Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Venres, 20 de decembro de 2019 Páx. 54057

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 18 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións de creación audiovisual para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento CT207E).

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) é unha entidade de dereito público con personalidade xurídica propia, patrimonio propio e autonomía na súa xestión, que ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, segundo o previsto nos artigos 3, 4 e 5 da Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais. A Axencia Galega das Industrias Culturais é o organismo en que a Xunta de Galicia, coa participación necesaria dos sectores culturais implicados, centraliza os programas de apoio destinados a reforzar o papel dos creadores individuais, empresas e industrias culturais privadas, dentro do obxectivo xenérico de promoción e fomento da cultura galega impulsado pola Consellería de Cultura e Turismo.

Neste sentido, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), no exercicio das súas competencias, é consciente da importancia de establecer medidas de estímulo á creación e ten como obxectivo promover a xeración de novas propostas narrativas de especial valor cinematográfico co propósito de contribuír ao enriquecemento cultural do país a través das distintas formas de expresión audiovisual, e pode para o logro dos seus obxectivos conceder subvencións.

Nesta resolución establécense as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións para a escritura e produción de proxectos en versión orixinal galega, entendendo como tal a rodaxe/gravación en lingua galega, co obxectivo de impulsar a creación e, ao mesmo tempo, contribuír ao cumprimento das tarefas que a Lei do audiovisual atribúe ao sector na normalización da lingua galega.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas, apróbanse as bases e a convocatoria pública de subvencións de creación audiovisual para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego,

RESOLVO:

Primeira. Obxecto e finalidade

Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto establecer e aprobar as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o fomento á creación de obras audiovisuais con decidida vocación artística e cultural e, en concreto, a escrita de guións e a realización de curtametraxes a cargo de creadores individuais ou a realización de longametraxes a cargo de empresas individuais ou produtoras, e proceder á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento CT207E).

Segunda. Normativa aplicable

A normativa aplicable a estas subvencións axustarase ao disposto na presente resolución aprobatoria das bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións de creación audiovisual para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego e pola se convocan para o ano 2020; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións; na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e supletoriamente na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como os preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións; a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa de xeral aplicación; a Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; a Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, e demais normativa de xeral aplicación.

Terceira. Principios de xestión e procedemento de concesión

1. Estas axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

2. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado, pero incompatibles con outras para o mesmo proxecto da Consellería de Cultura e Turismo. No caso de percibirse outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

3. En ningún caso a suma dos importes das axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, pode superar o 100 % do custo do evento.

4. Nos anexos da presente resolución deberase cubrir a declaración das axudas percibidas polos solicitantes.

5. A xestión destas subvencións realizarase polo procedemento de concorrencia competitiva e de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

6. Sobre estas bases poderase obter información adicional na páxina web da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), http://www.agadic.gal

Cuarta. Modalidades

1. Poderán ser obxecto de subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais as seguintes modalidades de proxectos:

Modalidade A: subvencións á escrita individual de guión en galego. Subvencións para proxectos de guión de obras orixinais ou adaptación de obras literarias para longametraxes cinematográficas. A contía adxudicada por proxecto será de 5.000 euros.

Modalidade B: subvencións para a realización de proxectos de curtametraxes gravadas en versión orixinal galega cunha duración inferior a 60 minutos. As subvencións terán unha contía de 6.000 euros.

Modalidade C: subvencións a proxectos de longametraxes cinematográficas en versión orixinal galega cunha duración igual ou superior aos 60 minutos e que conten cun realizador que non dirixise ou codirixise máis de dúas longametraxes cualificadas para a súa explotación comercial en salas de exhibición cinematográfica. As subvencións terán unha contía de 30.000 euros.

2. Cada proxecto deberá estar inscrito nunha soa modalidade.

Quinta. Persoas beneficiarias

1. Poderán optar ás subvencións referidas nas modalidades A e B todas as persoas físicas residentes, cando menos durante un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, sempre que non realicen o proxecto para o que solicitan a subvención de xeito profesional.

2. Poderán optar ás subvencións referidas na modalidade C os/as directores/as residentes, cando menos durante un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, que estean constituídos como produtora individual no momento de presentaren a solicitude. Así mesmo, poderán optar aquelas persoas xurídicas constituídas como produtoras e dadas de alta na actividade cunha antigüidade ininterrompida de, polo menos, un ano inmediatamente anterior a esta convocatoria e establecidas cando menos durante un ano previo inmediatamente anterior a esta convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea.

3. Non poderán acceder ás subvencións os solicitantes que se encontren afectados por algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Sexta. Procedemento, créditos, contías e límites

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2. Para a concesión das subvencións destínase un crédito global de 156.000 euros, correspondente ás aplicacións seguintes dos orzamentos da Axencia Galega das Industrias Culturais, que irán repartidas, 36.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 11.A1.432B.470.0 e 30.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 11.A1.432B.480.0 da anualidade 2020, e 90.000 euros da aplicación orzamentaria 11.A1.432B.770.0, distribuídos en dúas anualidades: 15.000 euros da anualidade 2020 e 75.000 euros da anualidade 2021.

3. Os importes previstos poderán ser incrementados ao longo do exercicio, nos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e tras a declaración previa de dispoñibilidade de crédito, logo da modificación orzamentaria que proceda. Se é o caso, a ampliación de crédito deberase publicar nos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver. A alteración da distribución de los créditos establecida nesta convocatoria non precisará de nova convocatoria, pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.

4. O crédito distribuirase do seguinte xeito entre as distintas modalidades:

– 6 proxectos da modalidade A (5.000 euros).

– 6 proxectos da modalidade B (6.000 euros).

– 3 proxectos da modalidade C (30.000 euros).

5. O expediente tramítase como anticipado de gasto e no ano 2019 poderase chegar como máximo ata o momento inmediatamente anterior ao da disposición ou compromiso do gasto. Todos os actos ditados no expediente de gasto regulado por esta resolución entenderanse condicionados a que, unha vez aprobado o orzamento, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron aqueles.

Sétima. Inicio do procedemento: solicitudes

1. A presentación electrónica das solicitudes será obrigatoria para as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, autónomos e estudantes universitarios e as persoas representantes dunha das anteriores a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica, considerándose como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Estas bases, así como a Guía de procedementos e servizos, estarán dispoñibles no seguinte enderezo web https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-servizos nas dependencias desta axencia e na súa páxina web, e tamén quedarán expostas no taboleiro de anuncios da Agadic e debidamente publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG).

4. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria anual e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

5. A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Octava. Prazo de presentación das solicitudes e subsanación

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. Se a solicitude non está debidamente cuberta, non se achega a documentación exixida ou non se reúnen os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, o/a interesado/a será requirido/a para que no prazo de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos, e indícase ademais que, de non o facer, se considerará que desiste na súa petición, logo de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos na lei.

Novena. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Ademais da solicitude (anexo I), que será a publicada coa correspondente convocatoria anual, os interesados nestas subvencións presentarán, con carácter xeral, a seguinte documentación:

– Se a persoa solicitante é persoa xurídica, certificado do acordo de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade.

– Se a persoa solicitante está domiciliada fóra da Comunidade Autónoma de Galicia (nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea), certificado de empadroamento.

– Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

– Se a persoa solicitante é persoa xurídica, estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro mercantil ou o que corresponda.

2. As persoas solicitantes deberán enviar a seguinte documentación complementaria:

Modalidade A: escrita individual de guión para longametraxe cinematográfica.

a) Historial profesional do solicitante acompañado, de ser o caso, das seguintes declaracións responsables:

– Declaración responsable con especificación das longametraxes realizadas en que participou en calidade de guionista.

– Declaración responsable con especificación dos títulos que recibiron subvención da Xunta de Galicia á escrita de guión con anterioridade á convocatoria.

b) Memoria explicativa do proxecto cunha extensión de entre 1 e 3 páxinas, onde se inclúa unha reflexión sobre a viabilidade do proxecto no audiovisual galego.

c) Sinopse argumental cunha extensión máxima de 1 páxina.

d) Tratamento secuenciado do proxecto de guión, cunha extensión de entre 10 e 20 páxinas a dobre espazo.

e) Se é unha adaptación: declaración de autorización expresa do propietario dos dereitos da obra preexistente.

Modalidade B: curtametraxe.

a) Historial profesional do solicitante acompañado, de ser o caso, das seguintes declaracións responsables:

– Declaración responsable con especificación das longametraxes realizadas en que participou como director.

– De ser o caso, especificación dos títulos dirixidos que recibiron subvención da Xunta de Galicia á realización de curtametraxes con anterioridade á convocatoria.

b) Memoria explicativa do proxecto, cunha extensión de entre 1 e 3 páxinas, en que consten as intencións artísticas e de promoción e distribución da curtametraxe.

c) Sinopse do proxecto, cunha extensión máxima de 1 páxina.

d) Guión definitivo, técnico ou literario, da película.

e) Calendario e plan de produción.

f) Currículo do equipo técnico-artístico.

g) Declaración de autorización expresa do propietario dos dereitos da obra preexistente.

h) Calquera outra documentación que o solicitante considere pertinente para a mellor defensa do proxecto.

Modalidade C: longametraxe.

a) Historial profesional do/da director/a acompañado, de ser o caso, das seguintes declaracións responsables:

– Declaración responsable con especificación das longametraxes realizadas en que participou como director/a.

– Declaración responsable con especificación dos títulos dirixidos que recibiron subvención da Xunta de Galicia á realización de longametraxe con anterioridade á convocatoria.

b) De ser o caso, historial da empresa solicitante.

c) Historial dos seguintes membros do equipo creativo, técnico e artístico que intervirán na produción: guionista, compositor/a da banda sonora, director/a de fotografía, montador/a, director/a de arte, director/a de son, actores e actrices e outros profesionais que se queiran mencionar por achegar valor á produción.

d) Sinopse argumental dun máximo de 1 páxina.

e) Unha memoria asinada polo/a director/a da película en que describan as súas intencións artísticas, a proposta estética e o carácter innovador do proxecto.

f) Guión definitivo do proxecto.

g) Cronograma do proxecto e breve descrición dos plans de produción, localizacións e rodaxe.

h) Orzamento do proxecto (segundo o modelo publicado na páxina web da Agadic) e plan de financiamento.

i) Proposta de estratexia de lanzamento e distribución da obra.

j) Declaración de autorización expresa do propietario dos dereitos da obra preexistente.

k) Calquera outra documentación que o solicitante considere pertinente para a mellor defensa do proxecto.

Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por ouros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para a comprobación da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria de xeito presencial, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. A documentación poderá ser entregada en soporte papel, CD-rom ou en memoria USB. En calquera dos soportes que se presenten deberán figurar os mesmos ficheiros e con igual contido. Todos os ficheiros deberán incorporar un índice do seu contido. Os formatos dos ficheiros poderán ser PDF ou Excel. Se se inclúen ficheiros con fotografías ou debuxos, serán en formato JPG.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

 No caso de que algún dos documentos que vaia presentar a persoa solicitante ou representante, de forma electrónica, supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Décima. Comprobación de datos

1. Para a tramitación do procedemento destas axudas consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– NIF da entidade solicitante.

– Certificado de empadroamento en Galicia.

– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.

– Certificado de estar ao día das obrigas tributarias coa AEAT.

– Certificado de estar ao día de pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día de pagamento das obrigas coa Comunidade Autónoma.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo primeira. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obligadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidad das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimiento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Décimo segunda. Instrución do procedemento

1. A Dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:

1º. Examinar as solicitudes e documentación presentadas.

2º. Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resultase de obrigado cumprimento.

3º. Formular a proposta de resolución, debidamente motivada.

2. Co fin de facilitar unha mellor avaliación das solicitudes, poderánselles pedir datos, información complementaria ou aclaratoria necesaria aos interesados, así como a outros servizos da Consellería de Cultura e Turismo, ou aos profesionais ou expertos consultados para as xestións das solicitudes.

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Dirección da Agadic e as unidades administrativas encargadas da tramitación e seguimento do expediente respectivo poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados, e levarán a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos labores e demais actuacións que derivasen destas bases. Para estes efectos, os beneficiarios deberán cumprir coas obrigas de comprobación que se establezan nesta resolución e na de adxudicación da subvención. Para realizar estas funcións, poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Dirección da Agadic para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta resolución e na restante normativa vixente que resulte de aplicación.

Décimo terceira. Comisións de Valoración

1. Para a avaliación dos proxectos presentados constituiranse dúas comisións de valoración nomeadas pola persoa titular da Dirección da Agadic. Os seus membros terán que declarar por escrito non ter relación cos solicitantes ou, se é o caso, cos partícipes das persoas xurídicas solicitantes na correspondente convocatoria anual.

2. Son órganos colexiados e estarán constituídas:

A primeira, formada por unha persoa do cadro de persoal da Agadic e dous dos profesionais expertos no ámbito do audiovisual que avaliarán os proxectos presentados á modalidade A, escrita de guión.

A segunda, formada pola outra persoa do cadro de persoal da Agadic e os outros dous profesionais expertos no ámbito do audiovisual que avaliarán os proxectos presentados ás modalidades B, realización de curtametraxe, e C, realización de longametraxe.

Unha persoa do cadro de persoal da Agadic, sen dereito a voto, fará as funcións de secretario/a, das dúas comisións.

3. A Comisión de Avaliación elaborará un informe preceptivo que será motivado, relacionando os proxectos examinados por orde de prelación, e indicará a puntuación de cada un dos criterios e para cada unha das solicitudes, facendo unha proposta dos proxectos subvencionables que obteñan maior puntuación: 6 proxectos da modalidade A, 6 proxectos da modalidade B e 3 proxectos da modalidade C.

4. Dos seis proxectos subvencionables da modalidade A, dous estarán reservados para aqueles solicitantes que non figuren como guionistas en ningunha longametraxe realizada e que non teñan recibido axudas á escrita de guión en anteriores convocatorias da Xunta de Galicia ou da Agadic, sen prexuízo de reasignar as adxudicacións entre os demais solicitantes se non hai suficientes proxectos que acaden a puntuación exixida. Dos seis proxectos subvencionables da modalidade B, catro estarán reservados para aqueles solicitantes que non figuren como director de ningunha longametraxe realizada e que non teñan recibido axudas á realización de curtametraxes en anteriores convocatorias da Xunta de Galicia ou da Agadic, sen prexuízo de reasignar as adxudicacións entre os demais solicitantes se non hai suficientes proxectos que acaden a puntuación exixida. Na modalidade C reservaranse dous proxectos para aquelas solicitudes cuxo director non teña recibido subvencións á realización de longametraxes en anteriores convocatorias da Xunta de Galicia ou da Agadic.

5. O resto das actuacións subvencionables quedarán en reserva para ser atendidas ben co crédito que quede libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións.

Décimo cuarta. Criterios de valoración

1. Os criterios de valoración que aplicará a comisión serán os seguintes:

Modalidade A: escrita de guión.

Establécese un máximo de 30 puntos, distribuídos:

a) Orixinalidade da proposta. Ata 15 puntos outorgados proporcionalmente atendendo á seguinte distribución:

– Creatividade da proposta (5 puntos).

– Potencial contribución á diversidade do panorama audiovisual galego en canto a temática (5 puntos).

– Tratamento narrativo ou calquera outro aspecto diferenciador con respecto a obras xa existentes (5 puntos).

b) Contribución cultural (5 puntos). Obterá puntuación aquela proposta que cumpra dous dos seguintes requisitos:

– Que contribúa ao enriquecemento da cultura audiovisual galega.

– Que poña en valor o talento creativo e artístico galego.

– Que sexa unha adaptación dunha obra literaria galega e/ou escrita orixinalmente en lingua galega.

– Que aborde temas actuais culturais, sociais ou políticos relacionados con Galicia.

– Que a acción se desenvolva en Galicia.

– Que utilice o patrimonio arquitectónico, arqueolóxico e natural galego.

c) Viabilidade cinematográfica (ata 10 puntos), asignados proporcionalmente tendo en conta os seguintes aspectos.

– Posibilidades de realización da proposta con base na súa temática.

– Grao de dificultade das localizacións de rodaxe ou medios técnicos e humanos necesarios para levala a cabo.

Modalidade B: curtametraxes.

Establécese un máximo 30 puntos, coa seguinte distribución:

a) Calidade e creatividade do proxecto. Ata 15 puntos outorgados proporcionalmente atendendo á seguinte distribución:

– Relevancia e orixinalidade da temática proposta (5 puntos).

– Valor artístico e cultural da proposta (5 puntos).

– Carácter innovador e contribución á diversidade cinematográfica (5 puntos).

b) Contribución cultural galega (5 puntos). Obterá puntuación aquela proposta que cumpra dous dos seguintes requisitos:

– Que contribúa ao enriquecemento da cultura audiovisual galega.

– Que poña en valor o talento creativo e artístico galego.

– Que sexa unha adaptación dunha obra literaria galega e/ou escrita orixinalmente en lingua galega.

– Que aborde temas actuais culturais, sociais ou políticos relacionados con Galicia.

– Que a acción se desenvolva en Galicia.

– Que utilice o patrimonio arquitectónico, arqueolóxico e natural galego.

c) Viabilidade cinematográfica (ata 10 puntos) outorgados proporcionalmente aos seguintes criterios:

– Posibilidades de realización da proposta con base na súa temática.

– Grao de dificultade das localizacións de rodaxe ou medios técnicos e humanos necesarios para levala a cabo.

Modalidade C: longametraxes.

Establécese un máximo 30 puntos, coa seguinte distribución:

a) Calidade e creatividade do proxecto. Ata 15 puntos outorgados proporcionalmente atendendo á seguinte distribución:

– Relevancia e orixinalidade da temática proposta, creatividade da proposta (5 puntos).

– Valor artístico e cultural da proposta (5 puntos).

– Carácter innovador e contribución á diversidade cinematográfica (5 puntos).

b) Contribución cultural galega (5 puntos). Obterá puntuación aquela proposta que cumpra dous dos seguintes requisitos:

– Que contribúa ao enriquecemento da cultura audiovisual galega.

– Que poña en valor o talento creativo e artístico galego.

– Que sexa unha adaptación dunha obra literaria galega e/ou escrita orixinalmente en lingua galega.

– Que aborde temas actuais culturais, sociais ou políticos relacionados con Galicia.

– Que a acción se desenvolva en Galicia.

– Que utilice o patrimonio arquitectónico, arqueolóxico e natural galego.

c) Viabilidade cinematográfica (ata 5 puntos) outorgados proporcionalmente aos seguintes criterios.

– Posibilidades de realización da proposta con base na súa temática e a proposta artística.

– Posibilidades de realización da obra en canto a localizacións de rodaxe, equipo proposto e recursos técnicos necesarios para levala a cabo.

d) Orzamento. Teranse en conta o deseño e a coherencia do orzamento presentado con respecto ao proxecto. Ata 3 puntos, outorgados proporcionalmente.

e) Estratexia de difusión e difusión da película. Terase en conta a presentación dunha estratexia e a coherencia das accións deseñadas para a difusión da obra (2 puntos).

Décimo quinta. Resolución da convocatoria

1. Instruído o procedemento, o órgano instrutor, á vista do expediente, da documentación requirida e do informe motivado da comisión avaliadora, ditará a proposta de resolución, indicando o número de solicitudes subvencionadas e o importe económico da subvención correspondente a cada unha delas, que elevará á Presidencia da Agadic.

2. A Presidencia do Consello Reitor da Agadic, por delegación do Consello Reitor (disposición adicional do Acordo do 24 de xullo de 2012; DOG núm. 164) deberá ditar resolución expresa, no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución.

A citada resolución deberase ditar e notificar no prazo máximo de cinco meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria pública, será motivada e fará mención expresa dos beneficiarios, da contía da axuda informando expresamente do seu carácter de minimis en virtude do disposto no artigo 6 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, así como dunha desestimación xeneralizada do resto dos proxectos solicitantes.

3. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

4. A resolución da convocatoria anual correspondente porá fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpor os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Presidencia do Consello Reitor da Agadic, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

Décimo sexta. Notificacións de resolucións e actos administrativos

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións no enderezo de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Unha vez notificada a resolución, os beneficiarios comunicarán á Agadic a aceptación por escrito da subvención concedida no prazo máximo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión. Transcorrido este prazo sen comunicarse esta aceptación ou sen producirse manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada.

Deberá comunicarse por escrito ao beneficiario o importe da axuda (en equivalente bruto de subvención) e o seu carácter de axuda de minimis exenta en aplicación do Regulamento (UE) nº 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

Décimo sétima. Xustificación e gastos subvencionables

1. O prazo de xustificación da subvención rematará, para as modalidades A e B, o 15 de setembro de 2020, este incluído, e para a modalidade C, o 30 de xullo de 2021, este incluído. Transcorrido este prazo sen que se presente a xustificación ante a Agadic, requirirase o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de xustificación neste prazo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

2. O/a beneficiario/a deberá entregar no Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI), unidade adscrita á Agadic, como filmoteca oficialmente recoñecida pola Xunta de Galicia en canto que arquivo fílmico que exerce as funcións de recuperación, investigación e conservación do patrimonio cinematográfico correspondente, o seguinte: unha copia do guión no caso da modalidade A e un arquivo na máxima calidade de rodaxe ou gravación, preferiblemente DCP, no caso das modalidades B e C.

3. O/a beneficiario/a deberá presentar dentro do prazo de xustificación, a memoria xustificativa da realización da subvención de creación audiovisual, que conterá:

a) Unha memoria de actuación con indicación das actividades realizadas para a escrita do guión, realización da curtametraxe ou longametraxe.

b) Unha copia do guión definitivo no caso da modalidade A e no caso de curtametraxes e longametraxes procederase á entrega de unha copia en DVD ou soporte USB en perfecto estado.

c) Unha copia da inscrición no Rexistro de Propiedade Intelectual.

d) Autorización para a socialización da actividade subvencionada con fins culturais e de promoción do audiovisual galego, por parte da Axencia Galega das Industrias Culturais.

e) Declaración actualizada sobre subvencións solicitadas, percibidas ou concedidas e pendentes de percepción para o mesmo obxecto por outras administracións públicas, así como declaración das axudas concedidas en réxime de minimis durante os dous últimos exercicios fiscais, e durante o exercicio fiscal en curso, ou ben declaración de que a información facilitada ao respecto na solicitude non sufriu variacións desde a data da súa presentación (anexo II).

f) Ademais do anterior, para a modalidade C, unha memoria económica, que se corresponderá co orzamento presentado, que conterá:

– Relación numerada e ordenada por capítulos de gastos que inclúa o número de documento, identificación do acredor, o importe e a data de emisión, a suma parcial (folla por folla) e a suma do total da relación de gastos, excluído o IVE.

– Contratos mercantís e relativos á adquisición de dereitos.

– Xustificantes do ingreso na Facenda pública das cantidades retidas á conta do imposto sobre a renda das persoas físicas correspondentes aos contratos formalizados, de acordo coas porcentaxes de retención legalmente establecidas, así como, se é o caso, os xustificantes de pagamento das cotas da Seguridade Social correspondentes aos ditos contratos.

– Facturas ou documentos, de acordo co establecido no artigo 6 do Real decreto 1496/2003, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación e se modifica o Regulamento do imposto sobre o valor engadido (na súa última redacción vixente), orixinais ou compulsados, de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil e con eficacia administrativa, e documentos xustificativos do seu pagamento polo beneficiario, orixinais ou compulsados, incorporados na mesma orde que na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior.

4. Son gastos xustificables os que de maneira indubidable respondan á realización da longametraxe, por unha cantidade equivalente ao importe da subvención concedida. Os gastos deberán corresponder ao período subvencionable, que comprende desde o 1 de xaneiro de 2020 e a data máxima de xustificación establecida na convocatoria, ambas as datas incluídas. En todo caso, deberá enviarse a documentación xustificativa do pagamento. Non se terán en conta os pagamentos en efectivo.

5. O/a beneficiario/a poderá xustificar ata un máximo do 5 % do importe da subvención, en concepto de gastos de amortización de material informático e audiovisual directamente relacionado coa realización do proxecto obxecto da subvención, de duración superior a un exercicio anual, de acordo coas seguintes normas:

– A adquisición do material deberá producirse durante o período subvencionable.

– Para o cálculo do importe que se amortizará, dividirase o custo do ben entre 60 meses e o resultado multiplicarase polo número de meses que dure a produción.

– Será imprescindible a presentación da correspondente factura de compra dos bens que se pretendan amortizar, así como a xustificación do seu pagamento, cotexadas ou compulsadas.

6. Non serán gastos subvencionables:

a) O importe do imposto sobre o valor engadido e outros impostos de carácter recuperable.

b) Os gastos suntuarios, as gratificacións, as provisións de gastos e as capitalizacións.

c) Gastos de subcontratación con empresas vinculadas.

Décima oitava. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias da subvención teñen que cumprir as obrigas seguintes:

a) Sin prexuízo das obrigas dispostas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os/as beneficiarios/as das subvencións quedarán obrigados/as a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o que foron concedidos e levar a cabo a actividade subvencionada de acordo co proxecto presentado. Calquera alteración relevante do proxecto, cambio de título, modificación substancial de contidos ou cambios nos responsables do equipo técnico notificarase con anterioridade á Agadic, que adoptará as medidas que considere procedentes.

b) Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público para o contrato menor, a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes empresas, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren.

c) Notificar á Agadic as axudas, ingresos ou recursos que financien a actuación subvencionada, obtidos ou solicitados a outras administracións ou entidades públicas ou privadas, con posterioridade á presentación da solicitude da convocatoria correspondente.

d) Proporcionar en todo momento a información que sexa solicitada respecto da subvención concedida e someterse ás actuacións de comprobación da Agadic, da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no título III da Lei 9/2007, ou do Consello de Contas ou Tribunal de Contas, segundo a súa normativa.

e) Dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento dos programas, actividades, investimentos ou actuacións de calquera tipo que sexan obxecto de subvención, tanto nos actos públicos como no material de difusión que se elabore, comprométense a facer mención expresa da colaboración da Xunta de Galicia no desenvolvemento das actividades subvencionadas. A entidade comprométese a utilizar en todo o material de difusión que realice ao abeiro deste convenio a imaxe corporativa do Xacobeo 2021 e a da Xunta de Galicia, seguindo as normas respectivas en materia de identidade corporativa, marcas que deben ser descargadas da web da Xunta de Galicia: https://www.xunta.gal/identidade-corporativa/marca-principal (para Xunta de Galicia) e https://www.xunta.gal/identidade-corporativa/xacobeo-2021 (para Xacobeo 2021). 

f) Os beneficiarios estarán obrigados a facilitarlle á Agadic copias da documentación empregada para a realización, promoción e difusión da obra (guión definitivo, carteis, fotografías, músicas, capas e outros materiais) e autorizarán a utilización da produción subvencionada co obxecto da súa socialización, nas actividades de promoción e difusión que lle corresponda. Nas modalidades B e C, nos títulos de crédito iniciais da produción deberá figurar en cartón único: «coa subvención da Xunta de Galicia».

Décimo novena. Pagamento

1. A Agadic, consonte as previsións estipuladas no artigo 31.6 da Lei de subvencións de Galicia, e no 63.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderá aboar, a aqueles que obtiveron a condición de beneficiarios en concepto de pagamento anticipado, as seguintes contías:

– Ata o 80 % da subvención concedida nas modalidades A e B.

– Para a modalidade C, o importe adxudicado na anualidade 2020, sempre e cando non supere o 50 % da subvención concedida. Se o importe da anualidade 2020 é inferior ao anterior límite poderá ser incrementado ata o 50 % da subvención concedida logo de solicitude expresa de reasignación de anualidades á Agadic que se concederá en función da dispoñibilidade orzamentaria.

Para facer efectivo o pagamento, o beneficiario deberá enviar unha declaración do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos (anexo II), e unha memoria do estado de execución do proxecto.

2. Os beneficiarios que reciban pagamentos anticipados, cando estes excedan a cantidade de 18.000 euros, deberán constituír unha garantía, mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que deberá cubrir o 110 % do importe do anticipo, e deberá alcanzar como mínimo ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación. Quedan exonerados da constitución de garantía os beneficiarios nos casos establecidos no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. O importe restante será aboado tras o cumprimento dos requisitos enumerados na cláusulas décimo sexta e décimo sétima destas bases.

4. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención outorgada en canto a persoa beneficiaria non figure ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias estatais, autonómicas e da Seguridade Social, sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha outra débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega, estando autorizada a Agadic para proceder á comprobación e conseguinte verificación destes datos.

5. Sen prexuízo das obrigas dispostas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias das subvencións quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o que foron concedidos. As producións subvencionadas deberán axustarse fielmente ao proxecto presentado. Calquera alteración relevante do proxecto deberá ser autorizada pola Axencia Galega das Industrias Culturais, e non poderá afectar aspectos avaliados pola comisión.

6. Será requisito necesario para o pagamento da subvención outorgada a entrega dunha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos (anexo II).

7. Os solicitantes e beneficiarios quedan sometidos ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido título III da Lei 9/2007, ou polo Consello de Contas ou Tribunal de Contas, segundo a súa normativa.

8. Ademais, deberanlle facilitar á Agadic toda a información e documentación complementaria que esta considere precisa para a concesión ou aboamento do importe da subvención.

Vixésima. Modificación da resolución

1. A Axencia Galega das Industrias Culturais ten a facultade de revisar as axudas concedidas e modificar a resolución de concesión no caso de alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

2. A persoa beneficiaria ten a obriga de solicitar á Agadic a aceptación de calquera modificación ou alteración relevante ou significativa sobre o proxecto subvencionado. Para que tales modificacións poidan ser tidas en conta na xustificación deberán ser previamente aceptadas pola Agadic. As alteracións non autorizadas, ou non solicitadas, poderán dar lugar á minoración da subvención concedida ou á súa revogación.

3. Non se aceptarán modificacións que afecten os requisitos para poder optar ás subvencións exixidos na base cuarta da presente resolución.

4. En canto ao resto das modificacións solicitadas, a Agadic poderá acordar, de xeito motivado, a modificación da resolución de concesión, coa minoración proporcional derivada das alteracións.

Vixésimo primeira. Reintegro

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos e termos establecidos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en particular polo incumprimento de calquera dos requisitos e obrigas estipulados nesta convocatoria pública.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Vixésimo segunda. Recursos

Esta resolución pon fin a vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, se prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o seguinte ao de publicación da resolución, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición adicional. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Axencia Galega das Industrias Culturais, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www. xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2019

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file