Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Venres, 8 de novembro de 2019 Páx. 48027

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 30 de outubro de 2019 pola que se aproban as bases e a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, de admisión de salas de música de titularidade privada á programación musical desta axencia (código de procedemento CT405A).

Primeira. Obxecto

A presente convocatoria ten por obxecto a admisión de salas de música de titularidade privada situadas na Comunidade Autónoma de Galicia á programación musical da Axencia Galega das Industrias Culturais. Unha vez admitidas, as salas poderán acceder ás programacións da Axencia Galega das Industrias Culturais (código de procedemento CT405A).

Ás salas admitidas permitiráselles o uso da marca Rede Galega de Música ao Vivo, marca rexistrada pola Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, co número de rexistro 2.760.177 e vixencia ata o 12 de marzo de 2027.

Segunda. Normativa aplicable

A normativa aplicable a esta convocatoria axustarase ao disposto na resolución pola que se aproban as bases e a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, de admisión de salas de música de titularidade privada á programación musical da Axencia Galega das Industrias Culturais, á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, a Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e supletoriamente a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como os preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións, a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, a Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, e demais normativa de xeral aplicación.

Terceira. Requisitos de admisión de salas

1. Poderán participar neste programa as persoas físicas (autónomas) ou entidades xestoras de salas de música de titularidade privada que cumpran os seguintes requisitos:

– Estar dado de alta no imposto de actividades económicas (IAE) na epígrafe correspondente no vixente exercicio, na data de finalización das solicitudes.

– Ter sede, domicilio social ou establecemento permanente na Comunidade Autónoma de Galicia.

– Estar en posesión das licenzas, autorizacións e/ou requisitos legalmente exixidos para realizar espectáculos en directo.

– Contar cunha programación estable de concertos durante os dous últimos anos, cun mínimo de 25 concertos en cada un dos anos anteriores.

– Non se admitirán as salas cuxa titularidade pertenza a asociacións ou outras entidades sen ánimo de lucro.

– Non poderán acceder os solicitantes que se encontren afectados por algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Enténdese para efectos da presente resolución por sala de música aquela en que polo menos un 80 % da programación anual corresponda a concertos de música, que deberán sumar un mínimo de 25 concertos anuais, en cada un dos últimos tres anos.

3. Os solicitantes que sexan adheridos á Rede galega de música ao vivo quedan sometidos ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no título III da Lei 9/2007, ou polo Consello de Contas ou Tribunal de Contas, segundo a súa normativa.

Cuarta. Inicio do procedemento: presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (anexo I).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de forma presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Estas bases, así como a guía de procedementos e servizos, estarán dispoñibles no seguinte enderezo web https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos, nas dependencias desta axencia e na súa páxina web, e tamén quedarán expostas no taboleiro de anuncios da Agadic e debidamente publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG).

3. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados de forma electrónica accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Quinta. Prazo de presentación das solicitudes e emenda

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. Se a solicitude non estiver debidamente cuberta, non se achegar a documentación exixida ou non se reuniren os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a persoa interesada será requirida para que no prazo de dez días hábiles, contados desde o día seguinte á notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos, e indícase, ademais que, de non o facer, se considerará que desiste da súa petición, logo de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos na lei.

Sexta. Documentación requirida aos solicitantes

1. Ademais da solicitude (anexo I), as persoas interesadas presentarán, con carácter xeral, a seguinte documentación:

1.1. Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro mercantil ou no que corresponda.

1.2. Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

2. Ademais, as solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación complementaria:

2.1. Documentación acreditativa ou declaración responsable de estar en posesión dos permisos, licenzas e/ou autorizacións necesarias para a celebración de concertos.

2.2. Seguro de responsabilidade civil.

2.3. Restante documentación legalmente obrigatoria en relación á sala propiamente dita, á celebración do concerto e ao público asistente.

2.4. Documentación acreditativa da capacidade da sala.

2.5. Documentación acreditativa da antigüidade da sala.

2.6. Documentación acreditativa das actuacións programadas na sala nos últimos dous anos.

2.7. Ficha técnica da sala onde apareza reflectido o material de luz e son, as medidas do escenario, o número de cameríns, e a dispoñibilidade de acceso para carga e descarga.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade.

3. A documentación deberá presentarse de forma electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación de forma presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente no caso de dispoñer del.

No caso de que algún dos documentos que vaia presentar a persoa solicitante ou representante de forma electrónica supere os tamaños límite establecidos na sede electrónica, permitirase a presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Sétima. Comprobación de datos

1. Para a tramitación do procedemento destas axudas consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– NIF da entidade solicitante.

– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Oitava. Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración será nomeada polo director da Agadic e estará integrada por un presidente e tres vogais entre persoas do ámbito musical, e será a encargada de avaliar todas as solicitudes e de elaborar unha listaxe das salas por orde de puntuación. Actuará como secretario un membro do cadro de persoal da Agadic, con voz e sen voto.

2. O número máximo de salas que se admitirán na convocatoria será de trinta e corresponde á comisión realizar a proposta de resolución indicando as salas propostas para seren incluídas na programación da Rede Galega de Música ao Vivo, que será elevada á Dirección da Agadic.

3. No suposto de empate, este resolverase a favor da sala con maior número de concertos programados nos últimos dous anos.

Novena. Criterios de baremación

As solicitudes teñen que ser valoradas de conformidade cos seguintes criterios:

Capacidade

Menos de 50 persoas

Entre 50 e 150 persoas

Máis de 150 persoas

5 puntos

10 puntos

15 puntos

Antigüidade

2 puntos por ano de antigüidade ata un máximo de 20 puntos

Concertos programados nos últimos 2 anos

Entre 25 e 49

Entre 50 e 74

Máis de 74 concertos

10 puntos

20 puntos

30 puntos

Son

Equipamento de son

Baixa calidade

Calidade media

Alta calidade

P.A.

5 puntos

8 puntos

10 puntos

Monitores

5 puntos

8 puntos

10 puntos

Mesa

5 puntos

8 puntos

10 puntos

Microfonía e soportes

5 puntos

8 puntos

10 puntos

Luz

Equipamento de luz

Baixa calidade

Calidade media

Alta calidade

Focos

2 puntos

4 puntos

6 puntos

Robótica

2 puntos

4 puntos

6 puntos

Mesa de control

2 puntos

4 puntos

6 puntos

Dimmers

2 puntos

4 puntos

6 puntos

Vídeo

Proxector de vídeo

Fóra do escenario

Cerca do escenario

Proxección no escenario

3 puntos

5 puntos

7 puntos

Accesos e carga/descarga

Accesos

Malo

Regular

Bo

3 puntos

5 puntos

7 puntos

Escenario

Malo

Regular

Bo

Escenario

10 puntos

15 puntos

20 puntos

Cameríns

4 puntos

7 puntos

10 puntos

Décima. Resolución

A Dirección da Agadic ditará a resolución indicando as salas que formarán parte de Rede Galega de Música ao Vivo e notificará a citada resolución aos solicitantes. A resolución deberanse ditar e notificar no prazo máximo de catro meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria pública no Diario Oficial de Galicia, e será motivada. Se transcorrer o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Décimo primeira. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónico de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo segunda. Recursos

A presente convocatoria non porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor o recurso de alzada ante a presidencia do Consello Reitor da Agadic no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente.

Disposición adicional. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia –Axencia Galega das Industrias Culturais– coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

A fin de dar a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/protección-datos-persoais.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2019

Jacobo Sutil Nesta
Director da Axencia Galega das Industrias Culturais

missing image file
missing image file