Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Luns, 9 de decembro de 2019 Páx. 52299

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 20 de novembro de 2019, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que publica a resolución do acordo da revisión do esbozo dos montes veciñais da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Pazo, Pasada e Bouza, na parroquia de Rebón do concello de Moraña.

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade ao Acordo do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, do 16 de outubro de 2019, ao respecto da revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada dos montes veciñais denominados Porride, Pedra Cabalar, Carrasqueira, Castiñeira ou Revolta e Bosque, da CMVMC de Pazo, Pasada e Bouza, do concello de Moraña (Pontevedra).

Feitos.

Primeiro. O 20.11.1979 o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común (en diante MVMC) de Pontevedra, emite resolución de clasificación do monte Porride, na parroquia de Rebón, concello de Moraña, a favor dos veciños de Pazo, Pasada e Bouza coas seguintes estremas e superficies:

Nome do monte: Porride.

Cabida: 6 ha.

Estremas: norte: predios particulares; sur: camiño; leste: regato e predios; oeste: termo municipal de Barro.

Segundo. O 3.11.1992, o Xurado Provincial de MVMC de Pontevedra emite resolución de clasificación dos montes Pedra Cabalar, Carrasqueira, Castiñeira ou Revolta e Bosque, na parroquia de Rebón, concello de Moraña, a favor dos veciños de Pazo, Pasada e Bouza, coas seguintes estremas e superficies:

– Nome do monte: Pedra Cabalar.

Cabida: 2 ha, 5 áreas, 30 centiáreas

Estremas: norte: propiedades particulares e magalón; leste e sur: muros entre propiedades particulares; oeste: camiño de carro e propiedades particulares.

– Nome do monte: Carrasqueira, Castiñeira ou Revolta.

Cabida: 10 ha, 36 áreas, 30 centiáreas.

Estremas: norte: muro e propiedades particulares; leste e sur: muros entre propiedades particulares e camiño entre monte veciñal do lugar de Calvo; oeste: muros entre propiedades particulares.

– Nome do monte: Bosque.

Cabida: 3 ha.

Estremas: norte: camiño en monte Porride; sur, leste e oeste: muro entre propiedades particulares.

Terceiro. Segundo a información que consta no Rexistro de MVMC de Pontevedra, as resolucións das dúas clasificacións adquiriron firmeza ao non seren impugnadas en vía contencioso-administrativa.

Xunto ás clasificacións constan os esbozos dos montes clasificados Porride e Pedra Cabalar, Carrasqueira, Castiñeira ou Revolta e Bosque a escala 1:25.000.

Na actualidade os montes Porride e Pedra Cabalar, Carrasqueira, Castiñeira ou Revolta e Bosque non se atopan deslindados, excepto polo expediente en tramitación entre esta comunidade e a comunidade de Calvo (PO-DESC-02/17), polo que a cartografía orientadora para a descrición destes montes son os esbozos.

Non constan resolucións xudiciais nin actos de disposición, nin posúe proxecto de ordenación inscrito no Rexistro de Montes Ordenados de Galicia.

Cuarto. O 27.9.2017, a CMVMC de Pazo, Pasada e Bouza solicita unha revisión de esbozo como consecuencia do requirimento do Servizo de Montes de mellora da solicitude de deslindamento PO-DESC-02/17, entre esta e a comunidade de Calvo.

Quinto. O 19.7.2019, a secretaria do Xurado Provincial de MVMC de Pontevedra solicita ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada dos montes veciñais Pedra Cabalar, Carrasqueira, Castiñeira ou Revolta e Bosque, clasificados a favor da CMVMC de Pazo, Pasada e Bouza (Moraña), segundo o acordado polo Xurado na sesión do 9 de xullo de 2019 e en virtude do establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei de montes de Galicia.

Consideracións legais e técnicas.

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

A Dirección Xeral de Ordenación Forestal estableceu que esta disposición se aplique de xeito preferente cando o monte veciñal sexa estremeiro con propiedades particulares. Pola súa vez, cando exista condición de estremeiro entre montes veciñais en man común, aplicarase o establecido no artigo 53 da Lei de montes de Galicia.

Segunda. A Lei de montes de Galicia recolle no punto 10 do artigo 8: «Couto Redondo: superficie forestal continua, entendendo que a dita continuidade non se verá interrompida por límites naturais (ríos, lagos, encoros, etc.), artificiais (vías de comunicación), nin administrativos (concellos, provincias, etc.)».

Terceira. O artigo 30 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 13/1989 (DOG número 186, do 23 de setembro), establece:

«A resolución firme de clasificación dun terreo como monte veciñal en man común deberá conter os requisitos necesarios para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade, de conformidade co disposto na Lei hipotecaria e no seu regulamento, e virá acompañado de planimetría suficiente que permita a identificación do monte. A citada resolución, unha vez firme, producirá os seguintes efectos:

– Atribuír propiedade.

– Servir de título inmatriculador suficiente para a inscrición do monte no Rexistro da Propiedade.

– Estará exento dos impostos sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, e será gratuíto ...».

Cuarta. A Lei 13/2015, do 24 de xuño, de reforma da Lei hipotecaria de 1946 (BOE número 151, do 25 de xuño), prevé a coordinación gráfica das inscricións do Rexistro da Propiedade co Catastro:

«1. A base de representación gráfica dos predios rexistrais será a cartografía catastral, que estará ao dispor dos rexistradores da propiedade.

2. Nos casos de incorporación da representación gráfica xeorreferenciada conforme o disposto na letra b) do artigo 9, deberá achegarse, xunto co título inscritible certificación catastral descritiva e gráfica do predio, salvo que se trate dun dos supostos regulados no número 3 deste artigo.

O rexistrador incorporará ao folio real a representación gráfica catastral achegada sempre que se corresponda coa descrición literal do predio na forma establecida na letra b) do artigo anterior, facendo constar expresamente no asento que na data correspondente o predio quedou coordinado graficamente co catastro. Así mesmo, o Rexistrador trasladará ao Catastro o código rexistral dos predios que fosen coordinados.

No suposto de que a correspondencia non quedase acreditada, o rexistrador dará traslado desta circunstancia ao Catastro por medios telemáticos e motivará a través dun informe as causas que impedisen a coordinación, para os efectos de que, se for o caso, o Catastro incoe o procedemento oportuno».

Quinta. A revisión do esbozo realizarase de todos os montes clasificados á CMVMC de Pazo, Pasada e Bouza, cunha superficie total clasificada de 21,42 ha:

1. O monte Porride clasificado o 20.11.1979 cunha superficie de 6 ha.

2. Os montes Pedra Cabalar, Carrasqueira, Castiñeira ou Revolta e Bosque clasificados o 3.11.1992 cunha superficie de 15,42 ha.

Inclúese a liña de deslindamento coa comunidade de Calvo, pendente de aprobación polo Xurado Provincial de MVMC.

Sexta. A revisión do esbozo dos montes clasificados á CMVMC de Pazo, Pasada e Bouza proposta polo Servizo de Montes (26,14 ha) modifica a presentada pola comunidade (27,96 ha), para cumprir os requisitos establecidos no artigo 30 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 13/1989 e da Lei 13/2015, do 24 de xuño, de reforma da Lei hipotecaria de 1946.

A liña proposta por este servizo respecta ás parcelas catastrais de titulares particulares e inclúe só parcelas catastrais a nome da comunidade ou en investigación e á parcela 36032A03700612 a nome da Asociación de Veciños do lugar de Calvo-Rebón, posto que está en trámite o expediente de deslindamento entre as dúas comunidades.

As discrepancias entre a solicitude da comunidade e esta revisión de esbozo terán que ser resoltas por expedientes de deslindamento con particulares.

Estas discrepancias están:

– Nas parcelas do polígono 37: 611, 608, 606, 604 e 602 e uns anacos nas parcelas 53, 71, 72, 73, 74, 76, 77, 84, 592, 598, 599, 600, 620, 660, 670, 671 e 672.

– Nas parcelas 60001 do polígono 307 e 6001 do polígono 12.

– Nos camiños: 9002, 9003, 9004, 9005 e 9016 do polígono 37 e 929 do polígono 45.

– Unha parcela urbana sen referencia catastral.

Sétima. A liña proposta para a revisión do esbozo encadra unha superficie de 26,14 ha (fronte ás 21,42 ha segundo as dúas clasificacións) e inclúe as seguintes parcelas catastrais:

– Integramente as parcelas catastrais do polígono 37:

– 601, 605, 657, 658 e 661 a nome da comunidade.

– 628, en investigación.

– Parte da parcela catastral do polígono 37:

– 612 a nome da asociación de veciños do lugar de Calvo-Rebón: 6,26 ha.

– E a parcela urbana coa referencia catastral 001301300NH31A a nome da comunidade.

Porride: 149.460 m2

36032A03700661

3.321

36032A03700658

16.708

36032A03700628

1.815

36032A03700657

17.088

36032A03700605

110.528

Pedra Cabalar: 19.293 m2

36032A03700601

19.223

001301300NH31A

70

Bosque: 30.000 m2

36032A03700605

30.000

Carrasqueira, Castiñeira ou Revolta: 62.601 m2

36032A03700612

62.601

Oitava. O 17.9.2019 a xefa do Servizo de Montes propón a revisión do esbozo de todos os montes clasificados á CMVMC de Pazo, Pasada e Bouza, concello de Moraña, segundo o punto anterior e de acordo coa seguinte descrición e os planos en soporte papel e dixital elaborados polo Servizo de Montes que forman parte inseparable deste informe e considerando que o monte é un couto redondo, e que a dita continuidade non se ve interrompida por límites naturais, artificiais nin administrativos (artigo 8.10 da Lei de montes de Galicia).

Nome do monte: Porride.

Cabida: 14,95 ha.

Os mesmos límites xerais da clasificación.

Nome do monte: Pedra Cabalar, Carrasqueira, Castiñeira ou Revolta e Bosque.

– Monte Pedra Cabalar: cabida: 1,93 ha, cos mesmos límites xerais da clasificación.

– Monte Carrasqueira, Castiñeira ou Revolta: cabida 6,26 ha, cos mesmos límites xerais da clasificación.

– Monte Bosque: cabida 3 ha, cos mesmos límites xerais da clasificación.

Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo dos montes veciñais de Porride, Pedra Cabalar, Carrasqueira, Castiñeira ou Revolta e Bosque (Moraña) e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado provincial por unanimidade dos seus membros

ACORDA:

Aprobar a revisión do esbozo dos montes veciñais de Porride, Pedra Cabalar, Carrasqueira, Castiñeira ou Revolta e Bosque, clasificados a favor da CMVMC de Pazo, Pasada e Bouza, no concello de Moraña (Pontevedra), segundo a proposta e a planimetría do Servizo de Montes.

Pontevedra, 20 de novembro de 2019

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra