Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Venres, 29 de novembro de 2019 Páx. 51123

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 19 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a proxectos de promoción e dinamización do Xacobeo 2021 dentro do programa O teu Xacobeo, e se procede á súa convocatoria para os anos 2020 e 2021 (código de procedemento TU300A).

Os Camiños de Santiago supoñen historicamente un constante fluxo de peregrinos e peregrinas que, no seu itinerario cara a Santiago de Compostela, veñen construíndo unha cultura común europea ao longo de máis de mil anos de historia en común.

A política desenvolvida pola Xunta de Galicia a principios dos anos noventa do pasado século revitalizou os Camiños de Santiago e fixo que nas últimas décadas estes camiños experimentasen un extraordinario auxe, vivindo un novo tempo de peregrinación, de intercambio de ideas, de culturas e de nacionalidades, que converten os Camiños de Santiago e a Galicia en elementos referenciais en Europa e en gran parte do mundo.

Non se pode esquecer, ademais da vertente cultural e relixiosa, o efecto económico e xerador de riqueza que supoñen os Camiños de Santiago, especialmente nos anos santos, afectando non só a cidade de Santiago de Compostela senón todo o territorio galego.

En consecuencia, a celebración do Ano Santo Xacobeo no ano 2021 constitúe para a Comunidade Autónoma de Galicia unha oportunidade de potenciación de Galicia, así como de promoción e de reforzo da dimensión internacional dos Camiños de Santiago e da propia Comunidade, e leva aparellado un amplo despregamento de actuacións en distintos ámbitos.

A organización deste evento supón a planificación, programación e desenvolvemento de actuacións en materia de cultura, educación, turismo, sanidade, protección civil, patrimonio, infraestruturas, etc.

A disposición adicional octoxésima sétima da Lei 6/2018, do 3 de xullo, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2018, recoñécelle ao programa Ano Santo Xacobeo 2021, a consideración de acontecemento de excepcional interese público para os efectos do disposto no artigo 27 da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado. A duración do programa de apoio a este acontecemento abranguerá desde o 1 de outubro de 2018 ata o 30 de setembro de 2021.

A consideración da organización dos actos con motivo da celebración do Ano Santo Xacobeo 2021 como un proxecto unitario require de mecanismos que garantan a coordinación das distintas actuacións e a participación e colaboración das administracións públicas e outras persoas e entidades neste evento.

Con este fin, o Decreto 4/2018, do 11 de xaneiro, crea a Comisión Organizadora do Xacobeo 2021, entre cuxas funcións figuran: fomentar e impulsar as actuacións das diferentes administracións públicas e, en especial, servir de instrumento de coordinación nas actuacións dos departamentos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do sector público autonómico e dos concellos galegos, en relación coa organización e promoción do Xacobeo 2021, sen prexuízo das competencias que lle sexan propias.

Así mesmo, a Comisión Organizadora do Xacobeo 2021 será a encargada de elaborar e aprobar a programación de actividades do Xacobeo 2021 no marco do Plan estratéxico do Xacobeo 2021 e dos plans operativos anuais de desenvolvemento; ocuparase de promover a participación privada na realización de proxectos e actividades que se desenvolvan con motivo do Xacobeo 2021.

O artigo 9 do Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos, establece, entre as súas funcións e competencias, a dirección e coordinación das actuacións relacionadas coa posta en valor cultural e turístico do Camiño de Santiago, a súa promoción, a xestión da imaxe corporativa do Xacobeo e da rede de albergues, e o mantemento e conservación dos camiños e a súa sinalización, así como calquera outra acción que redunde en beneficio do Camiño de Santiago. Así mesmo, e conforme o establecido no acordo do Consello da Xunta de Galicia do quince de novembro de dous mil dezaoito, a Axencia Turismo de Galicia é a entidade encargada do exercicio das facultades para a execución material dos plans e programas relacionados co Xacobeo 2021.

Conforme o acordo do Pleno do Consejo Jacobeo, con data do 9 de abril de 2018, corresponde á Comisión Executiva deste órgano a aprobación dos plans e programas da conmemoración do Ano Santo Xacobeo 2021. Por conseguinte, en cumprimento das funcións que lle foron encomendadas, a Comisión Executiva aprobou, na súa reunión do 18 de xullo de 2018, os obxectivos e plans que se expoñen a continuación: destacar a riqueza cultural, natural e humana do Camiño de Santiago; convidar ao diálogo ao redor deste grande itinerario cultural europeo; promover o patrimonio cultural xacobeo como fonte de inspiración para a creación artística contemporánea; impulsar o desenvolvemento das áreas rurais do Camiño de Santiago; fomentar o coñecemento do patrimonio relacionado co Camiño de Santiago entre os máis novos.

Esta convocatoria enmárcase nun dos 4 eixes de actuación aprobados polo Consello Xacobeo: o Plan de dinamización cultural, cuxo contido comprende todas aquelas actividades dirixidas á difusión, divulgación e promoción do Camiño de Santiago e do patrimonio material e inmaterial vinculado a el, prestando especial atención ás actividades culturais que promovan a participación, a reflexión e o debate cidadán.

É unha convocatoria aberta a entidades públicas, privadas e sen ánimo de lucro, coa intención de fomentar a participación de todos os axentes da sociedade; impulsar o desenvolvemento sustentable do territorio a través da cultura, o turismo, o patrimonio, a investigación e o respecto ao ambiente; construír un legado que repercuta no afianzamento dos seus valores dentro e fóra de Galicia e transcenda a celebración do Ano Santo; potenciar o intercambio cultural e a reflexión en relación ao Camiño de Santiago mediante accións responsables co emprego dos recursos públicos e o retorno económico sobre o territorio, respondendo ás demandas da sociedade actual.

O obxectivo principal é lograr unha programación sociocultural durante o ano 2020 que anticipe a celebración do Xacobeo 2021, poñendo de relevancia o papel da cultura e a creatividade como impulsores do desenvolvemento social e indicadores da calidade de vida e tamén como dinamizadores de emprego e crecemento sustentable do territorio e a súa sociedade.

Así mesmo, lograr a implicación de todos os axentes sociais, económicos e institucionais de Galicia abrindo a programación do Xacobeo 2021 á participación, a través da posta en marcha de propostas que permitan definir o contido cultural do Xacobeo 2021 desde unha perspectiva ampla, multidisciplinar, plural e diversa e, ao mesmo tempo, impulsar o desenvolvemento sustentable do territorio.

