Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Martes, 5 de novembro de 2019 Páx. 47527

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 28 de outubro de 2019 pola que se convoca un curso de permisos de corresponsabilidade nos coidados familiares para a igualdade.

De acordo co Convenio de colaboración subscrito con data do 23 de xullo de 2019, entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante EGAP) e Federación de Empregados e Empregadas dos Servizos Públicos de Galicia (en diante FeSP UGT Galicia) para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación,

RESOLVO:

Convocar o curso que figura no anexo II, que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2019

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos das persoas participantes

Poderá participar na acción formativa convocada nesta resolución o persoal empregado público en situación de servizo activo ou asimilada das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica, como local e de xustiza, dos entes instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia e das universidades do Sistema universitario de Galicia, que se encontre en situación de servizo activo, permiso por maternidade ou paternidade, adopción ou acollemento ou excedencia polo coidado dun/dunha fillo/a ou familiar e que reúna os requisitos establecidos nesta convocatoria e para cada un dos casos no anexo II.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

As actividades formativas realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que para cada un deles se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <https://egap.xunta.gal>.

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será de sete días contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 9.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

6. Ao tratarse de actividades impartidas nunha modalidade que inclúe teleformación, deberán dispor dun equipo informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

– Un computador con conexión á internet.

– Un navegador web co plugin de flash.

7. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (discapacidade, permiso de maternidade, etc.) de acordo cos criterios de selección poderán remitirlle á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ou ao enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). A dita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

8. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 63 35 e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

Cuarta. Criterios de selección

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes.

Quinta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

O prazo de presentación de alegacións será de dez días desde a súa publicación de acordo co artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda.

Transcorrido o prazo de alegacións, a EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso. Contra esta listaxe poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde a dita publicación, de acordo co disposto polos artigos 112.1, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sexta. Cambios ou substitucións na selección; renuncia.

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP cunha antelación de tres días anteriores ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

c) As persoas que incumpran o previsto nas liñas a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Sétima. Realización de probas

Para poder superar a actividade de formación, o alumnado deberá superar unha proba de avaliación que se realizará ao final dela.

Oitava. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Novena. Facultades da EGAP

1. A EGAP e FeSP UGT Galicia poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos/as sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e FeSP UGT Galicia resérvanse o dereito a suspender ou cancelar a actividade, caso no que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e FeSP UGT Galicia garantirán na actividade derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código: CV19063.

Área de coñecemento: igualdade e violencia de xénero.

Nome do curso: permisos de corresponsabilidade nos coidados familiares para a igualdade.

1. Obxectivos.

Visibilizar a necesidade dunha repartición equilibrada dos coidados e tarefas no ámbito da vida persoal, familiar e laboral, e por outro, fomentar a corresponsabilidade nas traballadoras e traballadores da Administración pública de Galicia.

Concienciar de cara a un equilibrio na repartición das tarefas, decisións e responsabilidades entre homes e mulleres, e camiñar cara á unha distribución igualitaria de recursos, tempos, oportunidades e dereitos, para acadar unha mellor conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

Con esta acción preténdese sensibilizar as persoas, colaborar na eliminación de roles e estereotipos tradicionais que envolven a sociedade en tarefas e funcións diferentes que provocan desigualdade entre homes e mulleres.

2. Destinatarios/as.

Persoal ao servizo das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica, como local e de xustiza, dos entes instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia e das universidades do Sistema universitario de Galicia.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: teleformación.

Duración: 20 horas.

Edicións: unha.

Prazas: 50.

Datas: 20 de novembro de 2019 ao 12 de decembro de 2019.

Proba final presencial: 16 de decembro ás 10.00 horas, descentralizada nas sete cidades galegas.

4. Contido.

Módulo 1: conceptos de sexo e xénero (6 horas).

Actividade de avaliación: suposto práctico.

Módulo 2: compartir responsabilidades (7 horas).

Actividade de avaliación: un cuestionario de avaliación.

Módulo 3: dereitos para facer compatible a vida laboral, familiar e persoal (7 horas).