Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Venres, 29 de novembro de 2019 Páx. 51119

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 19 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas no medio rural e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento TU501B).

BDNS (Identif.): 483428.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os requisitos establecidos nestas bases, as seguintes tipoloxías de entidades locais:

a) Concellos.

b) Mancomunidades e consorcios locais constituídos de acordo coa Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia. Estas entidades supramunicipais deberán ter atribuídas competencias en materia de turismo.

c) Agrupacións de concellos, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Neste caso deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención aplicable por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden á agrupación. Esta agrupación non se poderá disolver ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da citada lei.

2. Non poderán participar nesta convocatoria as sete grandes cidades galegas: A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Ferrol e Santiago de Compostela, nin as entidades locais de carácter supramunicipal en que estean integradas.

3. Non se admitirán as solicitudes presentadas por consorcios locais dos cales forme parte a Xunta de Galicia e financie, en todo ou en parte, os seus gastos de funcionamento.

Segundo. Obxecto

1. O fomento da recuperación, da accesibilidade e da sinalización dos recursos turísticos no medio rural cara á consolidación da oferta turística nas zonas rurais a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística.

2. Ao abeiro desta resolución, son subvencionables as seguintes accións:

a) Actuacións de embelecemento dos accesos aos recursos turísticos da entidade solicitante, que poderán incluír:

– Recuperación e tratamento paisaxístico do contorno dos recursos turísticos.

– Iluminación ornamental dos recursos turísticos, xa sexa primeira instalación ou mellora, ampliación ou substitución da existente. Non será subvencionable a iluminación urbana da entidade local.

– Recuperación e creación de miradoiros paisaxísticos, sendeiros, rutas ou outros elementos de interese turístico.

– Adecuación de espazos destinados ao estacionamento de vehículos dos visitantes cuxa finalidade sexa reducir o impacto negativo que estes producen.

b) Actuacións de embelecemento dos bens declarados de interese cultural ou cun procedemento de declaración xa iniciado, así como as que afecten o seu contorno de protección. Estas últimas poderán consistir en:

– Embelecemento de vías.

– Ocultamento de colectores de residuos.

– Eliminación de cables aéreos e antenas de comunicacións.

c) Actuacións de posta en valor turístico dos recursos, que poderán incluír as seguintes:

– Rehabilitación ou restauración para a súa dedicación a usos turísticos distintos do aloxamento de persoas.

– Recuperación de elementos de interese etnográfico ou da arquitectura tradicional.

d) Actuacións de mellora da accesibilidade dos recursos turísticos:

– Eliminación de barreiras arquitectónicas no acceso aos bens, recursos e rutas turísticas.

– As destinadas a facilitar o acceso das persoas con algún tipo de discapacidade sensorial á información turística dos recursos.

En todo caso, deberá cumprirse a normativa vixente en materia de accesibilidade e eliminación de barreiras arquitectónicas.

e) Sinalización dos recursos turísticos:

A sinalización poderá comprender tanto a primeira instalación como a substitución da existente nos camiños e nas estradas das redes locais, provinciais e autonómica, así como nos núcleos urbanos cando esta se atope deteriorada ou obsoleta nos seus contidos e/ou imaxe.

So será subvencionable a sinalización turística, que é a referida exclusivamente aos recursos e servizos turísticos.

Os paneis interpretativos deberán utilizar materiais resistentes ás inclemencias meteorolóxicas e ao vandalismo e deberán harmonizar co contorno en que se instalen.

Os materiais e características da sinalización deberán cumprir o disposto no manual oficial de sinalización turística da Xunta de Galicia, aprobado polo Decreto 85/2012, do 16 de febreiro (DOG núm. 47, do 7 de marzo), os correspondentes manuais de homologación de sendeiros conforme a normativa da Federación Galega de Montañismo e a sinalización deseñada pola Axencia Turismo de Galicia para os centros BTT.

3. Só serán subvencionables as obras que utilicen materiais construtivos que permitan a integración harmónica e respectuosa co contorno en que se atopa o recurso. Neste senso, deberá evitarse o uso de asfalto ou de formigón cando visualmente non se acomoden esteticamente co medio.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 19 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas no medio rural e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento TU501B).

Cuarto. Importe

As subvencións obxecto desta convocatoria imputaranse á aplicación orzamentaria 11.A2.761A.760.0, proxecto 2016 00002, cun crédito de 1.200.000 €, financiado con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Sexto. Prazo de xustificación da subvención

O prazo para a xustificación da subvención será ata o 20 de outubro de 2020.

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2019

A directora da Axencia Turismo de Galicia
P.A. (Artigo 19.6 do Decreto 196/2012, do 27 de setembro;
DOG núm. 193, do 9 de outubro)
Mª Elena Barca Ramos
Xerente da Axencia Turismo de Galicia