Para lograr estes obxectivos, establécese unha convocatoria aberta con 3 liñas diferenciadas para entidades públicas, privadas e sen ánimo de lucro, que poden presentar novos proxectos no ámbito artístico, gastronómico, de patrimonio, de pensamento e espiritualidade e deportivo.

A finalidade das axudas é a promoción cultural e turística de Galicia arredor do Ano Santo Xacobeo 2021, de xeito que contribúan á atracción de Santiago como punto de chegada dos camiños, así como de Galicia no seu conxunto.

En consecuencia, e con cargo aos créditos da Axencia Turismo de Galicia asignados para esta finalidade, e todo isto consonte o establecido sobre medidas de fomento no artigo 94 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 95 da dita lei e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da devandita lei, o Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, e de conformidade coa competencia conferida polo artigo 19 dos estatutos da Axencia Turismo de Galicia, aprobados polo Decreto 196/2012, do 27 de setembro,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e réxime

1. Esta resolución ten por obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria plurianual das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a proxectos de promoción e dinamización con motivo da conmemoración do Ano Santo Xacobeo 2021 que se celebren entre o 1 de maio de 2020 e o 30 de abril de 2021, co obxectivo principal de lograr unha programación sociocultural cara ao Xacobeo 2021 para a promoción e potenciación de Galicia, así como reforzo da dimensión internacional do Camiño de Santiago e da propia Comunidade Autónoma, tales como: exposicións, mostras, intervencións, exhibicións, concertos, feiras e festivais, publicacións, creacións audiovisuais, talleres, xornadas de formación, conferencias, charlas, encontros, foros, actividades deportivas dirixidas, torneos, mostras gastronómicas, catas e degustacións, actividades de formación e intercambio, e outras (código de procedemento TU300A).

2. Tal como se establece no artigo 16 da presente convocatoria, establécense os seguintes prazos de xustificación das axudas:

– Se o proxecto ou actuación subvencionada se executa entre o 1 de maio de 2020 e o 31 de outubro de 2020, o prazo de xustificación rematará o 15 de novembro de 2020.

– Se o proxecto ou actuación subvencionada se executa entre o 1 de novembro de 2020 e o 30 de abril de 2021, o prazo de xustificación rematará o 30 de maio de 2021.

3. As actividades que terán que ser de nova creación ou, se é o caso, unha segunda edición dun proxecto presentado ou executado ao abeiro da anterior edición do programa O teu xacobeo, desenvolveranse dentro dos seguintes ámbitos e disciplinas:

Ámbito artístico:

– Artes visuais.

– Cultura dixital.

– Deseño e moda.

– Cinema e documental.

– Música: clásica, popular, tradicional, músicas do mundo e outras.

– Artes escénicas: teatro, danza, novo circo e outras.

Ámbito de patrimonio e pensamento:

– Patrimonio material: arquitectura, arqueoloxía, etnografía, xeografía, topografía e outras.

– Patrimonio inmaterial: antropoloxía, tradicións, oficios, artesanía, gastronomía, enoloxía e outros.

– Cultura científica e editorial: publicacións, conferencias, estudos, foros, seminarios, intercambios con expertos, xornadas formativas, libros.

Ámbito deportivo:

– Torneos.

– Eventos deportivos especiais.

– Actividades dirixidas, ao aire libre, e relacionadas co benestar e coa vida activa, respectuosa coa contorna e coa natureza.

Ámbito social:

– Programas de voluntariado en todas as súas dimensións.

– Programas sociais e educativos no campo da igualdade, da inclusión social e da participación cidadá.

4. Os proxectos presentados deberán desenvolverse no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e adherirse, polo menos, a tres dos seguintes obxectivos do Xacobeo 2021:

a) Obxectivos estratéxicos fixados polo Consello Xacobeo para o Xacobeo 2021:

• Camiño. Destacar a riqueza cultural, natural e humana do Camiño de Santiago.

• Europa. Convidar ao diálogo ao redor deste grande itinerario cultural europeo.

• Patrimonio. Promover o patrimonio cultural xacobeo como fonte de inspiración para a creación artística contemporánea.

• Territorio e desenvolvemento sustentable. Impulsar o desenvolvemento das áreas rurais do Camiño de Santiago.

• Audiencia e legado. Fomentar o coñecemento do patrimonio relacionado co Camiño de Santiago, particularmente entre os máis novos.

b) Obxectivos estratéxicos da Comisión Organizadora do Xacobeo 2021 en Galicia:

• Promoción. Promocionar Galicia como destino cultural e turístico.

• Alcance. Implicar toda a poboación galega na celebración e xerar un sentimento de orgullo e pertenza cara aos valores da nosa comunidade.

• Innovación. Apostar por novas fórmulas de difusión e contidos innovadores que poñan en valor a esencia do Camiño de Santiago.

• Narrativa. Dar voz e recompilar as historias e experiencias que se xeren ao longo do Camiño.

• Diálogo. Fomentar o intercambio cultural entre a sociedade local e os peregrinos e visitantes.

5. As subvencións obxecto destas bases divídense en tres categorías ou liñas, en atención ás entidades solicitantes:

Liña 1. Entidades locais: concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades de concellos de Galicia e consorcios locais galegos.

Liña 2. Persoas físicas (traballadores autónomos) e persoas xurídicas constituídas baixo forma mercantil ou civil e as comunidades de bens que están comprendidos na definición de pequena e mediana empresa (peme).

Liña 3. Entidades sen ánimo de lucro: entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro.

6. O procedemento para a concesión destas subvencións será tramitado no réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consonte os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non-discriminación.

7. Co fin de cumprir co principio de concorrencia sinalado no parágrafo anterior, as solicitudes serán examinadas por unha comisión avaliadora, que se axustará aos principios contidos na sección 3ª, capítulo I, título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 2. Beneficiarios/as

1. Poderán participar nesta convocatoria segundo as categorías ou liñas que se establecen no artigo anterior:

Liña 1: concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades de concellos de Galicia e consorcios locais galegos.

