Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Luns, 23 de decembro de 2019 Páx. 54333

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

ORDE do 9 de decembro de 2019 pola que se anuncia a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo vacante nesta consellería.

De conformidade co establecido no artigo 92 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e no artigo 16 do Decreto 93/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, e no uso das atribucións conferidas polo artigo 17.2.c) da citada lei, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo que se detalla no anexo I desta orde.

Segundo. Poderá concorrer a ela o persoal funcionario de carreira que reúna as condicións que se sinalan para o posto de traballo.

Terceiro. As solicitudes para participar nesta convocatoria presentaranse no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia (Edificio Administrativo San Caetano, Santiago de Compostela), ou nas oficinas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no prazo de quince (15) días, contados a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, conforme o modelo que se inclúe como anexo II.

Cuarto. As persoas aspirantes deberán presentar coa petición un curriculum vitae e xustificar, mediante certificación ou copia cotexada dos documentos acreditativos, os méritos que aleguen.

Os méritos alegados e non probados segundo se indica no parágrafo anterior non se terán en conta.

Quinto. No caso de que resulte seleccionado para ocupar o posto de traballo persoal funcionario con destino noutra Administración pública, tramitarase o seu traslado a esta comunidade autónoma conforme o artigo 67 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, e as demais disposicións concordantes.

Sexto. Esta convocatoria será resolta pola Consellería de Facenda. A resolución farase pública no DOG e, de considerarse oportuno, poderase declarar deserto o posto.

Sétimo. O prazo para tomar posesión do novo destino obtido será de tres días hábiles se non implica cambio de residencia ou de sete días hábiles se comporta cambio de residencia. Cando a persoa adxudicataria do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será de vinte días hábiles.

O prazo posesorio contarase a partir do día seguinte ao do cesamento, que se deberá producir dentro dos tres días hábiles seguintes ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, ou desde a data en que se comunique a resolución do traslado á comunidade autónoma, para o caso de persoal funcionario doutras administracións públicas.

Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión deberase computar desde o día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Esta orde pon fin á vía administrativa e contra ela poderase recorrer potestativamente en reposición, ante este mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou impugnala directamente, ante a orde xurisdicional contencioso-administrativo, de conformidade co disposto no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2019

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda

ANEXO I

Denominación: delegado/a.

Código do posto: FC.A29.10.000.27001.001.

Nivel: 28.

Complemento específico: 19.990,46 €.

Subgrupo: A1.

Corpo ou escala: XSF1.

Tipo de adscrición: (AXG) adscrición exclusiva a persoal funcionario da Administración da Xunta de Galicia.

Centro directivo ou dependencia: Delegación da Axencia Tributaria de Galicia en Lugo.

Localidade: Lugo.

missing image file