Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Mércores, 8 de xaneiro de 2020 Páx. 629

I. Disposicións xerais

Consellería do Medio Rural

DECRETO 167/2019, do 5 de decembro, polo que se crea e se regula o Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas.

A superficie forestal galega está ao redor dos 2.000.000 de ha. A mediados do século XX tan só unhas 540.000 ha estaban arboradas, pero esta superficie foi crecendo ata acadar 1.416.000 segundo datos do 4º Inventario forestal nacional (2009-2011). Este notorio cambio foi acompañado dunha expansión das masas de frondosas autóctonas, cuxa extensión actual é ampla, con preto de 415.000 hectáreas, dominadas principalmente polo carballo, cerquiño, castiñeiro e bidueiro, xa sexa en forma de masas monoespecíficas ou pluriespecíficas, pero o seu grao de xestión forestal é baixo.

De acordo co artigo 27.10 do Estatuto de autonomía de Galicia, corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva en materia de montes, aproveitamentos forestais, vías pecuarias e pastos, sen prexuízo do disposto no artigo 149.1.23 da Constitución.

A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, no seu artigo 126, crea o Sistema rexistral forestal de Galicia, como rexistro administrativo de consulta pública adscrito á consellería competente en materia forestal, no cal se inscribirán, como seccións diferenciadas, o conxunto de datos pertencentes aos rexistros que enumera o precepto, entre os que se atopa o Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas, no cal, conforme o mesmo precepto legal, quedarán rexistradas aquelas masas descritas no artigo 93 da lei. Este último artigo dispón, no seu número 1, que a Administración forestal rexistrará aquelas masas de frondosas do anexo I cunha superficie en couto redondo de polo menos 15 hectáreas e cunha idade media de polo menos vinte anos.

O ditame da Comisión especial non permanente de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais e do Plan forestal de Galicia, aprobado o 11 de setembro do ano 2018, avaliando a experiencia acumulada desde 2006 e, especificamente, a extraordinaria vaga de lumes que sufriu Galicia en outubro de 2017, estableceu na súa recomendación oitava, dentro do ámbito de planificación e ordenación forestal, a delimitación previa das masas consolidadas de frondosas autóctonas e a creación do Rexistro de Masas Frondosas Autóctonas, como forma de impulsar, segundo a recomendación décimo segunda do dito ditame, o desenvolvemento regulamentario da Lei 7/2012, de montes.

Este decreto consta de dezaseis artigos, distribuídos en tres capítulos que regulan o obxecto, o Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas e os beneficios e obrigas. Complétase o decreto con cinco disposicións adicionais, dúas derradeiras e catro anexos.

Na elaboración desta disposición observáronse os trámites previstos na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na restante normativa de obrigado cumprimento, entre os que cabe destacar a audiencia ao Consello Forestal de Galicia e a publicación do texto, para alegacións, no Portal de transparencia e Goberno aberto.

Polo exposto, este decreto adecúase aos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia, de conformidade co previsto no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 37 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

Na súa virtude e en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro do Medio Rural, de acordo co Consello Consultivo e despois de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día cinco de decembro de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Obxecto

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por obxecto:

a) Crear e regular o Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas, incluída a regulación do procedemento de inscrición, modificación e baixa no dito rexistro, de oficio ou por solicitude de parte.

b) Establecer os beneficios e obrigas correspondentes ás referidas masas.

CAPÍTULO II

Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas

Sección 1ª. Creación e contido do rexistro

Artigo 2. Creación do Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas

1. Créase o Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas (en adiante, o Rexistro), no cal, de conformidade cos artigos 93 e 126.1.m) da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, quedarán rexistradas aquelas masas de frondosas do anexo I da dita lei cunha superficie en couto redondo de polo menos 15 hectáreas e cunha idade media de polo menos vinte anos.

2. O Rexistro forma parte do Sistema rexistral forestal de Galicia, de acordo co artigo 126.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño.

3. O Rexistro ten carácter administrativo e é de consulta pública.

4. A inscrición no Rexistro non atribúe presunción de ningún tipo con respecto á propiedade ou posesión dos bens inscritos ou á titularidade dos dereitos que afectan ou poden afectar as masas obxecto de inscrición neste Rexistro.

Artigo 3. Requisitos das masas consolidadas de frondosas autóctonas obxecto de inscrición no Rexistro

1. Dentro do límite das masas só deberán estar incluídos terreos que teñan a consideración de monte de acordo co concepto establecido no artigo 2 da Lei 7/2012, do 28 de xuño.

2. Nas masas obxecto do rexistro admitirase a presenza doutras especies arbóreas distintas das previstas no anexo I da Lei 7/2012, do 28 de xuño, sempre que non representen máis dun 25 % do número dos pés maiores. Consideraranse pés maiores aqueles que posúan un diámetro normal igual ou superior a 7,5 centímetros.

3. A idade media da masa medirase sobre os pés maiores das frondosas autóctonas.

4. O estrato arbóreo deberá presentar unha fracción de cabida cuberta igual ou superior ao 50 %, agás no caso da sobreira (Quercus suber L.) e da aciñeira (Quercus ilex L. ssp. ballota (Desf.) Samp./Quercus rotundifolia Lam.). Para estas dúas especies, a fracción de cabida cuberta deberá ser igual ou superior ao 20 %.

5. A superficie inscrita poderá formarse cun máximo de tres unidades de superficie en couto redondo, segundo a definición disposta no artigo 8 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, sendo a extensión mínima de cada unha delas a equivalente ao 25 % da superficie mínima establecida no artigo 2.1 deste decreto.

6. A superficie inscrita no parágrafo anterior poderá incluír ata un 30 % de superficie de enclavados, que non computarán para os efectos da superficie mínima exixida.

7. A masa arbórea que será obxecto de rexistro deberá estar contida na mesma parroquia ou en parroquias estremeiras.

Artigo 4. Datos rexistrais

1. O Rexistro incluirá unha base cartográfica dixital en que estean representados os límites das masas inscritas.

2. Esta base cartográfica utilizará o sistema xeodésico de referencia oficial.

3. O Rexistro recollerá a seguinte información:

a) Un número de índice correlativo.

b) A información recollida na memoria xustificativa e que se enumera no artigo 7 deste decreto.

c) A superficie actual da masa en hectáreas.

d) A idade media da masa.

e) A composición específica do voo arbóreo.

f) O perímetro planimétrico do couto ou coutos redondos, así como os posibles enclavados.

g) As resolucións polas que se acorde a inscrición da masa e, se é o caso, as modificacións dos seus límites e a súa baixa.

Sección 2ª. Procedemento de inscrición

Artigo 5. Iniciación do procedemento de inscrición

O procedemento de inscrición poderá iniciarse por solicitude de parte ou de oficio.

Artigo 6. Iniciación por solicitude de parte

1. A iniciación por solicitude de parte poderá realizarse por calquera persoa ou persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, incluíndo comunidades de montes veciñais en man común, que sexan propietarias ou titulares dun dereito de uso sobre máis do 50 % da superficie da masa que se vaia inscribir, mediante a presentación do formulario do anexo III (código de procedemento MR620A).

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos previstos no artigo 13.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá utilizarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas solicitantes deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Memoria xustificativa coa descrición da masa que se vai inscribir.

b) Cartografía co límite da masa que se vai inscribir, en formato shapefile xeorreferenciado, coa táboa de atributos asociada que é descrita no anexo II.

c) Listaxe de parcelas catastrais afectadas pola masa que se vai inscribir. Na listaxe identificaranse as parcelas que son propiedade da ou das persoas solicitantes.

d) Cartografía en formato shapefile xeorreferenciado, coa intersección das parcelas catastrais afectadas e a cartografía da alínea b).

e) A xustificación da propiedade mediante documentación acreditativa da titularidade reflectida nos asentamentos do correspondente Rexistro da Propiedade e, na súa falta, no Catastro e, se for o caso, a acreditativa de situacións posesorias por calquera medio de proba válido en dereito ou na falta destes, mediante declaración responsable que acredite a lexitimación para iniciar o procedemento de acordo co establecido no artigo 6.1.

f) Se é o caso, acreditación da condición de representante, mediante calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna da súa existencia.

g) No caso de pluralidade de persoas solicitantes, listaxe completa da ou das persoas solicitantes segundo o modelo específico dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A memoria xustificará a natureza de monte ou terreo forestal de todos os terreos incluídos na masa e describirá dun xeito aproximado.

a) A composición específica dos pés maiores das especies arbóreas, tanto das especies de frondosas autóctonas como do resto de especies.

b) A idade media da masa das especies de frondosas incluídas no anexo I deste decreto.

c) A superficie da masa de frondosas que se vai rexistrar nun ou varios coutos redondos.

3. Non será necesario presentar os documentos que xa fosen presentados anteriormente ante calquera Administración. Para estes efectos, a persoa ou persoas solicitantes deberán indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentaron os citados documentos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa ou persoas solicitantes a súa presentación con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polo interesado, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación das solicitudes consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Os documentos de identificación das persoas solicitantes (DNI ou NIE no caso de persoas físicas e NIF no caso de persoas xurídicas, segundo corresponda).

b) O documento de identificación da persoa representante (DNI o NIE).

c) As referencias catastrais das parcelas que se identifiquen como titularidade da persoa ou persoas solicitantes.

d) No caso de montes veciñais en man común, certificado da sección provincial do Rexistro Xeral de Montes Veciñais en Man Común que acredite a titularidade e límites do monte no momento da solicitude de inscrición da masa.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do procedemento, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán realizar os trámites posteriores presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Iniciación de oficio

1. A iniciación de oficio farase por acordo do órgano competente, que será calquera dos servizos territoriais que, no seu respectivo ámbito territorial, exercen funcións en materia de xestión de montes.

2. A iniciación de oficio deberá estar xustificada nalgún dos seguintes supostos:

a) Que as masas se atopen formando parte de bosques de ribeira, en especial daqueles tramos fluviais de interese ambiental, ben por estaren incluídos nos plans hidrolóxicos de bacías ben por estaren incluídos na Rede galega de espazos protexidos. Así mesmo, os que sexan necesarios para acadar os obxectivos dos plans hidrolóxicos.

b) Que estean situadas en áreas forestais declaradas de protección dentro dun plan de ordenación de recursos naturais ou dun plan de ordenación de recursos forestais, de conformidade co disposto no artigo 31 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes.

c) Que as masas contribúan, de maneira especial, á conservación da diversidade biolóxica, a través do mantemento das infraestrutura verdes, da conectividade, da restauración ecolóxica ou da protección da flora e da fauna e, en particular, os que constitúan ou formen parte da Rede galega de espazos protexidos.

d) Que dispoñan de especial interese na conservación do patrimonio xenético forestal ou constitúan, segundo o disposto nos plans de prevención e defensa contra incendios forestais, masas de especial valor estratéxico na prevención de incendios forestais.

e) Aquelas masas que contribúan á satisfacción de intereses xerais e, en concreto, á protección e mellora da calidade de vida da zona ou ao lecer e esparexemento dos cidadáns. Son montes en que as características sociais ou recreativas prevalecen sobre outro tipo de aproveitamentos, ou que razóns de carácter divulgativo, como masas de silvicultura «modelo», poidan axudar a fomentar a xestión activa deste tipo de formacións específicas.

No caso das masas vinculadas ao lecer e esparexemento, a propiedade deberá estar de acordo con estes usos que, en calquera caso, deberán ser compatibles cos requisitos silvícolas establecidos.

f) Aquelas masas de frondosas en terreos forestais incluídos nas redes de faixas de xestión da biomasa consonte a lexislación en materia de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia ou aqueloutras que se atopen nas franxas de uso exclusivo para especies de frondosas do anexo I deste decreto e que se sinalan no anexo II da Lei 7/2012, de 28 de xuño, de montes de Galicia.

3. A consellería competente en materia de montes achegará todos aqueles datos necesarios para iniciar o expediente de inscrición, incluíndo:

a) Memoria xustificativa coa descrición da masa que se vai inscribir, consonte o indicado no artigo 7.

b) Cartografía co límite da masa que se vai inscribir, en formato shapefile xeorreferenciado, coa táboa de atributos asociada que é descrita no anexo II.

c) Listaxe de parcelas catastrais afectadas pola masa que se vai inscribir.

d) Cartografía en formato shapefile xeorreferenciado, coa intersección das parcelas catastrais afectadas e a cartografía da alínea b).

Artigo 11. Instrución

1. Os expedientes instruiranse na Administración forestal.

2. No caso dos procedementos iniciados por solicitude de parte, unha vez que a documentación estea completa, solicitarase un informe ao servizo competente en materia de montes da provincia en que se atope a masa, ou provincias se a masa se estende a máis dunha provincia, sobre se a masa que se solicita inscribir é, en efecto, unha masa consolidada de frondosas autóctonas. En caso negativo, indicaranse no informe os requisitos dos previstos nos artigos 2.1 e 3 que non se cumpren, e darase audiencia á persoa ou persoas interesadas sobre o contido do dito informe.

O informe tamén será preceptivo no caso de propostas de modificación do límite da masa ou de baixa no rexistro.

3. Cando se iniciase o procedemento de inscrición de oficio ou nos procedementos iniciados por solicitude de parte, cando se conte co informe favorable dos servizos territoriais, publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 83 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, un anuncio abrindo un período de información pública co fin de que calquera persoa física ou xurídica poida examinar a memoria xustificativa coa descrición da masa, o informe favorable do servizo de montes, o plano da masa e a listaxe de parcelas catastrais afectadas. No caso de que as persoas interesadas sexan determinadas e a Administración coñeza o lugar de notificación, deberáselles efectuar directamente a notificación.

Así mesmo, será igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da consellería competente en materia de montes (www.mediorural.xunta.gal).

No anuncio constarán tanto o lugar de exhibición como o prazo para formular alegacións, que será de dous (2) meses. O anuncio deberá estar en todos os casos á disposición das persoas que o soliciten na sede electrónica.

Durante este tempo, as persoas titulares das parcelas catastrais afectadas, individual ou colectivamente, poderán presentar as alegacións que consideren oportunas. Para iso poderán utilizar o formulario do anexo IV, achegando a seguinte documentación:

a) Listaxe de parcelas catastrais incluídas na masa que son propiedade das persoas que alegan.

b) A xustificación da propiedade mediante documentación acreditativa da titularidade reflectida nos asentamentos do correspondente Rexistro da Propiedade e, na súa falta, no Catastro e, se for o caso, a acreditativa de situacións posesorias por calquera medio de proba válido en dereito ou na falta destes, mediante declaración responsable que acredite a lexitimación para iniciar o procedemento de acordo co establecido no artigo 6.1.

c) Se é o caso, acreditación mediante declaración responsable da condición de representante e dos poderes que ten recoñecidos para poder actuar en nome do solicitante.

d) No caso de pluralidade de persoas alegantes, listaxe completa da persoa ou persoas alegantes segundo o modelo específico dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

e) Calquera outra documentación que consideren pertinente achegar.

4. Na tramitación derivada da presentación de alegacións conforme o previsto no número anterior, poderán non achegarse aqueles datos xa achegados anteriormente ante calquera Administración e consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Os documentos de identificación das persoas que alegan (DNI ou NIE no caso de persoas físicas e NIF no caso de persoas xurídicas, segundo corresponda).

b) O documento de identificación da persoa representante (DNI ou NIE).

c) A titularidade das parcelas catastrais que se identifiquen como propiedade das persoas que alegan.

5. As persoas que presentasen alegacións con ocasión do trámite de información pública e non presentasen xustificación da propiedade mediante documentación acreditativa ou declaración responsable para o efecto non terán, por esta soa circunstancia, a condición de interesadas, pero teñen dereito a obter da Administración unha resposta razoada, que poderá ser común para todas aquelas alegacións que formulen cuestións substancialmente iguais.

6. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, poñerase de manifesto ás persoas interesadas ou, se é o caso, aos seus representantes. Finalizado o trámite de audiencia, nos termos do artigo 82 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, formularase a proposta de resolución que, posteriormente, se elevará ao órgano competente para resolver o que proceda.

7. Cando se resolva a inscrición dunha masa no Rexistro, actualizarase a cartografía do Rexistro e procederase á súa publicación na páxina web da consellería competente en materia de montes, coa correspondente notificación efectiva aos afectados. Así mesmo, a resolución será obxecto de publicación nos casos previstos no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 12. Prazo de resolución e efectos

1. O órgano competente para resolver é a Administración forestal.

2. O prazo máximo en que debe ditarse e notificarse a resolución expresa é de seis (6) meses en todos os procedementos iniciados, calquera que sexa a súa forma de iniciación.

3. Nos procedementos iniciados por solicitude de parte, o vencemento do prazo máximo sen notificarse resolución expresa lexitima ás interesadas para entendela estimada por silencio administrativo.

4. Nos procedementos iniciados de oficio, o vencemento do prazo máximo sen notificarse resolución expresa producirá a súa caducidade.

5. A resolución pode ser obxecto de recurso ante a persoa titular da consellería competente en materia de montes.

Artigo 13. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicarse por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude ou no escrito de alegacións. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Unha vez notificada resolución e, previamente á súa inscrición no Rexistro, deberase presentar o xustificante de ter realizado o pagamento da taxa por primeira inscrición en rexistro oficial, cando a dita inscrición se fixese por instancia de parte (código da taxa de inscrición en rexistros oficiais 300200).

Sección 3ª. Modificación dos límites das masas inscritas

Artigo 14. Procedemento de modificación dos límites das masas inscritas

1. Os límites das masas inscritas no Rexistro poderán modificarse, por extensión ou por redución, sempre que en ningún momento as masas perdan algunha das condicións establecidas nos artigos 2.1 e 3.

2. O procedemento de modificación dos límites dunha masa inscrita poderá iniciarse de oficio ou por solicitude dalgunha das persoas propietarias das parcelas catastrais que, como consecuencia da modificación, pasarían a estar afectadas pola masa ou deixarían de estalo, segundo a modificación pretendida sexa para a extensión ou para a redución dos límites da masa, respectivamente.

3. O procedemento para seguir será o mesmo que o establecido para a inscrición, debendo neste caso achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Memoria xustificativa coa descrición da masa resultante da modificación.

b) Cartografía co límite da masa que se vai inscribir, en formato shapefile xeorreferenciado, coa táboa de atributos asociada que é descrita no anexo II.

c) Listaxe de parcelas catastrais afectadas pola masa que se vai inscribir. Na listaxe identificaranse as parcelas que son propiedade da ou das persoas solicitantes.

d) Cartografía en formato shapefile xeorreferenciado, coa intersección das parcelas catastrais afectadas e a cartografía da alínea b).

e) A xustificación da propiedade mediante documentación acreditativa da titularidade reflectida nos asentamentos do correspondente Rexistro da Propiedade e, na súa falta, no Catastro e, se for o caso, a acreditativa de situacións posesorias por calquera medio de proba válido en dereito ou, na falta destes, mediante declaración responsable que acredite a lexitimación para iniciar o procedemento de modificación.

f) Se é o caso, acreditación mediante declaración responsable da condición de representante e dos poderes que ten recoñecidos para poder actuar en nome do solicitante.

g) No caso de pluralidade de persoas solicitantes, listaxe completa da persoa ou persoas solicitantes segundo o modelo específico dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. No trámite de audiencia poñerase o procedemento de manifesto ás persoas interesadas, incluíndo polo menos as persoas seguintes:

a) As interesadas que comparezan no procedemento de modificación que se está tramitando.

b) As interesadas que comparecesen no procedemento de alta ou modificacións anteriores.

Sección 4ª. Baixa no Rexistro

Artigo 15. Procedemento de baixa

1. As masas inscritas no Rexistro poderán darse de baixa cando perdan algunha das condicións establecidas nos artigos 2.1 e 3.

2. O procedemento de baixa dunha masa inscrita no Rexistro poderá iniciarse de oficio ou por solicitude dalgunha das persoas propietarias das parcelas catastrais afectadas pola masa.

3. O procedemento para seguir será o mesmo que o establecido para a inscrición, debendo neste caso achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Memoria xustificativa aducindo os motivos polos que se debe dar de baixa a masa do Rexistro.

b) A xustificación da propiedade mediante documentación acreditativa da titularidade reflectida nos asentamentos do correspondente Rexistro da Propiedade e, na súa falta, no Catastro e, se for o caso, a acreditativa de situacións posesorias por calquera medio de proba válido en dereito ou na falta destes, mediante declaración responsable que acredite a lexitimación para iniciar o procedemento de baixa.

c) Se é o caso, acreditación mediante declaración responsable da condición de representante e dos poderes que ten recoñecidos para poder actuar en nome do solicitante.

d) No caso de pluralidade de persoas solicitantes, listaxe completa da persoa ou persoas solicitantes segundo o modelo específico dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. No trámite de audiencia poñerase o procedemento de manifesto ás persoas interesadas, incluíndo polo menos as persoas seguintes:

a) As interesadas que comparezan no procedemento de baixa que se está tramitando.

b) As interesadas que comparecesen no procedemento de alta ou modificacións anteriores.

CAPÍTULO III

Beneficios e obrigas

Artigo 16. Dos beneficios e obrigas das masas rexistradas

1. Aquelas masas consolidadas de frondosas autóctonas que estean rexistradas gozarán dos seguintes beneficios:

a) Terán prioridade na concesión de axudas públicas, especialmente para que se doten dun instrumento de ordenación ou xestión forestal que regule os seus aproveitamentos dunha forma sustentable.

b) Favorecerase, por entender que é o piar principal para a súa conservación, a súa xestión forestal activa, mediante actuacións de mellora e aproveitamento continuadas, seguindo os modelos silvícolas que sexan de aplicación ás especies principais que compoñan as súas masas.

c) Poderán ser obxecto de contratos públicos de xestión forestal ao abeiro do artigo 123 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

d) Promoverase a súa xestión mediante sociedades de fomento forestal definidas no artigo 122 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, ou calquera outro tipo de asociación ou agrupación forestal disposta na lexislación vixente.

e) Fomentarase o desenvolvemento de vantaxes fiscais e incentivos fiscais ás persoas propietarias, ás titulares dos aproveitamentos e ao mecenado para este tipo de masas.

Aos donativos, doazóns e achegas feitos ás fundacións ou asociacións sen ánimo de lucro constituídas para a xestión e comercialización conxunta declaradas de utilidade pública aplicaránselles os incentivos fiscais ao mecenado establecidos na Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado, sempre que cumpran cos requisitos establecidos na dita lei.

f) Fomentarase a divulgación dos seus valores á sociedade galega.

g) Fomentarase a divulgación das utilidades directas das masas de frondosas, tales como a obtención de madeira de calidade para fins construtivos ou ornamentais, de froitos, de cortizas e outras.

2. As masas consolidadas de frondosas autóctonas rexistradas estarán suxeitas ás seguintes obrigas:

a) Deberán ser obxecto dunha xestión forestal activa a través dun instrumento de ordenación ou xestión forestal sostible.

b) So poderá efectuarse un cambio de especie forestal a especies de frondosas incluídas no anexo I deste decreto.

c) O seu manexo tenderá a fomentar e manter a súa riqueza específica tratando de acadar a súa rendibilidade económica e favorecendo o beneficio social que está producir a toda a sociedade galega.

d) Os instrumentos de ordenación ou xestión forestal das masas inscritas que teñan toda ou parte da súa superficie dentro de espazos naturais protexidos deben ser acordes cos instrumentos de planificación destes espazos, coa Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, e coa Lei 42/2007, do 13 de decembro, de patrimonio natural e biodiversidade.

Disposición adicional primeira. Pluralidade de persoas interesadas

As pretensións dunha pluralidade de persoas de contido e fundamento idéntico ou substancialmente similar poderán formularse nunha única solicitude ou escrito. Neste suposto, deberá presentarse co correspondente formulario de solicitude (anexo III ou IV, segundo corresponda) a listaxe completa de persoas interesadas segundo o modelo específico dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. As actuacións efectuaranse co representante ou coa persoa interesada que expresamente sinalen e, na súa falta, coa que figure en primeiro termo.

Disposición adicional segunda. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería do Medio Rural, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en
https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario. Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán solicitar o acceso, rectificación e supresión dos seus datos, así como exercer outros dereitos, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común segundo se recolle en https://www.xunta.gal/exercicio-de-dereitos

Disposición adicional terceira. Actualización de modelos normalizados

De conformidade co artigo 33 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, os modelos normalizados aplicables na tramitación dos procedementos regulados na presente disposición poderán ser modificados, mediante resolución da persoa titular da dirección xeral competente en materia de montes, co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente sempre que estas modificacións non sexan substanciais e non innoven o ordenamento xurídico. Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria a súa nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional cuarta. Coordinación co Rexistro de Cartografía de Galicia

En virtude do artigo 18 do Decreto 14/2017, do 26 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da información xeográfica e da actividade cartográfica de Galicia, a base cartográfica dixital en que estean representados os límites das masas inscritas de acordo co artigo 4 deste decreto será obxecto de inscrición no Rexistro de Cartografía de Galicia.

Disposición adicional quinta. Inventario de masas de frondosas que integran o patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia

Inventariaranse as masas de frondosas que integran o patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia ou dalgún dos seus organismos ou entes instrumentais, independentemente da súa superficie e idade media, co fin de dar cumprimento ao establecido no artigo 112.3 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, que establece que a Administración forestal, co fin de incrementar a subministración de material mellorado de reprodución, creará unha rede de parcelas de alto valor xenético, que se situarán, de maneira preferente, nos terreos forestais de titularidade pública da Comunidade Autónoma de Galicia e nas cales se realizará unha silvicultura dirixida á conservación in situ de recursos xenéticos das principais especies forestais.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de montes para que dite as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto, no relativo á organización e materias propias do seu departamento.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de decembro de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

ANEXO I

Especies de frondosas autóctonas

Son frondosas autóctonas as seguintes especies:

• Ameneiro: Alnus glutinosa (L.) Gaertn.

• Pradairo: Acer pseudoplatanus L.

• Bidueiro: Betula sp.

• Freixo: Fraxinus excelsior L.

• Freixa: Fraxinus angustifolia Vahl.

• Castiñeiro: Castanea sativa Mill.

• Castiñeiro híbrido: Castanea x híbrida (resistente tinta).

• Cerdeira: Prunus aviun L.

• Carballo: Quercus robur L.

• Cerquiño: Quercus pyrenaica Will.

• Sobreira: Quercus suber L.

• Carballo albar: Quercus petraea (Matts) Liebl.

• Aciñeira: Quercus ilex L. ssp. ballota (Desf.) Samp.

Quercus rotundifolia Lam.

• Abeleira: Corylus avellana L.

• Faia: Fagus sylvatica L.

• Umeiro: Ulmus glabra Huds.

Ulmus minor Miller.

• Loureiro: Laurus nobilis L.

• Sorbeira do monte: Sorbus aria L.

• Capudre: Sorbus aucuparia L.

• Nogueira: Juglans regia L.

• Érbedo: Arbutus unedo L.

ANEXO II

Características da táboa de atributos das capas cos límites das masas

Na tramitación dos procedementos en que sexa necesario presentar unha cartografía co límite da masa que se vai inscribir, modificar ou dar de baixa, esta información achegarase en formato shapefile xeorreferenciado, de tipo poligonal. A súa táboa de atributos terá a seguinte estrutura de campos:

Campo

Tipo

Tamaño

Precisión

Descrición

IdNovo

Numérico

3

0

Xeralmente, a capa terá un único polígono que se identificará co número 1. En caso de dispor de máis polígonos (varios coutos redondos) identificarase correlativamente cada un deles (1, 2, 3...)

IdRMCFA

Numérico

5

0

Nos casos de modificación ou baixa, número do índice no rexistro correspondente ao límite que se modifica ou dá de baixa

SupCoto

Numérico

10

4

Superficie do couto redondo, en hectáreas

Idade

Numérico

3

0

Idade media da masa, en anos

Especies

Texto

255

0

Listaxe de especies arbóreas presentes na masa, segundo o seu nome científico descrito no anexo I deste decreto e ordenadas de maior a menor en número de pés maiores, e separadas por punto e coma (;)

Data

Data

Data de elaboración desta cartografía

ANEXO III

Modelo de solicitude, por instancia de parte, de inscrición, modificación e baixa de masas consolidadas de frondosas autóctonas (código de procedemento MR620A)

missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO IV

Modelo de presentación de alegacións nos procedementos de inscrición, modificación e baixa de masas consolidadas de frondosas autóctonas

missing image file
missing image file