Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Mércores, 2 de outubro de 2019 Páx. 43416

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 23 de setembro de 2019, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se modifica a Resolución do 15 de maio de 2019 pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a tempada 2019/20.

A Resolución do 15 de maio de 2019, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a tempada 2019/20, establece no seu artigo 13 relativo ao control de danos que co fin de reducir os danos que se poidan producir na agricultura, na gandaría, na silvicultura, na circulación viaria, na flora e fauna silvestres, as persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poderán acordar medidas de control.

As poboacións de xabaril veñen experimentando nos últimos anos un incremento no conxunto do territorio de Galicia, que obedece aos cambios de uso no medio e ás características ecolóxicas da especie. O posible exceso de poboación de xabarís pode ser un elemento perturbador importante de certas comunidades de flora e fauna dos ecosistemas que ocupa, aspecto que resulta preciso prever e evitar na medida do posible, antes de que se produza.

Por outra parte, tense constatado que a especie provoca múltiples danos na agricultura e numerosos accidentes de tráfico, sendo un problema adicional a presenza cada vez máis habitual de xabarís nas zonas periurbanas.

Así mesmo, unha elevada poboación de xabarís favorecería o risco de dispersión de certas enfermidades, como a peste porcina africana, dificultando a súa erradicación nun momento dado, de ser necesaria.

No marco desta problemática, téñense adoptado medidas de carácter excepcional por danos en determinados concellos das catro provincias galegas, co fin de minorar na medida do posible os efectos desta especie sobre os ecosistemas, as producións agrarias e o propio medio urbano.

Como resultado do réxime actual de regulación da actividade cinexética sobre o xabaril para a tempada 2019/20, e a pesar das medidas implantadas, tense constatado un incremento dos danos producidos á agricultura na maioría das comarcas de Galicia, de xeito que existe un claro incremento porcentual global do número de avisos de xabaril na tempada 2018-2019, con respecto á tempada 2017-2018.

Débese ter en conta, así mesmo, que nestes momentos nos atopamos no período crítico de recolleita e que, dada a situación actual, a previsión é que os danos sigan a producirse, polo que é preciso implementar e axilizar estas medidas para previr e reducir os danos que ocasiona o resto da tempada de caza.

Para isto, e dado o carácter ubicuo e a grande capacidade de desprazamento do xabaril, é preciso ampliar a todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia a adopción de medidas tendentes ao seu control para reducir e previr estes danos e intentar frear a súa expansión, polo que cómpre eximir todo o ámbito territorial galego da necesidade de comprobación previa destes danos para a autorización de medidas de control, co fin de axilizar a súa realización.

Na situación actual, dadas as especiais circunstancias que as poboacións de xabarís están ocasionando pola súa incidencia sobre a agricultura e os accidentes de tráfico, a prevención das posibles afeccións sobre certas comunidades de flora e fauna dos ecosistemas que ocupa, o problema engadido pola presenza cada vez máis habitual desta especie nas zonas periurbanas e os posibles riscos sanitarios asociados a enfermidades que poden ser diseminadas a través dela, considérase prioritario incidir na adopción de medidas que permitan axilizar os mecanismos instaurados para o seu control, conducentes a reducir as densidades e poboacións desta especie, facendo extensivas a todo o territorio da Comunidade Autónoma as excepcións previstas para determinados concellos, en relación coa comprobación previa dos danos producidos.

De acordo co disposto no artigo 148.1.11 da Constitución, en virtude do establecido no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía de Galicia, esta comunidade autónoma ten competencia exclusiva en materia de caza.

O 8 de xaneiro de 2014 publicouse a Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia. Esta lei establece no seu artigo 54 que, anualmente, unha resolución da persoa titular da dirección xeral competente en materia de caza determinará as épocas hábiles de caza e as medidas de control por danos, así como os réximes especiais por especies.

O Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, atribúe a esta consellería a ordenación e o aproveitamento dos recursos cinexéticos e, no seu artigo 11, concreta que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural é o organismo que exercerá as competencias e funcións atribuídas en materia da ordenación, conservación, protección, fomento e aproveitamento sustentable dos recursos cinexéticos.

Con base no exposto, no uso das funcións conferidas polo disposto no artigo 54 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificación da Resolución do 15 de maio de 2019 pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a tempada 2019/20

Modifícase a Resolución do 15 de maio de 2019 pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a tempada 2019/20, nos termos que se recollen a seguir:

Un. Modifícase a letra b) do punto 2 do artigo 13. Danos producidos pola caza, que queda redactada do xeito seguinte:

b) Xabaril (Sus scrofa):

1. Co fin de reducir os danos producidos por esta especie, as persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poderán autorizar a realización de batidas, montarías, esperas e axexos. As solicitudes deberán presentarse a partir da detección dos danos, de modo que permita a súa comprobación polo servizo provincial correspondente. As persoas titulares dun Tecor tamén poderán solicitar a adopción destas medidas de control nas zonas de adestramento para cans e aves de cetraría e zonas de veda que teñan autorizadas. As persoas solicitantes das batidas, montarías, esperas ou axexos autorizados deberán informar por escrito dos seus resultados ao Servizo Provincial de Patrimonio Natural correspondente nun prazo máximo dos 10 días seguintes á súa realización. O incumprimento deste requisito poderá supoñer a non autorización de máis batidas, montarías, esperas ou axexos e a anulación automática dos xa autorizados.

2. En todos os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, as autorizacións de caza por danos realizaranse de maneira inmediata e non será preceptiva a comprobación destes, sen prexuízo das comprobacións que poidan efectuar os servizos de Patrimonio Natural.

Por petición do/da titular do Tecor, os exemplares capturados nas actuacións cinexéticas autorizadas por danos non serán tidas en conta no cómputo da cota anual de capturas.

Dous. Queda suprimido o anexo IV: relación de concellos nos cales se poderán adoptar medidas excepcionais para o control dos danos ocasionados polo xabaril.

Segundo. Eficacia

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2019

Belén María do Campo Piñeiro
Directora xeral de Patrimonio Natural