Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Xoves, 17 de outubro de 2019 Páx. 45660

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 127/2019, do 3 de outubro, polo que se aproba a disolución da agrupación voluntaria dos concellos de Esgos e Xunqueira de Espadanedo, da provincia de Ourense, para o sostemento en común da praza de secretaría-intervención.

Os concellos de Esgos e Xunqueira de Espadanedo, en sesións plenarias celebradas o 2 de maio de 2019, acordaron aprobar definitivamente a disolución da agrupación de municipios constituída para o sostemento en común da praza de secretaría-intervención e remitir o expediente á Dirección Xeral da Administración Local da Xunta de Galicia.

Ambos os concellos poñen de manifesto no expediente a necesidade de poñer fin á agrupación por teren variado as circunstancias que deron lugar á súa constitución; en concreto, sinalan a mellora da súa situación financeira e a conveniencia de que as funcións de secretaría-intervención se presten de forma continuada en ambas as entidades e non en determinados días. A agrupación voluntaria dos concellos de Esgos e de Xunqueira de Espadanedo foi aprobada polo Consello da Xunta de Galicia polo Decreto 201/2012, do 4 de outubro, que se publicou no Diario Oficial de Galicia número 200, do 19 de outubro, e supuxo a desaparición dos postos existentes nos ditos concellos e a creación dun único posto como consecuencia da aprobación da agrupación.

De conformidade coa normativa estatal, Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, corresponde ás comunidades autónomas, de acordo coas súas normas propias, acordar a constitución e disolución de agrupacións de secretaría dentro do seu ámbito territorial.

A normativa autonómica regula o procedemento de disolución de agrupacións para o sostemento en común de prazas reservadas a persoal funcionario de Administración local, no artigo 167 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e nos artigos 13 e 16 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal.

No expediente seguíronse os trámites previstos na devandita normativa, constando os informes favorables da Deputación Provincial de Ourense e da Delegación do Goberno. Así mesmo, consta a proposta de clasificación dos postos resultantes e en cal das entidades locais queda adscrito o persoal funcionario con habilitación de carácter nacional que está a desempeñar o posto na agrupación.

A competencia para a aprobación da agrupación corresponde ao Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de réxime local, segundo dispón a normativa autonómica sinalada.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día tres de outubro de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Primeiro. Aprobar a disolución da agrupación voluntaria dos concellos de Esgos e Xunqueira de Espadanedo para o sostemento en común dun posto único de secretaría-intervención.

Segundo. Clasificar os postos reservados a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional resultantes da disolución, nos seguintes termos:

Entidade local: Concello de Esgos.

Posto: secretaría de clase terceira.

Subescala: secretaría-intervención.

Forma de provisión: concurso.

Nivel de complemento de destino: 26.

Complemento específico: 16.680,00 €.

Entidade local: Concello de Xunqueira de Espadanedo.

Posto: secretaría de clase terceira.

Subescala: secretaría-intervención.

Forma de provisión: concurso.

Nivel de complemento de destino: 26.

Complemento específico: 12.287,21 €.

Terceiro. Adscribir definitivamente a María Ángeles Alonso Paradela, titular actual do posto de secretaría da agrupación dos concellos de Esgos e Xunqueira de Espadanedo, ao novo posto de secretaría de clase terceira do concello de Esgos.

Contra este acto, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poden interpoñer potestativamente recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación perante o órgano que ditou o acto ou, directamente, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde o día seguinte ao da súa publicación, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de outubro de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza