Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Venres, 29 de novembro de 2019 Páx. 51073

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 19 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas no medio rural e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento TU501B).

A Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, establece entre os seus fins, aos cales a Administración autonómica acomodará as súas actuacións, a promoción e o estímulo dun sector turístico galego competitivo, de calidade e accesible, e a promoción de Galicia como destino turístico de calidade, con garantía do seu tratamento unitario na difusión interior e exterior dos recursos do país.

A Axencia Turismo de Galicia créase en virtude da autorización contida na disposición adicional cuarta da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, polo Decreto 196/2012, do 27 de setembro, como unha axencia pública autonómica, que terá como finalidade impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e a ordenación do turismo dentro da comunidade.

Entre os obxectivos básicos da Axencia están o desenvolvemento do turismo na Comunidade Autónoma de acordo cos principios de calidade, accesibilidade e sustentabilidade; a potenciación do turismo como un factor de crecemento económico, a valorización dos recursos turísticos e o fomento do turismo como un instrumento de reequilibrio territorial.

Dado que o desenvolvemento rural galego debe abordarse desde unha perspectiva integral, prevese o apoio a actuacións de diferente natureza, que a Axencia Turismo de Galicia vai materializar a través da concesión de subvencións ás entidades locais para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas.

Estas subvencións financiaranse con cargo aos créditos orzamentarios da Axencia Turismo de Galicia asignados para esta finalidade e conforme o establecido sobre as medidas de fomento no artigo 94 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 95 da dita lei, e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da devandita lei, e no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

De acordo co anterior, e de conformidade coa competencia conferida polo artigo 19.4.q) dos estatutos da Axencia Turismo de Galicia, aprobados polo Decreto 196/2012, do 27 de setembro,

RESOLVO:

Primeiro. Convocatoria e bases reguladoras

O obxecto desta resolución é aprobar as bases –que se inclúen como anexo I–, polas que se rexerá a concesión das subvencións a entidades locais, en réxime de concorrencia competitiva, para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas, así como efectuar a súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento TU501B).

Segundo. Solicitudes

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 6 das bases reguladoras.

2. As solicitudes deberán presentarse na forma e no prazo establecidos no artigo 5 das bases reguladoras.

Terceiro. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Cuarto. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia Turismo de Galicia:

http://www.turismo.gal/canle-profesional/promocion-do-sector/axudas-e-subvencions

b) Páxina web https://sede.xunta.gal/portada, e introducindo no buscador o código de procedemento TU501B.

c) Os teléfonos 981 54 01 46 e 981 54 02 61 da devandita axencia.

d) Correo electrónico fomento.turismo@xunta.gal.

Quinto. Réxime de recursos

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

Sexto. Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2019

A directora da Axencia Turismo de Galicia
P.A. (Artigo 19.6 do Decreto 196/2012, do 27 de setembro;
DOG núm. 193, do 9 de outubro)
Mª Elena Barca Ramos
Xerente da Axencia Turismo de Galicia

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a entidades locais para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas no medio rural para o ano 2020 (TU501B)

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto o fomento da recuperación, da accesibilidade e da sinalización dos recursos turísticos no medio rural cara á consolidación da oferta turística nas zonas rurais a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

3. Ao abeiro desta resolución, son subvencionables as seguintes accións:

a) Actuacións de embelecemento dos accesos aos recursos turísticos da entidade solicitante, que poderán incluír:

– Recuperación e tratamento paisaxístico do contorno dos recursos turísticos.

– Iluminación ornamental dos recursos turísticos, xa sexa primeira instalación ou mellora, ampliación ou substitución da existente. Non será subvencionable a iluminación urbana da entidade local.

– Recuperación e creación de miradoiros paisaxísticos, sendeiros, rutas ou outros elementos de interese turístico.

– Adecuación de espazos destinados ao estacionamento de vehículos dos visitantes cuxa finalidade sexa reducir o impacto negativo que estes producen.

b) Actuacións de embelecemento dos bens declarados de interese cultural ou cun procedemento de declaración xa iniciado, así como as que afecten o seu contorno de protección. Estas últimas poderán consistir en:

– Embelecemento de vías.

– Ocultamento de colectores de residuos.

– Eliminación de cableado aéreo e antenas de comunicacións.

c) Actuacións de posta en valor turístico dos recursos, que poderán incluír as seguintes:

– Rehabilitación ou restauración para a súa dedicación a usos turísticos distintos do aloxamento de persoas.

– Recuperación de elementos de interese etnográfico ou da arquitectura tradicional.

d) Actuacións de mellora da accesibilidade dos recursos turísticos:

– Eliminación de barreiras arquitectónicas no acceso aos bens, recursos e rutas turísticas.

– As destinadas a facilitar o acceso das persoas con algún tipo de discapacidade sensorial á información turística dos recursos.

En todo caso, deberá cumprirse a normativa vixente en materia de accesibilidade e eliminación de barreiras arquitectónicas.

e) Sinalización dos recursos turísticos.

A sinalización poderá comprender tanto a primeira instalación como a substitución da existente nos camiños e nas estradas das redes locais, provinciais e autonómica, así como nos núcleos urbanos, cando esta se atope deteriorada ou obsoleta nos seus contidos e/ou imaxe.

So será subvencionable a sinalización turística, que é a referida exclusivamente aos recursos e servizos turísticos.

Os paneis interpretativos deberán utilizar materiais resistentes ás inclemencias meteorolóxicas e ao vandalismo, e deberán harmonizar co contorno en que se instalen.

Os materiais e as características da sinalización deberán cumprir o disposto no manual oficial de sinalización turística da Xunta de Galicia, aprobado polo Decreto 85/2012, do 16 de febreiro (DOG núm. 47, do 7 de marzo), nos correspondentes manuais de homologación de sendeiros conforme a normativa da Federación Galega de Montañismo e a sinalización deseñada pola Axencia Turismo de Galicia para os centros BTT.

4. Só serán subvencionables as obras que utilicen materiais construtivos que permitan a integración harmónica e respectuosa co contorno en que se atopa o recurso. Neste senso deberá evitarse o uso de asfalto ou de formigón cando visualmente non se acomoden esteticamente co medio.

Artigo 2. Gastos subvencionables, requisitos dos proxectos e importes máximos subvencionables

1. De acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles gastos que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e sexan efectivamente realizados no ano 2020.

2. Ao abeiro do regulado nestas bases, serán gastos subvencionables os seguintes:

a) Gastos necesarios para a axeitada execución das actuacións subvencionadas, incluídos, de ser o caso, os gastos financeiros, de asesoría xurídica ou financeira, gastos notariais e rexistrais e os de peritaxe, sempre e cando fosen indispensables para a execución da intervención.

b) Gastos correspondentes a honorarios facultativos devindicados pola redacción dos proxectos técnicos precisos para a execución das actuacións, así como pola dirección facultativa das obras, e o custo dos estudos necesarios para a súa realización. Estes custos xerais asociados aos investimentos que se efectúen non poderán superar o 10 % do investimento subvencionable.

c) Os tributos (IVE) serán gasto subvencionable cando a entidade beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se subvencionarán os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

d) Os custos derivados do emprego de medios propios do concello no desenvolvemento das actuacións subvencionadas, e os custos indirectos imputables polo beneficiario á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda, sempre que se recollan no orzamento do proxecto para o cal se solicita a subvención.

3. Non son gastos subvencionables:

a) As actuacións que constitúen o obxecto destas bases cando, segundo os criterios de valoración establecidos no seu artigo 13, a entidade solicitante non acade a puntuación mínima (30 puntos).

b) Os gastos correntes de funcionamento da entidade beneficiaria.

c) Equipamento e materiais non funxibles de segunda man.

d) Actuacións de mantemento que se realicen periodicamente para manter o recurso en perfecto uso ou estado (limpeza, roza de sendeiros existentes, pintura, arranxos de carpintaría e similares).

e) Mobiliarios ou infraestruturas destinadas a xogos ou actividades deportivas.

4. Na adquisición de bens e servizos mediante contratos públicos non son subvencionables:

a) Os pagamentos efectuados polo contratista á Administración en concepto de taxa de dirección de obra ou control de calidade.

b) Calquera outro concepto que supoña ingresos ou descontos que deriven da execución do contrato.

c) Os pagamentos efectuados polo beneficiario que deriven da execución dos contratos públicos.

5. En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias; os xuros, recargas e sancións administrativas e penais, nin os gastos dos procedementos xudiciais.

6. Cada solicitude corresponderase cun único proxecto, aínda que en cada proxecto se poderá incluír máis dunha actuación. Para os efectos desta convocatoria, considerarase proxecto aquela actuación ou conxunto de actuacións, susceptibles de definición individualizada, para as cales se solicita subvención.

Cada actuación virá definida no documento que corresponda segundo á súa tipoloxía:

a) Equipamento: memoria detallada e valorada.

b) Obras: proxecto/s ou anteproxecto/s ou memorias valoradas.

O orzamento total do proxecto obxecto da solicitude é o resultado da suma dos orzamentos parciais das actuacións que o integran, incluído o imposto sobre o valor engadido, que deberá recollerse dun xeito diferenciado.

7. A entidade solicitante deberá acreditar a dispoñibilidade sobre os terreos ou inmobles en que se pretende realizar as actuacións, como mínimo durante o período en que se manteñen as obrigas que asume o beneficiario da axuda previstas no artigo 20.3. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes e acreditarase mediante a certificación emitida pola secretaría do concello solicitante no modelo do anexo III ou, no caso de agrupacións de concellos, pola secretaría do concello representante no modelo do anexo IV, segundo proceda. Neste último caso, a certificación emitirase con base na emitida pola secretaría do/dos concello/s en que se localicen os terreos ou inmobles en que se vaia desenvolver cada unha das actuacións que integran o proxecto.

8. Así mesmo, de seren necesarias para levar a cabo a actuación para a cal se solicita a subvención, deberase contar coa autorización ou licenza urbanística ou sectorial tanto municipal como por parte doutros organismos ou administracións públicas en materia de dominio público hidráulico, patrimonio cultural ou estradas, entre outras. Para estes efectos, o cumprimento do dito requisito, ben por dispoñer delas ou por non ser preceptiva, acreditarase na fase de xustificación mediante certificación emitida pola secretaría do concello solicitante ou pola secretaría do concello representante, no caso de agrupacións de concellos.

9. No caso das actuacións consistentes en sinalización dos recursos turísticos recollidas no artigo 1.3.e) destas bases, deberán contar co informe da Axencia Turismo de Galicia sobre o cumprimento do manual oficial de sinalización turística da Xunta de Galicia.

10. Para a determinación do investimento subvencionable do orzamento do proxecto ou memoria valorada presentada pola entidade solicitante detraeranse os gastos non subvencionables, tendo en conta a existencia dun límite máximo de investimento subvencionable de 100.000 € (co IVE incluído).

11. O importe máximo da subvención que se aboará será do 85 % do orzamento do investimento subvencionable, co límite máximo de 30.000 €. As contías das subvencións estableceranse con base nunha porcentaxe do orzamento subvencionable en función da puntuación obtida por cada solicitude en aplicación dos criterios de valoración establecidos no artigo 13 destas bases, co limite máximo antes indicado.

12. Nos supostos establecidos no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, todas as entidades beneficiarias deberán solicitar e obter, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación, e achegalas xunto coa documentación xustificativa da subvención.

Artigo 3. Financiamento e concorrencia

1. As subvencións obxecto desta resolución financiaranse cun crédito total de 1.200.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 11.A2.761A.760.0, código de proxecto 2016 00002 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o que poderá dar lugar á posibilidade de atender novas solicitudes que poderán dar lugar á subvención oportuna.

Nestes casos o órgano concedente deberá publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios en que publicou a convocatoria, sen que esta publicación implique unha apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo dos prazos para resolver.

2. Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, e existe crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2020.

Así mesmo, estará sometida ao regulado na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

Ao abeiro desta normativa, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

3. As subvencións reguladas nestas bases serán compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o mesmo obxecto e finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal ou de organismos internacionais, pero o seu importe en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actuación subvencionada.

En todo caso, estas axudas serán incompatibles coas axudas que a entidade local beneficiaria reciba da Axencia Turismo de Galicia a través da convocatoria de axudas para actuacións de mellora paisaxística e de embelecemento de bens e recursos que se atopen no Camiño de Santiago para o ano 2020.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os requisitos establecidos nestas bases, as seguintes tipoloxías de entidades locais:

a) Concellos.

b) Mancomunidades e consorcios locais constituídos de acordo coa Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia. Estas entidades supramunicipais deberán ter atribuídas competencias en materia de turismo.

c) Agrupacións de concellos, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Neste caso, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención aplicable por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación. Esta agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da citada lei.

2. Non poderán participar nesta convocatoria as sete grandes cidades galegas: A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Ferrol e Santiago de Compostela, nin as entidades locais de carácter supramunicipal en que estean integradas.

3. Non se admitirán as solicitudes presentadas por consorcios locais dos cales forme parte a Xunta de Galicia e financie, en todo ou en parte, os seus gastos de funcionamento.

4. Os requisitos para ser beneficiarias deberán cumprirse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

5. Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable da entidade.

6. So poderá solicitarse unha axuda por concello, mancomunidade, consorcio ou agrupación.

Os concellos pertencentes a entidades locais supramunicipais ou agrupacións que soliciten axudas como integrantes destas poderán, pola súa vez, solicitar unha axuda para unha actuación diferente de maneira independente.

7. Os concellos solicitantes deberán ter remitidas as contas correspondentes ao Consello de Contas. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes. No caso das agrupacións ou asociacións de concellos, deberán cumprir este requisito todos os concellos agrupados ou asociados, polo que o incumprimento por parte dalgún dos concellos participantes na solicitude de subvención suporá a súa inadmisión.

Artigo 5. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que figura como anexo II (TU501B), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.

Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

1.1. Declaración responsable asinada electronicamente pola persoa representante da entidade solicitante, incluída no anexo II desta resolución, na cal se faga constar:

a) O conxunto de todas as axudas solicitadas ou recibidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos e o compromiso de comunicar de contado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

b) Que o concello non está incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

c) Que o concello non está incurso en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención, particularmente as referidas a estar ao día das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións.

Para os efectos do previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que o concello está ao día das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedor por resolución de procedemento de reintegro.

d) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

e) Que se compromete a cumprir as obrigas e requisitos que se sinalan no artigo 20 das bases reguladoras.

Respecto ás declaracións contidas na solicitude, no caso das agrupacións de concellos, estas declaracións serán emitidas polo alcalde ou alcaldesa representante da asociación ou agrupación de concellos con base nas emitidas polos respectivos representantes de cada un dos concellos que a integran, para o cal poderán empregar o modelo de declaración que figura no anexo VIII. Estas declaracións orixinais deberán quedar en poder do concello representante para a súa achega no procedemento de subvencións, de ser requirido para iso polo órgano tramitador.

1.2. Certificación emitida e asinada electronicamente polo/a secretario/a do concello solicitante no modelo do anexo III, na cal se faga constar:

a) O acordo do concello polo cal se solicita a subvención para a actuación que se pretende executar ao abeiro desta resolución, e se aceptan as condicións de financiamento e os demais requisitos establecidos nela, así como o compromiso de financiar o importe da actividade que non resulte subvencionado ao abeiro desta convocatoria ata o importe total da execución prevista, segundo a documentación achegada coa solicitude.

O acordo deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

b) Que a entidade local cumpriu coa súa obriga de remisión das contas ao Consello de Contas de Galicia.

c) Que as obras non estaban iniciadas en data 1 de xaneiro de 2020.

d) A dispoñibilidade do concello sobre os terreos e inmobles en que se van desenvolver as actuacións, durante un período que, como mínimo, garanta o cumprimento das obrigas previstas no artigo 20.3.

O incumprimento dos requisitos recollidos nas alíneas a) a d) constituirá causa de inadmisión da solicitude.

1.3. No caso de agrupacións de concellos, certificación emitida pola secretaría do concello representante no modelo do anexo IV, na cal se faga constar, con base nos acordos adoptados polos órganos competentes de cada un dos concellos agrupados e/ou nas certificacións emitidas polas secretarías dos concellos integrantes da agrupación:

a) Que todos os concellos integrantes da agrupación adoptaron o acordo polo cal se solicita a subvención para as obras ou equipamentos que se pretenden executar e se aceptan as condicións de financiamento e os demais requisitos establecidos nesta resolución, así como o compromiso de financiar o importe da actuación que non resulte subvencionado ao abeiro desta convocatoria ata o importe total da execución prevista segundo a documentación achegada coa solicitude, na proporción que corresponda a cada un deles.

Os acordos deberán estar adoptados antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

b) O nomeamento da persoa titular da alcaldía como representante con poder suficiente para cumprir con todas as obrigas que como entidade beneficiaria corresponden á agrupación, e que actuará como coordinador/a, interlocutor/a e perceptor/a da subvención.

c) Que todos os concellos participantes na solicitude cumpriron a súa obriga de remisión das contas ao Consello de Contas de Galicia.

d) Que as obras non estaban iniciadas en data 1 de xaneiro de 2020.

e) A dispoñibilidade dos concellos sobre os terreos e inmobles en que se van desenvolver as actuacións, durante un período que, como mínimo, garanta o cumprimento das obrigas previstas no artigo 20.3.

O incumprimento destes requisitos ou a falta da referencia expresa ao contido determinado nos números anteriores, aínda que afecte unha soa das entidades agrupadas, determinará a inadmisión da solicitude.

1.4. O instrumento xurídico que regule a agrupación, en que consten os compromisos de execución asumidos por cada membro, así como o importe de execución do proxecto asumido por cada un deles e a designación da persoa titular da alcaldía que actuará como representante da agrupación. A este representante corresponderalle asinar a solicitude e con el efectuaranse todas as actuacións a que o procedemento dea lugar.

1.5. Proxecto, anteproxecto ou memoria asinado por técnico competente que permita unha definición exacta da intervención que se vai realizar, que deberá incluír:

– Memoria explicativa e xustificativa da actuación que se vai desenvolver (cunha extensión máxima de 30 páxinas).

– Planos de localización do investimento.

– No caso de proxectos de sinalización, deberán indicarse as medidas dos sinais cuxa colocación se pretende, a súa localización, os recursos que se quere sinalizar, e, neste caso, os planos deberán ser en cor.

– Reportaxe fotográfica do ben sobre o cal se vai actuar: exteriores, interiores e da contorna.

– Planos descritivos do proxecto que se vai levar a cabo.

– Relación (indicando calidades) dos materiais e acabamentos propostos.

– Relación detallada dos mobles e equipamentos (débense indicar calidades, localización e número) que se van instalar.

– Orzamento detallado, agrupado por partidas, dos gastos necesarios para a execución do proxecto.

1.6. Memoria xustificativa sobre os diferentes aspectos que poidan ser puntuables en relación con cada un dos criterios de valoración recollidos no artigo 13 destas bases, para o que se empregará o modelo que figura no anexo V, acompañada da documentación acreditativa correspondente no caso dos criterios recollidos nas alíneas e) e f).

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial (gravado nun soporte físico tipo CD, DVD ou dispositivo extraíble) dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no pagamento das súas obrigas coa Consellería de Facenda.

– Consulta de concesións de subvencións e axudas.

– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos correspondentes.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada.

Artigo 9. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 10. Órganos competentes

A Xerencia da Axencia Turismo de Galicia será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, e corresponderalle á persoa titular da Dirección da Axencia ditar a resolución de concesión.

Artigo 11. Instrución do procedemento

1. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fai, se considerará que desistiu na súa petición, logo da correspondente resolución.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, a Axencia Turismo de Galicia poderá requirir á entidade solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

2. Os proxectos ou memorias valoradas serán avaliados na Área de Fomento e Desenvolvemento Empresarial segundo os criterios de valoración recollidos no artigo 13, que emitirá un informe ao respecto para o seu estudo pola Comisión de Valoración.

3. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

Artigo 12. Comisión de Valoración

1. As solicitudes admitidas serán valoradas en réxime de concorrencia competitiva, conforme os criterios de adxudicación e baremación previstos nestas bases, por unha Comisión de Avaliación que será a responsable de propoñer a resolución final ao órgano competente para resolver.

2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

a) A persoa titular da dirección da Axencia Turismo de Galicia, que a presidirá.

b) As persoas titulares das delegacións territoriais ou persoas en que deleguen.

c) A persoa titular da Xerencia da Axencia Turismo de Galicia ou persoa en que delegue.

d) Unha persoa representante da Dirección de Promoción designada pola persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia.

e) Un/unha funcionario/a da Axencia Turismo de Galicia designado/a pola persoa titular da Dirección, que actuará como secretario/a.

3. No informe que formule a comisión figurarán de xeito individualizado as entidades solicitantes propostas para obter a subvención e especificarase a avaliación que lles corresponde, segundo os criterios recollidos no artigo seguinte e indicando o importe da concesión que se propón para cada un deles. Así mesmo, figurará a relación de solicitudes admitidas que non obtiveron subvención por razón da puntuación, ordenadas por orde decrecente de puntuación.

4. Con base no informe da comisión, o órgano instrutor poderá emitir propostas sucesivas, ben por dispor de crédito por producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente propostos ou ben por un incremento do orzamento inicialmente destinado a esta subvención.

Artigo 13. Criterios de valoración

1. Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables, e os criterios de avaliación que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión da subvención serán os seguintes:

a) Existencia de recursos turísticos estratéxicos de Galicia no ámbito territorial da entidade solicitante. Máximo 30 puntos. Un mesmo ben ou recurso só poderá ser puntuado por un dos catro aspectos valorables que se recollen nesta epígrafe:

1º. Que exista algún ben declarado patrimonio mundial: 10 puntos.

2º. Que exista algún ben declarado ou cun expediente de declaración incoado como ben de interese cultural: 10 puntos.

3º. Que exista algún espazo natural declarado protexido: 5 puntos.

4º. Que transcorra algunha das rutas turísticas máis relevantes da Comunidade Autónoma e que se enumeran a seguir: 5 puntos.

Camiño de Santiago.

Rutas ou itinerarios deseñados pola Axencia Turismo de Galicia que poden consultarse no seguinte enlace: http://www.turismo.gal.

b) Interese turístico da actuación: máximo 20 puntos. Para valorar este criterio teranse en conta os seguintes parámetros:

1º. Contribución da actuación á diversificación e á desestacionalización da oferta. Máximo 10 puntos. Valorarase:

– A diversificación da oferta turística da entidade solicitante, entendendo que esta se produce cando a proposta de actuación presentada non ten relación coa oferta turística actual da dita entidade solicitante. 5 puntos.

– Que a actuación supoña a creación de produtos que permitan desestacionalizar a oferta turística da entidade, entendendo que a dita desestacionalización se produce cando a actuación presentada amplía o período da oferta turística da entidade solicitante. 5 puntos.

2º. Grao de integración da actuación. Valorarase cun máximo de 10 puntos:

– Que a actuación presentada se integre con outros proxectos ou iniciativas turísticas existentes no ámbito territorial da entidade solicitante, de xeito que sexa susceptible de xerar unha oferta conxunta. 5 puntos.

– A execución conxunta dunha mesma actuación por parte de distintas entidades locais ou concellos fusionados. 5 puntos.

c) Carácter innovador. Valorarase a orixinalidade das propostas e solucións ofrecidas nas actuacións propostas. Máximo 5 puntos.

d) Utilización de novas tecnoloxías como realidade aumentada, códigos QR, audioguías, guías virtuais, internet e uso das redes sociais para as actuacións de información e promoción turística: máximo de 5 puntos.

e) Que a entidade solicitante teña constituído un destino SICTED ou estea en posesión dalgún certificado de calidade recoñecido. 5 puntos.

f) Que a entidade solicitante estea en posesión dalgunha certificación ambiental recoñecida (bandeira azul, sendeiro azul, centro azul). 5 puntos.

No caso de que a entidade solicitante sexa unha mancomunidade, consorcio ou agrupación de concellos, e a actuación para a cal se solicite a subvención afecte varios concellos, terá a puntuación indicada no parágrafo anterior no caso de que polo menos un dos citados concellos conte coas ditas certificacións.

g) Que as actuacións solicitadas contribúan á accesibilidade dos recursos turísticos de persoas con algún tipo de diversidade funcional. Máximo 5 puntos.

h) Que a entidade solicitante estea declarada municipio turístico ou teña declarada algunha festa de interese turístico. Máximo 9 puntos.

– Declaración de municipio turístico ou festa de interese turístico internacional: 4 puntos.

– Festa de interese turístico nacional: 3 puntos.

– Festa de interese turístico de Galicia: 2 puntos.

No caso de que a entidade solicitante sexa unha mancomunidade, consorcio ou agrupación de concellos, e a actuación para a cal se solicite a subvención afecte varios concellos, terá a puntuación indicada no parágrafo anterior no caso de que polo menos un dos citados concellos conte con tal declaración.

i) Localización territorial da actuación obxecto da subvención. Máximo 6 puntos.

– Entidades con poboación igual ou inferior a 5.000 habitantes: 6 puntos.

– Concellos con poboación superior a 5.000 habitantes e inferior a 15.000 habitantes: 3 puntos.

Para a valoración deste criterio teranse en conta os últimos datos do padrón municipal de habitantes elaborado polo Instituto Nacional de Estatística na data de publicación da convocatoria.

No caso de solicitudes presentadas por mancomunidades, consorcios ou agrupacións de concellos, este criterio aplicarase tendo en conta o tramo en que se inclúa a maioría dos concellos agrupados.

2. A porcentaxe de axuda sobre o investimento subvencionable calcularase con base na puntuación que acaden as solicitudes presentadas, segundo se detalla a seguir:

• Entre 30 e 60 puntos: 65 %.

• Entre 61 e 80 puntos: 75 %.

• Entre 81 e 90 puntos: 85 %.

As solicitudes que non acaden o mínimo de 30 puntos non terán dereito á subvención.

Se os fondos dispoñibles nesta convocatoria non foren suficientes para conceder axudas a todas as solicitudes que acaden a puntuación mínima, concederanse por orde decrecente de puntuación ata o límite do crédito dispoñible.

Se dúas ou máis solicitudes acaden igual puntuación, ordenaranse con base no orzamento subvencionable da actuación, priorizando as de menor importe. De continuar o empate, darase prioridade ás entidades de menor poboación.

O resultado da análise plasmarase nun informe, en que figurará a relación de solicitudes admitidas ordenada por orde decrecente de puntuación, que o órgano de instrución elevará, xunto coa proposta de resolución provisional da Comisión de Avaliación, ao órgano competente para resolver.

3. A proposta de resolución expresará de forma motivada a relación de proxectos para os cales se propón a concesión da axuda, coa identificación, en relación con cada proxecto, do beneficiario, importe subvencionable, porcentaxe da axuda e subvención proposta. De ser o caso, contará cunha lista ordenada por orde decrecente de puntuación dos proxectos admitidos que non acadasen subvención polo esgotamento do orzamento dispoñible.

4. No suposto de que algún beneficiario renuncie á subvención concedida, decaia no dereito á súa percepción ou proceda o reintegro de acordo co previsto nestas bases e na normativa que resulte de aplicación, os créditos liberados poderán asignarse por orde decrecente de puntuación aos proxectos admitidos que non obtivesen subvención por esgotamento do crédito previsto. Actuarase de igual xeito cando, por razóns de dispoñibilidade orzamentaria, se acorde incrementar o crédito máximo inicialmente previsto nesta convocatoria.

Artigo 14. Audiencia

1. Instruído o procedemento, o órgano instrutor formulará proposta de resolución provisional debidamente motivada, que será notificada aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que coiden pertinentes, de acordo co establecido no artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado. Neste caso, a proposta de resolución formulada terá carácter de definitiva.

Artigo 15. Resolución

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor elaborará a proposta de resolución definitiva, que elevará á persoa titular da dirección da Axencia Turismo de Galicia para a súa resolución. A dita proposta conterá a relación de expedientes instruídos, establecida por orde de incoación, e nela indicarase o número de expediente, denominación e NIF da entidade ou entidades solicitantes, data de presentación da solicitude, a actuación subvencionable e a contía da subvención proposta, ou ben a causa da proposta de denegación ou inadmisión, segundo corresponda.

2. A persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a entidade solicitante a que se lle concede a subvención e a actuación subvencionada, así como a subvención concedida e a súa contía ou, de ser o caso, a causa de inadmisión ou denegación da solicitude.

3. De conformidade co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, unha vez esgotado o crédito dispoñible, este poderá ampliarse cando o aumento veña derivado dalgunha das condicións previstas no dito artigo.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución aos interesados será de cinco meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 16. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde á posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderanse interpor os seguintes recursos:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Axencia Turismo de Galicia. O prazo para a interposición do recurso de reposición será dun mes, se o acto for expreso. Transcorrido o dito prazo, unicamente poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, sen prexuízo, de ser o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión. Se o acto non for expreso, a entidade solicitante e outros posibles interesados poderán interpoñer recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 18. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, a entidade ou entidades locais beneficiarias poderán solicitar a modificación do seu contido antes de que remate o prazo para a realización da actividade.

2. A modificación poderase autorizar sempre que non dane dereitos de terceiros. En todo caso, a modificación da resolución de concesión deberá respectar o obxecto da subvención, as actuacións subvencionables e non dar lugar a actuacións deficientes e incompletas.

3. Para a modificación da resolución non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.

4. Xunto coa solicitude, a entidade deberá presentar memoria xustificativa da modificación, orzamento modificado e relación e identificación concreta dos cambios introducidos.

5. O acto polo cal se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, logo da instrución do correspondente expediente en que se lle dará audiencia ao interesado, nos termos previstos no artigo 14.

6. Cando o beneficiario da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a súa concesión, que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o establecido no artigo 14.1.m) da Lei de subvencións de Galicia, téndose omitido o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros.

Esta aceptación por parte do órgano concedente non exime o beneficiario das sancións que poidan corresponderlle conforme a citada Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Aceptación e renuncia

1. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se producise manifestación expresa en contra, entenderase tacitamente aceptada.

2. A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo VI, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, a persoa titular da Dirección da Axencia ditará a correspondente resolución, nos termos do artigo 21 da citada lei.

3. A presentación da renuncia logo do dito prazo, agás suposto de forza maior, así como a perda do dereito ao cobramento da subvención, serán causa de inadmisión da solicitude de subvención na convocatoria da anualidade seguinte para o mesmo obxecto, se a houber.

Artigo 20. Obrigas dos beneficiarios

Os beneficiarios das subvencións adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable:

1. Cumprir o obxectivo e realizar a actuación subvencionada, de conformidade co presentado ao concurso de subvencións ou, se é o caso, ao modificado coa autorización da Axencia Turismo de Galicia.

2. Xustificar ante o órgano concedinte o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión ou o desfrute da subvención.

3. Manter o investimento subvencionado durante un período mínimo de cinco anos, cando se trate de bens inscritibles nun rexistro público, e non inferior a dous anos para o resto de bens, de conformidade co disposto no artigo 29.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Ao longo deste período deberanse levar a cabo as obras de mantemento e limpeza necesarias para a correcta conservación do investimento.

5. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Axencia Turismo de Galicia, ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, para o cal se achegará canta información sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

6. Comunicarlle á Axencia Turismo de Galicia a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado nacional ou internacional. Estas comunicacións deberanse efectuar tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

7. Os beneficiarios deberán dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos na lexislación mercantil e sectorial aplicable coa finalidade de garantir o exercicio adecuado das facultades de comprobación e control; así mesmo, deberán conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos.

8. Os beneficiarios deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Para estes efectos e durante a execución das actuacións será obrigatoria a colocación dun cartel en que figure a subvención da Xunta de Galicia, conforme o manual de identidade corporativa que estea vixente.

No caso de actuacións de importe superior a 20.000 € deberá manterse o cartel, e no caso de actuacións en inmobles colocarse unha placa, durante 5 anos contados desde a execución da actuación.

Tanto os carteis como as placas serán de material resistente (ríxido ou semirríxido), e non será admisible a simple impresión en papel. Colocaranse sempre nun lugar visible para o público.

Nos materiais impresos, medios electrónicos o audiovisuais, ou ben en mencións realizadas en medios de comunicación deberán constar lendas relativas ao financiamento público.

Igualmente, as persoas beneficiarias deberán incluír, nas súas accións promocionais, a marca Xacobeo 2021, de acordo co manual de identidade visual, aprobado polo Decreto 167/2018, do 29 de novembro, polo que se regula a utilización da marca Xacobeo 2021 (DOG núm. 1, do 2 de xaneiro de 2019).

Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta do/da beneficiario/a.

Artigo 21. Subcontratación

1. Os concellos poderán concertar con terceiros a execución total do proxecto que constitúe o obxecto da subvención. A tramitación e contratación das obras ou equipamentos será realizada polos concellos conforme a normativa de aplicación no ámbito local e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas, e serán os concellos contratantes os responsables directos das consecuencias que dos incumprimentos poidan derivar. En todo caso, haberá que aterse ao establecido nos artigos 27 e 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, e no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

2. Nos supostos establecidos no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, todas as entidades beneficiarias deberán solicitar e obter, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación, e achegalas xunto coa documentación xustificativa da subvención.

Tamén deberá achegar a resolución de adxudicación da obra e/ou equipamento, na cal se xustifique a elección entre as ofertas presentadas que, con carácter xeral, recaerá na proposta económica máis vantaxosa. No suposto de non recaer a adxudicación na proposta económica máis vantaxosa, deberán achegar unha memoria en que se xustifique expresamente a elección do adxudicatario do contrato.

Artigo 22. Xustificación da subvención

1. A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 20 de outubro de 2020.

2. A documentación correspondente á xustificación do investimento realizado presentarase de forma electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal).

3. Para cobrar a subvención concedida as persoas beneficiarias deberán presentar, mediante a modalidade de conta xustificativa, a seguinte documentación:

a) Declaración responsable segundo o modelo que figura no anexo VIII. No caso das agrupacións de concellos, estas declaracións serán emitidas polo alcalde ou alcaldesa representante da asociación ou agrupación de concellos con base nas emitidas polos respectivos representantes de cada un dos concellos que a integran, para o cal poderán empregar o modelo de declaración que figura no anexo VIII. Estas declaracións orixinais deberán quedar en poder do concello representante para a súa achega no procedemento de subvencións, de ser requirido para iso polo órgano tramitador.

Para os efectos do previsto no artigo 31.7 e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que o concello está ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedor por resolución de procedemento de reintegro.

b) Solicitude de cobramento asinada segundo o modelo do anexo VII.

c) Conta xustificativa conforme os artigos 8 e 10 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, que incorporará:

c.1. En todo caso, a certificación da Intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida.

c.2. Certificación expedida pola secretaría da entidade local, co visto e prace da alcaldía, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

• O cumprimento da finalidade da subvención.

• Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables a actuacións subvencionadas coa seguinte relación: identificación da persoa acredora, número de factura ou documento equivalente, certificación da obra, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente. Salvo disposición expresa das bases reguladoras, e sen prexuízo do previsto na alínea c.3, non será exixible a remisión dos documentos relacionados no artigo 48.2.b) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

c.3. Os documentos acreditativos dos gastos realizados con medios ou recursos propios e a indicación, se é o caso, dos criterios de repartición dos custos xerais e/ou indirectos incorporados na relación a que se fai referencia no punto c.2.

c.4. Certificación expedida pola secretaría da entidade local, co visto e prace da alcaldía, sobre que a actuación desenvolvida conta coa autorización ou licenza urbanística ou sectorial tanto municipal como por parte doutros organismos ou administracións públicas en materia de dominio público hidráulico, patrimonio cultural ou estradas, entre outras, ou ben que estas non eran preceptivas.

c.5. Memoria sobre a actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención con indicación dos investimentos realizados, que deberá incluír fotografías do lugar ou lugares onde se efectuasen as actuacións, tomadas antes, durante e con posterioridade á súa realización.

c.6. Acreditación documental, material e/ou gráfica (fotografías, fotocopias, captura de pantallas) do cumprimento da obriga de información e publicidade do financiamento público da acción subvencionada.

c.7. Certificado da persoa que efectúe a taxación, que será independente e estará debidamente acreditada e inscrita no correspondente rexistro oficial, no caso de adquisición de bens inmobles.

c.8. Se o importe do gasto subvencionable supera as contías establecidas para o contrato menor na normativa de contratación do sector público, conforme o disposto no artigo 21.2 destas bases reguladoras, deberase achegar:

– Os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Copia da resolución de adxudicación da obra ou equipamento, onde quede acreditado que a elección entre as ofertas recaeu na proposta económica máis vantaxosa.

c.9. Certificado de obra ou relación valorada con base no proxecto de execución, asinada por técnico competente, en que se relacionen os materiais empregados, unidades, prezos unitarios e totais.

4. Os gastos xustificados deberán ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas pola Axencia Turismo de Galicia na resolución de concesión da subvención, ou coas modificacións autorizadas, e responder de xeito indubidable á natureza da actividade subvencionada.

5. Se os beneficiarios xustifican conceptos e elementos subvencionables aprobados que representen menos do 60 % do importe do investimento subvencionable, entenderase que non se acadaron os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, perderase o dereito de cobramento da subvención, agás que pola natureza da actuación se acredite e se comprobe que nesta non se incumpren os ditos obxectivos. Se a xustificación é superior ao 60 %, pero sen acadar o 100 % do investimento subvencionable, percibirase a subvención proporcional correspondente ao investimento xustificado admisible, sempre que se cumpra o resto das condicións de concesión e a finalidade ou obxectivos para os que se concedeu a axuda.

6. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso ditarase a oportuna resolución, nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 23. Pagamento

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da Axencia, antes de proceder ao seu pagamento, realizarán as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

Previamente ao pagamento deberá acreditarse que o beneficiario se atopa ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia nin é debedor por resolución de procedencia de reintegro. Esta acreditación poderá substituírse pola presentación dunha declaración responsable do beneficiario (anexo VIII), de acordo co disposto no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. No caso de agrupacións de concellos, estes deberán presentar cadansúa declaración.

2. As entidades beneficiarias, unha vez ditada a resolución de concesión da subvención, poderán solicitar un anticipo dun 50 %, como máximo, da axuda pública correspondente ao investimento.

O pagamento anticipado está exento de constituír garantía, segundo se establece no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 24. Incumprimento, reintegros e sancións

1. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida calquera incumprimento das obrigas previstas no artigo 20 e, concretamente:

a) O incumprimento da finalidade ou do obxectivo para o cal se concedeu a subvención ou da obriga de xustificar a realización da actuación e a non permanencia mínima da actividade subvencionada.

b) A obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

c) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, ou incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos.

2. Procederá o reintegro parcial da subvención concedida nos seguintes supostos:

a) Non dar publicidade ao financiamento dos investimentos que sexan obxecto de subvención, de acordo co establecido no artigo 20.8, que suporá a perda dun 2 % da subvención concedida.

b) Non comunicar a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, que suporá a perda dun 5 % da subvención concedida.

Esta porcentaxe do 5 % aplicarase, de ser o caso, unha vez descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

c) Non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período mínimo establecido no artigo 20.3 suporá o reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período en que se incumprise este requisito.

No caso de condicións que constitúan obrigas que a entidade beneficiaria debe acreditar en fase de xustificación, tales como obrigas de publicidade ou comunicación doutras axudas, estas deberanse xustificar en todo caso para poder proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso de que se detecte en controis posteriores ao pagamento algún incumprimento relativo ás ditas obrigas.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os puntos anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

4. Con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as persoas beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro. Esta devolución efectuarase mediante ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia ES82-2080-0300-87-3110063172, segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación, e o importe incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 25. Control

1. A Axencia Turismo de Galicia poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 26. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, programa e crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Igualmente, publicarase na correspondente páxina web oficial nos termos previstos no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Así mesmo, e de conformidade cos artigos 18.3 e 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, comunicarase a concesión das axudas reguladas nesta convocatoria á Base de datos nacional de subvencións, que operará como sistema nacional de publicidade de subvencións.

Os interesados poderán facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Malia o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a tres mil euros (3.000 euros), non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Axencia Turismo de Galicia.

Así mesmo, a solicitude para ser beneficiario da axuda levará implícita a autorización, no suposto de que se conceda a axuda solicitada, para a inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e Sancións dependente da Consellería de Facenda, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na súa solicitude, así como na Base de datos nacional de subvencións. Non obstante, as persoas ou entidades solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións, cando concorra algunha das circunstancias previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 27. Remisión normativa

Aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

Disposición adicional. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Axencia Turismo de Galicia, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas e reflectirase esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file