Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Venres, 3 de xaneiro de 2020 Páx. 184

I. Disposicións xerais

Consellería de Facenda

DECRETO 165/2019, do 26 de decembro, polo que se establece o procedemento para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira polo persoal laboral fixo do Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia.

A disposición transitoria primeira da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e a disposición transitoria segunda do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, establecen as previsións necesarias para facer posible a funcionarización do persoal laboral fixo que realiza funcións ou desempeña postos de traballo de persoal funcionario, co fin de regularizar unha situación insostible no marco da nova lexislación do emprego público e facelo con pleno respecto dos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade e sen mingua dos dereitos das persoas traballadoras afectadas.

A Lei 2/2015 determina que, con carácter xeral, os postos de traballo na Administración debe desempeñalos persoal funcionario, e establece que, en determinados casos, determinados postos de traballo poderán ser desempeñados por persoal laboral. Malia o disposto neste texto, a realidade desta Administración é que existe un número insostible de persoal laboral prestando servizos, desvirtuándose a regra xeral de que nunha Administración pública a maioría dos postos de traballo deben ser desempeñados por persoal funcionario.

Para reverter esta situación dítase o presente decreto que ten por obxecto posibilitar o cumprimento das normas establecidas nas devanditas leis en canto aos postos que deben ser cubertos por persoal funcionario, os principios de organización, racionalización e ordenación do persoal, así como homoxeneizar o réxime xurídico e as condicións de traballo aplicables a este, co fin de facilitar unha eficaz prestación dos servizos públicos.

Así mesmo, este decreto axústase ao disposto no acordo de concertación do emprego público de Galicia, asinado o pasado 15 de xaneiro de 2019 coas organizacións sindicais CC.OO e UGT, publicado para xeral coñecemento e efectividade no Diario Oficial de Galicia do 28 de xaneiro de 2019 (DOG núm. 19).

O decreto estrutúrase en dous capítulos, o capítulo primeiro, baixo a rúbrica de disposicións xerais, abarca os seis primeiros artigos, e o capítulo segundo, coa rúbrica de efectos dos procesos de funcionarización, divídese en dúas seccións, a primeira sobre o persoal laboral que supere os procesos de funcionarización e que abarca os artigos sete a nove; e a sección segunda, sobre o persoal laboral que non supere os procesos de funcionarización prevista no artigo dez. Ademais, inclúe unha disposición transitoria, catro disposicións adicionais, dúas disposicións derradeiras e un anexo.

O artigo 1 regula o seu obxecto, isto é, posibilitar que o persoal laboral fixo que reúna determinados requisitos poida adquirir a condición de persoal funcionario de carreira. Así mesmo, recolle a posibilidade de que a relación de postos de traballo non estea aprobada nalgúns supostos antes do inicio dos procesos de funcionarización, de cara a acadar maior axilidade, tendo en conta que os postos obxecto do proceso se atoparán incluídos especificamente.

O artigo 2 establece o seu ámbito de aplicación. Neste senso, cómpre facer referencia á posibilidade de que o persoal laboral fixo descontinuo de contrato cunha duración igual ou superior a nove meses ao ano, que presta servizos fundamentalmente no Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPDCIF), poida acollerse ao procedemento de funcionarización dado que se prevé que este persoal pase a desempeñar o seu posto de traballo os doce meses do ano, como consecuencia do acordo entre a Administración e as organizacións sindicais CCOO e UGT de desenvolvemento do acordo de concertación social no emprego público e dado que todas as actuais categorías profesionais do persoal destinado no SPDCIF van ter a súa equivalente escala ou especialidade de persoal funcionario.

O artigo 3 regula os requisitos e condicións de participación nos procesos de funcionarización que se convoquen e establece que esta participación ten un carácter voluntario.

O artigo 4 regula o contido dos procesos de funcionarización, o artigo 5, a Comisión de Funcionarización e o artigo 6 establece os postos de persoal laboral susceptibles de seren clasificados como de persoal funcionario.

O artigo 7 regula a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira para aquel persoal laboral fixo que supere o correspondente proceso de funcionarización; o artigo 8 os efectos da súa toma de posesión e recolle a posibilidade de que o persoal tome posesión con carácter provisional, por exemplo por participar desde un posto de traballo logo do reingreso ao servizo activo.

O artigo 9 establece as retribucións do persoal que supere o proceso de funcionarización e o artigo 10 regula a situación do persoal que non o supere.

A disposición adicional primeira establece os procesos de funcionarización do persoal laboral en situación de excedencia voluntaria.

A disposición adicional segunda regula procesos de funcionarización do persoal laboral fixo procedente de entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico de Galicia.

A disposición adicional terceira prevé o suposto do persoal que se atope en situación de excedencia voluntaria e excedencia por incompatibilidade.

A disposición adicional cuarta regula o mantemento das diferenzas retributivas cando varias categorías profesionais con distintas retribucións se refundan nun mesmo corpo, escala ou especialidade. A finalidade perseguida con esta disposición é solucionar a situación que existe no convenio colectivo do persoal laboral, dado que existen diferenzas retributivas entre categorías profesionais do grupo III, con esta disposición preténdese preservar esas diferenzas.

A disposición transitoria única regula o encadramento provisional do persoal con categoría provisional equivalente ao grupo B.

A disposición derradeira primeira establece o prazo de entrada en vigor.

A disposición derradeira segunda recolle unha habilitación normativa para modificar, de ser o caso, o anexo das equivalencias entre as categorías profesionais e as escalas de persoal funcionario de carreira.

Finalmente, o decreto contén un anexo en que se establecen as equivalencias entre as categorías profesionais recollidas no V convenio colectivo e os corpos, escalas e especialidades de persoal funcionario de carreira.

O presente decreto foi exposto na páxina web da Consellería de Facenda e foi obxecto de negociación na Mesa Xeral de Empregados Públicos e aprobado na Comisión de Persoal.

En consecuencia, de acordo co establecido no artigo 34.5 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Facenda, de acordo co Consello Consultivo, cos informes previos correspondentes e tras a deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e seis de decembro de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. A finalidade deste decreto é posibilitar a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira polo persoal laboral fixo do Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia, que no momento da entrada en vigor da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, en virtude da superación dun proceso selectivo, estaba realizando funcións o desempeñando postos de traballo de persoal funcionario, ou que pasara a realizar as ditas funcións ou a desempeñar os ditos postos en virtude de probas de selección ou promoción interna convocadas antes da data sinalada.

2. O persoal indicado no número anterior debe reunir os requisitos legais para o ingreso no correspondente corpo, escala ou especialidade equivalente do persoal funcionario e posuír a titulación necesaria para o devandito ingreso.

3. O persoal indicado no número primeiro deste artigo debe ocupar un posto clasificado nas relacións de postos de traballo (RPT) como de persoal funcionario de carreira ou como de persoal laboral susceptible de selo como de persoal funcionario de carreira de acordo co disposto na presente norma, sen que sexa necesario que a adaptación da correspondente RPT sexa previa ao inicio dos procedementos de funcionarización, pero deberá estar aprobada con anterioridade á toma de posesión como persoal funcionario de carreira.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

1. Poderá concorrer aos procesos de funcionarización regulados neste decreto o seguinte persoal incluído dentro do ámbito de aplicación do Convenio colectivo para o persoal laboral da Xunta de Galicia:

a) Persoal laboral fixo da Administración xeral ou do sector público autonómico incluído dentro do artigo 45.a) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, en situación de servizo activo que estea adscrito a un posto de traballo clasificado nas relacións de postos de traballo como de persoal funcionario ou a un posto clasificado como de persoal laboral susceptible de selo como de persoal funcionario de carreira de acordo co disposto nesta norma.

b) O persoal laboral fixo que se atope na situación de excedencia para o coidado de fillos e fillas menores de 3 anos, excedencia para o coidado de familiares ou excedencia por razón de violencia de xénero sobre a muller.

c) O persoal laboral fixo da Administración xeral ou do sector público autonómico incluído dentro do artigo 45.a) da Lei 16/2010 como resulta da letra a) deste artigo, que se atope nas situacións de excedencia forzosa, de suspensión de contrato, con ou sen reserva de posto de traballo, sempre que cumpra un dos seguintes supostos:

– Que o posto reservado estea clasificado nas relacións de postos de traballo como de persoal funcionario de carreira ou como de persoal laboral susceptible de selo como de persoal funcionario de carreira de acordo co disposto na presente norma.

– Que pertenza a unha das categorías previstas neste decreto como susceptibles de funcionarización, no caso de non ter posto de traballo reservado.

d) O persoal laboral fixo en situación de excedencia voluntaria ou por incompatibilidade ou en situación de servizos noutra Administración pública nos termos establecidos nas disposicións adicionais primeira e terceira.

e) O persoal fixo descontinuo de contrato cunha duración igual ou superior a 9 meses ao ano.

f) O persoal laboral fixo ao cal se lle adxudicase un posto de traballo ao abeiro do disposto no artigo 7.4 do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, así como o persoal laboral fixo ao cal se lle adxudicase un posto de traballo ao abeiro do artigo 7.4.b) do IV Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, producíndose a súa funcionarización desde a categoría profesional en que se realizou a dita adxudicación, e sen prexuízo da compatibilidade ou non da correspondente pensión de incapacidade que tivesen recoñecida.

2. Por contra, queda expresamente excluído dos procesos de funcionarización:

a) O persoal laboral das entidades do artigo 45.b) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, sen prexuízo do disposto na disposición adicional segunda.

b) O persoal laboral que presta servizos, tanto na Administración xeral como nas entidades do sector público autonómico, ao abeiro dun contrato de alta dirección subscrito de conformidade co artigo 2.1.a) do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, que non estea incluído dentro dalgunha das situacións previstas no punto 1 deste artigo.

c) O persoal laboral fixo adscrito a postos de natureza fixa descontinua cun período de actividade ao ano inferior aos nove meses.

3. De conformidade co disposto na disposición adicional primeira, poderase realizar, de xeito excepcional e por unha soa vez, se houber persoas solicitantes da respectiva categoría profesional, unha convocatoria separada de funcionarización para persoas que se atopen como persoal laboral fixo na situación de excedencia voluntaria ou de excedencia por incompatibilidade nalgunha das categorías previstas neste decreto como susceptibles de funcionarización e teñan acreditado un mínimo dun ano de servizos efectivos prestados na respectiva categoría no caso de atoparse en excedencia voluntaria.

4. As distintas RPT serán adaptadas, no caso de reclasificación xudicial, á realidade xurídica das persoas ocupantes para que a funcionarización se produza desde a categoría profesional que posúa a persoa empregada pública, agás no suposto de reclasificación xudicial nalgunha categoría profesional declarada a extinguir no Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, caso en que a funcionarización se realizará no subgrupo profesional de clasificación que determine o anexo deste decreto ou que se determine na norma que modifique o dito anexo ao abeiro do establecido na disposición derradeira segunda.

Artigo 3. Normativa, requisitos e condicións de participación nos procesos de funcionarización

1. Os procesos de funcionarización establecidos na presente norma rexeranse con carácter xeral polo disposto neste decreto, así como polo disposto na normativa aplicable para a selección de persoal funcionario de carreira.

2. As convocatorias dos procesos de funcionarización realizaranse de forma autónoma e específica, a través dunha quenda denominada «Prazas afectadas polo proceso de funcionarización ao corpo, escala ou especialidade ...», en que só poderán participar aquelas persoas aspirantes que reúnan os requisitos establecidos no seguinte punto.

As convocatorias incluirán un anexo no cal se identificarán polo seu código os postos de persoal laboral fixo obxecto da convocatoria de funcionarización. Así mesmo, a prol dos principios de eficiencia e celeridade poderán acumularse nunha única convocatoria varios procedementos de funcionarización correspondentes a distintos corpos, escalas ou especialidades.

As convocatorias dos procesos de funcionarización realizaranse, con carácter xeral, por corpos, escalas ou especialidades, sempre que os postos obxecto delas se atopen incluídos na correspondente oferta pública de emprego. Non obstante, poderán realizarse varias convocatorias sobre a mesma categoría profesional, cando existan nela persoas que non posúan a titulación exixida para o acceso ao corpo ou escala ou cando algunha das persoas interesadas non se puidese presentar ao procedemento de funcionarización convocado por causa xustificada de forza maior, tendo en conta o establecido na disposición transitoria primeira da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

3. Requisitos e condicións de participación.

a) Poderá participar para adquirir a condición de persoal funcionario de carreira no proceso de funcionarización que se convoque para o efecto para o acceso ao corpo, escala e, se é o caso, especialidade, ao que está adscrito o seu posto de traballo, o persoal laboral fixo comprendido no ámbito de aplicación sinalado no artigo segundo, que ocupe un posto de traballo de acordo co disposto no punto terceiro do artigo 1 ou que manifeste o seu interese en participar no futuro proceso de funcionarización que se convoque ao abeiro da disposición adicional primeira.

b) As persoas aspirantes deberán reunir o resto dos requisitos que resulten exixibles con carácter xeral e os específicos establecidos para o acceso ao corpo, escala ou especialidade de que se trate. En todo caso, deberán estar en posesión da titulación académica requirida.

c) Todos os requisitos deberán posuírse na data de expiración do prazo de presentación de solicitudes para a participación no correspondente proceso de funcionarización e manterse ata o momento da toma de posesión como persoal funcionario de carreira.

d) A participación nos procesos de funcionarización será, en todo caso, voluntaria, polo que lle corresponde a cada persoa traballadora, que reúna os requisitos de admisión, decidir libremente sobre a súa participación nel. O feito de atoparse clasificado na RPT ou terse acordado que ese posto debe ser funcionarial e posuír do resto dos requisitos exixidos non xera dereito ningún á adquisición da condición de persoal funcionario de carreira, e o único sistema válido para obter tal vinculación xurídica será a superación do proceso selectivo convocado para o efecto.

4. No caso de participación nos procesos de funcionarización de persoas que teñan a condición de vítimas de violencia de xénero habilitaranse as medidas necesarias para garantir a protección dos seus datos persoais.

Artigo 4. Contido dos procesos de funcionarización

1. O proceso de funcionarización exixira a superación dun concurso-oposición, de conformidade co establecido na disposición transitoria primeira da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia. A fase de oposición consistirá na superación dun exame tipo test e a fase de concurso consistirá na valoración dos méritos que se determinen nas correspondentes convocatorias dos procesos de funcionarización.

2. A Consellería de Facenda impulsará as medidas oportunas para facilitarlles ás persoas interesadas a formación necesaria para que concorran ás probas previstas neste artigo nas condicións máis idóneas.

3. Na fase de concurso, que puntuará ao máximo legal permitido, poderanse ter en conta os procesos superados para ou acceso á categoría de persoal laboral fixo, os anos de servizos prestados na Administración no posto de persoal funcionario ou que se teña acordado funcionarizar.

Artigo 5. Comisión de Funcionarización

1. Dependendo da Dirección Xeral da Función Pública crearase unha Comisión de Funcionarización, que terá a condición de órgano colexiado e estará integrada por un máximo de nove persoas coa condición de persoal funcionario de carreira, designadas pola persoa titular da consellería competente en materia de función pública, unha das cales será designada para realizar as funcións correspondentes á presidencia e outra para as funcións de secretaría, con voz e voto. Tanto a persoa que teñan atribuídas as función de presidencia como as de secretaría serán designadas entre o persoal adscrito á Dirección Xeral da Función Pública. A composición da comisión de funcionarización adecuarase ao criterio de paridade entre homes e mulleres.

Esta comisión axustará o seu funcionamento e actuación ao establecido para os órganos colexiados no título preliminar da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, así como ás instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección.

2. Corresponde á comisión de funcionarización:

a) A execución dos procesos de funcionarización de todas as categorías profesionais recollidas no anexo, de conformidade coa correspondente oferta pública de emprego.

b) Realizar a proposta de nomeamento como persoal funcionario de carreira daquel persoal que supere o correspondente proceso de funcionarización.

c) A execución dos procesos de funcionarización previstos na disposición adicional primeira.

d) A proposta de novas categorías profesionais susceptibles de funcionarización cando non estean incluídas no anexo.

e) Realizar as funcións que lle sexan atribuídas nas correspondentes convocatorias dos procesos de funcionarización, de conformidade co disposto neste decreto.

3. Mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de función pública, tamén se poderán crear subcomisións de funcionarización dentro do ámbito daquelas consellerías ou entes cando a especialidade e/ou o número dos postos de traballo obxecto do procedemento de funcionarización ou outras circunstancias organizativas así o aconsellen. Tanto a presidencia como as vogalías das ditas comisións estarán integradas por persoal da consellería en cuestión por proposta da persoa titular. A persoa que teña atribuídas as funcións de secretaría será designada entre o persoal funcionario de carreira.

Artigo 6. Postos de persoal laboral susceptibles de ser clasificados como de persoal funcionario

Clasificaranse como de persoal funcionario os postos de traballo definidos actualmente nas respectivas RPT como de adscrición de persoal laboral dalgunha das categorías recollidas no anexo desta norma.

A clasificación como de persoal funcionario realizarase no corpo, escala ou especialidade previsto como equivalente no mencionado anexo.

CAPÍTULO II

Efectos dos procesos de funcionarización

Sección 1ª. Persoal laboral que supere os procesos de funcionarización

Artigo 7. Adquisición da condición de persoal funcionario de carreira

1. O persoal laboral fixo que supere o proceso de funcionarización poderá adquirir a condición de persoal funcionario de carreira, de acordo cos requisitos e o procedemento establecido pola normativa xeral de aplicación, coas peculiaridades previstas neste decreto.

2. No momento da toma de posesión como persoal funcionario de carreira, e de conformidade co texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado mediante o Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, subscribirase un acordo de extinción do contrato de traballo, condicionado á toma de posesión como persoal funcionario de carreira, tras a cal quedará extinguida a súa vinculación laboral coa Xunta de Galicia, a Dirección Xeral da Función Pública procederá, de oficio, á realización das correspondentes anotacións no Rexistro de Persoal. O devandito persoal conservará as excedencias concedidas noutras categorías laborais antes da adquisición da súa condición de funcionario de carreira.

Artigo 8. Efectos da toma de posesión

1. A toma de posesión como persoal funcionario de carreira efectuarase con carácter definitivo no mesmo posto que se viñese ocupando como persoal laboral, na data que se sinale para o efecto na norma pola que se acorde o nomeamento. Desde o momento da toma de posesión como persoal funcionario de carreira, seralle de plena aplicación para todos os efectos a normativa xeral en materia de función pública da Comunidade Autónoma.

Aquel persoal que supere o correspondente proceso de funcionarización desde un destino con carácter provisional tomará posesión como persoal funcionario de carreira con ese carácter.

2. A toma de posesión implicará a renuncia voluntaria da condición de persoal laboral na categoría profesional tida en conta no proceso de funcionarización, manténdose nas demais categorías, de ser o caso, na situación administrativa que teña recoñecida.

3. Conforme o disposto na Lei 70/1978, do 26 de decembro, de recoñecemento de servizos previos na Administración pública, e na súa normativa de desenvolvemento, para os efectos do cómputo da antigüidade, recoñeceranse indistintamente a totalidade dos servizos prestados en calquera Administración pública.

4. O persoal laboral fixo só poderá funcionarizarse no corpo, grupo, escala ou especialidade a que se refire o procedemento de funcionarización ao cal equivale a súa categoría.

O posto que se asigna á persoa que se funcionariza como persoal fixo descontinuo de contrato cunha duración igual ou superior a 9 meses ao ano é o que ocupe no momento de resolución do proceso de funcionarización, agás que este teña outro titular con carácter definitivo, suposto este no que se funcionarizará no seu destino definitivo da mesma categoría obxecto de funcionarización á cal concorre. Igual medida para situacións análogas podería adoptar a Dirección Xeral da Función Pública, oídas as organizacións sindicais, para o resto das persoas ocupantes de postos con destino non definitivo.

5. As bases das convocatorias dos correspondentes procesos de funcionarización poderán establecer medidas para que a toma de posesión soamente teña efectos de carácter administrativo coa finalidade de respectar as situacións de excedencia que o persoal tivese recoñecidas con anterioridade.

Artigo 9. Retribucións do persoal laboral funcionarizado

1. O persoal laboral fixo que supere o correspondente proceso de funcionarización, a partir da toma de posesión como funcionario de carreira, pasará a devindicar todas as súas retribucións conforme o sistema, conceptos e contías establecidos con carácter xeral para o persoal funcionario de carreira da Comunidade Autónoma.

2. Ao persoal laboral fixo que, a consecuencia do proceso de funcionarización, adquira a condición de persoal funcionario de carreira e se manteña no mesmo posto de traballo obxecto de funcionarización garántenselle as retribucións brutas anuais fixas na súa contía e periódicas na súa devindicación, que estaba a percibir como laboral fixo, se estas fosen superiores ás que lle correspondan como persoal funcionario de carreira, mentres permaneza nese destino ou pase mediante calquera procedemento de mobilidade a un posto de traballo da mesma tipoloxía cun mesmo réxime de prestación de servizos e cuns complementos iguais na orixinaria clasificación laboral de que deriva. A diferenza de retribucións entre a condición de persoal funcionario e laboral farase efectiva mensualmente mediante un complemento persoal de funcionarización, no cal se terá en conta a antigüidade que tivese recoñecida na forma que se determina neste decreto.

Este complemento non é compensable nin absorbible, salvo que se incrementen as retribucións complementarias deste persoal por algunha causa que non derive dos incrementos anuais que, con carácter xeral, establezan as correspondentes leis de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. O persoal que se funcionarice seguirá percibindo en concepto de antigüidade a mesma cantidade que estaba percibindo como laboral fixo nun concepto na nómina á marxe do complemento de funcionarización. Ademais, o primeiro trienio que se perfeccione como funcionario non terá unha contía inferior ao que se percibiría como laboral.

4. Coa adquisición da condición de persoal funcionario de carreira consolidarase a percepción do complemento da carreira profesional que tivese recoñecido.

Sección 2ª. Persoal laboral que non supere o proceso de funcionarización

Artigo 10. Situación

1. O persoal laboral fixo incluído no ámbito de aplicación establecido no artigo 2, cuxo posto estea clasificado como de persoal funcionario de carreira na correspondente RPT, que non supere o procedemento de funcionarización ou opte voluntariamente por non participar nel, continuará no posto de traballo que está desempeñando ou no que teña reservado cando reingrese, sen que se modifique a natureza da súa relación xurídica coa administración.

2. Este persoal conservará os dereitos que deriven da súa condición de persoal laboral fixo, sen menoscabo das súas expectativas de mobilidade e promoción profesional naqueles postos de traballo de natureza laboral existentes no ámbito de aplicación do Conveniocolectivo do persoal laboral da Xunta de Galicia.

3. Non procederá a devolución dos importes percibidos polo complemento de carreira profesional nos supostos en que a persoa interesada non poida funcionarizarse por extinguirse a súa relación con anterioridade á realización do correspondente procedemento de funcionarización.

Disposición adicional primeira. Procesos de funcionarización do persoal laboral en situación de excedencia voluntaria, excedencia voluntaria por incompatibilidade ou por prestación de servizos noutra Administración pública

Mediante resolución da Dirección Xeral da Función Pública habilitarase un prazo para que o persoal laboral fixo da Xunta de Galicia que se atope en situación de excedencia voluntaria, excedencia voluntaria por incompatibilidade ou por prestación de servizos noutra Administración pública manifeste, mediante a solicitude habilitada para o efecto, o seu interese en querer participar nun futuro proceso de funcionarización que, para cada categoría profesional, se convoque para o persoal que se atope na devandita situación.

No suposto de non manifestar esa vontade non se poderá participar nos procesos de funcionarización que se convoquen ao abeiro desta disposición.

Ademais, de presentar a solicitude a que se refire o parágrafo primeiro deste artigo, haberá que ter prestado un mínimo dun ano de servizo na categoría profesional desde a cal se presente á funcionarización no caso de excedencia voluntaria.

Os procesos de funcionarización do persoal incluído nesta disposición realizaranse a partir dos 3 anos da entrada en vigor deste decreto.

Disposición adicional segunda. Procesos de funcionarización do persoal laboral fixo procedente de entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico de Galicia

A funcionarización do persoal laboral fixo das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico de Galicia definido no artigo 45.a) da Lei 16/2010 producirase logo da súa integración como persoal laboral fixo da Xunta de Galicia ao abeiro do procedemento previsto no Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción.

Disposición adicional terceira. Funcionarizacion do persoal laboral fixo que se atope en excedencia voluntaria por incompatibilidade ou en situación de servizos noutra Administración pública

O persoal laboral fixo que se atope en situación de excedencia voluntaria por estar prestando servizos noutro corpo, categoría, escala ou especialidade do sector público, poderá optar á funcionarización no corpo, escala ou especialidade equivalente á categoría profesional en que superou o correspondente proceso selectivo.

Unha vez rematado o proceso de funcionarización deberá tomar posesión nun posto da escala, corpo ou especialidade en que se funcionarizou, sen prexuízo do disposto no artigo 8.5.

Disposición adicional cuarta. Mantemento das diferenzas retributivas cando varias categorías profesionais con distintas retribucións se refundan nun mesmo corpo, escala ou especialidade

Cando como consecuencia dos procesos de funcionarización se encadren nun mesmo corpo, escala ou especialidade categorías profesionais con distintas retribucións, a garantía retributiva que recolle o artigo 9 farase efectiva mediante a asignación ao posto de traballo que ocupe o persoal laboral fixo que se funcionarice dun nivel de complemento de destino que equipare as retribucións que tiña a súa anterior categoría profesional.

Disposición transitoria única. Encadramento provisional do persoal con categoría provisional equivalente ao grupo B

Mentres non se desenvolva regulamentariamente o grupo B, a funcionarización do persoal proposto para adquirir esa condición no dito grupo producirase no subgrupo C1.

Disposición derradeira primeira. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira segunda. Habilitación normativa

O anexo deste decreto poderá ser modificado mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de función pública.

Santiago de Compostela, vinte e seis de decembro de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda

ANEXO

Equivalencias entre as categorías profesionais do persoal laboral e as escalas de persoal funcionario

Grupo I

Categoría profesional persoal laboral

Escala de persoal funcionario equivalente

I-02: titulado/a superior médico/a

I-25: titulado superior médico/a (especialidade medicina deportiva)

Corpo facultativo superior de Administración especial da C.A. de Galicia-escala de facultativos

Especialidade de medicina (subgrupo A1)

I-03: titulado/a superior químico/a

Corpo facultativo superior de Administración especial da C.A. de Galicia-escala de ciencias

Especialidade de química (subgrupo A1)

I-10: titulado/a superior biólogo/a

Corpo facultativo superior de Administración especial da C.A. de Galicia-escala de ciencias

Especialidade de bioloxía (subgrupo A1)

I-01: director/a de residencia. Director/a centro educativo. Director/a de residencia xuvenil. Técnico/a deportivo/a. Xefe/a internado

Corpo superior da Administración xeral da C.A. de Galicia (subgrupo A1)

I-04: titulado/a superior

I-09: titulado/a superior economista

I-14: titulado/a superior sociólogo/a

I -19: titulado/a superior especialista. Farmacéutico/a

I-23: documentalista

I-27: coordinador/a de actividades externas

I-29: xefe Departamento Persoal e Xestión Económica- Administrativa do IGAEM

I-30: relacións públicas do IGAEM

I-31: titulado/a superior de formación ocupacional

I-05: titulado/a superior veterinario/a

Corpo facultativo superior de Administración especial da C.A. de Galicia-escala de veterinarios (subgrupo A1)

I-06: titulado/a superior psicólogo/a

Corpo facultativo superior de Administración especial da C.A. de Galicia-escala de facultativos

Especialidade de psicoloxía (subgrupo A1)

I-11: titulado/a superior pedagogo/a

Corpo facultativo superior de Administración especial da C.A. de Galicia-escala de facultativos

Especialidade de pedagoxía (subgrupo A1)

I-17: bibliotecario/a

Corpo facultativo superior de Administración especial da C.A. de Galicia-escala de facultativos de arquivos, bibliotecas e museos

Especialidade de bibliotecas (subgrupo A1)

I -18: licenciado/a informático/a

Corpo superior da Administración xeral da C.A. de Galicia-escala de sistemas e tecnoloxía da información (subgrupo A1)

I-37: titulado superior ambiental

Corpo facultativo superior de Administración especial da C.A. de Galicia-escala de ciencias

Especialidade bioloxía, química ou ciencias do mar (subgrupo A1), ou na escala de enxeñeiros, Especialidade enxeñaría de montes (subgrupo A1)

I-38: técnico/a superior en defensa contra incendios

Corpo facultativo superior de Administración especial da C.A. de Galicia-escala de enxeñeiros

Especialidade de enxeñaría de montes (subgrupo A1)

Grupo II

Categoría profesional persoal laboral

Escala de persoal funcionario equivalente

II-01: director-administrador. Director/a de centro social. Director/a casa xuventude. Director/a de centro. Director/a clínica deportiva. Xefe de servizo administrativo do IGAEM

Corpo de xestión da Administración xeral da C.A. de Galicia (subgrupo A 2)

II-07: titulados/as de grao medio

II–21: monitor/a ocupacional

II-37: titulado medio de formación ocupacional

II-02: ATS. Enfermeiro/a. Practicante. DUE

Corpo facultativo de grao medio de Administración especial da C.A. de Galicia-escala de técnicos facultativos

Especialidade de enfermaría (subgrupo A 2)

II-06: educador/a profesor/a especial

Corpo facultativo de grao medio de Administración especial da C.A. de Galicia-escala de técnicos facultativos

Especialidade de educadores (subgrupo A2)

II-11: fisioterapeuta

Corpo facultativo de grao medio de Administración especial da C.A. de Galicia-escala de técnicos facultativos

Especialidade de fisioterapia (subgrupo A2)

II-13: logopeda

Corpo facultativo de grao medio de Administración especial da C.A. de Galicia-escala de técnicos facultativos

Especialidade de logopedia (subgrupo A2)

II-17: asistente/a social

Corpo facultativo de grao medio de Administración especial da C.A. de Galicia-escala de técnicos facultativos

Especialidade de traballo social (subgrupo A2)

II-20: terapeuta ocupacional

Corpo facultativo de grao medio de Administración especial da C.A. de Galicia-escala de técnicos facultativos

Especialidade de terapia ocupacional (subgrupo A2)

II-27: técnico/a superior diplomado/a en informática

Corpo de xestión da Administración xeral da C.A. de Galicia-escala de Xestión de sistemas de informática (subgrupo A2)

II-39: técnico/a forestal defensa contra incendios forestais

Corpo facultativo de grao medio de Administración especial da C.A. de Galicia-escala de enxeñeiros técnicos

Especialidade de enxeñaría técnica forestal (subgrupo A2 )

II-41: técnico ambiental

Corpo facultativo de grao medio-escala de enxeñeiros técnicos

Especialidade de enxeñaría técnica forestal (subgrupo A2)

Grupo III

Categoría profesional persoal laboral

Escala de persoal funcionario equivalente

III-02: encargado/a administrativo/a, xefe/a de negociado, xefe/a de administración, xefe 2ª administración, administrador/a, secretario/a administrador/a residencia xuvenil, administrador/a de produción de centros, secretario/a de dirección do IGAEM, axudante/a de dirección e difusión da música, axudante/a de dirección e difusión do CDG

Corpo administrativo da Administración xeral da C.A. de Galicia (subgrupo C1)

III-05: intendente, encargado/a de establecemento, encargado/a de almacén

III-33: encargado/a supervisor de telefónica

III-38: supervisor/a radioteléfono. Xefe sala CECOP

III-40: axudante/a de produción

III-48: axudante auxiliar inspección tributaria

III-62: oficial/a 1ª administrativo/a, oficial/a administrativo/a, secretario/a administrativo/a administrativo/a provincial, administrativo/a agrupación, administrativo/a, inspector/a administrativo/a

III-04: gobernante/a, gobernante/a servizos domésticos, encargado/a de lavadoiro, roupeiro