Así mesmo, poderán presentarse solicitudes por agrupacións das devanditas entidades locais, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Liña 2: persoas físicas (traballadores autónomos) e persoas xurídicas constituídas baixo forma mercantil ou civil e as comunidades de bens que están comprendidos na definición de pequena e mediana empresa (peme).

Así mesmo, poderán presentarse solicitudes por agrupacións de persoas físicas e/ou xurídicas, de conformidade co disposto no citado artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Liña 3: entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro.

Así mesmo, poderán presentarse solicitudes por agrupacións de entidades sen ánimo de lucro, de conformidade co disposto no citado artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades nas que se dea algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incurso nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable das entidades solicitantes; no caso de agrupación, deberá presentarse a declaración por cada unha das persoas ou entidades agrupadas.

3. Os concellos, así como as agrupacións e o resto de entidades locais da liña 1, deberán cumprir o requisito de ter remitidas ao Consello de Contas de Galicia as contas xerais de cada exercicio. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes de participación e a súa falta de acreditación por parte dalgún dos participantes na candidatura supoñerá a inadmisión desta. No caso de agrupacións de concellos, este requisito deberá ser acreditado por cada un dos concellos integrantes da agrupación.

4. Non se admitirán as solicitudes presentadas por consorcios locais dos cales forme parte a Xunta de Galicia e financie, en todo, os seus gastos de funcionamento.

5. Tampouco se permitirá a presentación de máis de dúas axudas por entidade ou agrupación de entidades locais, persoas físicas e/ou xurídicas e entidades sen ánimo de lucro.

6. As datas dos proxectos que se van desenvolver non poderán coincidir coas festas oficiais ou tradicionais do lugar de celebración.

7. Os requisitos para ser beneficiarios/as deberán cumprirse antes do remate do prazo de presentación das solicitudes.

Artigo 3. Financiamento, contía das subvencións e compatibilidade

1. As subvencións previstas nesta resolución financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias previstas nos orzamentos da Axencia Turismo de Galicia para os anos 2020 e 2021, co seguinte detalle:

Liñas

Aplicación orzamentaria

Anualidade 2020

Anualidade 2021

Total

Liña 1

11.A2 761A 760.0

300.000,00 €

200.000,00 €

500.000,00 €

Liña 2

11.A2 761A 770.0

600.000,00 €

400.000,00 €

1.000.000,00 €

Liña 3

11.A2 761A 781.0

900.000,00 €

900.000,00 €

1.800.000,00 €

1.800.000,00 €

1.500.000,00 €

3.300.000,00 €

A modificación da distribución establecida no punto anterior requirirá a tramitación do correspondente reaxuste de anualidades no expediente de gasto, segundo se establece nos artigos 26 e 27 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. De conformidade co disposto no artigo 30 do citado Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cabe a posibilidade de ampliar o crédito cando o aumento veña derivado das causas establecidas no seu punto 2. O citado incremento do crédito queda condicionada á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Nestes casos publicarase a ampliación de crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Así mesmo, poderá alterarse a distribución entre os créditos establecidos no punto 1 deste artigo, para cada unha das liñas, sen que tal alteración precise dunha nova convocatoria. Para estes efectos, deberán realizarse as modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que na convocatoria, segundo se dispón no artigo 31 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

3. A determinación da contía das subvencións farase en atención ás liñas establecidas no artigo 1 e segundo os seguintes criterios:

a) Establécense unhas porcentaxes máximas de financiamento dos proxectos e unha achega máxima por proxecto segundo se establece no seguinte cadro:

Entidades locais

Máximo 85 % do orzamento subvencionable

Ata 25.000,00 €

Entidades privadas

Máximo 60 % do orzamento subvencionable

Ata 25.000,00 €

Entidades sen ánimo de lucro

Máximo 90 % do orzamento subvencionable

Ata 20.000,00 €

Para a determinación do orzamento subvencionable detraeranse do orzamento presentado, IVE incluído, os gastos non subvencionables.

b) No caso das entidades beneficiarias da liña 1, para o cálculo da achega, aplicaranse rangos de intensidade na contía da subvención segundo criterios poboacionais coa intención de fomentar o desenvolvemento de actividades nas áreas rurais, apoiar os municipios con menos recursos económicos e fomentar a cooperación entre concellos, cos seguintes máximos:

Porcentaxe máxima de achega

Máximo de achega por proxecto

Entidades locais de menos de 3.000 habitantes

85 %

10.000,00 €

Entidades locais entre 3.000 e 10.000 habitantes

75 %

15.000,00 €

Entidades locais entre 10.001 e 50.000 habitantes

50 %

25.000,00 €

c) As contías da subvención estableceranse con base nun tanto por cento (%) do orzamento subvencionable en función da puntuación obtida por cada solicitante en aplicación dos criterios de valoración establecidos no artigo 10 destas bases, segundo se detalla a seguir:

Liña 1.

Entidade local

Porcentaxe de axuda

Entidades locais de menos de 3.000 habitantes

Entre 50 e 75 puntos: 70 %

Máis de 75 puntos: 85 %

Entidades locais entre 3.000 e 10.000 habitantes

Entre 50 e 75 puntos: 60 %

Máis de 75 puntos: 75 %

Entidades locais entre 10.001 e 50.000 habitantes

Entre 50 e 75 puntos: 45 %

Máis de 75 puntos: 50 %

Liñas 2 e 3.

Entidades privadas

Entre 50 e 75 puntos: 50 %

Máis de 75 puntos: 60 %

Entidades sen ánimo de lucro

Entre 50 e 75 puntos: 70 %

Máis de 75 puntos: 90 %

4. As subvencións reguladas nesta resolución serán incompatibles con calquera outra subvención, axuda, ingreso ou recurso que, para o mesmo proxecto ou finalidade leve financiamento con cargo os créditos da Consellería de Cultura e Turismo ou as entidades adscritas á citada consellería, independentemente do fondo de procedencia e a súa tipoloxía (subvención directa, bonificación de xuros...).

En ningún caso, o importe da axuda concedida máis o importe doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, poderá ser superior ao custo das actuacións obxecto do proxecto subvencionado.

5. Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, e existe crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2020.

Así mesmo, estará sometida ao regulado na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

Ao abeiro desta normativa, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

6. As subvencións correspondentes ás liñas 2 e 3 están suxeitas ao Regulamento (UE) 1407/2013 relativo ás axudas de minimis, polo que se deberá garantir que, no caso de recibir as persoas beneficiarias outras axudas baixo este réxime de minimis, non se supera o límite de 200.000,00 € nun período de tres exercicios fiscais. Este límite aplicarase independentemente da forma da axuda de minimis ou do obxectivo perseguido. O período determinarase tomando como referencia os dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal en curso, de acordo co establecido no artigo 2 do citado regulamento.

Artigo 4. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

2. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que, se así non o fixese, se lle terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

4. No caso de que a solicitude sexa presentada por unha agrupación, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, deberán facerse constar naquela os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se aplicará por cada un deles. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación.

Así mesmo, e para os efectos das declaracións contidas na solicitude, no caso das agrupacións, estas declaracións emitiranse con base nas emitidas polos respectivos representantes de cada unha das entidades que a integran. Estas declaracións orixinais deberán quedar en poder da entidade representante para a súa achega no procedemento de subvencións, de ser requirido para iso polo órgano tramitador.

A agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Coas solicitudes deberá achegarse a seguinte documentación:

1.1. Documentación administrativa:

Liña 1:

a) Certificación da secretaría do concello, da mancomunidade ou consorcio acreditando que a entidade local cumpriu co seu deber de remisión das contas xerais de cada exercicio ao Consello de Contas, de acordo co estipulado no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

b) Certificación do/da secretario/a da entidade local na que conste o acordo da entidade local polo cal se solicita a subvención para as actividades ou proxectos e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nesta resolución, así como o compromiso de financiar o importe da actividade que non resulte subvencionado ao abeiro desta convocatoria ata o importe total da execución prevista segundo a documentación achegada coa solicitude.

Este acordo deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación das solicitudes. O incumprimento destes requisitos constituirá causa de inadmisión da solicitude.

c) No caso de agrupación de concellos, instrumento xurídico que regule a agrupación e a xestión dos servizos que deberá incluír, en todo caso, os compromisos de execución asumidos por cada membro, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles e a designación do/da representante o apoderado único da agrupación. A este representante corresponderalle asinar a solicitude e con el efectuaranse todas as actuacións a que o procedemento dea lugar.

Así mesmo, achegarase unha certificación emitida pola secretaría do concello representante, na cal se faga constar con base nos acordos adoptados polos órganos competentes de cada un dos concellos agrupados e/ou nas certificacións emitidas polos/as secretarios/as dos concellos integrantes da agrupación:

– Que todos os concellos integrantes da agrupación adoptaron o acordo polo cal se solicita a subvención para as actividades e proxectos que se pretenden executar e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nestas bases, así como o compromiso de financiar o importe da actividade que non resulte subvencionado ao abeiro destas bases ata o importe total da execución prevista segundo a documentación achegada coa solicitude.

– O nomeamento do/da alcalde/sa representante con poderes suficientes para cumprir con todas as obrigas que como entidade beneficiaria corresponden á agrupación, e que actuará como coordinador/a, interlocutor/a e perceptor/a da subvención.

– Que todos os concellos participantes na solicitude remitiron as contas do concello ao Consello de Contas de Galicia. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas ao Consello de Contas de Galicia se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

Os acordos deberán estar adoptados e as contas remitidas antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes. O incumprimento destes requisitos ou a falta da referencia expresa ao contido determinado nos números anteriores, aínda que afecte unha soa das entidades agrupadas determinará a inadmisión da solicitude.

d) No caso de que se trate dunha mancomunidade ou consorcio deberá presentarse o instrumento xurídico acreditativo da súa constitución.

e) Acreditación de que o proxecto non está iniciado o 1 de maio de 2020.

Liñas 2 e 3:

a) Escritura de constitución.

b) Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

Se a persoa solicitante é persoa xurídica, certificado do acordo de solicitude de axuda ou da autorización da persoa que asine en nome da entidade.

c) No caso de agrupacións, instrumento xurídico que regule a agrupación e a xestión dos servizos que deberá incluír, en todo caso, os compromisos de execución asumidos por cada membro, así como o importe de subvención que se vaia aplicar por cada un deles e a designación da persoa que actuará como representante da agrupación. A este representante corresponderalle asinar a solicitude e con el efectuaranse todas as actuacións a que o procedemento dea lugar.

d) Acreditación de que o proxecto non está iniciado o 1 de maio de 2020.

e) Acreditación do réxime de fiscalidade do IVE aplicable á entidade beneficiaria.

1.2. Documentación do proxecto (común a todas as liñas):

a) Ficha xeral identificativa do proxecto ou actuación.

– Promotor.

– Nome do proxecto.

– Descrición do proxecto (máximo 10 liñas).

– Lugar de celebración.

– Datas de celebración.

b) Memoria detallada xustificativa que permita unha definición exacta do proxecto ou actuación que se vai realizar e que obrigatoriamente deberá conter a xustificación dos aspectos puntuables que se sinalen no anexo II clasificados segundo a orde establecida no citado anexo así como, se é o caso, a documentación acreditativa correspondente.

Non serán obxecto valoración os aspectos puntuables non xustificados suficientemente.

c) O orzamento desagregado, con e sen IVE segundo o modelo do anexo III.

2. O defecto na solicitude seralles notificado aos/ás interesados/as e daráselles un prazo de 10 días hábiles para emendaren os erros ou omisións. No requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidos da súa petición, logo da resolución, que deberá ditarse consonte o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sen prexuízo do establecido no punto anterior, poderá requirirse ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria achegaranse á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido nestas bases.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

5. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir que se amose do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

8. Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa interesada a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 6. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– NIF da entidade solicitante.

– DNI/NIE da persoa solicitante.

– NIF da entidade representante.

– DNI/NIE da persoa representante.

– Certificados de estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, e de que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia. No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que o solicitante ou o beneficiario ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase o solicitante ou beneficiario para que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado.

– Consulta de concesións de subvencións e axudas.

– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

– Consulta de concesións pola regra de minimis.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar as certificacións de estar ao día nas citadas obrigas.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes. Todo isto sen prexuízo de que se solicite documentación complementaria aclaratoria dos datos que figuren na solicitude.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada.

Artigo 8. Publicidade, transparencia e bo goberno

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

3. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade, das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

4. A solicitude para ser beneficiario/a da axuda levará implícita a autorización, no suposto de que se conceda a axuda solicitada, para a inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e Sancións dependente da Consellería de Facenda, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na súa solicitude.

5. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario ou programa e crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Malia o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a tres mil euros (3.000,00 €), non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Axencia Turismo de Galicia.

6. En cumprimento do disposto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, comunicarase a concesión das axudas reguladas nesta convocatoria á Base de datos nacional de subvencións que operará como sistema nacional de publicidade de subvencións.

7. Os interesados poderán facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 9. Gastos subvencionables

1. Teñen a consideración de gastos subvencionables, que terán que ser xustificados polas persoas ou entidades beneficiarias de conformidade co disposto nestas bases reguladoras, aqueles gastos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen desde o 1 de maio do ano 2020 ata o 30 de abril de 2021. O custo da adquisición dos gastos subvencionables non poderá ser superior ao valor de mercado.

2. En ningún caso serán subvencionables:

Os gastos ordinarios de funcionamento e mantemento da entidade, así como os salarios de persoal propio nunha contía superior ao 10 % do orzamento subvencionable.

– Gastos protocolarios.

– Dotación de premios.

– Imprevistos (todas as partidas deben ser concretas e estar claramente identificadas co obxecto da subvención no punto «doutros gastos» do anexo III).

– Investimentos e adquisicións de material inventariable, equipamentos ou calquera outro gasto que supoña un incremento para o patrimonio do beneficiario.

– Os gastos excluídos no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 10. Órganos competentes

1. A Xerencia da Axencia Turismo de Galicia é o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión destas axudas.

A devandita instrución rematará coa proposta de resolución, que se elevará á persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, e na que se recollerá o informe emitido pola Comisión de Valoración prevista no artigo seguinte.

2. Corresponderalle á persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia ditar a resolución de concesión das subvencións con indicación do nome do/da beneficiario/a e a contía que lles corresponde.

Artigo 11. Comisión de Valoración e criterios de valoración

1. As solicitudes serán valoradas en réxime de concorrencia competitiva, conforme os criterios de adxudicación e baremación previstos nestas bases por unha Comisión de Valoración que emitirá un informe no que se concrete o resultado da avaliación efectuada.

2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

Presidenta: a comisaria do Xacobeo 2021.

Vogais:

– O secretario xeral técnico da Consellería de Cultura e Turismo ou persoa na que delegue.

– A xerente da Axencia Turismo de Galicia ou persoa na que delegue.

– O director da Agadic ou persoa na que delegue.

– Dous expertos nomeados pola Dirección da Axencia Turismo de Galicia.

Secretaria/o: a titular da Secretaría de Coordinación Económica e Administrativa da Axencia Turismo de Galicia.

3. Os criterios que se empregarán para a valoración das solicitudes serán, cun máximo de 100 puntos, os seguintes:

Criterios

Definición

Máximo de puntos

A. Coherencia cos obxectivos do Xacobeo 2021

Axústase aos obxectivos e prioridades da estratexia Xacobeo 2021 especificada nas directrices

25

B. Dinamización do Camiño

Alcance da actividade

5

C. Calidade do contido e as actividades

Como se implementa o contido na práctica

25

D. Comunicación e difusión

Cal é o enfoque de comunicación das actividades e en que medida contribúe á difusión dos valores e obxectivos asociados a Xacobeo 2021

20

E. Viabilidade e sustentabilidade do proxecto

Implementación efectiva e sustentabilidade

25

Total

100

Aqueles proxectos que na suma da valoración dos criterios establecidos nos puntos A+B+C, obteñan menos de 20 puntos sobre o máximo de 55 serán descartados.

Do mesmo xeito, aqueles proxectos que na valoración dos criterios establecidos nos puntos D+E obteñan menos de 15 puntos sobre o máximo de 45 tamén serán descartados.

Nos supostos de solicitudes presentadas por unha entidade resultante dunha fusión de municipios, a puntuación das fases A+B+C, incrementarase en 10 puntos.

No caso dos proxectos presentados polas agrupacións do artigo 8.3 da Lei de subvencións de Galicia, en calquera liña, a puntuación total final das solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade incrementarase en 10 puntos, de acordo cos seguintes aspectos:

– Pola presentación dunha solicitude conxunta, incrementarase ata un 5 puntos:

• Proxecto presentado por dúas entidades agrupadas: 2 puntos.

• Proxecto presentado por tres entidades agrupadas: 3 puntos.

• Proxecto presentado por catro ou máis entidades: 5 puntos.

– Pola presentación e valoración dunha memoria de aforro de custos respecto das solicitudes presentadas de modo individual, poderá incrementarse ata 5 puntos.

A. Coherencia cos obxectivos de Xacobeo 2021 (ata 25 puntos).

Este punto avalía ata que punto o proxecto se axusta ás prioridades da estratexia Xacobeo 2021 e contribúe a alcanzar os obxectivos a que se refire o artigo 1.3 destas bases entre outros:

– Que os proxectos destaquen o patrimonio natural, cultural, o patrimonio humano ou o intercambio de experiencias no Camiño de Santiago.

– A orixinalidade das formulacións e solucións ofrecidas nas actuacións propostas.

– Que os proxectos contribúan ao desenvolvemento das áreas rurais ou impliquen a comunidade local, especialmente os municipios de menos de 5.000 habitantes, contribúan a aumentar a sensibilidade cidadá en relación coa relevancia dos valores do Camiño de Santiago e ou intercambio cultural entre a poboación local e os peregrinos e/ou visitantes.

– Que as accións dirixidas a públicos diversos impulsen a inclusión, a accesibilidade e o achegamento do feito xacobeo ao público novo, maiores, colectivos desfavorecidos (desempregados, inmigrantes, persoas con discapacidade, en risco de exclusión…).

Terase en conta o número de participantes implicados na actividade (asistentes, inscritos, outros beneficiarios da acción...).

Valorarase tamén neste punto a intensidade co que o proxecto poida contribuír á promoción de Galicia como destino cultural e á posta en valor dos recursos turísticos estratéxicos do Camiño de Santiago en Galicia: bens declarados patrimonio mundial, bens declarados de interese cultural, espazos naturais declarados protexidos.

B. Dinamización do Camiño de Santiago (ata 5 puntos).

A convocatoria pretende dinamizar os concellos que forman parte do Camiño de Santiago, polo que se valorará a itinerancia da actividade e/ou o impulso de múltiples actividades ao longo dun ou máis municipios dos diferentes camiños e as súas variantes en Galicia.

– Desenvólvese en, polo menos, un municipio do Camiño de Santiago (máximo de 2 puntos).

– Desenvólvese entre 2 e 4 municipios do Camiño de Santiago (máximo de 4 puntos).

– Desenvólvese en 5 ou máis municipios do Camiño de Santiago (máximo de 5 puntos).

C. Calidade da proposta executiva (máximo de 25 puntos).

Este punto avalía de que maneira se implementa o proxecto na práctica, incidindo no nivel de definición das actuacións previstas no marco da convocatoria, no método de valoración dos resultados do proxecto e os valores transversais que son prioritarios na estratexia de Xacobeo 2021.

Os criterios de avaliación que servirán de base para a determinación da preferencia na puntuación deste punto, segundo o ámbito de actuación no que se enmarquen, serán os seguintes:

• Que a actividade se axuste á audiencia proposta.

• Que se trate dunha actividade orixinal.

• Que a actividade impulsa o talento emerxente.

• Que a actividade incorpora artistas e/ou creadores galegos na súa programación.

• Que as actividades programadas inclúan a figuras de repercusión e traxectoria recoñecidas, valorando aquelas que sexan notorias a nivel internacional ou nacional.

• Que sexa unha actividade multidisciplinar, é dicir, que combine máis dunha das disciplinas admisibles na convocatoria.

• Que a proposta dispón solucións de accesibilidade para persoas con discapacidade.

• Que a actividade recolla accións respectuosas co ambiente porque poña en marcha accións de medición e compensación do impacto do evento ou active campañas de sensibilización sobre o respecto ao ambiente.

• Que a actividade recolla accións de participación cidadá: voluntariado, implicación activa da cidadanía no deseño ou execución da actividade.

• Que a actividade se desenvolva en espazos públicos.

• Que a actividade recolle accións que fomenten o equilibrio de xénero e a igualdade ou que presente unha programación na que polo menos o 50 % dos creadores, artistas ou participantes sexan mulleres.

• Que as actividades se presentan calendarizadas.

• Que as actividades se desenvolven fóra dos meses de verán.

Valorarase que a proposta prevexa unha valoración cualitativa e cuantitativa clara dos resultados previstos a través de polo menos dous indicadores de xestión e seguimento e a utilización de ferramentas de medición que certifiquen o resultado.

D. Comunicación e difusión (máximo de 20 puntos).

As propostas deberán incluír información detallada das accións que se pretende poñer en marcha para asegurar a promoción efectiva das actividades. As propostas deben mencionar que canles de comunicación se utilizarán, pensando en que se adecúe á audiencia proposta e cun orzamento eficiente. Ademais, as propostas deben explicar de que maneira este plan de comunicación contribuirá a difundir os obxectivos e valores de Xacobeo 2021, e a súa perdurabilidade máis aló da execución das actividades.

Valorarase a adecuación do plan de comunicación ás actividades propostas, á audiencia e aos obxectivos do Xacobeo 2021, e o emprego da lingua galega.

Tamén se valorará que o plan de comunicación é proporcional e adecuado con respecto ao orzamento global da proposta e que recolla a difusión en canles dixitais.

Valorarase o impacto rexional, nacional ou internacional do plan de comunicación e o seu alcance temporal porque recolle accións adecuadas e perdurables 1 mes despois de finalizar a execución das actividades propostas.

E. Viabilidade e sustentabilidade do proxecto (máximo de 25 puntos).

Esta epígrafe valora a viabilidade e sustentabilidade do proxecto, a capacidade do solicitante para executar as actividades propostas, así como lograr a colaboración doutras entidades.

O solicitante achegará un orzamento detallado de ingresos e gastos onde se especifiquen ademais as achegas en diñeiro ou en especie doutras entidades colaboradoras, segundo o modelo de orzamento do proxecto do anexo III.

Valorarase:

– A adecuación do orzamento presentado aos obxectivos da actividade, ao contido proposto e a prezos reais de mercado, así como a adecuación do equipo (tamaño, experiencia de traballo conxunto, experiencia na liña de traballo do proxecto, equilibrio na súa composición, capacidade formativa) respecto ao traballo para realizar.

– A capacidade do solicitante para lograr apoios doutras entidades que acheguen valor ao proxecto, máis aló das achegas estritamente económicas.

– A existencia de fontes de financiamento adicional: patrocinio de entidades privadas, apoio económico doutras entidades públicas, xera ingresos por explotación (entradas, inscricións, venda de bebidas, merchandising…).

– O nivel de financiamento acreditado da actividade superior ao 30 % do orzamento.

4. Se os fondos dispoñibles nesta convocatoria non fosen suficientes para conceder axudas a todas as solicitudes que acaden a puntuación mínima, concederanse por orde decrecente de puntuación ata o límite do crédito dispoñible.

Se por aplicación dos criterios de valoración dúas ou máis solicitudes acadasen igual puntuación e non existise crédito suficiente para atendelas todas, atenderanse aquelas solicitudes cuxo importe solicitado fose menor.

O resultado da análise plasmarase nun informe da Comisión de Valoración, no que figurará a relación de solicitudes admitidas ordenadas por orde decrecente de puntuación, que o órgano de instrución elevará, xunto coa proposta de resolución provisional, ao órgano competente para resolver.

5. A proposta de resolución expresará de forma motivada a relación de proxectos para os que se propón a concesión da axuda, coa identificación, en relación a cada proxecto, do beneficiario, o importe e a porcentaxe da subvención proposta. De ser o caso, contará cunha lista dos proxectos admitidos que non acadasen subvención polo esgotamento do orzamento dispoñible. Así mesmo, expresará, de xeito motivado, a relación de proxectos para os que non se propón a concesión de subvención, por falta de documentación ou por non reunir os requisitos.

6. No suposto de que algún beneficiario renuncie á subvención concedida, decaia no dereito á súa percepción ou proceda ao reintegro de acordo co previsto nestas bases e na normativa que resulte de aplicación, os créditos liberados poderán asignarse por orde decrecente de puntuación aos proxectos admitidos que non obtivesen subvención por esgotamento do crédito previsto. Actuarase de igual xeito cando, por razóns de dispoñibilidade orzamentaria, se acorde incrementar o crédito máximo inicialmente previsto nesta convocatoria.

Artigo 12. Audiencia

1. Instruído o procedemento, o órgano instrutor formulará proposta de resolución provisional debidamente motivada, que será notificada aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que coiden pertinentes de acordo co establecido no artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado. Neste caso, a proposta de resolución formulada terá o carácter de definitiva.

Artigo 13. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor elaborará a proposta de resolución definitiva que elevará á persoa titular da Axencia Turismo de Galicia para a súa resolución. A dita proposta conterá a relación de expedientes instruídos, establecida por rigorosa orde de incoación, e nela indicarase o número de expediente, denominación e NIF do representante das empresas agrupadas, data de presentación da solicitude, a actuación subvencionable e a contía da subvención proposta, ou ben a causa da proposta de denegación ou inadmisión, segundo corresponda.

2. A persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, o solicitante ao que se lle concede a subvención, a actuación subvencionada, así como a subvención concedida e a súa contía ou, de ser o caso, a causa de inadmisión ou denegación da solicitude.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución á persoa interesada será de cinco meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

6. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

7. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

8. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

9. As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación.

Artigo 14. Aceptación e renuncia

1. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de 10 días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa en contra, entenderase tacitamente aceptada.

2. A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo IV, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, a persoa titular da Dirección da Axencia ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da citada lei.

Artigo 15. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, o/a beneficiario/a poderá solicitar, segundo se establece no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, a modificación do seu contido antes de que remate o prazo para a realización das actuacións.

2. A modificación poderase autorizar sempre que non dane dereitos de terceiros. En todo caso, a modificación da resolución de concesión deberá respectar o obxecto do proxecto subvencionado e non dar lugar a actuacións deficientes e incompletas, nin supoñer modificación da contía da subvención concedida.

3. Xunto coa solicitude, a entidade deberá presentar: memoria xustificativa, orzamento modificado e relación e identificación concreta dos cambios introducidos, así como cubrir de novo o anexo II.

4. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola directora da Axencia Turismo de Galicia, logo da instrución do correspondente expediente en que se lle dará audiencia ao/á interesado/a nos termos previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. Cando o/a beneficiario/a da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a súa concesión, que non alteren esencialmente a natureza ou os seus obxectivos, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o establecido no artigo 14.1.m) da Lei de subvencións de Galicia, téndose omitido o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros.

6. Cando a modificación implique un reaxuste de anualidades, haberá que aterse ao disposto nos artigos 26 e 27 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 16. Obrigas das persoas beneficiarias

1. Os/as beneficiarios/as adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable:

a) Cumprir o obxectivo e realizar o proxecto subvencionado, de conformidade coa solicitude presentada e, se é o caso, ao modificado coa autorización da Axencia Turismo de Galicia.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Axencia Turismo de Galicia, ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Acreditación con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, de estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma, que poderá substituírse pola presentación dunha declaración responsable no caso das entidades locais, sendo necesario no caso de agrupacións de concellos unha declaración por cada un dos concellos agrupados.

e) Comunicarlle á Axencia Turismo de Galicia a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais. Estas comunicacións deberanse efectuar tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. No caso de agrupacións de concellos, todos os integrados na candidatura presentarán cadansúa declaración.

f) Os/as beneficiarios/as deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

En concreto, deberá facerse constar na súa publicidade, incluída a realizada a través de páxinas web, ou na información que xeren en relación co proxecto subvencionado, o financiamento dos seus proxectos pola Xunta de Galicia dentro do programa do Xacobeo 2021. Para estes efectos deberán incluír o logo da Xunta de Galicia e do Xacobeo 2021 de conformidade co Manual de identidade corporativa da Xunta de Galicia e manual de uso da marca Xacobeo 2021.

Os/as beneficiarios/as deberán incluír, nas súas accións promocionais, o logo da Xunta de Galicia e da marca do Xacobeo 2021. Se é o caso, na páxina web deberá inserir un banner cunha ligazón á páxina da Axencia Turismo de Galicia relativa ao Xacobeo 2021.

Nos folletos e outras publicacións tamén deberán incluír na contraportada o logo da Xunta de Galicia e da marca do Xacobeo 2021, seguindo as indicacións do manual de uso.

Os/as beneficiarios/as obríganse tamén a incorporar na súa publicidade o distintivo corporativo das empresas ou entidades que realicen doazóns para a execución deste programa xunto coa imaxe do Xacobeo 2021, conforme as indicacións da Axencia Turismo de Galicia e o manual de uso da marca.

En todo caso, a publicidade do proxecto debe respectar a guía de publicidade non sexista elaborada pola Comisión Asesora de Publicidade non Sexista, órgano dependente do Observatorio Galego de Violencia de Xénero. A citada publicidade non poderá atentar a dignidade da persoa ou vulnerar os valores e dereitos recollidos na Constitución, especialmente aqueles a que se refiren os artigos 18 e 20.4.

Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta do/da beneficiario/a.

g) Os/as beneficiarios/as quedan obrigados/as a reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido pola subvención concedida, así como os correspondentes xuros de demora devindicados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

– Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

– Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

– Incumprimento total ou parcial do obxectivo da actividade, do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a subvención.

– Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo ou a concorrencia con outras axudas para a mesma finalidade percibidas de calquera Administración ou ente público ou privado.

– Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

h) En todo caso, é de obrigado cumprimento por parte da entidade beneficiaria, cando se trate dunha entidade local, o Real decreto lexislativo 3/2011, que aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, e a necesidade de atender aos procedementos de adxudicación previstos neste cando se superen as contías previstas para os contratos menores; neste caso, o procedemento de adxudicación suporá un sistema axeitado de avaliación de custos nos termos previstos no punto anterior, excluíndo a necesidade de presentar tres ofertas.

Artigo 17. Xustificación das actuacións e pagamento

1. Os/as beneficiarios/as terán que presentar, nos lugares sinalados na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a solicitude de cobramento asinada segundo o modelo do anexo V, xunto coa documentación que a seguir se indica:

1.1. No caso de que a entidade beneficiaria sexa unha entidade local (liña 1):

a) Conta xustificativa conforme os artigos 8 e 10 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, que incorporará:

1. En todo caso, a certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a que foi concedida.

2. Certificación expedida pola secretaría da entidade local, co visto e prace do/da alcalde/alcaldesa, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

– O cumprimento da finalidade da subvención.

– Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables ás actuacións subvencionadas coa seguinte relación: identificación do/da acredor/a, número de factura ou documento equivalente, certificación da obra, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente. Salvo disposición expresa das bases reguladoras, e sen prexuízo do previsto na alínea 4, non será exixible a remisión dos documentos relacionados no artigo 48.2.b) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3. Os documentos acreditativos dos gastos realizados con medios ou recursos propios e a indicación, se é o caso, dos criterios de repartición dos custos xerais e/ou indirectos incorporados na relación a que se fai referencia na alínea 2.

4. Unha relación detallada doutras ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa procedencia.

5. Se é o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Anexo VI: modelo de declaracións actualizado.

No caso das agrupacións de concellos, estas declaracións emitiranse con base nas emitidas polos respectivos representantes de cada un dos concellos que a integran. Estas declaracións orixinais deberán quedar en poder do concello representante para a súa achega no procedemento de subvencións, de ser requirido para iso polo órgano tramitador.

c) Memoria da actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actuacións realizadas. Deberá incluír fotos ilustrativas da execución da actividade ou proxecto efectuado, da inclusión da marca Xacobeo 2021, soportes publicitarios da actividade ou proxecto (folletos, páxina web, etc.).

1.2. Entidades privadas e entidades sen ánimo de lucro (liñas 2 e 3):

a) Facturas ou outros documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa (escritura pública de adquisición de inmoble, contratos, libros contables, etc.), entendendo por tal calquera documento presentado para xustificar que a contabilidade reflicte a imaxe fiel da realidade.

Xunto con cada factura achegarase xustificante bancario do pagamento polo beneficiario, extractos ou certificacións bancarias, debidamente identificados. No xustificante de pagamento constará o número da factura obxecto de pagamento, a identificación do beneficiario que paga e do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

As facturas deben reunir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

Non se admitirán como xustificantes de gasto albarás, notas de entrega, facturas pro forma ou tíckets cando sexa obrigatoria a expedición de factura, nin as facturas que non conteñan todos os requisitos citados para a súa consideración como tal ou cuxa data non se axuste aos prazos citados.

Unha partida do orzamento auxiliable poderá xustificarse mediante unha ou varias facturas relativas aos conceptos de gasto incluídos na dita partida, sempre que a dita partida admita a desagregación en distintos conceptos.

b) Anexo VI: modelo de declaracións actualizado. No caso de agrupacións do artigo 8.3, deberá achegarse unha declaración por cada unha das entidades agrupadas.

c) Memoria da actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actuacións realizadas. Deberá incluír fotos ilustrativas da execución da actividade ou proxecto efectuado, da inclusión da marca Xacobeo 2021, soportes publicitarios da actividade ou proxecto (folletos, páxina web, etc.).

d) Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa procedencia.

e) Se é o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Establécense os seguintes prazos de xustificación das axudas concedidas:

– Se o proxecto ou actuación subvencionada se executa entre o 1 de maio e o 31 de outubro de 2020, o prazo de xustificación rematará o 15 de novembro de 2020.

– Se o proxecto ou actuación subvencionada se executa entre o 1 de novembro de 2020 ata o 30 de abril de 2021, o prazo de xustificación rematará o 30 de maio de 2021.

3. O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas. Se o investimento xustificado fose menor e sempre mantendo os fins para os que se concedeu a subvención, este reducirase proporcionalmente ao importe xustificado.

A falta de presentación da xustificación no prazo establecido ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso ditarase a oportuna resolución, nos termos establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. Só se considerará gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado na normativa reguladora da subvención.

No caso das entidades locais, e de conformidade co disposto no artigo 3.1 do Decreto 193/2011: «1. Con carácter xeral, considerarase gasto realizado cando se teña contabilizado o recoñecemento da obriga polo órgano competente da entidade local. As entidades locais beneficiarias estarán obrigadas a acreditar documentalmente a efectividade dos pagamentos realizados no prazo máximo de sesenta días naturais contados a partir da data do ingreso na conta bancaria das beneficiarias de cada un dos aboamentos das subvencións concedidas».

5. Unha vez presentada a documentación prevista neste artigo, realizarase o pagamento da subvención.

Artigo 18. Réxime de recursos

Contra a resolución de concesión das subvencións, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia no prazo dun mes, desde que se lle notifica a devandita resolución, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, de conformidade cos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 19. Incumprimento, reintegro e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes de conformidade co establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

3. No caso de agrupacións, o incumprimento dalgunha das obrigas asumidas por un membro da agrupación, o reintegro afectará toda a agrupación.

4. Procederá o reintegro total ou parcial das subvencións percibidas cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. No caso de que os/as beneficiarios/as incumpran algunha das obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Axencia Turismo de Galicia poderá iniciar, se é o caso, un procedemento sancionador, de conformidade co previsto no título IV da dita lei.

Artigo 20. Control

Os/as beneficiarios/as quedan obrigados/as a declarar a contía da subvención en calquera outro procedemento de subvencións do cal poida derivar financiamento para a dita actuación.

Igualmente quedan sometidos ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no título III da Lei 9/2007, e a aquelas que deban realizar o Consello de Contas ou o Tribunal de Contas de conformidade co previsto na súa normativa específica.

Ademais, deberán facilitar á Axencia Turismo de Galicia toda a información e documentación complementaria que esta considere precisa para a concesión ou aboamento do importe da subvención.

Artigo 21. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia Turismo de Galicia: http://www.turismo.gal.

b) Os teléfonos 981 54 63 63 e 981 54 74 04 e no fax 981 54 63 71 da devandita Axencia, para dúbidas relativas á tramitación do procedemento, e o teléfono 981 54 63 58 para dúbidas técnicas.

c) Presencialmente.

d) Na sede electrónica no enderezo: https://sede.xunta.gal.

Artigo 22. Remisión normativa

Supletoriamente, aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; no disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

Disposición adicional. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Axencia Turismo de Galicia, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2019

A directora da Axencia Turismo de Galicia
P.A. (Artigo 19.6 do Decreto 196/2012, do 27 de setembro;
DOG núm. 193, do 9 de outubro)
Mª Elena Barca Ramos
Xerente da Axencia Turismo de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file