Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Martes, 12 de novembro de 2019 Páx. 48466

III. Outras disposicións

Consello de Contas de Galicia

RESOLUCIÓN do 29 de outubro de 2019 pola que se dá publicidade ao Acordo do Pleno da institución, do 23 de setembro de 2019, polo que se crea o Premio de investigación Carlos G. Otero Díaz e se establecen as bases reguladoras para a súa concesión.

Con data do 23 de setembro de 2019, o Pleno do Consello de Contas de Galicia aprobou a creación do Premio de investigación Carlos G. Otero Díaz para promover a investigación en materias relacionadas coa prevención da corrupción nas administracións públicas, e establecen as bases reguladoras para a súa concesión.

Dando cumprimento á súa base vixésima e ao abeiro das competencias que me corresponden consonte o artigo 10 do Regulamento de réxime interior do Consello de Contas,

DISPOÑO:

Darlle publicidade ao Acordo do Pleno da institución, do 23 de setembro de 2019, polo que se crea o Premio de investigación Carlos G. Otero Díaz, que se incorpora como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2019

José Antonio Redondo López
Conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia

ANEXO

Acordo polo que se crea o Premio de investigación Carlos G. Otero Díaz
e se establecen as bases reguladoras para a súa concesión

O Consello de Contas de Galicia, como órgano de control externo con competencias en materia de prevención da corrupción, ten grande interese en promover a investigación en materias relacionadas con esta competencia e en coñecer aquelas iniciativas de carácter científico que poidan contribuír á análise dos temas propios das súas funcións de colaborar coas administracións públicas na implantación de sistemas de prevención e de manuais de xestión de riscos de corrupción; de comprobar os sistemas de prevención que se poñan en marcha; de asesorar sobre os instrumentos normativos máis axeitados para previr a corrupción; e de fomentar na sociedade civil, e particularmente no ámbito empresarial, a transparencia e o comportamento ético nas súas relacións co sector público.

Unha das formas de contribuír a este obxectivo consiste en empregar instrumentos que incentiven a elaboración de traballos relacionados coa prevención da corrupción no sector público, nas súas diversas vertentes, como son os premios de investigación.

O artigo 5 bis da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas de Galicia, establece que, en materia de prevención da corrupción, o Consello de Contas desempeña as seguintes competencias:

a) Colaborar coas administracións suxeitas ao ámbito de actuación do Consello de Contas e facerlles propostas na elaboración de códigos de conduta e manuais internos de xestión de riscos que permitan garantir o comportamento ético dos xestores públicos.

b) Solicitar información ás administracións relativas aos seus sistemas de prevención da corrupción, comprobando o axeitado deseño e implantación das políticas de integridade e propoñendo melloras que garantan a transparencia e reduzan as oportunidades de fraude. Neste sentido, deberá avaliar de xeito sistemático os plans de prevención de risco da corrupción que realicen as institucións e entes do sector público da Comunidade Autónoma, nos cales deberán analizar as actividades en que se constate unha maior incidencia de risco.

c) Asesorar o Parlamento, a Administración autonómica e as administracións suxeitas ao ámbito de actuación do Consello de Contas sobre os instrumentos normativos ou internos de prevención e represión da corrupción.

d) Fomentar a conciencia e participación cidadá a favor da transparencia e o comportamento ético no sector público e impulsar dentro do sector privado o establecemento de mecanismos de autorregulación co fin de evitar prácticas irregulares, en particular nas empresas licitadoras e adxudicatarias de contratos, concesionarias de servizos públicos e beneficiarias de subvencións e axudas públicas.

Por outra banda, o artigo 60.2 do Regulamento de réxime interior do Consello de Contas de Galicia, aprobado o 23 de febreiro de 2017 pola Comisión permanente non lexislativa para as relacións co Consello de Contas, prevé, que para o fomento da conciencia e participación cidadá a favor da transparencia e o comportamento ético no sector público, a Sección de Prevención da Corrupción promoverá estudos e actividades formativas en materia de prevención da corrupción.

Tendo en conta o anterior, o Pleno do Consello de Contas de Galicia, en sesión do 23 de setembro de 2019, crea o Premio de investigación Carlos G. Otero Díaz, para promover a investigación en materias relacionadas coa prevención da corrupción nas administracións publicas e establece as seguintes bases reguladoras para a súa concesión.

Bases reguladoras para a concesión do Premio de investigación
Carlos G. Otero Díaz

Base 1. Obxecto

Constitúe o obxecto das bases reguladoras para a concesión do Premio de investigación Carlos G. Otero Díaz distinguir aqueles traballos de investigación cuxo contido garde relación coa prevención da corrupción nas administracións públicas.

Base 2. Convocatorias

O premio de investigación convocarase mediante acordo do Pleno do Consello de Contas, que será obxecto de publicación mediante resolución do conselleiro maior.

Base 3. Réxime xurídico e principios

1. As presentes bases reguladoras axústanse ao previsto na disposición adicional 10ª da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no artigo 91 do Regulamento de réxime interior do Consello de Contas de Galicia e no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro. Supletoriamente, será de aplicación a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, tal e como sinala a disposición adicional 5ª da devandita lei.

2. O premio regulado nas presentes bases xestionarase de acordo cos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Base 4. Participantes

Poderán concorrer ao premio os autores ou coautores de traballos de investigación, que teñan o seu domicilio en calquera dos Estados membros da Unión Europea, que poderán ter a condición de persoa física ou grupo de investigación, composto por persoas físicas, baixo a coordinación dun dos seus integrantes, que actuará como representante do grupo e responsable do traballo para os efectos oportunos.

Non poderán concorrer ao premio:

a) Aquelas persoas que tivesen a condición de membro ou persoal do Consello de Contas de Galicia nos dous anos anteriores á convocatoria do premio.

b) Aquelas persoas que obtivesen o primeiro premio nas dúas edicións anteriores á convocatoria do premio.

c) Aquelas persoas que formasen parte do xurado nas dúas edicións anteriores á convocatoria do premio.

Os participantes deberán reunir os requisitos previstos no artigo 13 da Lei xeral de subvencións.

Base 5. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. A solicitude de participación, xunto co resto da documentación, entregarase preferentemente no Rexistro do Consello de Contas de Galicia, rúa Domingo Fontán, 7 15702 Santiago de Compostela, ou nos rexistros dos demais órganos que corresponda, de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. A convocatoria anual do premio establecerá o prazo de presentación de solicitudes.

Base 6. Documentación que se debe presentar

1. A documentación que se debe presentar no momento da solicitude de participación será a seguinte:

a) Modelo de solicitude de participación na correspondente convocatoria do premio que figura como anexo I, para os únicos efectos do seu rexistro administrativo.

b) Copia do traballo de investigación, preferentemente en soporte dixital, en que exteriormente figure unicamente o título do traballo e o pseudónimo baixo o que se presenta e que inclúa un resumo do traballo cunha extensión máxima de 15 folios a unha cara (DIN A-4, tamaño de fonte 12 e entreliñado 1,5).

c) Un sobre pechado, en que figure no seu exterior exclusivamente o título do traballo e o pseudónimo do seu autor/a ou autores/as, co impreso cuberto na forma que figura no anexo II.

2. As solicitudes que non acheguen algunha da documentación descrita no punto anterior non serán admitidas.

3. Unha vez producida a resolución do xurado e elevada a proposta de concesión de acordo co previsto na base 11.1 e unha vez abertos os sobres a que se refire o punto 1.c) desta base, requirirase ás persoas interesadas autoras dos traballos para que, nun prazo de dez días presenten, a seguinte documentación:

a) No caso de persoas físicas, copia compulsada do DNI, pasaporte ou documento equivalente acreditativo da identidade do/da autor/a.

b) Cando se trate dun grupo de investigación (varios autores/as), a documentación referida nos dous puntos anteriores deberá ser achegada para cada un dos seus integrantes.

4. A documentación a que se refire o punto anterior poderá presentarse a través da sede electrónica do Consello de Contas sen que sexa necesario presentala cando xa constase en poder do Consello de Contas. Neste caso, a persoa interesada deberá cubrir o punto B.2 do anexo II e autorizalo expresamente mediante a sinatura do punto B.3 do dito anexo II.

Base 7. Requisitos dos traballos

1. O traballo deberá ser orixinal, inédito e non ter obtido ningún outro premio de similares características con anterioridade á convocatoria deste premio.

2. O traballo non poderá terse presentado a convocatorias anteriores do Premio de investigación Carlos G. Otero Díaz.

3. O traballo poderá estar redactado en galego ou castelán.

4. O traballo non poderá levar ningún distintivo, tanto en papel como no documento dixital, que permita a identificación dos autores.

5. O traballo deberá ter unha extensión mínima de 100 folios a unha cara (DIN A-4, tamaño de fonte 12 e entreliñado 1,5).

6. Os traballos que non cumpran algún dos requisitos anteriores non serán obxecto de valoración polo xurado.

Base 8. Premio

O premio de investigación está dotado coa cantidade de 7.500 euros, distribuídos da seguinte forma:

a) Primeiro premio: 3.000 euros.

b) Segundo premio: 1.500 euros.

c) Accésits: no caso de ser declarados desertos o primeiro e segundo premios, poderanse conceder ata tres accésits de 1.000 euros cada un.

Estas cantidades poderán variar para cada convocatoria en función das dispoñibilidades orzamentarias.

Os importes anteriores non se aboarán en concepto de contraprestacións económicas derivadas da cesión de dereitos de propiedade intelectual, para os efectos do previsto na normativa reguladora do imposto sobre a renda da persoas físicas.

Base 9. Órgano instrutor do expediente e xurado

1. Corresponderá á Secretaría Xeral do Consello de Contas de Galicia a instrución do procedemento para a concesión do premio.

2. O xurado terá como función o estudo e a valoración dos traballos presentados co obxecto de seleccionar os que merezan ser premiados.

3. O Pleno do Consello de Contas designará o xurado, que estará composto por cinco membros, incluído o/a conselleiro/a maior, que o presidirá, e a persoa que ocupe o posto de auditor-director técnico no Consello de Contas de Galicia, que actuará como secretaria.

Os restantes membros do xurado serán elixidos entre investigadores, técnicos e expertos en prevención da corrupción, respectando a presenza equilibrada de homes e mulleres.

4. O xurado poderá requirir o asesoramento de especialistas de recoñecido prestixio en materia de prevención da corrupción e integridade institucional.

5. O funcionamento do xurado regularase polas normas contidas na sección 3ª (Órganos colexiados das distintas administracións públicas) do capítulo II, título preliminar, da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Base 10. Criterios de avaliación

1. O xurado seleccionará os traballos que ao seu xuízo sexan merecedores do premio, tendo en conta os seguintes criterios de valoración:

a) Contido científico, orixinalidade e calidade.

b) A súa achega ao coñecemento, diagnose e tratamento dunha determinada situación relacionada coa prevención da corrupción nas administracións públicas.

2. Cada un dos criterios previstos no punto anterior ponderarán ao 50 %.

Base 11. Resolución

1. Unha vez valorados os traballos polo xurado, este emitirá a súa resolución e elevará a proposta de concesión debidamente motivada ao Pleno do Consello de Contas, que adoptará o acordo correspondente. A resolución deberá reflectir a puntuación obtida por cada participante, debidamente xustificada, e de acordo cos criterios previstos na base anterior.

2. Emitida a resolución e na mesma sesión do xurado, procederase á apertura dos sobres a que se fai referencia na base 6.1.c), correspondentes aos traballos que se premiarán.

3. O xurado poderá declarar desertos o primeiro e segundo premios e, de ser o caso, outorgar os accésits a que se refire a base 8.

4. O xurado poderá declarar que dous traballos obteñan ex aequo o primeiro premio, caso en que o importe total da dotación económica se repartirá a partes iguais entre eles, sen que neste caso proceda a concesión do segundo premio e dos accésits.

5. A resolución do xurado será inapelable.

6. O acordo de convocatoria establecerá o prazo para a emisión da resolución do xurado.

Base 12. Resolución de concesión e persoas beneficiarias

1. Adoptado o acordo de concesión polo Pleno, con base na proposta motivada na propia resolución do xurado, o conselleiro maior ordenará a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Consello de Contas de Galicia; a dita publicación substituirá a notificación persoal e producirá os mesmos efectos. Non obstante, cando a persoa interesada exprese o seu consentimento (punto B.1 do anexo II), tamén se comunicará a resolución de concesión ao enderezo electrónico que designarase para o efecto.

2. Ditado o acordo de concesión, as persoas físicas titulares dos traballos premiados adquirirán a condición de beneficiarias para os efectos do cumprimento dos preceptos recollidos na Lei xeral de subvencións.

3. Dada a natureza do premio, de carácter investigador e divulgativo, non serán de aplicación as prohibicións establecidas no artigo 13.2 da Lei xeral de subvencións.

4. O acordo de concesión do premio deberá conter, como mínimo, os seguintes aspectos:

a) Título do traballo de investigación premiado.

b) Puntuación obtida por cada un dos participantes, coa súa xustificación.

c) Indicación da persoa ou persoas beneficiarias, autora ou autoras dos traballos premiados.

d) Contía da dotación económica do premio concedido.

e) Aplicación orzamentaria a que se imputa o gasto.

f) Requisitos e forma para o pagamento.

g) Cando para un mesmo premio exista máis dunha persoa beneficiaria, por tratarse dun grupo de investigación, indicarase o importe concedido a cada unha delas, tendo en conta a porcentaxe expresada no punto A.3 do anexo II.

5. O prazo máximo para a adopción do acordo de concesión finalizará aos seis meses contados desde o día seguinte ao remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen adoptarse o acordo, entenderase que o premio queda deserto, cos efectos previstos no artigo 25.1 da Lei do procedemento administrativo común das administracións públicas.

6. O acordo do Pleno pon fin á vía administrativa e contra el poderán interpoñerse os seguintes recursos:

a) Recurso potestativo de reposición ante o Pleno do Consello de Contas, conforme o previsto no artigo 91 do Regulamento de réxime interior, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, ou ben de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de conformidade co establecido nos artigos 8.2.a) e 14 e 46 respectivamente da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Base 13. Normas financeiras

1. O expediente de gasto será sometido a fiscalización previa en todas as súas fases de execución: na convocatoria, coa autorización do gasto, na concesión do premio, co compromiso de gasto, e no pagamento do premio, co recoñecemento e pagamento da obriga.

2. A xustificación do premio quedará acreditada con anterioridade ao seu pagamento e consistirá no propio traballo premiado e na correspondente resolución do xurado.

3. A información relativa ás persoas beneficiarias farase constar na base de datos de subvencións e axudas públicas.

4. A concesión do premio estará condicionada á existencia de crédito axeitado e suficiente nese momento.

Base 14. Información e control

As persoas beneficiarias do premio quedan sometidas ás actuacións de comprobación e control que leve a cabo o Consello de Contas a través da Secretaría Xeral ou da Intervención.

Base 15. Causas de reintegro

1. Procederá o reintegro da totalidade das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora correspondentes nos supostos previstos na Lei xeral de subvencións, en particular, nos seguintes casos:

a) Obter o premio falseando as condicións requiridas para a súa concesión ou ocultando aquela outras que impedisen a dita concesión.

b) Que se demostre que o traballo premiado non é orixinal, inédito ou que obtivese algún premio con anterioridade ao momento da publicación da convocatoria.

c) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control que poida realizar o Consello de Contas de Galicia.

2. As cantidades que se deberán reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público, e seralles de aplicación o previsto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

3. Cando se incorra nalgunha causa de reintegro, ademais do previsto no punto 1 desta base, procederá a revogación da concesión do premio en canto á súa distinción e recoñecemento.

Base 16. Aceptación das bases e incidencias

1. A participación na correspondente convocatoria supón a aceptación expresa das presentes bases reguladoras.

2. As incidencias que poidan presentarse e os supostos non previstos nas presentes bases reguladoras serán resoltos polo Pleno do Consello de Contas.

Base 17. Publicación dos traballos

1. O Consello de Contas poderá publicar aqueles traballos premiados cuxa difusión considere de interese, polo que os participantes deberán asinar o consentimento expreso previsto no punto B.4 do anexo II.

2. Os traballos non premiados serán devoltos logo de solicitude do seu autor ou representante do grupo de investigación sempre que se presente dentro dos catro meses seguintes ao día seguinte da publicación da resolución de concesión no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo, o Consello de Contas poderá non devolvelos e quedarán, de ser o caso, en depósito na biblioteca da institución.

Base 18. Protección de datos

Os datos de carácter persoal que consten na solicitude de participación no premio serán tratados polo Consello de Contas de Galicia coa finalidade de xestión e resolución da convocatoria, debido ao seu interese público.

Os datos de carácter persoal serán conservados durante a tramitación do procedemento de concesión do premio e das reclamacións que poidan formularse, sendo de aplicación a normativa de arquivo e xestión documental da Comunidade Autónoma de Galicia. Os datos daqueles que resultasen premiados nas modalidades que leven de seu unha prestación económica conservaranse de acordo co disposto na normativa tributaria estatal e autonómica.

Os datos de carácter persoal dos premiados poderán publicarse na páxina web do Consello de Contas e, de ser o caso, nas redes sociais e nos medios de comunicación.

Os participantes na convocatoria do premio poderán exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, supresión e portabilidade dos seus datos, de limitación e oposición ao seu tratamento, e a non ser obxecto de decisións baseadas unicamente no tratamento automatizado dos seus datos, cando proceda, ante o Consello de Contas de Galicia, rúa Domingo Fontán, 7 15702, Santiago de Compostela, ou no enderezo electrónico dpd@ccontasgalicia.es

Base 19. Transparencia

O Consello de Contas de Galicia publicará na súa páxina web a relación das persoas beneficiarias e o importe do premio/accésit concedido.

Por outra parte, de conformidade co previsto na Lei xeral de subvencións, o Consello de Contas de Galicia transmitirá á base de datos nacional de subvencións a información preceptiva.

Base 20. Entrada en vigor

As presentes bases reguladoras entrarán en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

ANEXO I

Modelo solicitude

Solicitude de participación no ... Premio de investigación Carlos G. Otero Díaz

En virtude do recollido nas bases reguladoras do Premio de investigación Carlos G. Otero Díaz, aprobadas polo Pleno do Consello de Contas na súa sesión do ... e publicadas mediante a Resolución do conselleiro maior do ... (DOG núm. ..., do ...) e de acordo coa Resolución do conselleiro maior pola que se publica a convocatoria do ... Premio de investigación Carlos G. Otero Díaz, aprobada polo Pleno do Consello de Contas na súa sesión do ..., e tendo en conta que a participación nela non debe conter ningún elemento que permita identificar o/a autor/a ou autores/as dos traballos,

SOLICÍTASE:

Que o traballo titulado............................................................................................................... presentado baixo o pseudónimo de ...................................................................., sexa admitido a concorrencia no ... Premio de investigación Carlos G. Otero Díaz.

Xúntase a seguinte documentación:

– Un exemplar do traballo en formato papel (se non se presenta en formato dixital).

– O resumo do traballo en formato papel (se non se presenta en formato dixital).

– O soporte dixital que contén o traballo e o resumo.

– Un sobre cerrado que contén o anexo II, copia compulsada do DNI ou equivalente que acredita a identidade.

� PRESTO O MEU CONSENTIMIENTO para o tratamento dos meus datos de carácter persoal cos efectos previstos a continuación.

Os datos de carácter persoal que consten na solicitude de participación no premio serán tratados polo Consello de Contas de Galicia coa finalidade de xestión e resolución da convocatoria, debido ao seu interese público.

Os datos de carácter persoal serán conservados durante a tramitación do procedemento de concesión do premio e das reclamacións que puideran formularse, sendo de aplicación a normativa de arquivo e xestión documental da Comunidade Autónoma de Galicia. Os datos daqueles que resultasen premiados nas modalidades que leven de seu unha prestación económica conservaranse de acordo co disposto na normativa tributaria estatal e autonómica.

Os datos de carácter persoal dos premiados poderán publicarse na páxina web do Consello de Contas e, de ser o caso, nas redes sociais e nos medios de comunicación.

Os participantes na convocatoria do premio poderán exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, supresión e portabilidade dos seus datos, de limitación e oposición ao seu tratamento, e a non ser obxecto de decisións baseadas unicamente no tratamento automatizado dos seus datos, cando proceda, ante o Consello de Contas de Galicia, rúa Domingo Fontán, 7, 15702 Santiago de Compostela, ou no enderezo electrónico dpd@ccontasgalicia.es

Conselleiro maior

Consello de Contas de Galicia

Rúa Domingo Fontán, 7

15702 Santiago de Compostela

ANEXO II

Impreso de participación

A) Solicitude de participación no ... Premio de investigación Carlos G. Otero Díaz.

A.1. Datos do traballo.

Título

Pseudónimo

A.2. Datos da persoa autora o, de ser o caso, responsable do grupo investigador.

Apelidos e nome

NIF/pasaporte

Enderezo

Concello

Provincia

País

Código postal

Teléfono

Enderezo electrónico

A.3. Exclusivamente para o caso de que se trate dun grupo investigador, sen personalidade xurídica propia, especifique os datos dos seus compoñentes, incluído/a o seu responsable indicado no punto A.2.

Apelidos e nome ou razón social

NIF/pasaporte

% Premio aplicable (1)

A.4. Exclusivamente para cando a persoa autora ou responsable sexa persoa física.

Profesión

Organismo/empresa

Posto de traballo

(1) Especifique a porcentaxe do premio aplicable a cada un dos membros do grupo investigador

B) Autorizacións e solicitude.

B.1. Autorización expresa de comunicación telemática.

� AUTORIZA, como medio de comunicación preferente, o enderezo de correo electrónico.

B.2. Documentación non achegada por atoparse en poder do Consello de Contas de Galicia con anterioridade a esta solicitude (cúbrase só no caso de que proceda).

Descrición do documento

Descrición do procedemento onde se participaba

Data de presentación

B.3. Declaración, lugar, data e sinatura.

O(s)/a(s) que asinan abaixo (2) en calidade de (3) ................................................ realiza/n declaración responsable de que son certos cantos datos figuran na presente solicitude, de que o traballo presentado é orixinal, non foi premiado con anterioridade á publicación da convocatoria e non se atopa publicado nin se publicará ata que non se coñeza a resolución de concesión do premio mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, acepta/n na súa totalidade as bases reguladoras e, de ser o caso, autoriza/n a Secretaría Xeral do Consello de Contas de Galicia a solicitar os documentos non presentados e relacionados no punto B.2 deste impreso. Finalmente, se o traballo resulta premiado, comprométense a achegar a documentación que corresponda descrita na base 6.3.

................................................., ... de ............... de ...

Asinado:.....................................

(2) No caso de ser un grupo de investigación, deberán asinar todos os seus membros.

(3) A/s persoa/s autora/s ou representante legal.

B.4. Autorización expresa para publicación e difusión dos traballos premiados.

� AUTORIZA a publicación e difusión polo Consello de Contas dos traballos premiados.