Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Venres, 20 de decembro de 2019 Páx. 54089

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 18 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións de creación audiovisual para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento CT207E).

BDNS (Identif.): 487121.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán optar ás subvencións referidas nas modalidades A e B todas as persoas físicas residentes, cando menos durante un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, sempre que non realicen o proxecto para o que solicitan a subvención de xeito profesional.

2. Poderán optar ás subvencións referidas na modalidade C os/as directores/as residentes, cando menos durante un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, que estean constituídos como produtora individual no momento de presentar a solicitude. Así mesmo, poderán optar aquelas persoas xurídicas constituídas como produtoras e dadas de alta na actividade cunha antigüidade ininterrompida de, polo menos, un ano inmediatamente anterior a esta convocatoria e establecidas cando menos durante un ano previo inmediatamente anterior a esta convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea.

Segundo. Finalidade

Establecer e aprobar as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o fomento á creación de obras audiovisuais con decidida vocación artística e cultural e, en concreto, a escrita de guións e a realización de curtametraxes a cargo de creadores individuais ou a realización de longametraxes a cargo de empresas individuais ou produtoras, e proceder á súa convocatoria para o ano 2020.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 18 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións de creación audiovisual para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento CT207E).

Cuarto. Importe

Para a concesión das subvencións destínase un crédito global de 156.000 euros, correspondente ás aplicacións seguintes dos orzamentos da Axencia Galega das Industrias Culturais, que irán repartidas, 36.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 11.A1.432B.470.0 e 30.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 11.A1.432B.480.0 da anualidade 2020, e 90.000 euros da aplicación orzamentaria 11.A1.432B.770.0, distribuídos en dúas anualidades: 15.000 euros da anualidade 2020 e 75.000 euros da anualidade 2021.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2019

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais