A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, creou o Catálogo galego de árbores senlleiras regulado polo Decreto 67/2007, do 22 de marzo, como rexistro público de carácter administrativo dependente da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, no que están incluídos aqueles exemplares que polos seus valores naturais, culturais, científicos, didácticos, estéticos ou paisaxísticos, requiren da súa conservación, considerando, asimismo, que este tipo de árbores constitúen un patrimonio cultural valioso, de interese público, e irrecuperable no caso da súa destrución.
Así, ben por iniciativa da Administración ou das persoas propietarias das árbores ou de asociacións, entidades públicas ou privadas ou centros de investigacións desde a creación deste catálogo fóronse incorporando nel aqueles elementos que foron valorados seguindo criterios básicos e métodos obxectivos, como merecentes de medidas específicas de protección en atención ás excepcionais características do seu porte, dendrometría, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera outra circunstancia.
A Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, regula no seu artigo 112 o Catálogo galego de árbores senlleiras, confirmando o seu carácter de rexistro público no cal se inclúen e incluirán aqueles exemplares ou formacións dos que, polos seus valores ou intereses natural, cultural, científico, educativo, estético ou paisaxístico, sexa necesario asegurar a súa conservación.
O Decreto 67/2007, do 22 de marzo, polo que se regula o Catálogo galego de árbores senlleiras, prevé no seu artigo 10.1 a posibilidade de que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poida establecer un réxime de axudas económicas encamiñadas á súa conservación, protección e mellora ou, se é o caso, para realizar tratamentos fitosanitarios ou silvícolas de mantemento.
O réxime xeral das axudas e subvencións nas administracións públicas establécese nas disposicións básicas da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A nivel regulamentario a norma principal constitúea o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Esta orde cumpre coas exixencias da citada normativa.
En virtude do anterior, en concordancia co disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía e en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto e principios de aplicación
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas para actuacións encamiñadas á conservación, protección e mellora das árbores e formacións incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras regulado polo Decreto 67/2007, do 22 de marzo, así como proceder á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento MT804B).
2. Estas axudas tramitaranse en réxime de publicidade, transparencia, concorrencia obxectividade, igualdade e non discriminación, con eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos. Así mesmo, resultarán de aplicación os preceptos da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 2. Actividades subvencionables
1. Serán actuacións subvencionables ao abeiro desta orde de axudas as destinadas a:
a) Realización de podas e actuacións de formación e control da copa. Serán subvencionables os gastos directamente relacionados coa realización de podas e actuacións de formación e control da copa que se consideren precisas para a conservación e mellora dos elementos catalogados. As características das podas e actuacións de formación e control da copa deberán ser validadas polo Servizo de Patrimonio Natural, previamente ao seu desenvolvemento.
b) Aplicación de tratamentos fitosanitarios. Serán subvencionables os gastos directamente relacionados coa adquisición e aplicación de productos fitosanitarios, e posterior xestión dos residuos con xestores autorizados. As características dos traballos deberán constar nunha memoria ou proxecto técnico que requirirá da aprobación do Servizo de Patrimonio Natural previamente á súa execución.
c) Accións encamiñadas á conservación e mellora do contorno. Serán subvencionables os gastos directamente relacionados coa conservación e mellora das inmediacións dos elementos catalogados incluíndo, entre outros, descompactación ou fertilización do terreo, retirada ou modificación de elementos prexudiciais para os elementos catalogados por cuestións sanitarias ou estéticas, ou plantación de novos exemplares (só no caso de formacións senlleiras). As características dos traballos deberán constar nunha memoria ou proxecto técnico que requirirá da aprobación do Servizo de Patrimonio Natural previamente á súa execución.
d) Accións de divulgación e sinalización. Serán subvencionables os gastos directamente relacionados coa difusión da información da condición de árbores e formacións senlleiras incluíndo, entre outros, deseño e impresión dos materiais. Tamén serán subvencionables os gastos directamente relacionados coa información á beira dos elementos catalogados da súa condición de árbores e formacións senlleiras incluíndo, entre outros, sinais, soportes e gastos de colocación. O formato, o contido e demais características dos materiais divulgativos e/ou de sinalización deberán ser validados polo Servizo de Patrimonio Natural, previamente á edición dos materiais e/ou á execución dos traballos.
e) Realización de estudos. Serán subvencionables os gastos directamente relacionados coa realización de estudos fitosanitarios, biomecánicos e calquera outro que se considerenprecisos para a conservación e mellora dos elementos catalogados, incluíndo a elaboración de plans de xestión encamiñados á conservación, restauración e mellora dos elementos catalogados.
2. Non será obxecto de subvención:
a) O imposto do valor engadido (IVE).
b) Aquelas actuacións ou actividades que poñan ou poidan poñer en perigo os valores que xustificaron a inclusión da árbore ou formación no Catálogo galego de árbores senlleiras.
c) As actuacións que se iniciasen antes da certificación de non inicio ou sen contar coa validación previa á súa realización por parte do Servizo de Patrimonio Natural da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda correspondente, cando esta for precisa.
3. En todo caso, a contía da subvención non poderá ser nunca superior ao custo da acción subvencionable.
Artigo 3. Ámbito temporal
As axudas a que se refire esta orde comprenden os gastos subvencionables recollidos no artigo 2 que foran efectivamente realizados desde a certificación de non inicio ata o 30 de setembro de 2020.
En ningún caso se poderán ter iniciado as actividades antes da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. É condición indispensable que, con anterioridade ao comezo das actuacións, o Servizo de Patrimonio Natural da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda correspondente expida unha certificación de non inicio, para todas as actuacións subvencionables incluídas no artigo 2 agás as descritas na letra e), que será realizada de oficio a partir do momento da recepción da solicitude da axuda.
Artigo 4. Persoas e entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias as persoas físicas ou xurídicas, incluíndo as corporacións locais, propietarias de elementos incluídos no Catálogo galego de árbores senlleiras na data de publicación desta orde.
2. Só se admitirá unha única solicitude por persoa ou entidade solicitante. Cando unha mesma persoa ou entidade solicitante sexa propietaria de máis dunha árbore e/ou formación senlleira, deberá presentar unha única solicitude que abranguerá todas as árbores e/ou formacións para as cales se solicita a axuda.
Artigo 5. Requisitos exixibles ás persoas e entidades beneficiarias
1. As persoas e entidades beneficiarias deberán cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e non estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no seu artigo 10.
No caso das corporacións locais, ademais, deben cumprir co deber previsto no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio.
2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas físicas ou xurídicas que teñan sancións firmes en vía administrativa por infraccións tipificadas na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, e na Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade.
Artigo 6. Contía da axuda
1. A axuda poderá acadar o 100 % dos gastos subvencionables, fixándose un importe máximo de 4.500 euros de axuda por árbore e 8.000 euros de axuda por formación.
2. No caso de superación das dispoñibilidades orzamentarias poderán axustarse as contías á pro rrata entre todas as entidades beneficiarias. O réxime de rateo farase atendendo á puntuación obtida no proceso de valoración.
3. A contía das axudas está condicionada, en todo caso, á existencia de dispoñibilidade orzamentaria.
Artigo 7. Compatibilidade
As axudas previstas nesta orde serán compatibles con outras subvencións de calquera outra Administración pública para as mesmas finalidades, sempre e cando a suma das subvencións concedidas non supere o importe total dos gastos conforme o establecido no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Artigo 8. Solicitudes
1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible (anexo I) na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas representantes dunha das anteriores.
Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
2. As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
3. A solicitude da axuda, segundo o anexo I desta orde (código de procedemento MT804B), inclúe as seguintes declaracións da persoa ou entidade solicitante:
a) Declaración do total das solicitudes de axudas solicitadas ou concedidas, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas.
b) Declaración da conta para a transferencia bancaria.
c) Declaración de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, nin en ningunha das situacións previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
d) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendentes de pagamento débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
e) Declaración responsable de non ter sancións firmes en vía administrativa por infraccións tipificadas na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, e na Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade.
4. A solicitude para ser persoa beneficiaria da axuda, levará implícita a autorización, no suposto de que se lle conceda a axuda solicitada, para a inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e de Sancións dependente da Consellería de Facenda, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na súa solicitude. Non obstante, as persoas ou entidades solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións, cando concorra algunha das circunstancias previstas na alínea d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as entidades deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 10. Información básica sobre protección de datos persoais
Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no dito formulario.
Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.
Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.
As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos.
Artigo 11. Documentación complementaria necesaria para a tramitación da solicitude
1. As persoas e/ou entidades deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación complementaria:
a) Acreditación da persoa representante que asine a solicitude, por calquera medio válido en dereito.
b) Acreditación da titularidade dos predios ou certificación da persoa ou entidade titular para a súa dispoñibilidade.
No suposto de que a árbore e/ou formación obxecto da actividade sexa propiedade de varias persoas ou entidades copropietarias, deberase presentar, segundo corresponda:
i) Acreditación da titularidade de cada persoa ou entidade propietaria.
ii) Documento que acredite o consentimento de todas as persoas ou entidades propietarias.
iii) Representación da persoa ou entidade solicitante para realizar a actividade obxecto da subvención.
c) Memoria explicativa das actividades que se pretenden realizar e para as cales se solicita a axuda, coa correspondente previsión de gastos e unha descrición das actividades proxectadas, segundo o anexo II desta orde.
d) Memoria ou proxecto asinado por persoal técnico cualificado para as actuacións subvencionables descritas no artigo 2, letras a), b) e c).
e) Factura pro forma ou oferta económica correspondentes á previsión de gastos das actividades que se pretenden realizar.
f) No caso de comunidades de montes veciñais en man común, certificación do acordo da asemblea xeral conforme se autoriza a xunta reitora para solicitar estas axudas.
g) Documentación que acredite a remisión das contas ao Consello de Contas pola entidade, só no caso das corporacións locais.
2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica.
Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.
Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no seu procedemento a súa oposición expresa.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
Artigo 12. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) NIF da entidade solicitante.
b) DNI ou NIE da persoa solicitante.
c) DNI ou NIE da persoa representante.
d) Certificado de estar ao día no cumprimento das obrigas coa Seguridade Social.
e) Certificado de estar ao día no cumprimento das obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT).
f) Certificado de estar ao día no cumprimento das obrigas coa Facenda da Comunidade Autónoma de Galicia.
g) Non ter sancións firmes en vía administrativa por infraccións tipificadas na Lei 9/2001, do 2 de agosto, de conservación da natureza, e na Lei 5/2019, do 21 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade.
h) Concesións de subvencións e axudas.
i) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
j) No caso de comunidades de montes veciñais en man común, certificado da Sección Territorial do Rexistro Xeral de Montes Veciñais en Man Común de posuír os estatutos en regra, figurando a composición da xunta reitora actualizada consonte os parámetros establecidos pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da antedita lei.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude e achegar os documentos.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
4. Segundo o establecido no artigo 50 da Lei 2/2018, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, referente á simplificación do cumprimento das obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma, a Administración do Estado e a Seguridade Social, a obriga de presentar a certificación que acredite o cumprimento das obrigas tributarias, coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma, poderá ser substituída pola declaración responsable de estar o día no cumprimento das obrigas coa Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma no caso das axudas que se concedan con carácter de compensación ou indemnización.
Artigo 13. Notificación
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.
2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.
4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 14. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes rematará o día 31 de xaneiro de 2020.
Artigo 15. Criterios de valoración
Os criterios de valoración para o outorgamento das axudas recollidas no artigo 2 serán os seguintes:
a) Nivel de prioridade das actuacións: máximo 60 puntos, de acordo co seguinte:
i) Prioridade 1: 60 puntos.
ii) Prioridade 2: 40 puntos.
iii) Prioridade 3: 20 puntos.
iv) Prioridade 4: 10 puntos.
O nivel de prioridade das actuacións considerado para cada elemento do Catálogo galego de árbores senlleiras en función da avaliación máis recente dispoñible recóllese no anexo VI.
b) Localización do elemento: máximo 20 puntos, de acordo co seguinte:
i) Elemento localizado nun espazo da Rede galega de espazos protexidos: 20 puntos.
ii) Elemento incorporado nun ben de interese cultural: 16 puntos.
iii) Elemento incorporado nun ben catalogado no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia: 10 puntos.
c) Non ter recibido axudas polo mesmo concepto na convocatoria inmediatamente anterior: 10 puntos.
d) Elemento incorporado na Ruta dos Xardíns da Camelia: 10 puntos.
Cando unha mesma persoa ou entidade solicite axuda para máis dunha árbore e/ou formación senlleira, a puntuación asignada á súa solicitude corresponderase coa media aritmética da puntuación asignada a cada árbore e/ou formación.
En caso de empate na puntuación obtida, este resolverase tendo en conta a valoración no criterio da letra a). De persistir o empate, atenderase á cualificación no criterio da letra b). Se así e todo continúa a igualdade, dirimirase o empate a favor da entidade solicitante que obteña a maior puntuación na letras c) e d), por esta orde. De persistir o empate, a preferencia determinarase pola data e hora de presentación da solicitude.
Artigo 16. Tramitación
1. As solicitudes remitiranse á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Os servizos de patrimonio natural das xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda examinarán e revisarán a documentación adxunta que se especifica no artigo 11 desta orde.
2. No caso de que fosen detectados erros ou omisións, os servizos de patrimonio natural requirirán a persoa e/ou entidade solicitante para que, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao de recepción do requirimento, emende ou complete a solicitude, coa indicación de que, se non o fai así, se terá por desistida da súa petición logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución poderáselle requirir á entidade que achegue a información e documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación da solicitude presentada.
4. Os servizos de patrimonio natural emitirán informes sobre a valoración das solicitudes presentadas á Subdirección Xeral de Biodiversidade e de Recursos Cinexéticos e Piscícolas para que esta continúe coa súa tramitación.
5. Unha vez recibidos os informes dos servizos de patrimonio natural, a Subdirección Xeral de Biodiversidade e de Recursos Cinexéticos e Piscícolas, como órgano instrutor, realizará as propostas de resolución das solicitudes á Dirección Xeral de Patrimonio Natural ata esgotar o crédito consignado para o efecto. Non obstante, no caso de superación das dispoñibilidades orzamentarias poderán axustarse as contías á pro rata entre todas as entidades beneficiarias. O réxime de rateo farase atendendo á puntuación obtida no proceso de valoración.
Artigo 17. Resolución e recursos
1. De conformidade co establecido no artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, a competencia para a concesión das axudas reguladas nesta orde correspóndelle á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. A resolución que poña fin ao procedemento será motivada con suxeición ao establecido nas bases reguladoras desta orde.
2. O prazo máximo para resolver será de dous meses contados desde o día seguinte ao remate do prazo de presentación das solicitudes. Transcorrido o prazo sen que se ditase resolución expresa, as entidades poderán entender desestimada a súa solicitude, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
3. A resolución ditada, segundo o disposto no número 1 deste artigo, porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no prazo dun mes a partir da notificación da resolución, ou ben impugnala directamente ante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses se a resolución for expresa, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.
4. En ningún caso se concederán aboamentos á conta ou pagamentos anticipados.
5. A resolución de concesión da axuda levará implícita a autorización para a realización das actuacións incluídas na solicitude coas limitacións que nela se indiquen.
Artigo 18. Aceptación da axuda concedida.
O outorgamento da subvención debe ser aceptado polas persoas ou entidades interesadas que fosen propostas como beneficiarias no prazo máximo de dez (10) días desde a súa notificación, coas condicións específicas recollidas nesta orde. No caso de que a persoa ou entidade beneficiaria non comunique a súa aceptación dentro do prazo indicado, considerarase que se entende tacitamente aceptada a axuda concedida.
Artigo 19. Transparencia e bo goberno
1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas ou entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas ou entidades beneficiarias e a referida publicidade.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións (BDNS) a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 20. Publicidade
1. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación de subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, entidade beneficiaria, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.
2. Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
Artigo 21. Rexistro Público de Subvencións
1. A concesión das axudas reguladas nesta orde, será obxecto de inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e Sancións dependente da Consellería de Facenda, co fin da ordenación e coñecemento da actividade subvencionable en Galicia.
2. As entidades interesadas terán, en calquera momento, o dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición dos seus datos que figuren no Rexistro Público de Subvencións, de conformidade co establecido na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
3. A solicitude para ser entidade beneficiaria das axudas incluídas nesta orde levará implícita a autorización, no suposto de que se lle conceda a axuda solicitada, para a inscrición, no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e Sancións dependente da Consellería de Facenda, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na solicitude. Non obstante, as entidades solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións cando concorra algunha das circunstancias previstas na alínea d) do punto 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Artigo 22. Xustificación dos gastos realizados
1. O pagamento da cantidade adxudicada a cada entidade beneficiaria queda condicionado á xustificación dos gastos obxecto de subvención.
2. O prazo máximo para presentar a xustificación dos gastos realizados rematará o día 30 de outubro de 2020. As entidades beneficiarias deberán presentar da forma indicada no artigo 8 desta orde a seguinte documentación:
a) Solicitude de pagamento, segundo o anexo III desta orde, que inclúe unha declaración complementaria relativa á obtención doutras subvencións, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución ou a consecución dos fins para os que foi concedida a axuda de que se trate, de acordo co formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
b) Para xustificar os gastos das axudas reguladas nesta orde:
1º Memoria xustificativa de actuacións e relación de gastos e investimentos segundo os anexos IV e V desta orde, respectivamente.
2º Copia das facturas que, en todo caso, virán acompañadas da xustificación do pagamento efectivo dos gastos en que se incorreu, a través da copia da transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento.
3. De acordo co artigo 28.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, nas subvencións concedidas a outras administracións públicas ou a entidades vinculadas ou dependentes daquelas e ás universidades, a xustificación poderá consistir na certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a que foi concedida.
4. Conforme o previsto no artigo 27.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas ou entidades beneficiarias poderán subcontratar parte ou a totalidade da actividade subvencionada. Non obstante, non se poderán subcontratar as actuacións que, incrementando o custo da actividade subvencionada, non incrementen o valor engadido ao contido desta.
5. Os servizos de patrimonio natural das xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda comprobarán a documentación e engadirán as certificacións sobre o grao de execución das actividades subvencionadas e sobre a adecuación destas á documentación que serviu de base para a concesión da axuda.
6. Unha vez realizado o anterior, o expediente remitirase, xunto cunha proposta, á Dirección Xeral de Patrimonio Natural.
Artigo 23. Pagamento
1. O pagamento corresponderase co importe da axuda aprobada e debidamente xustificada. Non obstante, excepcionalmente, por resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, poderá subvencionarse só unha parte das actuacións aprobadas sempre que se xustifique documentalmente o motivo de non ter realizado o total do gasto, e que a parte executada constitúa unha unidade operativa independente.
2. Para o pagamento da axuda será imprescindible que as persoas beneficiarias estean ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma. De acordo co establecido no artigo 12, o órgano xestor das axudas poderá obter dos organismos competentes as citadas certificacións.
3. O pagamento das axudas efectuarase mediante transferencia na conta bancaria indicada na solicitude.
Artigo 24. Crédito orzamentario
1. Esta convocatoria de axudas tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no cal se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto. Por iso, a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o próximo ano 2020, no momento resolución.
2. O importe máximo das axudas que se conceden no antedito exercicio orzamentario ascenderá a 75.000 €, con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias 07.03.541B-760.0, ata un máximo de 50.000 €, e 07.03.541B-780.0, ata un máximo de 25.000 €, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, mediante concorrencia competitiva.
3. O importe consignado, así como a aplicación a que se impute, poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para os efectos. En todo caso, a concesión das axudas estará condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión.
4. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poderá aumentar o orzamento dispoñible para o financiamento desta orde, cando o incremento derive:
a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.
b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.
c) No suposto previsto no artigo 25.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Artigo 25. Modificación das actividades subvencionadas
Calquera modificación que se pretenda realizar nas actividades aprobadas, tanto no referente ao orzamento aprobado como ás distintas partidas que o compoñen, requirirá a aceptación expresa e previa da persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, por delegación da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Para tal efecto, realizarase unha proposta de modificación xustificada, que se deberá presentar con quince días hábiles de anticipación á súa realización.
Artigo 26. Control das actividades subvencionadas
1. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, poderá, en calquera momento, inspeccionar e controlar o destino das axudas e o cumprimento dos fins para os cales foron concedidas. En consecuencia, os servizos de patrimonio natural das xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poderán facer visitas e inspeccións nos lugares onde se realizasen as actividades, mesmo con carácter previo á concesión das axudas, para comprobar a súa adecuación á normativa vixente, e poderán solicitar, en calquera momento da tramitación do procedemento, canta documentación se considere necesaria para comprobar a adecuada execución das actividades que fosen obxecto das axudas, consonte o establecido no artigo 30.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
2. No caso das solicitudes de axudas para a elaboración de materiais divulgativos, o formato, o contido e demais características dos materiais divulgativos deberán ser validados polo Servizo de Patrimonio Natural da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda correspondente previamente á edición dos materiais.
3. No caso das solicitudes de axudas para sinalización, o formato, a situación e demais características dos sinais deberán ser validados polo Servizo de Patrimonio Natural da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda correspondente previamente á execución dos traballos.
Artigo 27. Disposicións xerais
1. O réxime de infraccións e sancións aplicable será o establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
3. As persoas ou entidades beneficiarias están obrigadas a someterse ás actuacións de comprobación e control que poidan efectuar os servizos competentes da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, así como a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da comunidade autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como a que lles requira calquera órgano comunitario de inspección ou control, de acordo co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
4. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar a devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.
O procedemento para declarar a perda do dereito e o cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o parágrafo anterior será o establecido no título II da Lei 9/2017, do 13 de xuño.
5. Procederá a revogación das axudas concedidas, así como o reintegro total ou parcial das contías percibidas, e a exixencia dos xuros de demora, de acordo co establecido no artigo 36 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, nos casos e termos previstos no seu artigo 33.
Disposición adicional única. Delegación de competencias
Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde.
Así mesmo, deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural as facultades relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento
Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para que dite, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para o cumprimento do establecido nesta orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2019
Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda