Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Luns, 30 de setembro de 2019 Páx. 43053

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 113/2019, do 12 de setembro, polo que se aproba a modificación parcial dos estatutos do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma, transfire no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia, correspondendo á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza as competencias nesta norma, en virtude do Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 16 que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límite que os establecidos polo ordenamento xurídico. O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicar á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións.

Dando cumprimento a esta disposición, o Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia acordou, en xunta xeral, a modificación dos seus estatutos, que foron presentados ante esta Administración para os efectos da súa aprobación definitiva mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 28 da Lei 11/2001, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude do exposto e verificada a adecuación á legalidade do texto dos estatutos, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e tras a deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día doce de setembro de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Aprobar a modificación parcial do Decreto 133/2017, do 30 de novembro, polo que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia.

2. A modificación afecta o artigo 4, que queda redactado co contido que figura no anexo a este decreto.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de setembro de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Artigo 4. O ámbito territorial do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia será a Comunidade Autónoma de Galicia. O colexio terá sede na cidade da Coruña e o seu domicilio oficial será na praza Alfonso XIII, nº 8, baixo, 15008 A Coruña. O colexio terá delegación na cidade de Vigo, situada na rúa Uruguai, nº 31, baixo, 36201 Vigo.

Os cambios de domicilio poden ser acordados, por proposta da Xunta de Goberno, pola Asemblea ordinaria por maioría.