Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Luns, 30 de setembro de 2019 Páx. 43055

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 19 de setembro de 2019 pola que se establecen as condicións para a repartición do fondo adicional e complementario ao Fondo de Cooperación Local para o ano 2019 entre os concellos resultantes dun proceso de fusión.

O impulso de medidas incentivadoras da xestión eficaz e eficiente dos recursos públicos dos municipios galegos é un dos principais obxectivos da Xunta de Galicia, que ten como finalidade contribuír a que os concellos poidan continuar prestando os debidos servizos á cidadanía, mellorando as condicións de vida que satisfagan as súas necesidades á vez que se reducen os custos que a prestación destes servizos traslada á carga impositiva que soporta a veciñanza. Como unha das medidas máis eficaces para acadar estes obxectivos, a Xunta de Galicia pretende promover e apoiar os proxectos de fusión municipal que inicien os concellos da nosa Comunidade Autónoma.

O artigo 13.1 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, dispón que a Xunta de Galicia establecerá unha serie de medidas de fomento para as fusións de municipios ou para a incorporación doutros, que supoñen, entre outras, tanto o dereito ao incremento da porcentaxe de participación que corresponde no Fondo de Cooperación Local como a adopción de medidas de fomento para que se fusionen os concellos, que poden ser aplicadas tamén aos concellos fusionados nos últimos 5 anos.

Nesta liña, a Lei 2/2018, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019 (DOG núm. 247, do 28 de decembro), establece no Fondo de Cooperación Local para o ano 2019 un fondo adicional e outro complementario con destino exclusivo e finalista aos concellos fusionados.

Concretamente, é o artigo 57 da Lei 2/2018, do 26 de decembro, o que establece os conceptos de distribución dos novos recursos que se integran no fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local, e inclúe, entre outras, unha dotación para os concellos resultantes dun proceso de fusión. Así mesmo, a epígrafe oito dese mesmo artigo, dótase un fondo complementario que se destinará ao cumprimento do sinalado no artigo 13.un, letras a) e f) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, reguladora da Administración local de Galicia.

A repartición do fondo adicional correspondente aos municipios resultantes dun proceso de fusión e do fondo complementario ao Fondo de Cooperación Local para 2019 realizarase nas condicións que estableza a consellería competente en materia de Administración local.

Resulta, pois, preciso establecer e precisar as condicións de repartición do citado fondo adicional e fondo complementario ao Fondo de Cooperación Local do ano 2019, considerando como criterio determinante a participación en procesos de fusión ou de incorporación voluntaria a outros concellos.

Segundo o artigo 1.2 do Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, este é o departamento da Xunta de Galicia ao cal lle corresponde a elaboración, proposta e execución da política do Goberno galego en materia de Administración local.

No artigo 22 do mesmo Decreto 74/2018, do 5 de xullo, indícase que o órgano encargado da xestión das competencias que se lle atribúen á Xunta de Galicia en materia de Administración local é a Dirección Xeral de Administración Local.

Polo exposto e de conformidade co establecido no punto oito do artigo 57 da Lei 2/2018, do 26 de decembro, do orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza é o órgano competente para a determinación das condicións de repartición do fondo adicional para os municipios resultantes dun proceso de fusión e do fondo complementario ao Fondo de Cooperación Local para o ano 2019.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Por medio desta orde regúlanse as condicións de participación no Fondo de Cooperación Local do ano 2019 dos municipios resultantes dun proceso de fusión para a repartición do fondo adicional e do fondo complementario.

2. O Fondo de Cooperación Local para o ano 2019 ten un fondo adicional cunha dotación de 500.000 euros destinados aos concellos resultantes dun proceso de fusión e un fondo complementario cunha dotación de 1.300.000 euros destinados na súa totalidade ao cumprimento do sinalado no artigo 13.un, letras a) e f), da Lei 5/1997, do 22 de xullo, reguladora da Administración local de Galicia.

Artigo 2. Beneficiarios

Serán beneficiarios dos fondos adicional e complementario recollidos no punto 2 do artigo anterior os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia resultantes dun proceso de fusión municipal.

Artigo 3. Destino

As achegas procedentes destes fondos adicional e complementario ao Fondo de Cooperación Local terán carácter non finalista e poderán ser aplicadas polos concellos ao financiamento de programas de gasto de natureza produtiva ou xeradora de emprego, obras ou servizos, gastos de persoal, gastos correntes en bens e servizos, amortización de débeda ou calquera outro gasto ou investimento acorde coas competencias municipais.

Artigo 4. Distribución

1. O fondo adicional de 500.000 euros dotado na aplicación orzamentaria 21.01.811B.460.1 será distribuído entre aqueles concellos resultantes dun proceso de fusión municipal nos últimos cinco anos.

2. O fondo complementario de 1.300.000 euros dotado na aplicación orzamentaria 21.01.811B.460.3 será distribuído entre os municipios fusionados en función da súa antigüidade, correspondendo, segundo o caso, un 60 % do importe ás entidades locais fusionadas nos cinco últimos anos e un 40 % ás fusionadas entre os dez e os cinco últimos anos contados desde a publicación desta orde.

3. A Dirección Xeral de Administración Local comunicará á Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos os concellos que participarán no Fondo de Cooperación Local por estes conceptos no prazo de tres días desde a publicación desta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2019

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza