Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Martes, 19 de novembro de 2019 Páx. 49176

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

RESOLUCIÓN do 7 de novembro de 2019, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se convocan as probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor/a profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros/as por estrada que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia no ano 2020, en desenvolvemento do Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo (Boletín Oficial del Estado número 184, do 2 de agosto), e da Orde do 19 de novembro de 2009, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (Diario Oficial de Galicia número 233, do 27 de novembro) (código de procedemento IF310E).

A Directiva 2003/59/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de xullo de 2003, relativa á cualificación inicial e á formación continua dos condutores de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada, pola que se modifican o Regulamento (CEE) núm. 3820/85 do Consello e a Directiva 91/439/CEE do Consello, establece unha nova formación obrigatoria para determinados condutores profesionais.

En desenvolvemento destas previsións ditouse o Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo, polo que se regula a cualificación inicial e a formación continua dos condutores de determinados vehículos destinados ao transporte por estrada, que no capítulo VI (artigos 14 a 17), e no anexo V, recolle a regulación dos exames para a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial.

O artigo 15 do referido Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo, establece que deberán convocarse exames polo menos seis veces ao ano, podendo o órgano competente publicar unha vez ao ano todas as convocatorias referidas a este, indicando os prazos de inscrición correspondentes a cada convocatoria. Igualmente, o artigo 14 da mesma norma establece que o exame deberá ser superado no prazo de 6 meses contados desde a finalización do curso de formación acreditativo da cualificación inicial para a obtención do certificado de aptitude profesional. Este curso deberá repetirse no suposto de ter transcorrido o referido prazo sen a superación da proba.

A convocatoria destas probas correspóndelle á Xunta de Galicia con base na delegación de competencias efectuada pola Lei orgánica 5/1987, do 30 de xullo, de delegación de competencias do Estado nas comunidades autónomas en relación cos transportes por estrada e por cable.

Con base nas ditas previsións ditouse a Orde do 19 de novembro de 2009, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, pola que se estableceron as bases e as regras de desenvolvemento das probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia, e se estableceu unha habilitación á persoa titular da Dirección xeral de Mobilidade para levar a cabo as sucesivas convocatorias de exame.

Na súa virtude, de conformidade coas previsións contidas na Lei orgánica 5/1987, do 30 de xullo, na Directiva 2003/59/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de xullo de 2003, no Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo, polo que se regula a cualificación inicial e a formación continua dos condutores de determinados vehículos destinados ao transporte por estrada, e na Orde do 19 de novembro de 2009,

DISPOÑO:

1. Convocatoria.

Convócanse para o ano 2020 as probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor/a profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros/as por estrada que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia de acordo co calendario e demais condicións previstas nesta resolución. Os procedementos asociados a esta norma son o de inscrición ás ditas probas (IF310D) e o de devolución de taxas en relación á dita inscrición (IF310E).

2. Calendario.

No ano 2020 realizaranse nove convocatorias, tanto para as categorías D1, D1+E, D e D+E, como para as categorías C1, C1+E, C e C+E, que se desenvolverán de acordo co seguinte calendario e prazos de inscrición:

Convocatoria

Intervalo de realización

Prazo de inscrición

Do 15.1.2020 ao 5.2.2020

Do 22.11.2019 ao 27.12.2019

Do 19.2.2020 ao 4.3.2020

Do 28.12.2019 ao 5.2.2020

Do 1.4.2020 ao 22.4.2020

Do 6.2.2020 ao 16.3.2020

Do 13.5.2020 ao 27.5.2020

Do 17.3.2020 ao 27.4.2020

Do 17.6.2020 ao 1.7.2020

Do 28.4.2020 ao 1.6.2020

Do 15.7.2020 ao 5.8.2020

Do 2.6.2020 ao 6.7.2020

Do 9.9.2020 ao 23.9.2020

Do 7.7.2020 ao 24.8.2020

Do 4.11.2020 ao 18.11.2020

Do 25.8.2020 ao 13.10.2020

Do 9.12.2020 ao 23.12.2020

Do 14.10.2020 ao 16.11.2020

3. Órgano responsable da tramitación.

O órgano responsable da tramitación dos procedementos regulados nesta resolución é a Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia.

4. Inscrición.

4.1. Solicitudes.

a) As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por vía electrónica na sede electrónica do Ministerio de Fomento. Con esta finalidade poderase acceder á sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, procedemento IF310D, onde se amosará o ligazón á sede electrónica do Ministerio de Fomento en que se deberá realizar a inscrición cubrindo os datos requiridos para tal efecto.

b) As persoas aspirantes excluídas ou non admitidas á realización das probas poderán solicitar a devolución das taxas que aboasen, de ser o caso, a través do procedemento IF310E, presentando para o efecto unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo I desta resolución.

c) As solicitudes de devolución de taxas presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

d) Ao abeiro do establecido no artigo 10.4 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, nos procedementos regulados nesta resolución é obrigatoria a presentación electrónica, tanto das solicitudes como da documentación complementaria, dada a necesidade de inscrición na sede electrónica do Ministerio de Fomento para a comprobación de requisitos de acceso ás probas en todo o territorio estatal e tendo en conta tamén que está dirixido a un colectivo profesional de transportistas de mercadorías e de viaxeiros que, para o exercicio de traballos asociados coa dita profesión, deberán dispoñer de medios para a tramitación electrónica, especialmente nos casos de traballo por conta propia, nos cales xa resulta obrigatoria de acordo coa lexislación vixente.

4.2. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.

A documentación complementaria do procedemento de inscrición ás probas (IF310D) presentarase obrigatoriamente por vía electrónica, para o cal deberá achegarse na opción habilitada para tal efecto dentro da mesma aplicación do Ministerio de Fomento utilizada para a inscrición. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

A documentación complementaria que se deberá presentar será o impreso de liquidación de taxas, que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou pode recollerse na Dirección Xeral de Mobilidade, servizos de Mobilidade de cada provincia, ou nos departamentos territoriais da consellería polo importe que estableza para o efecto a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 28.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4.3. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

4.3.1. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación do procedemento de inscrición para as probas (IF310D) deberán ser realizados electronicamente dirixíndose ao enderezo de correo electrónico formacion.transportes@xunta.gal.

4.3.2. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación do procedemento de devolución de taxas (IF310E) deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da Xunta de Galicia da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4.4. Exención da taxa de inscrición para as probas.

De acordo co establecido na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, terán dereito á exención da taxa do procedemento de inscrición (IF310D) as persoas que figuren como demandantes de emprego desde polo menos seis meses anteriores á data da convocatoria das probas nas cales soliciten a súa participación e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego. O órgano responsable do procedemento comprobará de oficio os ditos requisitos agás que, excepcionalmente, sexa necesario o requirimento á persoa interesada da acreditación documental das ditas circunstancias, debido á imposibilidade de realizar a dita comprobación ou cando sexa necesario, a xuízo do órgano responsable, para acreditar de forma fidedigna o cumprimento dos ditos requisitos.

5. Publicación e notificación de actos administrativos.

5.1. Publicación de resolucións e actos administrativos no procedemento de inscrición (IF310D).

As resolucións e os actos administrativos derivados do procedemento de inscrición para as probas (IF310D) serán obxecto de publicación de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A publicación realizarase na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade:

https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/mobilidade.

5.2. Publicación de resolucións e actos administrativos no procedemento de devolución de taxas (IF310E).

5.2.1. As notificacións de resolucións e actos administrativos no procedemento de devolución de taxas (IF310E) practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5.2.2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5.2.3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

5.2.4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5.2.5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Información básica sobre protección de datos persoais.

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os/as cidadáns/ás poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2019

Ignacio Maestro Saavedra
Director xeral de Mobilidade

missing image file
missing image file