III-78: subgobernante/a

III-07: técnico/a práctico/a en C. E vixilancia de obras, técnico/a

Corpo administrativo da Administración xeral da C.A. de Galicia-escala de axentes de inspección

Especialidade de vixilancia de estradas (subgrupo C1)

III-08: encargado/a xeral

III-09: técnico/a práctico/a en control e vixilancia de obras, explotación e conservación de estradas

III-23: celador/a de estradas, capataz de brigada

III-60: auxiliar técnico/a de obra, auxiliar técnicos de obra TIE

III-64: oficial/a 1ª tractorista. Tractorista. Operador/a maquinaria pesada

III-67: capataz de obras, capataz cuadrilla, xefe/a equipo, oficial 1ª obra CTOP, capataz

III-29: delineante de 1ª

Corpo de técnicos de carácter facultativo de Administración especial da C.A. de Galicia-escala técnica de delineantes (grupo B)

III-30: programador/a

Corpo administrativo da Administración xeral da C.A. de Galicia-escala técnica auxiliar de informática (subgrupo C1)

III-91: técnico/a especialista en informática

III-49: axente auxiliar de inspección de transportes

Corpo administrativo da Administración xeral da C.A. de Galicia-escala de axentes de inspección

Especialidade de mobilidade (subgrupo C1)

III-50: técnico/a especialista en xardín de infancia

(técnicos/as superiores en educación infantil)

Corpo de técnicos de carácter facultativo da Administración especial da C.A. de Galicia-escala de axentes técnicos facultativos

Especialidade de xardín de infancia (grupo B)

III-90: animador/a sociocultural

Corpo de técnicos de carácter facultativo da Administración especial da C.A. de Galicia-escala de axentes técnicos facultativos

Especialidade animación sociocultural (grupo B)

III-100: bombeiro forestal xefe/a de brigada

Corpo de técnicos de carácter facultativo da Administración especial da C.A. de Galicia-escala técnica do SPDCIF

Especialidade bombeiro forestal xefe de brigada (grupo B)

Grupo IV

Categoría profesional persoal laboral

Escala persoal funcionario equivalente:

IV-01: auxiliar gravación, oficial/a 2ª linotipista, auxiliar administrativo/a, oficial/a administrativo/a, técnico/a auxiliar de informática, operador/a maquinaria elemental, auxiliar

Corpo auxiliar de Administración xeral da C.A. de Galicia (subgrupo C2)

IV-22: oficial/a segunda de reprografía

IV-28: auxiliar produción-dirección

IV-30: auxiliar de formación ocupacional

IV-32: operador/a codificador/a de datos de defensa contra incendios forestais

IV-03: auxiliar sanitario, auxiliar clínica, auxiliar psiquiátrico

Corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da C.A. de Galicia-escala de auxiliares de clínica (subgrupo C2)

IV-33: bombeiro/a forestal condutor de motobomba

Corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da C.A. de Galicia-escala auxiliar do SPDCIF

Especialidade bombeiro forestal-condutor motobomba (subgrupo C2)

IV-43: xerocultor/a

Corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da C. A. de Galicia-escala de xerocultor/a (subgrupo C2)

IV-44: PSX

Corpo auxiliar de administración xeral da C.A. de Galicia-escala de PSX (subgrupo C2)

Grupo V

Categoría profesional persoal laboral

Escala persoal funcionario equivalente

V-03: ordenanza, celador/a, vixilante de oficinas, vixilante nocturno/a, vixilante, subalterno/a, porteiro/a recepcionista, telefonista, sereno/a, garda.

Agrupación profesional do persoal funcionario subalterno da Administración xeral da C.A.de Galicia

V-10E: vixilante de arquivos, bibliotecas e museos

V-12: peón/oa, laborante, varredor/a, mozo/a servizos, mozo/a laboratorio, xardineiro/a, mozo/a transportes, peón/oa xardineiro/a, mozo/a subalterno, mozo/a mantemento, mozo/a subalterno

V-09: celador/a de 2ª. Vixilante de recursos naturais

Corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial-escala de gardas de recursos naturais (subgrupo C2)

V-10B: vixilante fixo de defensa contra incendios forestais

Corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da C.A. de Galicia-escala auxiliar do SPDCIF

Especialidade de vixilante fixo (subgrupo C2)

V-10C: emisorista de defensa contra incendios forestais

Corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da C.A. de Galicia-escala auxiliar do SPDCIF

Especialidade emisorista (C2)

V-14: bombeiro/a forestal

Corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da C.A. de Galicia-escala Auxiliar do SPDCIF

Especialidade bombeiro forestal condutor (subgrupo C2)

V-14 A: bombeiro forestal condutor