstante, non será necesario a presentación dunha nova solicitude por parte das entidades solicitantes ao abeiro da Resolución do 22 de maio de 2019, cuxa solicitude fose desestimada en base á non dispoñibilidade de crédito desa convocatoria. Neste suposto, a Administración incorporará e tramitará de oficio aquelas solicitudes á presente convocatoria, notificándolle esta circunstancia ás entidades afectadas.

Non obstante, dentro do prazo de presentación de solicitudes, as amentadas entidades poderán manifestar o seu desistimento ou modificar as solicitudes incorporadas de oficio pola Administración. Neste suposto será necesario a presentación dunha nova solicitude de acordo co anexo III.

Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Para a convocatoria do exercicio económico do 2019, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Artigo 5. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificación do órgano colexiado competente da entidade deportiva (anexo IV).

b) Memoria xustificativa e méritos (anexo V).

2. A documentación complementaria deberá presentarase electronicamente. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Atriga.

g) Consulta de concesión de subvencións e axudas.

h) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

i) Consulta de concesións pola regra de minimis.

2 Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Artigo 7. Publicación dos actos

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as notificacións dos requirimentos e resolucións administrativos nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web http://deporte.xunta.gal/

Artigo 8. Notificacións

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido no artigo 45.1.a) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os requirimentos citados de emenda faranse mediante publicación no DOG e producirá os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte (http://deporte.xunta.gal). Se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web pola notificación individualizada, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, segundo o seguinte:

a) As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

b) As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

c) Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, aos efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

d) As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

e) Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Resolución

1. A persoa titular da Secretaría Xeral para o Deporte, á vista da proposta do órgano instrutor, ditará a correspondente resolución que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, o equipamento que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, se é o caso, a causa de denegación ou inadmisión.

A dita resolución, e de conformidade co establecido no artigo 45.1.a) da mesma lei, será notificada mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás persoas interesadas será de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as/os interesadas/os poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 11. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Secretaría Xeral para o Deporte publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se puider impoñeren nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 12. Recursos

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderanse interpor os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Secretaría Xeral para o Deporte no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. Recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 13. Xustificación da subvención

1. O pagamento da subvención quedará condicionada á presentación dunha solicitude de pagamento, segundo o anexo VI, polas entidades beneficiarias, nos lugares sinalados no artigo 4 da convocatoria.

Nesa solicitude a persoa beneficiaria fará constar:

O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, e o compromiso de comunicar de contado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

De haber outros ingresos ou subvencións que financien a actividade subvencionada, deberá incluírse unha relación detallada de tales ingresos ou subvencións con indicación do importe e da súa procedencia.

2. Xunto coa solicitude de pagamento, a persoa beneficiaria deberá achegar a documentación seguinte:

a) Certificación responsable asinada polo/a secretario/a da entidade deportiva beneficiaria segundo o anexo VII, na que conste:

1º. A aprobación polo órgano competente da xustificación da subvención, na cal se faga constar de forma detallada:

a. O cumprimento da finalidade da subvención.

b. Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada, coa seguinte relación: identificación do/da acredor/a, número de factura ou documento equivalente, importe, data de emisión e data de pagamento.

2º. Que, segundo informe do tesoureiro da entidade deportiva beneficiaria, se anotou na contabilidade do gasto correspondente á adquisición do equipamento subvencionado.

3º. Que, segundo informe do/da secretario/a da entidade deportiva beneficiaria, a adquisición de equipamentos se realizou seguindo o seguinte procedemento:

– Solicitude de tres ofertas, de conformidade co establecido no artigo 48.2.f) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

– Que a elección entre as ofertas recaeu na proposta económica máis vantaxosa.

– Que as solicitudes das ofertas, a elección e o pagamento do equipamento se realizou con posterioridade ao 1 de xaneiro do 2019 e que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación.

b) Relación clasificada de gastos (anexo VIII) e facturas xustificativas dos investimentos realizados coa xustificación dos pagamentos que deberá acreditar que se fixeron cos requisitos exixidos no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de subvencións de Galicia.

Os investimentos xustificaranse con facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa, en orixinal ou copias auténticas electrónicas. As facturas deberán estar expedidas entre o 1 de xaneiro de 2019 e a data límite da xustificación do proxecto.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

Non obstante, no presente procedemento admitiranse os documentos en papel ou copias debidamente compulsadas debido a circunstancias funcionais e/ou tecnolóxicas derivadas da implantación progresiva por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma en relación coa organización da emisión das copias auténticas electrónicas.

A xustificación dos pagamentos acreditarase a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento comprendido entre o 1 de xaneiro de 2019 e a data límite da xustificación do proxecto. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, así como o número de factura obxecto do pagamento e a data deste.

Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

Con carácter excepcional, aceptarase a xustificación do pagamento mediante recibín do provedor para gastos de escasa contía por importes inferiores a 1.000 euros.

3. O prazo máximo de xustificación rematará ao mes seguinte da publicación da resolución de concesión da axuda.

4. A presentación da solicitude de pagamento de subvención pola persoa interesada ou representante, comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. A Secretaría Xeral para o Deporte poderá solicitar calquera documentación necesaria para a correcta verificación da subvención.

6. A falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, sen prexuízo do previsto nos artigos 45.2 e 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Disposición adicional única. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Secretaría Xeral para o Deporte coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

A fin de darlle a publicidade esixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme ao descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da a Secretaría Xeral para o Deporte para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2019

José Ramón Lete Lasa
Secretario xeral para o Deporte

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file