Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Xoves, 12 de decembro de 2019 Páx. 52797

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 25 de novembro de 2019 pola que se fixa o importe do crédito dispoñible para a concesión de axudas para o ano 2020, en réxime de concorrencia competitiva, a proxectos colectivos, financiados polo FEMP, para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras sustentables, tramitada como anticipado de gasto.

Mediante a Orde do 21 de decembro de 2018 aprobáronse as bases reguladoras xerais, para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos, financiados polo FEMP, para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras sustentables, tramitada como anticipado de gasto.

Na dita orde de bases reguladoras xerais, no seu artigo 3.4, disponse que en cada anualidade sucesiva se fixará mediante unha orde complementaria o crédito plurianual existente con esa finalidade. Os créditos para cada ano poderán ser incrementados, se é o caso, coas incorporacións dos remanentes de exercicios anteriores que legalmente correspondan.

Por outra banda, o artigo 1.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998 (DOG núm. 33, do 19 de febreiro) sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG núm. 231, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG núm. 209, do 29 de outubro), establece que os expedientes de gasto relativos a subvencións se poderán iniciar sempre que as necesidades que se teñan que satisfacer poidan ser razoablemente previstas anticipadamente no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito axeitado e abondo no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma aprobado polo Consello da Xunta de Galicia que corresponda ao exercicio orzamentario en que se vai materializar a contraprestación.

O artigo 3.3 da Orde do 11 de febreiro de 1998 estende expresamente esta posibilidade de tramitación anticipada aos expedientes relativos ás bases reguladoras ou convocatorias de axudas derivadas da aplicación de regulamentos comunitarios con financiamento procedente de fondos europeos, sempre que exista regulación das axudas pola Unión Europea ou de ámbito estatal ditada en desenvolvemento ou transposición dela e existan compromisos de financiamento destinados á aplicación das correspondentes medidas.

Por todo o antedito, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto fixar o importe do crédito dispoñible para a concesión de axudas para o ano 2020, para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos, financiados polo FEMP, para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras sustentables.

Código de procedemento: PE209B.

Artigo 2. Crédito orzamentario

1. As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 15.03.723A.770.1, código de proxecto 2016 00293 (dotada con fondos do FEMP (Prioridade 1. Fomentar unha pesca sustentable, OE1.b), medida 1.2.1), na cal existe crédito suficiente no proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020 aprobado polo Consello da Xunta de Galicia.

2. Esta orde tramítase ao abeiro do disposto no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001, quedando a concesión das subvencións sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

3. O importe global máximo das subvencións que se concedan en 2020 será dun millón euros (1.000.000 €) e distribuiranse nas seguintes anualidades:

– Anualidade 2020: 500.000 €.

– Anualidade 2021: 500.000 €.

4. De conformidade co disposto no artigo 3.4 da orde de bases reguladoras xerais, os importes consignados para esta convocatoria, así como a aplicacións a que se imputen, poderán ser ampliados en función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura de novo prazo de presentación de solicitudes. En todo caso, a concesión das axudas estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

5. As porcentaxes de cofinanciamento das axudas son do 75 % con fondos FEMP e o 25 % con fondos da Comunidade Autónoma.

Disposición adicional primeira

En todo o non previsto nesta orde atenderase ao disposto nas bases reguladoras xerais aprobadas mediante a dita Orde da Consellería do Mar, do 21 de decembro de 2018 (DOG núm. 24, do 4 de febreiro de 2019).

Disposición adicional segunda

Facúltase a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Disposición derradeira primeira

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2019

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar