Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Mércores, 20 de novembro de 2019 Páx. 49387

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 11 de novembro de 2019 pola que se modifica a Orde do 13 de xuño de 2017 pola que se establecen as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas niño, parcialmente cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2017, 2018, 2019 e 2020.

O 23 de xuño de 2017 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 13 de xuño de 2017 pola que se establecen as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas niño, parcialmente cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2017, 2018, 2019 e 2020.

Esta convocatoria de axudas está dirixida ás persoas físicas e cooperativas de traballo asociado que desexen crear unha casa niño nun concello rural de menos de 5.000 habitantes que careza de recursos de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade, sostidos con fondos públicos.

O programa, posto en marcha de forma experimental o ano 2016, ten por obxecto posibilitar que as familias que residan en concellos escasamente poboados dispoñan de recursos de atención continuada á infancia adaptados ao seu propio contexto que lles permitan conciliar a súa vida persoal, familiar e laboral.

A través da presente modificación cómpre revisar, a partir do período de matrícula do ano 2020, as circunstancias para o acceso ás prazas para os efectos de promover medidas de prevención para evitar fontes de risco e asegurar o benestar colectivo dos nenos e nenas, as situacións para valorar no suposto de que a demanda sexa superior á oferta, así como establecer mellores condicións de pagamento da atención educativa prestada para todas as titulares.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa presidencia,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Orde do 13 de xuño de 2017 pola que se establecen as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas niño, parcialmente cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2017, 2018, 2019 e 2020

A Orde do 13 de xuño de 2017 pola que se establecen as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas niño, parcialmente cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2017, 2018, 2019 e 2020, queda modificada como segue:

Un. O segundo e terceiro parágrafos do artigo 2.6 quedan redactados como segue:

«Os nenos e nenas que acudan á casa niño deberán estar en todo caso empadroados/as no concello en que esta se sitúe ou nun limítrofe onde non existan recursos de atención á infancia de ata tres anos de idade, e acreditar, a partir do período de matrícula do ano 2020, o cumprimento do calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación.

No suposto de que haxa unha demanda de prazas superior ás que se ofertan, circunstancia que deberá ser posta en coñecemento da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, a admisión efectuarase en primeiro lugar en función do empadroamento no concello e, de ser aínda necesario, segundo criterios de renda, de acordo co baremo e coa puntuación establecidos no anexo VII. A partir do período de matrícula do ano 2020, a admisión efectuarase en primeiro lugar en función do empadroamento no concello e, de ser aínda necesario, segundo criterios de renda, da situación familiar e da situación laboral e académica, de acordo co baremo e coa puntuación establecidos no anexo VII».

Dous. O artigo 22 queda redactado como segue:

«1. Sempre que non se opoña ao que se estableza na orde da Consellería de Facenda que regule as operacións de cerramento do exercicio, na anualidade 2017, as persoas beneficiarias percibirán un pagamento de ata o 80 % da cantidade da subvención concedida para gastos de investimento en concepto de pagamento anticipado, con anterioridade á xustificación da axuda, que se fará efectivo a partir da notificación da concesión, ou do cumprimento de todos os requisitos e as condicións previstos nesta orde nos supostos de concesión condicionada, aspecto que será comprobado polos servizos de inspección da Consellería de Política Social con carácter previo ao libramento de fondos. O importe restante que corresponda para completar o pagamento dos gastos de investimento realizados librarase logo da súa xustificación e da xustificación da prestación do servizo nas condicións exixidas nesta orde e da comprobación material destes aspectos.

2. En relación co pagamento da prima polo desenvolvemento do proxecto, as persoas beneficiarias percibirán na anualidade 2017, con anterioridade á xustificación da axuda, un pagamento de ata o 80 % da cantidade da subvención que lles corresponda pola atención relativa á dita anualidade en concepto de pagamento anticipado, que se fará efectivo a partir da comunicación de autorización de inicio da actividade.

Nas sucesivas anualidades realizarase, unha vez que se abra contablemente o correspondente exercicio orzamentario, un pagamento anticipado de ata o 35 % da subvención que corresponda por este concepto, agás na anualidade 2020, en que se realizará un pagamento anticipado de ata o 75 %.

O importe restante librarase nas sucesivas anualidades logo da xustificación por parte das persoas beneficiarias do desenvolvemento do proxecto piloto nas condicións exixidas nesta orde e da comprobación material destes aspectos. O importe total da subvención en 2017 establecerase en función dos meses efectivos de funcionamento.

Por solicitude da persoa beneficiaria realizaranse pagamentos á conta da liquidación definitiva cuxo importe total non poderá superar o 90 % da contía anual da subvención concedida. En todo caso, deberá presentarse unha solicitude de pagamento relativa ás actuacións realizadas en cada anualidade con data límite do 5 de decembro de cada unha delas.

3. Antes de proceder ao pagamento de cada liquidación final anual, o órgano xestor incorporará ao expediente a acreditación de que as adxudicatarias están ao día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración da Comunidade Autónoma».

Tres. O anexo VII queda redactado como segue:

Baremo de admisión na casa niño.

1. Nos supostos previstos no artigo 2.6, as prazas adxudicaranse segundo o que resulte da aplicación do seguinte baremo:

Situación económica.

Renda per cápita mensual da unidade familiar, referida ao indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente:

– Inferior ao 30 % do IPREM: +8 puntos.

– Do 30 % ou superior e inferior ao 50 % do IPREM: +7 puntos.

– Do 50 % ou superior e inferior ao 75 % do IPREM: +6 puntos.

– Do 75 % ou superior e inferior ao 100 % do IPREM: +5 puntos.

– Do 100 % ou superior e inferior ao 125 % do IPREM: +4 puntos.

– Do 125 % ou superior e inferior ao 150 % do IPREM: +3 puntos.

– Do 150 % ao 200 % do IPREM: +2 puntos.

– Superior ao 200 % do IPREM: +1 punto.

Enténdese por unidade familiar a formada polo pai, a nai e os fillos/as menores de 18 anos, agás que teñan algunha discapacidade.

No caso de familias monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar. Enténdese por familia monoparental a formada por un único proxenitor/a con fillos/as menores de 18 anos ou maiores con algunha discapacidade, que non conviva con outra persoa coa que manteña unha relación análoga á conxugal e sempre que o outro proxenitor/a non contribúa economicamente ao seu sustento.

2. A partir do período de matrícula do ano 2020 teranse en conta ademais os seguintes criterios:

a) Situación familiar.

Condición de familia monoparental: 3 puntos.

Condición de familia numerosa: 3 puntos.

b) Situación laboral ou académica*.

1º. Situación laboral ou de realización de estudos que impliquen dedicación preferente debidamente xustificada:

Nai: 7 puntos.

Pai: 7 puntos.

2º. Persoas desenvolvendo e percibindo o tramo de inserción (Risga):

Nai: 3 puntos.

Pai: 3 puntos.

3º. Situación de busca activa de emprego:

Nai: 2 puntos.

Pai: 2 puntos.

A situación de busca activa de emprego acreditarase coa certificación de demanda de emprego.

*No caso de familias monoparentais, adxudicáraselles a puntuación da epígrafe correspondente computando por dous.

* Puntualizacións sobre o concepto de situación laboral:

1. Non se considerará o traballo realizado sen a alta na Seguridade Social ou, se o caso, no imposto de actividades económicas.

2. Para efectos de baremación, computarase como traballo a xornada completa ou parcial a situación recoñecida de incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez.

3. Na valoración dos estudos enténdese por estudos os dirixidos á obtención de títulos oficiais como a ESO, bacharelato, formación profesional, titulacións universitarias ou formación para a capacitación profesional entre outras.

Así mesmo, entenderase que existe dedicación preferente cando a persoa interesada presente a matrícula e un certificado de asistencia regular.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2019

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social