Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Venres, 11 de outubro de 2019 Páx. 44966

III. Outras disposicións

Parlamento de Galicia

ACORDO do 1 de outubro de 2019 polo que se aproba o Regulamento de concesión directa de subvencións á Asociación de Exparlamentarios e Exparlamentarias do Parlamento de Galicia.

A Administración parlamentaria, en virtude da súa autonomía derivada dos artigos 12 do Estatuto de autonomía de Galicia, e 30 e 60, entre outros, do Regulamento do Parlamento de Galicia, dispón de capacidade autoorganizativa, é dicir, das facultades necesarias para dotarse do funcionamento que determine, co fin de que a súa actuación ao servizo dos intereses xerais se axuste aos principios constitucionalmente establecidos.

A Mesa do Parlamento de Galicia, na súa reunión do día 17 de abril de 2018, aprobou o Regulamento de organización e funcionamento da Administración do Parlamento de Galicia (DOG núm. 87, do 7 de maio). No capítulo V dese regulamento establécense as subvencións públicas que outorgará o Parlamento de Galicia e determínase con carácter xeral a suxeición do procedemento ao réxime da normativa xeral de subvencións.

Ao respecto da concesión directa daquelas subvencións en que se acrediten razóns de interese público social, merecen unha especial singularización regulamentaria as que puideren concederse á Asociación de Exparlamentarios e Exparlamentarias do Parlamento de Galicia, tendo en conta a natureza dos seus fins fundacionais, concordantes coas accións que realiza o Parlamento de Galicia, encamiñadas ao acceso ás institucións públicas de Galicia e á promoción de actividades destinadas ao fortalecemento do sistema democrático.

Polo exposto, a Mesa do Parlamento de Galicia, na sesión do 1 de outubro de 2019, ao abeiro do disposto nos artigos 30.1.2º do Regulamento do Parlamento de Galicia e 3.2.c) do Regulamento de organización e funcionamento da Administración do Parlamento de Galicia

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto

Este regulamento ten por obxecto determinar a concesión de subvencións directas de carácter singular a favor da Asociación de Exparlamentarios e Exparlamentarias do Parlamento de Galicia.

Artigo 2. Réxime xurídico aplicable

O réxime xurídico aplicable será o establecido pola lexislación xeral de subvencións.

Artigo 3. Órganos competentes

O órgano competente para a súa concesión será a Mesa do Parlamento, agás respecto daquelas subvencións cuxos importes non superen as contías previstas pola lexislación de contratos do sector público para os contratos menores, que serán competencia da Presidencia do Parlamento de Galicia.

Artigo 4. Procedemento e contías

Para a concesión de subvencións de xeito directo á Asociación de Exparlamentarios e Exparlamentarias do Parlamento de Galicia, deberá figurar no expediente a concreción dos seguintes datos: obxecto da subvención, réxime xurídico aplicable e réxime de xustificación.

No expediente deberá constar, cando menos, unha memoria elaborada pola unidade xestora das subvencións e un informe da Intervención.

Así mesmo, axustaranse ás previsións da normativa, agás no relativo aos principios de publicidade e concorrencia.

A súa concesión, cuxa contía non estará suxeita ao límite establecido no artigo 30.3 do Regulamento de organización e funcionamento da Administración do Parlamento de Galicia, poderá efectuarse mediante resolución ou mediante convenio de colaboración.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Este regulamento publicarase no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2019

Miguel Ángel Santalices Vieira
Presidente do Parlamento de Galicia