Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Xoves, 14 de novembro de 2019 Páx. 48771

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 6 de novembro de 2019 pola que se regula a convocatoria e a selección de empresas TIC destinadas a albergar persoas bolseiras do programa de bolsas DigiTalent, no marco do Plan DigiTalent, para a realización de prácticas formativas.

O Goberno galego a través da Axenda Dixital de Galicia 2020, liderada pola Amtega e aprobada no Consello da Xunta de Galicia o 30 de abril de 2015, ten o obxectivo de impulsar un modelo de crecemento baseado na economía dixital, que contribúa a dar resposta a desafíos a que se enfronta Galicia en todas as áreas de desenvolvemento.

A Axenda Dixital de Galicia 2020 (en diante, ADG2020) establece entre os seus obxectivos, impulsar a innovación tecnolóxica, a competitividade e a xeración de emprego no ecosistema dixital que contribúan a situar ao sector tecnolóxico como un dos sectores de referencia de Galicia.

En concreto, asume o desafío de avanzar da Competencia TIC ao Talento TIC, aumentando a capacidade produtiva das empresas a través de profesionais TIC que respondan ás necesidades tecnolóxicas actuais e futuras.

Para contribuír á consecución destes obxectivos, a Amtega define o Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020 (en diante, Plan DigiTalent) co fin de reducir a fenda crecente entre a demanda e a dispoñibilidade de talento dixital para satisfacer as necesidades do mercado tecnolóxico a medio e longo prazo e promover que a cidadanía conte coas capacidades necesarias para desenvolverse plenamente no ámbito dixital tanto na súa vida persoal como profesional.

No marco do Plan DigiTalent, a Amtega está articulando un programa de accións orientadas a espertar, motivar e potenciar as vocacións STEM desde idades temperás así como a promover a adaptación de estudantes, titulados e profesionais á demanda de novos perfís dixitais e maximizar as oportunidades de desenvolvemento profesional na economía dixital.

Estas accións teñen un carácter de interese xeral porque contribuirán a potenciar a competitividade dos sectores produtivos galegos a través de profesionais TIC que responden ás necesidades de demanda de novos perfís dixitais, abordando as lagoas de competencias dixitais en todos os ámbitos, tanto no propio sector TIC como no resto de sectores empresariais de Galicia.

Concretamente, e atendendo ao establecido na ADG2020, impulsaranse as vocacións tecnolóxicas e os novos perfís dixitais para satisfacer as necesidades do mercado tecnolóxico a medio e longo prazo promovendo a adaptación da capacitación dos profesionais aos novos requirimentos da dixitalización.

Neste contexto, a Xunta de Galicia, a Amtega, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña, a Universidade de Vigo e a Fundación Empresa-Universidad Gallega (Feuga) asinaron o 4 de outubro de 2019 un convenio de colaboración para a posta en marcha do programa de Bolsas DigiTalent, que permitan promover a adaptación da capacitación de estudantes, titulados e profesionais á demanda de novos perfís dixitais e maximizar as súas oportunidades de desenvolvemento profesional na economía dixital, impulsando a competitividade e xeración de emprego no ecosistema dixital.

Na cláusula cuarta do convenio establécense as obrigas das partes. A Amtega comprométese, entre outras, a realizar as actuacións preparatorias e a convocatoria e selección das empresas TIC destinadas a albergar as persoas bolseiras durante a realización das prácticas formativas de conformidade co correspondente plan de formación.

En consecuencia, e no uso das facultades que me foron conferidas, segundo o establecido no Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta resolución ten por obxecto regular a convocatoria e a selección, en réxime de concorrencia competitiva, de empresas TIC destinadas a albergar as persoas bolseiras do programa de Bolsas DigiTalent, no marco do Plan DigiTalent, para a realización de prácticas formativas.

Estas prácticas formativas están orientadas a estudantes universitarios/as que teñan máis do 75 % e menos do 100 % de créditos aprobados. As persoas bolseiras contarán durante un período de 3 meses co asesoramento, orientación e dirección das persoas responsables das empresas TIC que se determinen e que definirán as tarefas que se vaian realizar conforme o correspondente plan de formación.

Segundo. Requisitos das empresas TIC

Poderán participar como empresas albergadoras de persoas bolseiras todas as empresas TIC que cumpran os seguintes requisitos:

• Personalidade xurídica:

As empresas terán que ter personalidade xurídica baixo a forma de entidades mercantís, ben sexan sociedades anónimas ou sociedades limitadas, ou sociedades cooperativas, con algún centro de traballo en Galicia.

• Solvencia técnica:

1. Experiencia mínima de 2 anos en proxectos relacionados con tendencias tecnolóxicas emerxentes tales como big data, tecnoloxías móbiles, deseño de servizos e aplicacións cloud, ciberseguridade, IoT, blockchain, realidade aumentada, intelixencia artificial, economía colaborativa ou wearables, entre outras.

2. Contar cunha páxina web ou con canles con funcións equivalentes en redes sociais onde se recollan os principais produtos, servizos, desenvolvementos, traballos e/ou proxectos da empresa.

3. Identificar a través da internet de que a empresa cumpre coa normativa legal en materia de protección de datos de carácter persoal e tamén que conta cun delegado de protección de datos, así como que está habilitada unha canle para contactar co dito delegado.

• Solvencia económica:

1. Contar cun mínimo de 3 empregados UTA (unidades de traballo-ano).

2. Ter unha facturación mínima de 200.000 € o ano anterior da convocatoria.

3. Cumprir coas condicións do artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceiro. Obrigas das empresas TIC solicitantes

As empresas TIC que soliciten ser albergadoras de persoas bolseiras deberán:

• Asignar unha persoa titora cun compromiso de dispoñibilidade mínimo do 10 % da súa xornada para a supervisión e avaliación do/da bolseiro/a.

• Presentar o contido do programa e o plan de traballo das prácticas formativas en que se detallarán as actividades da persoa bolseira, acordes á súa formación, e os obxectivos finais da práctica profesional.

• Achegar unha listaxe das áreas de coñecemento (Artes e Humanidades, Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, Arquitectura e Enxeñaría) e das titulacións e formación específica da súa preferencia para ter en conta no momento de asignación das persoas bolseiras.

Cuarto. Obrigas das empresas TIC seleccionadas

As empresas TIC que resulten seleccionadas para albergar persoas bolseiras deberán:

• Executar o programa e o plan de traballo das prácticas formativas presentados na solicitude.

• Asignar unha persoa titora a cada bolseiro/a, cunha dispoñibilidade mínima dun 10 % da súa xornada á supervisión e formación directa deste/a.

• Cumprir a normativa en materia de prevención de riscos laborais e seguridade e saúde no traballo e incluír o/a bolseiro/a no plan de prevención de riscos das súas instalacións.

• Dispoñer de instalacións e medios precisos para o desenvolvemento das actividades propias da bolsa subvencionada.

• Realizar a formación do/da bolseiro/a dentro do horario laboral da empresa.

• Fomentar a realización de actividades que non sexan alleas ao proceso de formación do/da bolseiro/a.

• Sufragar os gastos de desprazamento en que incorra o/a bolseiro/a durante as prácticas formativas. Para isto, a empresa albergadora fixará unha localización das prácticas formativas para o/a bolseiro/a, por defecto un dos seus centros de traballo en Galicia. Os gastos que se van sufragar serán os relativos aos desprazamentos que teña que realizar a persoa bolseira, desde a localización establecida para realizar as prácticas, asociados ás súas prácticas formativas. Para determinar estes gastos, no caso de que a persoa bolseira deba realizar o desprazamento pola súa conta, establecerase un importe máximo correspondente á cantidade que resulte de computar 0,19 euros por quilómetro percorrido, máis os eventuais gastos de peaxe e estacionamento que poidan ser xustificados.

• Informar á Feuga de calquera incidencia que ocorra ao longo do período da bolsa.

• Someterse aos mecanismos de inspección e de control que a Feuga considere convenientes, vinculados ás actividades formativas dos/das bolseiros/as en relación coa bolsa concedida.

Quinto. Criterios de selección das empresas TIC

Para valorar as empresas TIC que albergarán persoas bolseiras teranse en conta os seguintes criterios:

1. Valorarase ata un máximo de 7 puntos a experiencia en proxectos relacionados con tendencias tecnolóxicas emerxentes tales como big data, tecnoloxías móbiles, deseño de servizos e aplicacións cloud, ciberseguridade, IoT, blockchain, realidade aumentada, intelixencia artificial, economía colaborativa ou wearables, entre outras. Para isto terase en conta:

• A traxectoria da empresa nas tecnoloxías declaradas.

• As innovacións achegadas no seu mercado.

• A dispoñibilidade de produtos e/ou servizos comerciais nas tecnoloxías declaradas.

• A transparencia da empresa na súa páxina web ou canles con funcións equivalentes en redes sociais.

2. Valorarase ata un máximo de 3 puntos a dimensión da empresa no seu mercado. Para isto terase en conta:

• O volume de traballadores da empresa no centro de traballo no que se desenvolverán as prácticas.

• A facturación global da empresa.

• As actividades de responsabilidade social corporativa na súa páxina web ou canle equivalente.

• As súas políticas de conciliación.

• A súa situación xeográfica nas provincias de Lugo ou Ourense.

Sexto. Documentación

Xunto coa solicitude de participación como empresa TIC albergadora de persoas bolseiras deberá achegar a seguinte documentación:

1. Programa e plan de traballo das prácticas formativas en que se detallarán as actividades da persoa bolseira, acordes á súa formación, e os obxectos finais do período da práctica profesional, así como as datas, duración e horario en que se desenvolverán as bolsas (anexo II).

2. Declaración responsable da persoa titora en que se compromete a una dispoñibilidade mínima do 10 % da súa xornada á supervisión e formación directa da persoa bolseira (anexo III).

3. Declaración responsable do cumprimento dos requisitos e obrigas das empresa TIC en que se levará a cabo a formación teórico-práctica dos bolseiros (anexo IV).

4. Memoria para a avaliación dos criterios de selección como entidades colaboradoras das empresas TIC en que se levará a cabo a formación teórico-práctica dos bolseiros (anexo V).

5. Declaración responsable de que a empresa cumpre as condicións do artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Documento acreditativo do poder con que actúa a persoa que ten a representación da empresa, no caso de actuar por medio de representante.

7. Documento acreditativo de estar ao día no pagamento á Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, só no caso de non autorizar a súa consulta.

8. Documento acreditativo de estar ao día no pagamento á Seguridade Social, só no caso de non autorizar a súa consulta.

9. Documento acreditativo de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias estatais para a contratación coas administracións públicas, só no caso de non autorizar a súa consulta.

Sétimo. Solicitudes

As solicitudes deberán presentarse por vía electrónica a través do procedemento PR004A-presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/solicitude-xenerica).

Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365(http://sede.xunta.gal/chave365).

No formulario deberá seleccionar como destinatario Presidencia e a seguir Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. Na epígrafe de exposición deberá facer constar a Área de Sociedade Dixital.

Oitavo. Prazo de presentación

O prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras será ata o 20 de novembro de 2019, incluído.

Noveno. Órganos competentes

A directora da Área de Sociedade Dixital da Amtega será o órgano competente para a instrución do procedemento administrativo de adhesión das entidades colaboradoras, e corresponderá á directora da Amtega ditar as diferentes resolucións que deriven do dito procedemento.

Décimo. Instrución do procedemento de adhesión

a) Unha vez presentada a solicitude de adhesión xunto coa documentación complementaria, o órgano instrutor comprobará que reúne todos os requisitos e que se achegan todos os documentos exixidos por esta resolución. De conformidade coa normativa reguladora do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne os requisitos exixidos, requirirase a entidade colaboradora, para que, nun prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición e arquivarase o expediente.

b) A práctica dos requirimentos electrónicos farase da seguinte maneira:

1º. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

2º. Todos os trámites posteriores que as persoas interesadas teñan que realizar presentaranse electronicamente a través do procedemento PR004A.

Décimo primeiro. Resolución

O prazo máximo para que a directora da Amtega resolva sobre as adhesións das entidades albergadoras é de tres meses desde a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG). Transcorrido o devandito prazo, as entidades albergadoras poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo. A resolución ditarase de maneira conxunta ata esgotar o número de bolseiros dispoñibles.

Décimo segundo. Notificación das resolucións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. No caso de persoas interesadas que, de acordo coa normativa básica, estean obrigadas a relacionarse a través de medios electrónicos coa Administración, deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polos indicados interesados da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Na páxina web de DigiTalent (https://digitalent.xunta.gal/gl/iniciativa/bolsas-digitalent) poderá consultarse a listaxe de entidades colaboradoras adheridas ao programa. Así mesmo, a listaxe tamén se poderá consultar a través da web da Fundación Empresa-Universidad Gallega (www.feuga.es).

Décimo terceiro. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través dos seguintes medios:

– Preferentemente, a través da páxina web de DigiTalent (https://digitalent.xunta.gal/gl/iniciativa/bolsas-digitalent) e no correo electrónico digitalent@xunta.gal.

– No teléfono 981 54 55 35.

– Presencialmente, no Departamento de Sociedade da Información da Área de Sociedade Dixital da Amtega (Centro de Innovación Cultural e Modernización Tecnolóxica de Galicia, Cidade da Cultura de Galicia, Monte Gaiás s/n, 15781 Santiago de Compostela), previa cita no teléfono 981 54 55 35.

Décimo cuarto. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Amtega, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos.

Décimo quinto. Réxime de recursos

As resolucións dos procedementos instruídos ao abeiro desta convocatoria esgotan a vía administrativa e contra elas, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produzan os efectos do silencio administrativo, ante a directora da Amtega, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Décimo sexto. Normativa de aplicación

Rexeranse pola normativa aplicable as axudas e subvencións na Comunidade Autónoma e, en particular, as seguintes:

1. Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

4. Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

5. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2019

Mar Pereira Álvarez
Directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

ANEXO I

SOLICITUDE DE PARTICIPACIÓN NO PROGRAMA DE BOLSAS DIGITALENT

Datos da entidade

Nome

Personalidade xurídica

Persoa de contacto

Teléfono

email

A empresa (razón social da empresa) declara que desexa colaborar co programa de Bolsas DigiTalent mediante o acollemento de bolseiros nas súas instalacións para que leven a cabo o período de prácticas formativas.

Áreas de coñecemento, titulacións e/ou formación específica de interese para a súa entidade

Áreas de coñecemento

Titulacións

Formación específica

Número de bolseiros que acollería a súa entidade

(Inicialmente establécese un máximo de 2 prazas por entidade colaboradora, suxeito a demanda e dispoñibilidade)

Número de prazas ofertadas

A presentación da solicitude de participación implica a aceptación das obrigas das entidades colaboradoras seleccionadas:

• Executar o programa e plan de traballo das prácticas formativas presentado inicialmente.

• Asignar un/unha titor/a a cada bolseiro/a, cunha dispoñibilidade dun 10 % da súa xornada á supervisión e formación directa deste/a.

• Cumprir a normativa en materia de prevención de riscos laborais e seguridade e saúde no traballo e incluír o/a bolseiro/a no plan de prevención de riscos das súas instalacións.

• Dispoñer de instalación e medios precisos para o desenvolvemento das actividades propias da bolsa subvencionada.

• Realizar a formación do bolseiro dentro do horario laboral da empresa.

• Fomentar a realización de actividades que non sexan alleas ao proceso de formación do bolseiro.

• Sufragar os gastos de desprazamento en que incorra o/a bolseiro/a durante as prácticas formativas. Para este efecto, a entidade colaboradora fixará unha localización das prácticas formativas para o/a bolseiro/a, por defecto un centro de traballo da entidade colaboradora en Galicia. Os gastos que se van sufragar serán os relativos aos desprazamentos desde a localización fixada.

• Informar a Feuga de calquera incidencia que ocorra ao longo do período da bolsa.

• Someterse aos mecanismos de inspección e de control que a Feuga considere convenientes, vinculados ás actividades formativas dos/das beneficiarios/as en relación coa bolsa concedida.

Documentación que se debe achegar coa solicitude de participación.

� Programa e plan de traballo das prácticas formativas en que se detallarán as actividades do bolseiro/a, acordes á súa formación, e os obxectivos finais do período da práctica profesional, así como as datas, duración e horario en que se desenvolverán as bolsas; segundo o anexo II.

� Declaración responsable do/da titor/a en que se comprometa á dispoñibilidade dun 10 % da súa xornada á supervisión e formación directa do/da bolseiro/a, segundo o anexo III.

� Declaración responsable do cumprimento dos requisitos e obrigas das empresas TIC en que se levará a cabo a formación teórico-práctica dos bolseiros, segundo o anexo IV.

� Memoria para a avaliación dos criterios de selección como entidades colaboradoras das empresas TIC en que se levará a cabo a formación teórico-práctica dos bolseiros, segundo o anexo V.

Lugar, data, selo e sinatura

ANEXO II

PROGRAMA E PLAN DE TRABALLO DAS PRÁCTICAS FORMATIVAS

Formación teórica do bolseiro

Obxectivos formativos

O bolseiro deberá adquirir coñecementos e capacidades prácticas nas seguintes áreas:

1.

2.

3.

4.

Estes coñecementos e capacidades conseguiranse a partir duns contidos mínimos necesarios de tipo conceptual, procedemental e actitudinal, que proporcionarán o soporte de destreza e información precisos para desenvolver comportamentos profesionais, tanto no aspecto tecnolóxico como no de valoración funcional e técnica. Estes contidos son importantes, posto que todos eles levan a acadar as capacidades terminais elementais sinaladas, as cales aínda que se presentan agrupadas en bloques non constitúen un temario nin son unidades compartimentais estancas, senón que a súa estrutura responde a aquilo que se deberá ter en conta para fixar as actuacións diarias por parte do titor. O plan de formación permitirá comprender globalmente os aspectos prácticos sobresaíntes das competencias profesionais características da formación teórica que xa posúe o bolseiro.

Contidos formativos

O bolseiro deberá adquirir, baixo a supervisión do titor asignado, coñecementos prácticos nas áreas formativas indicadas, de modo que ao final do período formativo teña perfeccionado e completado os seus coñecementos coa adquisición das competencias profesionais prácticas características da formación teórica que xa posúe o bolseiro, de forma que sexa capaz de trasladar e aplicar á realidade do día a día os coñecementos teóricos de que xa dispón. A finalidade dos contidos formativos estará dirixida a tratar de formar un profesional cunha visión real dos problemas que afrontan no día a día as empresas, xerar a capacidade de afrontar eses problemas, de buscar solucións e de localizar cal delas será a máis idónea en cada caso, preparándose con iso para a súa incorporación futura ao mundo empresarial de forma independente e autónoma.

Cronograma

O período de formación práctica terá unha duración de 3 meses, período que se considera necesario e conveniente para que o bolseiro poida adquirir suficientes habilidades prácticas sobre as materias e áreas sinaladas.

Xornada

O plan de formación desenvolverase en horario coincidente co da entidade, de modo que así poida integrarse o bolseiro no clima organizativo da empresa, o que redundará no seu beneficio ao axudarlle a acadar unha visión real da dinámica empresarial, preparando a súa incorporación futura ao mercado laboral.

Lugar de impartición

Centro de traballo da empresa sito en (...)

Lugar, data, selo e sinatura

ANEXO III

DECLARACIÓN RESPONSABLE DO/DA TITOR/A

Eu (nome e apelidos) maior de idade, DNI número (...), representante legal da empresa (razón social) con domicilio en (......), (CP ...), con NIF ....., clasificada como (personalidade xurídica), comparezo e realizo a seguinte

DECLARACIÓN RESPONSABLE:

Declaro baixo a miña responsabilidade que Don/Dona (nome e apelidos), é designado/a pola empresa en atención aos seus coñecementos, experiencia e competencia suficiente na materia/s a que se refire o plan de formación proposto para o beneficiario do programa de Bolsas DigiTalent.

Don/Dona (nome e apelidos), para desempeñar activamente o rol de titor comprométese á dispoñibilidade mínima dun 10 % da súa xornada para a supervisión e formación directa do/da bolseiro/a.

E para que conste para os efectos oportunos expide a presente

Asinado:

Don/Dona (nome e apelidos do responsable)

Lugar, data, selo e sinatura

ANEXO IV

DECLARACIÓN RESPONSABLE DO CUMPRIMENTO DOS REQUISITOS
E OBRIGAS DAS EMPRESA TIC EN QUE SE LEVARÁ A CABO
A FORMACIÓN TEÓRICO-PRÁCTICA DOS BOLSEIROS

Eu (nome e apelidos) maior de idade, DNI número (...), representante legal da empresa (razón social) con domicilio en (......), (CP ...), con NIF ....., clasificada como (personalidade xurídica), comparezo e realizo a seguinte

DECLARACIÓN RESPONSABLE:

Declaro baixo a miña responsabilidade que, en relación co proceso de selección de entidades colaboradoras para o desenvolvemento do programa de Bolsas DigiTalent, ao cal a antedita entidade concorre como candidata, cumpre cos requisitos e obrigas establecidos para as empresas TIC en que se levará a cabo a formación teórico-práctica dos bolseiros que resulten seleccionados:

1. A entidade que represento conta cunha experiencia mínima de 2 anos en proxectos relacionados con tendencias tecnolóxicas emerxentes tales como big data, tecnoloxías móbiles, deseño de servizos e aplicacións cloud, ciberseguridade, IoT, blockchain, realidade aumentada, intelixencia artificial, economía colaborativa ou wearables, entre outras.

2. Identificación de páxina web ou canles con funcións equivalentes en redes sociais onde se recollan os principais produtos, servizos, desenvolvementos, traballos e/ou proxectos da empresa.

(....)

3. Identificación a través da internet de que a empresa cumpre coa normativa legal en materia de protección de datos de carácter persoal e tamén que conta cun delegado de protección de datos, así como que está habilitada unha canle para contactar co dito delegado.

(....)

4. A entidade que represento conta cun mínimo de 3 empregados UTA (unidades de traballo-ano), facturación mínima de 200.000 € o ano anterior á convocatoria, e cumpre coas consideracións do artigo 10.2 Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

E para que conste para os efectos oportunos expide a presente.

Asinado:

Don/Dona (nome e apelidos do responsable)

Lugar, data, selo e sinatura

ANEXO V

MODELO DE MEMORIA PARA A AVALIACIÓN DOS CRITERIOS DE SELECCIÓN COMO ENTIDADES COLABORADORAS DAS EMPRESAS TIC EN QUE SE LEVARÁ A CABO A FORMACIÓN TEÓRICO-PRÁCTICA DOS BOLSEIROS

A memoria recollerá de forma clara a información necesaria para que se poida valorar a adecuación aos criterios de selección como entidades colaboradoras, constará dun documento de texto coa seguinte información e nesta mesma orde:

1. Datos da entidade (nome, persoa de contacto, correo electrónico e teléfono).

2. Experiencia en proxectos relacionados con tendencias tecnolóxicas emerxentes tales como big data, tecnoloxías móbiles, deseño de servizos e aplicacións cloud, ciberseguridade, IoT, blockchain, realidade aumentada, intelixencia artificial, economía colaborativa ou wearables, entre outras), valorarase (ata un máximo de 7 puntos):

2.1. A traxectoria da empresa nas tecnoloxías declaradas.

2.2. As innovacións achegadas no seu mercado.

2.3. A dispoñibilidade de produtos e/ou servizos comerciais nas tecnoloxías declaradas.

2.4. A transparencia da empresa na súa páxina web ou canles con funcións equivalentes en redes sociais.

3. Dimensión da empresa no seu mercado, valorarase (ata un máximo de 3 puntos):

3.1. O volume de traballadores da empresa no centro de traballo en que se desenvolverán as prácticas.

3.2. Facturación global da empresa.

3.3. Actividades de responsabilidade social corporativa na súa páxina web ou equivalente.

3.4. Políticas de conciliación.

3.5. Situación xeográfica nas provincias de Lugo e Ourense.

(Se non se incluíse información respecto a algunha destas epígrafes e, polo tanto, non puidesen ser obxecto de valoración ningún dos criterios, a puntuación será de cero na devandita epígrafe).

Lugar, data, selo e sinatura