Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Xoves, 14 de novembro de 2019 Páx. 48754

I. Disposicións xerais

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

DECRETO 142/2019, do 31 de outubro, polo que se crea a Comisión interdepartamental para o seguimento da Axenda 2030 en Galicia.

A Axenda 2030 de Desenvolvemento Sustentable, aprobada en 2015 pola ONU, é un plan de acción en favor das persoas, o planeta e a prosperidade, que quere fortalecer a paz universal e que fixa os obxectivos que alcanzar, antes do ano 2030, para poñer fin á pobreza, loitar contra a desigualdade e facer fronte ao cambio climático.

Esta axenda concrétase nos denominados «Obxectivos de desenvolvemento sustentable» (ODS), que teñen que ser alcanzados no ano 2030. Trátase de 17 obxectivos e 169 metas que abordan as causas fundamentais da pobreza e a necesidade universal de desenvolvemento para todas as persoas. Pero, a diferenza doutros obxectivos de desenvolvemento formulados en ocasións anteriores, son universais e afectan tanto os países desenvolvidos coma os países en desenvolvemento, son de carácter integrado e indivisible e conxugan as tres dimensións do desenvolvemento sustentable: económica, social e ambiental.

Estes obxectivos son:

1. Fin da pobreza.

2. Fame cero.

3. Saúde e benestar.

4. Educación de calidade.

5. Igualdade de xénero.

6. Auga limpa e saneamento.

7. Enerxía accesible e non contaminante.

8. Traballo decente e crecemento económico.

9. Industria, innovación e infraestrutura.

10. Redución das desigualdades.

11. Cidades e comunidades sustentables.

12. Produción e consumo responsable.

13. Acción polo clima.

14. Vida submarina.

15. Vida de ecosistemas terrestres.

16. Paz, xustiza e institucións sólidas.

17. Alianzas para acadar os obxectivos.

A consecución dos obxectivos de desenvolvemento sustentable na Comunidade Autónoma de Galicia debe ser a meta de todas as administracións públicas galegas, os axentes sociais e económicos e dos cidadáns galegos no seu conxunto.

Todo isto exixe un compromiso da Xunta de Galicia acorde coa Axenda 2030 para o desenvolvemento sustentable, coa implicación e colaboración de todos os departamentos e todas as institucións.

Para levar a cabo esta tarefa é necesaria a creación dun instrumento de coordinación entre os diferentes departamentos da Xunta de Galicia, de modo que todos os departamentos que integran a Administración e o Goberno da Comunidade Autónoma de Galicia se atopen representados ao máximo nivel, xa que os desafíos que formula a Axenda 2030 teñen que abordarse desde unha visión integrada dun modelo ético de desenvolvemento sustentable.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trinta e un de outubro de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por obxecto a creación da Comisión interdepartamental para o seguimento da Axenda 2030, así como a regulación da súa composición, das súas funcións e o réxime de funcionamento.

Artigo 2. Natureza e adscrición

1. A Comisión interdepartamental para o seguimento da Axenda 2030 estará adscrita á consellería con competencias en materia de sustentabilidade ambiental.

2. A Comisión interdepartamental para o seguimento da Axenda 2030 é un órgano de coordinación e colaboración en materia de sustentabilidade, que se crea para garantir a necesaria coordinación nas accións administrativas e de goberno, necesaria para a consecución dos obxectivos de desenvolvemento sustentable da Axenda 2030, e co fin de impulsar actuacións prioritarias como as precisas para o logro das funcións previstas no artigo 4.

Artigo 3. Réxime xurídico

A Comisión interdepartamental para o seguimento da Axenda 2030 rexerase polo disposto para os órganos colexiados na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, neste decreto e, se é o caso, polo seu regulamento interno de funcionamento.

Artigo 4. Funcións

Son funcións da Comisión interdepartamental para o seguimento da Axenda 2030:

a) Coñecer as iniciativas, plans, programas e convenios existentes nos ámbitos cubertos polos obxectivos de desenvolvemento sustentable, e levar a cabo un seguimento da súa execución.

b) Estudar e propoñer novas accións para o cumprimento dos obxectivos de desenvolvemento sustentable.

c) Instar outras administracións e organismos públicos e privados para que impulsen as medidas necesarias para promover o cumprimento das obxectivos de desenvolvemento sustentable en Galicia.

d) A realización dun informe de seguimento sobre o progreso no cumprimento dos obxectivos e metas fixados na Axenda 2030, que será presentado ante o Parlamento de Galicia cada dous anos.

Artigo 5. Composición

1. A Comisión interdepartamental para o seguimento da Axenda 2030, na cal estarán representados os distintos departamentos da Administración galega, terá a seguinte composición:

a) Presidencia: correspóndelle a Presidencia da comisión á persoa titular da consellería que teña atribuídas as competencias en materia de sustentabilidade ambiental.

b) Vicepresidencia: correspóndelle a Vicepresidencia da comisión á persoa titular da dirección xeral que teña atribuídas as competencias en materia de sustentabilidade ambiental.

c) Vogais: serán vogais da comisión as persoas con rango de secretario/a xeral, director/a xeral ou equivalente, designadas por resolución da persoa titular da consellería competente nas materias que se indican a continuación, ou pola Secretaría Xeral da Presidencia cando as referidas materias sexan competencia dos órganos superiores e de dirección no ámbito da Presidencia:

1. Cambio climático.

2. Calidade ambiental.

3. Medio natural.

4. Auga.

5. Agricultura.

6. Gandaría.

7. Ordenación forestal.

8. Administración local.

9. Ordenación do territorio.

10. Economía.

11. Facenda.

12. Comercio.

13. Consumo.

14. Industria.

15. Enerxía.

16. Patrimonio cultural.

17. Saúde pública.

18. Vivenda.

19. Infraestruturas.

20. Mobilidade.

21. Relacións exteriores e coa Unión Europea.

22. Protección civil.

23. Xestión de emerxencias.

24.Turismo.

25. Educación.

26. Emprego.

27. Xustiza.

28. Políticas sociais.

29. Igualdade.

30. Xuventude.

31. Pesca.

32. Portos.

33. I+D.

34. Tecnoloxías da información.

2. Actuará como secretario/a da comisión a persoa que ocupe a subdirección xeral que teña atribuídas as competencias en materia de sustentabilidade ambiental, que actuará con voz pero sen voto.

3. En caso de ausencia ou enfermidade e, en xeral, cando concorra algunha causa xustificada, os/as vogais serán substituídos/as polas persoas suplentes designadas polos/as titulares, que deberán ter categoría de subdirector/a. A persoa titular da Secretaría poderá ser substituída pola persoa suplente que se designe, por acordo do propio Pleno, e que deberá ter categoría de subdirector/a ou xefe/a de servizo.

4. O número de vogais non ten porque coincidir co número de materias indicadas no punto 1.c), posto que as persoas titulares da consellería competente nas materias indicadas no citado punto poden nomear, en calquera momento, unha soa persoa en representación dunha ou varias delas. A persoa nomeada disporá unicamente dun voto, independentemente do número de áreas ás que represente.

Artigo 6. Presidencia

Son funcións da Presidencia da comisión:

a) Desempeñar a representación da comisión.

b) Acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias da comisión, presidilas, rematalas e moderar o desenvolvemento dos debates.

c) Establecer a orde do día das sesións tendo en conta, de ser o caso, as peticións dos demais membros, formuladas coa suficiente antelación.

d) Dirimir co seu voto os empates para os efectos de adoptar acordos.

e) Dar o visto e prace ás actas e certificacións dos acordos da comisión.

f) Exercer cantas funcións sexan inherentes á Presidencia do órgano colexiado.

Artigo 7. Vicepresidencia

Correspóndelle á persoa que desempeñe a vicepresidencia:

a) Substituír a persoa que desempeña a Presidencia na totalidade das súas atribucións, nos casos de vacante, enfermidade, ausencia ou outra causa legal.

b) Exercer as funcións intrínsecas á súa condición de membro da comisión, con dereito a voto.

c) Cantas outras funcións expresamente lle sexan delegadas pola Presidencia.

d) Asistir a Presidencia nas correspondentes sesións da comisión.

Artigo 8. Vogais

Correspóndelles ás persoas que desempeñen as vogalías:

a) Asistir ás reunións e participar nos debates, expoñendo a súa opinión e formulando as propostas que consideren pertinentes.

b) Exercer o seu dereito ao voto e formular o seu voto particular, así como expresar o sentido do seu voto e os motivos que o xustifican.

c) Propoñer á Presidencia, a través da Secretaría da comisión, a inclusión de puntos na orde do día das sesións ordinarias.

d) Solicitar e obter a información necesaria para cumprir debidamente as funcións asignadas á Comisión. Para os efectos anteriores, deberán formular, por escrito, a petición correspondente dirixida á Secretaría da comisión.

e) Formular suxestións, rogos e preguntas.

f) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de vogais.

Artigo 9. Secretaría

Son funcións da persoa titular da secretaría da comisión:

a) Asistir ás reunións con voz e sen voto.

b) Efectuar a convocatoria das sesións da comisión por orde da persoa que desempeñe a Presidencia, así como as citacións aos membros desta.

c) Recibir os actos de comunicación dos membros co órgano e, polo tanto, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos dos cales deba ter coñecemento.

d) Preparar o despacho dos asuntos e redactar a acta das sesións do Pleno.

e) Expedir certificacións das consultas, ditames e acordos aprobados.

f) Aquelas que sexan inherentes á Secretaría da comisión.

Artigo 10. Funcionamento

1. A Comisión interdepartamental para o seguimento da Axenda 2030 funcionará en pleno ou en comisión permanente.

2. Para a válida constitución da Comisión interdepartamental para o seguimento da Axenda 2030 en pleno, para os efectos da realización de sesións e toma de acordos, requirirase a presenza da persoa que desempeñe a Presidencia e da persoa que desempeñe a Secretaría ou das persoas que as substitúan, e da metade, polo menos, dos seus membros, en primeira convocatoria, e dunha terceira parte dos seus membros en segunda convocatoria.

3. A Comisión interdepartamental para o seguimento da Axenda 2030 poderá constituír unha comisión permanente e/ou grupos técnicos de traballo por áreas, que poderán ser permanentes ou específicos e estarán formados polos membros que a Comisión interdepartamental designe para o efecto.

Artigo 11. Pleno

1. Ao Pleno da Comisión interdepartamental para o seguimento da Axenda 2030 corresponderanlle as funcións propias da Comisión establecidas no artigo 4.

2. A Comisión reunirase en pleno unha vez ao ano con carácter ordinario, e con carácter extraordinario cantas veces sexa convocada pola súa presidencia, por iniciativa propia ou por proposta ao menos dunha terceira parte dos seus vogais.

3. Os acordos adoptaranse por maioría simple de votos validamente emitidos. A persoa que desempeñe a presidencia, en caso de empate, terá voto de calidade.

4. Ademais dos membros da comisión, poderán asistir ás sesións do Pleno, logo de convite da persoa que desempeñe a presidencia, con voz pero sen voto, outras persoas de recoñecida competencia profesional que, polos seus coñecementos técnicos e científicos, presten o asesoramento necesario nos asuntos que vaian tratarse.

5. As convocatorias do Pleno, tanto ordinarias coma extraordinarias, realizaranse, polo menos, con dez días de antelación. Á convocatoria achegarase a orde do día dos temas que se van tratar e a documentación necesaria que se xunte.

6. Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, salvo que estean presentes todos os membros e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

Artigo 12. Duración do mandato

Os membros da comisión manterán a condición de membro por razón do seu cargo.

E cesarán na súa condición de membro por revogación da designación efectuada polo titular da consellería que os nomeou.

Artigo 13. Retribucións

Os membros da comisión non percibirán retribucións económicas nin ningunha indemnización por esta causa, e tampouco os que asistan ás súas sesións na súa condición de persoal convidado en virtude do disposto no artigo 11.

Disposición adicional primeira. Gastos de funcionamento

As actuacións da Comisión interdepartamental para o seguimento da Axenda 2030 non xerarán incremento das consignacións orzamentarias da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Disposición adicional segunda. Constitución da Comisión

No prazo máximo de tres meses desde a entrada en vigor deste decreto constituirase formalmente a Comisión interdepartamental para o seguimento da Axenda 2030, conforme a composición que neste decreto se determina.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltaselle a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para ditar cantas disposicións sexan necesarias para a execución e o desenvolvemento do presente decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta e un de outubro de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda