Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Xoves, 2 de xaneiro de 2020 Páx. 66

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

EXTRACTO da Resolución do 13 de decembro de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se convoca para o ano 2020 a prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero, prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo.

BDNS (Identif.): 489002.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as mulleres maiores de idade ou emancipadas, vítimas de violencia de xénero nunha relación de convivencia e de dependencia económica do seu agresor ou, no caso de vítimas de trata con fins de explotación sexual, de dependencia da persoa que manteña sobre ela unha relación de dominación.

2. Ademais, entre outros, deberán cumprir os seguintes requisitos ou condicións: ter cesado a convivencia co agresor no intervalo temporal que comprende os doce (12) meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude; estar empadroada e ter residencia efectiva na Comunidade Autónoma de Galicia e, no caso das mulleres estranxeiras, cando así o exixa a lexislación vixente, ter permiso de residencia (no caso de vítimas de trata con fins de explotación sexual, será suficiente acreditar que posúen autorización de residencia por circunstancias excepcionais); carecer de dispoñibilidade de recursos económicos ou seren estes de contía insuficiente para afrontar unha independencia inmediata do seu agresor e/ou dispoñer dunhas rendas ou ingresos brutos mensuais iguais ou inferiores ao dobre do IPREM vixente, excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias.

Segundo. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto convocar para o ano 2020 as axudas económicas individuais de carácter periódico de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero, reguladas no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo.

Son axudas económicas individuais de carácter periódico que se conceden en réxime de concorrencia non competitiva e a súa finalidade é proporcionarlles apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero para tentar garantirlles unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor, ou da persoa que manteña sobre ela unha relación de dominación para os casos das mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual, e mais tentar axudalas a romper coa situación de violencia, que lles posibilite dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura dunha situación na cal corren perigo.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 17 de decembro de 2018, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión da prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero, prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo (DOG núm. 1, do 2 de xaneiro de 2019), modificada a través da Resolución do 12 de febreiro de 2019 (DOG núm. 36, do 20 de febreiro).

Cuarto. Importe

A contía das axudas establécese en función das rendas e ingresos da solicitante da axuda en relación co indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente, e en atención ao número de fillas e fillos menores ou menores en acollida a cargo, así como ao grao de discapacidade da solicitante e/ou dos menores a cargo, de ser o caso, nun abano que vai desde 200 euros/mes ata 800 euros/mes e ata un máximo de doce (12) mensualidades.

Para a concesión destas axudas destínanse 5.321.000,00 euros de acordo coa seguinte distribución:

– Ano 2020: 2.521.000,00 euros.

– Ano 2021: 2.800.000,00 euros, para o financiamento das axudas que, pola súa duración, xeren dereitos económicos das beneficiarias durante o exercicio seguinte.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo está permanentemente aberto a partir do día seguinte ao da publicación das bases reguladoras no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2019

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade