Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Venres, 10 de xaneiro de 2020 Páx. 1177

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 5 de decembro de 2019 pola que se publica a segunda addenda ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios forestais para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.

Con data do 15 de abril de 2019 asinouse a primeira addenda ao convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios forestais para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.

O devandito convenio asinouse o 9 de agosto de 2018 e publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 156, do 17 de agosto de 2018.

De conformidade coa cláusula décimo terceira, as modificacións deste convenio formalizaranse mediante addenda cos mesmos requisitos e coas mesmas condicións que se exixen para a súa aprobación.

Tendo en conta o exposto, e en virtude das competencias conferidas

RESOLVO:

Publicar a segunda addenda ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios forestais para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias asinada o 28 de novembro de 2019, como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2019

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

ANEXO

Segunda addenda ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios forestais para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2019

Reunidos:

Pola Xunta de Galicia, José González Vázquez, conselleiro do Medio Rural, que actúa por conta e en representación da Xunta de Galicia, nomeado polo Decreto 99/2018, do 26 de setembro (DOG núm. 185, do 27 de setembro), en exercicio das atribucións conferidas no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia.

Pola sociedade mercantil pública autonómica Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga), Pablo Arbones Maciñeira, en nome e representación daquela, en virtude das atribucións que lle confiren os seus estatutos.

Pola Federación Galega de Municipios e Provincias, o seu presidente, Alfredo L. García Rodríguez, que actúa en nome e representación daquela, en virtude das atribucións que lle confire o artigo 46.1º.b) dos seus estatutos.

Todas as persoas intervenientes actúan coa representación que legal e regulamentariamente teñen conferida e

Expoñen:

A Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, establece no seu artigo 7.d) que corresponde aos concellos a ordenación da execución das obras necesarias para conservar e manter o solo e a biomasa vexetal nas condicións precisas que eviten os incendios, e de xeito máis concreto a ordenación e execución subsidiaria da xestión da biomasa nos termos dos artigos 22 e 23 da citada lei, contando para iso coa colaboración técnica e/ou económica da Xunta de Galicia, nos termos previstos no artigo 59 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de conformidade co establecido no artigo 331.1 da Lei 5/1997, do 5 de agosto, de Administración local de Galicia.

O día 9 de agosto de 2018, a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga asinaron un convenio de colaboración en materia de prevención e defensa contra incendios forestais para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias, publicado no DOG núm. 156, do 17 de agosto de 2018, co obxecto de instrumentar a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, Seaga e a Fegamp, cos concellos que voluntariamente se adhiran, na xestión da prevención de incendios nas denominadas faixas secundarias de xestión da biomasa, de modo que se acade a diminución do número de incendios forestais as nas zonas da interface urbana garantindo así o interese público da seguridade de persoas e de bens.

Como recorda a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, unha das áreas máis sensibles para a prevención dos incendios é a interface urbano-forestal, isto é, aquelas áreas que abarcan o perímetro común entre os terreos forestais e os núcleos de poboación habitados. Neste contexto, e a través do citado convenio, canalízase a cooperación entre a Administración local e a Administración autonómica como vía para acometer tarefas de claro interese público como é a de xestionar a biomasa vexetal con alto potencial combustible, especialmente nos terreos forestais que estean preto dos núcleos de poboación, asegurando a súa retirada con anterioridade á época de perigo de incendios polas persoas titulares das parcelas, así como, en caso de incumprimento destas obrigas esenciais, asegurar a súa execución subsidiaria, a través de procedementos áxiles, por parte das administracións públicas.

Así mesmo, a Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, respecto da Lei 3/2007, do 9 de abril, introduce diversas medidas destinadas a potenciar a prevención e a loita contra os incendios, entre as que cabe destacar a introdución de medidas en materia de xestión da biomasa e de vixilancia e detección de incendios.

Con base no anterior, co obxecto de reforzar o apoio da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia na realización das accións que corresponden aos concellos, o convenio modificouse a través dunha primeira addenda asinada o 15 de abril de 2019 e publicada no DOG núm. 90, do 13 de maio de 2019.

Esta nova addenda xorde da necesidade de facilitar a aplicación de determinadas cláusulas do convenio e comprende as seguintes modificacións:

1. Desenvolvemento dunha nova ferramenta en mobilidade (app) a maiores do sistema informático para o control das actuacións en campo que xa recolle o convenio. Coa finalidade de axilizar os procesos de rexistro da información asociada ao traballo de campo na base de datos asociada á plataforma para a xestión da biomasa, modifícase a cláusula quinta bis para incluír o desenvolvemento dunha ferramenta en mobilidade (app) que permita a consulta da base de datos para o apoio das tarefas que se realizarán in itinere.

2. Inclusión da posibilidade de que os concellos adheridos poidan realizar execucións subsidiarias de ata un máximo de 5 hectáreas por anualidade con cargo ao convenio. Neste sentido, modifícase a cláusula sétima, número 2, letra c).

3. Simplificación dos trámites administrativos para a aplicación dos ingresos que se perciban da venda das especies arbóreas incluídas na execucións subsidiarias, no marco deste convenio, polo que se modifica o número 4 da cláusula sétima.

4. Co obxectivo de fomentar a recuperación e posta en valor de terras circundantes a núcleos de poboación de alta ou especial capacidade produtiva que acadaron co paso do tempo estados de abandono ou infrautilización, introdúcense no convenio iniciativas de mobilidade de terras nas faixas secundarias de xestión de biomasa que van permitir a recuperación das terras agrarias de Galicia e a prevención e loita contra os incendios forestais, así como as iniciativas estratéxicas. Como consecuencia, é necesario modificar o número 1, letra d), da cláusula segunda, dar unha nova redacción á cláusula novena, engadir unha nova cláusula novena bis e modificar o número 3, letra e), da cláusula décima do convenio.

5. Incorporación dunha cláusula en materia de protección de datos que garanta a confidencialidade no tratamento da información catastral e posibilite o exercicio das competencias da Consellería do Medio Rural en materia de loita contra incendios forestais, de xeito que permita un axeitado desenvolvemento e execución do convenio, así como unha maior eficacia e eficiencia na xestión administrativa e no servizo público prestado.

6. Modificación do número 7 da cláusula sexta do convenio, do número 7.2.a) e 9.3 do anexo II, réxime xurídico do sistema público de xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas nas redes de faixas secundarias de xestión de biomasa de competencia municipal, e da cláusula segunda, letra a), do anexo III, Modelo de contrato de xestión da biomasa no marco do sistema público de xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas nas redes de faixas secundarias de xestión de biomasa do convenio, no que atinxe ás obrigas de Seaga na xestión e venda dos residuos e subprodutos de natureza forestal xerados durante o proceso de xestión da biomasa e a retirada de especies arbóreas.

En consecuencia, e co fin de clarificar as devanditas obrigas, reprodúcense nesta addenda os anexos II e III tras a incorporación das modificacións anteriores.

Segundo o establecido na cláusula décimo terceira, as modificacións deste convenio formalizaranse mediante addenda cos mesmos requisitos e coas mesmas condicións que se exixen para a súa aprobación.

Por todo iso, con base no exposto e de conformidade co establecido nesta cláusula, as partes acordan asinar a presente addenda de acordo coas seguintes

Cláusulas

Primeira. Modifícase a letra d) do punto primeiro da cláusula segunda, que queda redactada como segue:

«d) A colaboración financeira a iniciativas de mobilización de terras nas faixas secundarias de xestión de biomasa e a iniciativas estratéxicas».

Segunda. Modifícase a cláusula quinta bis, que queda redactada como segue:

«Quinta bis. Plataforma para a xestión da biomasa (Xesbío), visor e app para dispositivos móbiles asociada á plataforma

1. Para xestionar a biomasa nas faixas secundarias, desenvolverase unha plataforma integral para a xestión da biomasa, cuxo obxectivo é dar soporte informático ás actuacións dos distintos actores que interveñen no convenio e que permita unha rastrexabilidade de todas as actuacións realizadas polos concellos, por Seaga, pola Administración autonómica, e polos cidadáns con parcelas nas devanditas faixas.

En concreto, comprende a xestión dos seguintes aspectos:

– Xestión dos procesos de adhesión dos concellos.

– Xestión das parcelas incluídas nas faixas e da titularidade destas.

– Xestión dos plans anuais de actuación sobre as devanditas faixas e as actuacións concretas asociadas.

– Xestión da comunicación cos titulares.

– Xestión da relación dos titulares coas devanditas actuacións, incluíndo xestión contractual e contable.

– Xestión de inspeccións nas devanditas faixas.

– Xestión de execucións subsidiarias sobre parcelas nas devanditas faixas, comisos, cortas, expropiacións.

– Xestión da madeira asociadas ás cortas, comisos.

Para a súa execución requirirase a sinatura do correspondente acordo de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

O importe total estimado do proxecto é de 470.000 euros (IVE incluído), que inclúe desenvolvemento, soporte e mantemento ata o ano 2021 e que será financiado con cargo aos créditos e segundo o disposto na cláusula quinta, facendo, para tales efectos, as modificacións orzamentarias que correspondan. A desagregación estimada por anualidades é a seguinte:

2019

2020

2021

Total

85.000,00 €

285.000,00 €

100.000,00 €

470.000,00 €

2. Para axilizar os procesos de rexistro da información asociada ao traballo de campo na base de datos asociada a Xesbío desenvolverase unha ferramenta en mobilidade (app). Esta app tamén permitirá a consulta da base de datos de Xesbío (tanto de información xeográfica como histórica) para o apoio ás tarefas que se realicen in itinere.

Para a súa execución requirirase a sinatura do correspondente acordo de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

O importe total estimado do proxecto é de 130.000 euros (IVE incluído), que inclúe desenvolvemento, soporte e mantemento ata o ano 2021 e que será financiado con cargo aos créditos e segundo o disposto na cláusula quinta, facendo, para tales efectos, as modificacións orzamentarias que correspondan. A desagregación estimada por anualidades é a seguinte:

2019

2020

2021

Total

11.000,00 €

80.000,00 €

39.000,00 €

130.000,00 €

3. Así mesmo, coa finalidade de mellorar a transparencia do sistema, desenvolverase un visor no cal se mostre e se manteña actualizada a rede de faixas secundarias de xestión da biomasa, que será executado con medios propios da Administración autonómica e, de ser o caso, financiado con cargo aos créditos e segundo o disposto na cláusula quinta, facendo, para tales efectos, as modificacións orzamentarias que correspondan».

Terceira. Modifícase o número 7 da cláusula sexta, que queda redactado como segue:

«7. Para efectos da sustentabilidade financeira do sistema público de xestión regulado na presente cláusula establécese unha tarifa que deberá ser obxecto de aboamento polas persoas responsables do cumprimento das obrigas da xestión da biomasa que formalicen o contrato regulado no réxime xurídico do servizo, consistente na cantidade de 350 euros por hectárea e ano.

Esta cantidade uniforme para todas as persoas responsables fíxase como inferior aos custos económicos totais das actividades prestadas, de acordo co réxime económico xurídico do servizo que se recolle no anexo II deste convenio, tendo en conta o interese público presente na prevención dos incendios forestais.

Deste modo, o custo total do servizo no que exceda da tarifa indicada será cuberto polas achegas da Administración xeral da Comunidade Autónoma e, se é o caso, dos concellos, previstas na cláusula quinta do presente convenio.

De igual xeito, estes custos poderán compensarse cos ingresos percibidos por Seaga e derivados do alleamento dos residuos e subprodutos de natureza forestal durante o proceso de xestión da biomasa e especies arbóreas.

As tarifas serán percibidas por Seaga, como prestadora da actividade.

O réxime xurídico da actividade prestacional previsto no anexo II prevé que, nos casos de falta de pagamento da tarifa establecida no contrato como contraprestación a cargo das persoas responsables das obrigas de xestión da biomasa, as cantidades debidas terán a consideración de créditos de dereito público, de acordo co previsto no artigo 39 da Lei 1/2015, cuxa recadación na vía executiva corresponderá aos órganos competentes da Administración, atendida a situación estatutaria das persoas destinatarias das prestacións e a responsabilidade última da Administración sobre a actividade».

Cuarta. Modifícanse a letra c) do número 2 e o número 4 da cláusula sétima, que quedan redactados como seguen:

«c) Realización material das actuacións de xestión de biomasa, derivadas da tramitación de procedementos de execución subsidiaria dos traballos de xestión de biomasa, unha vez notificado polos concellos adheridos o incumprimento nas obrigas de xestión da biomasa segundo o procedemento descrito na Instrución 1/2018, do 26 de abril, relativa ás actuacións administrativas en materia de cumprimento das obrigas de xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas impostas pola Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, a Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, e a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm. 87, do 7 de maio de 2018), e se constate a persistencia no incumprimento.

Esta actuación de execución subsidiaria comprenderá a redacción do proxecto para a execución subsidiaria, se for necesario polas características da actuación, ou outro documento técnico que deba servir de base ás actuacións, así como os traballos de xestión da biomasa sobre o terreo e a posterior elaboración do documento/liquidación de custos da execución subsidiaria, que comprenderá todos os gastos ocasionados como consecuencia desta.

As solicitudes destas actuacións poderán dirixirse á comisión de seguimento a partir do 1 de xaneiro de 2020. Esta poderá aprobar actuacións subsidiarias ata un máximo de 5 hectáreas por concello e ano, respectando en todo caso a dispoñibilidade orzamentaria.

4. Para os efectos das actuacións materiais de execución subsidiaria e de acordo co previsto no artigo 22.4 da Lei 3/2007, en virtude do presente instrumento de colaboración considerarase como Administración actuante a Administración xeral da Comunidade Autónoma, polo que as cantidades que, se é o caso, se perciban da venda das especies arbóreas incluídas na execución subsidiaria destinaranse a sufragar os custos das execucións subsidiarias, no marco deste convenio. Así, para cada anualidade Seaga presentará unha certificación do importe da venda das especies obxecto de comiso por execución subsidiaria, que se descontará das cantidades que se lle aboarán conforme o establecido no número 6 desta cláusula.

Así mesmo, Seaga, nestes casos de execución subsidiaria, percibirá o importe dos custos de xestión repercutidos á persoa responsable, que comprenderá todos os gastos ou custos en que se incorra como consecuencia desta. En particular, de acordo co establecido no artigo 22.4 da Lei 3/2007, para a liquidación dos custos correspondentes a cada parcela a Administración terá en conta a cantidade resultante de aplicar a parte proporcional á cabida da parcela o importe do correspondente contrato, encomenda ou custo dos traballos realizados na zona de actuación».

Quinta. Dáse unha nova redacción á cláusula novena, que queda como segue:

«Novena. Iniciativas de mobilización de terras nas faixas secundarias de xestión da biomasa

1. Para a execución de iniciativas de mobilización de terras nas faixas secundarias de xestión da biomasa previstas nesta cláusula e das iniciativas estratéxicas de prevención nas faixas secundarias de xestión da biomasa previstas na cláusula seguinte, poderá destinarse ata 1.250.000 euros para cada anualidade do orzamento previsto neste convenio.

2. Para os efectos desta cláusula, entenderanse por iniciativas de mobilización de terras aquelas promovidas pola Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, por iniciativa e en colaboración cos respectivos concellos, para a realización de actuacións integradas co obxectivo de fomentar a mobilización de terras consistentes na recuperación e posta en valor das terras circundantes a núcleos de poboación, incluíndo total ou parcialmente as súas faixas secundarias de xestión de biomasa.

Estas iniciativas realizaranse en zonas en abandono ou infrautilización de alta ou especial capacidade produtiva para un ou varios cultivos ou aproveitamentos, e terá por obxecto principal a volta á produción de áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva que acadaron co paso do tempo estados de abandono e/ou infrautilización.

3. O Consello Reitor da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, logo de solicitude dos concellos interesados, por proposta da persoa titular da dirección xeral da dita axencia, poderá identificar e declarar zonas de actuación para a execución destas iniciativas, que virán definidas por un perímetro de actuación integral que poderá conter terreos que non se integren na iniciativa por estaren xa en explotación.

As zonas que se declararen deberán cumprir, cando menos, os seguintes requisitos:

a) Que o concello xustifique que dispón do acordo dos titulares dos dereitos de aproveitamento que alcancen o mínimo do 70 por cento da superficie do perímetro do proxecto, en que deberá incluírse ao menos o 70 por cento dos terreos que, de acordo coa Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, se definan como faixas secundarias de xestión da biomasa. Así mesmo, os titulares deberán asumir o compromiso de incorporación dos terreos ao Banco de Terras para a súa cesión polo período mínimo de 5 anos. O requisito da porcentaxe mínima de superficie da faixa secundaria poderá excepcionalo a Axencia, cando por razóns de carácter técnico, agronómico ou produtivo así se xustifique.

b) Así mesmo, será requisito previo para a presentación da solicitude que o concello se encontre adherido ao presente convenio.

4. Será aplicable para estas iniciativas na súa integridade o disposto na Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras de Galicia.

5. A aprobación destas iniciativas determinará a aplicación do sistema público de xestión de biomasa en faixas secundarias establecido neste convenio a todos os terreos das faixas secundarias, tanto aos incluídos no perímetro do proxecto como a aqueles non incluídos, durante a vixencia do convenio.

Porén, tanto no suposto de terreos non incluídos no perímetro do proxecto como nos incluídos que non fosen incorporados ao Banco de Terras, os seus titulares deberán adherirse ao indicado sistema, para poder aplicarlles a tarifa bonificada establecida no número 7 da cláusula sexta deste convenio.

6. Para os efectos do establecido nesta cláusula, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural trasladará as iniciativas de mobilización de terras, unha vez aprobadas, á Dirección Xeral de Defensa do Monte, para coñecemento da comisión de seguimento deste convenio».

Sexta. Engádese unha nova cláusula novena bis, que queda redactada como segue:

«Novena bis. Iniciativas estratéxicas

Poderán aprobarse iniciativas estratéxicas de prevención nas faixas secundarias de xestión da biomasa con cargo ao orzamento establecido na cláusula novena.

Entenderanse por iniciativas estratéxicas aqueles proxectos de mobilización de terras en faixas secundarias que aínda non cumprindo os requisitos da cláusula novena, atendendo a elementos xeográficos, físicos ou técnicos se consideren de especial transcendencia co obxectivo prioritario de reducir o risco de incendios forestais.

Estas iniciativas serán aprobadas pola comisión de seguimento do convenio por proposta da Dirección Xeral de Defensa do Monte».

Sétima. Modificase a letra e) do número 3 da cláusula décima, que queda redactada como segue:

«e) Aprobar as iniciativas estratéxicas de prevención nas faixas secundarias de xestión de biomasa por proposta da Dirección Xeral de Defensa do Monte».

Oitava. Engádese unha nova cláusula décimo sexta, que queda redactada como segue:

«Décimo sexta. Protección de datos de carácter persoal

1. Respecto á protección de datos, as partes asinantes observarán o disposto no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación deses datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais (LOPDPGDD), e na demais normativa vixente de aplicación en cada momento en materia de protección de datos.

2. A Consellería do Medio Rural tratará os datos protexidos relativos á información catastral de acordo coa correspondente autorización de cesión de datos da Xerencia Rexional do Catastro, de conformidade co establecido na Resolución da Dirección Xeral do Catastro do 31 de xullo de 2006 (BOE do 11 de setembro).

A lexitimación para o seu tratamento baséase no exercicio de poderes públicos, en concreto, o exercicio das competencias que lle corresponden á Administración autonómica na loita contra incendios forestais, con base no establecido na Lei 3/2007, do 9 de abril, que establece no seu artigo 7.d) que corresponde aos concellos a ordenación da execución das obras necesarias para conservar e manter o solo e a biomasa vexetal nas condicións precisas que eviten os incendios, e, en particular, a ordenación e execución subsidiaria da xestión da biomasa nos termos dos artigos 22 e 23, contando para iso coa colaboración técnica e/ou económica da Xunta de Galicia nos termos previstos no artigo 59 conforme o establecido no artigo 331.1 da Lei 5/1997, do 5 de agosto, de Administración local de Galicia, e no marco do convenio de colaboración asinado entre a devandita consellería, a Fegamp e Seaga para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa.

A Consellería do Medio Rural comunicará a información catastral aos concellos adheridos ao sistema respecto das parcelas correspondentes ao seu territorio única e exclusivamente para o cumprimento da finalidade prevista na normativa citada no parágrafo anterior, quedando prohibida a cesión, pola súa vez, dos datos a terceiros.

3. Nos termos establecidos no artigo 77 do Real decreto 417/2006, do 7 de abril, polo que se desenvolve o texto refundido da Lei do catastro inmobiliario, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2004, do 5 de marzo, a información catastral está suxeita á lexislación sobre propiedade intelectual, correspondendo os datos obxecto da cesión á Dirección Xeral do Catastro».

Por último, modifícanse os anexos II e III do convenio, polo que nesta addenda se recolle o seu contido íntegro.

En todo o non modificado expresamente por esta addenda seguirá sendo de aplicación o disposto no convenio.

En proba de conformidade, as partes asinan por triplicado exemplar a presente addenda.

José González Vázquez, conselleiro do Medio Rural; Alfredo L. García Rodríguez, Federación Galega de Municipios e Provincias; Pablo Arbones Maciñeira, Empresa Pública de Servizos Agrarios, S.A.

ANEXO II

Réxime xurídico do sistema público de xestión da biomasa vexetal e retirada
de especies arbóreas nas redes de faixas secundarias de xestión de biomasa
de competencia municipal

1. Administración prestadora do sistema público de xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas nas redes de faixas secundarias de xestión de biomasa establecido en virtude do convenio de colaboración.

1.1. De acordo co establecido na cláusula 2, letra b), do convenio, a Administración autonómica realizará a prestación do sistema público de xestión da biomasa nas parcelas incluídas nas redes de faixas secundarias de xestión de biomasa dos concellos adheridos, mediante a formalización de contratos de xestión da biomasa cos titulares dos montes.

En particular, de acordo co disposto no artigo 33.1 da Lei 1/2015, de garantía de calidade nos servizos públicos, será aplicable á regulación e garantías establecidas no seu artigo 111, e consideraranse servizo público, as actividades de prestación previstas no presente anexo, desenvolvidas pola Administración xeral da Comunidade Autónoma, no exercicio das súas competencias de prevención de incendios e xestión da biomasa, que asume como propias en virtude do presente convenio e conxunturalmente mentres estea este en vigor, sen prexuízo das competencias locais e das obrigas asumidas por estas de acordo co convenio, e poñeraas, baixo a súa responsabilidade, á disposición da cidadanía.

1.2. A Administración autonómica, como Administración responsable da prestación da actividade prestacional, disporá, en todo caso, das potestades precisas para asegurar o bo funcionamento do servizo e garantir e regular a súa prestación, sen prexuízo do exercicio destas potestades, se é o caso, conforme os acordos adoptados na comisión de seguimento do convenio.

1.3. As competencias administrativas sobre o servizo serán exercidas pola Dirección Xeral de Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural, ou o órgano directivo de nivel equivalente que, de ser o caso, asuma as súas competencias, a través das xefaturas territoriais da devandita consellería.

1.4. Corresponderá á Dirección Xeral de Ordenación Forestal a elaboración da carta do servizo, que será elevada para a súa aprobación á persoa titular da Consellería do Medio Rural, consonte o previsto polo artigo 42 da Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración.

2. Ámbito territorial e temporal de prestación do servizo.

2.1. O servizo será prestado nos termos municipais dos concellos adheridos ao convenio de que forma parte integrante este anexo, ou nas parroquias daqueles que se determinen nos instrumentos de adhesión ao convenio.

2.2. O servizo terá carácter temporal e a súa duración coincidirá co período a que se estende a vixencia do convenio.

3. Obxecto do servizo e alcance das prestacións ás persoas usuarias.

O servizo ten por obxecto a realización material dos traballos necesarios para dar cumprimento á obriga de xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas das persoas responsables nas redes de faixas secundarias de xestión de biomasa de competencia municipal, de acordo coas instrucións técnicas impartidas pola Dirección Xeral de Ordenación Forestal e no ámbito territorial e temporal definido no número anterior.

4. Forma de xestión do servizo.

O servizo será xestionado directamente pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a través do seu medio propio personificado Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (en diante, Seaga), en colaboración cos concellos en cuxos termos municipais aquel se preste.

Seaga poderá prestar a actividade de xestión da biomasa mediante os seus propios medios técnicos, persoais ou materiais, ou proceder á contratación total ou parcial das obras e actividades materiais precisas para o cumprimento dos contratos de xestión da biomasa que formalice, de acordo co previsto na lexislación de contratos do sector público, sen prexuízo da súa responsabilidade na organización e xestión dos traballos e da súa calidade técnica, tendo sempre a consideración de poder adxudicador nos contratos que deba celebrar para a realización das prestacións obxecto do encargo.

5. Persoas usuarias do servizo.

5.1. Poderán acceder á condición de usuarias do servizo as persoas ás cales, consonte o artigo 21 ter da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, corresponde a responsabilidade da xestión da biomasa vexetal e a retirada de especies arbóreas nas redes de faixas secundarias de xestión de biomasa de competencia municipal incluídas no ámbito territorial de prestación do servizo definido no número 2.1.

5.2. Ás persoas usuarias do servizo seralles de aplicación o estatuto xeral das persoas usuarias recollido no artigo 38 da Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración, ademais dos restantes dereitos e obrigas establecidos na regulación do servizo e nos contratos de prestación deste.

6. Acceso ao servizo.

6.1. O acceso á prestación do servizo será voluntario para os propietarios e efectuarase mediante a formalización dos contratos de xestión da biomasa.

A adhesión poderá realizarse a partir da publicación polo concello do proxecto concreto de actuacións e parcelas en que se prevén, de acordo co indicado na cláusula novena do convenio Programación das actuacións en cada concello ou parroquia.

As adhesións voluntarias das persoas interesadas realizarase mediante a formalización do modelo de contrato de xestión da biomasa que serán tramitadas polos concellos.

6.2. A presentación da solicitude de prestación do servizo realizarase no modelo normalizado de uso obrigatorio polas persoas interesadas, que será publicado no DOG o día da publicación deste convenio, preferentemente por medios electrónicos. En todo caso, as persoas xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica, así como as persoas representantes destas, estarán obrigadas a presentar a solicitude por medios electrónicos, consonte o establecido polo artigo 14.2, líneas a), b) e d), da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

6.3. As solicitudes de prestación do servizo irán acompañadas dos seguintes documentos e datos:

a) Acreditación da propiedade do predio ou da titularidade do dereito de aproveitamento daquela, se correspondese a unha persoa distinta á propietaria.

No caso das comunidades propietarias de montes veciñais en man común, as solicitudes deben incluír o acordo previo da asemblea xeral da comunidade propietaria, ben por medio de copia da acta da asemblea, ben por medio de certificación expedida pola persoa titular da secretaría da comunidade.

b) Referencia catastral do predio.

c) Modelo de contrato previsto no anexo III do convenio formalizado pola persoa interesada.

6.4. Os concellos adheridos ao convenio analizarán a documentación presentada e comprobarán o seu axuste ao réxime xurídico do servizo. En particular comprobarán que as solicitudes de prestación do servizo cumpran os requisitos establecidos no número anterior e se refiran a predios situados nas redes secundarias de faixas de xestión da biomasa da súa competencia incluídas no ámbito territorial de prestación do servizo definido no número 2.1.

No prazo máximo dun mes desde a entrada da solicitude no rexistro electrónico do concello, ou desde que a persoa emende as eventuais faltas ou xunte os documentos preceptivos, aquel dará traslado da solicitude a Seaga e notificarallo á persoa interesada.

6.5. Seaga, unha vez recibida unha solicitude de prestación do servizo nos termos previstos polo número anterior, despois de comprobar o cumprimento dos requisitos legais, comunicará á persoa solicitante a súa aceptación, remitíndolle copia do modelo de contrato recollido no anexo III formalizado tamén coa sinatura do órgano competente da sociedade pública, momento en que asumirá as obrigas de xestión da biomasa. Os prazos de ingreso da tarifa do servizo computaranse dende a comunicación da aceptación de Seaga.

6.6. Seaga comunicará ao concello correspondente a formalización de todo contrato de prestación do servizo, coa indicación da referencia catastral do predio a que se refira, así como as circunstancias posteriores que afecten a vixencia ou a eficacia do contrato.

7. Contido dos contratos de prestación do servizo: obrigas das partes.

7.1. As relacións dos destinatarios da actividade prestacional prevista no convenio con Seaga, formalizada a través do contrato de xestión da biomasa previsto no anexo III, terán natureza xurídico-privada.

Os contratos de prestación do servizo preverán que, na súa virtude, Seaga asume para todos os efectos legais a responsabilidade da xestión da biomasa vexetal e a retirada de especies arbóreas que correspondese á persoa usuaria no predio a que se refira o contrato durante todo o prazo de vixencia deste.

7.2. Como consecuencia do establecido no número anterior, os contratos de prestación do servizo incluirán as seguintes obrigas de Seaga:

a) Realizar anualmente os traballos necesarios para a xestión da biomasa vexetal e a retirada de especies arbóreas no predio a que se refira o contrato, consonte as instrucións técnicas da Dirección Xeral de Defensa do Monte e nos prazos legalmente previstos, sendo responsable en todo caso da xestión e venda dos residuos e subprodutos de natureza forestal xerados durante o proceso. Estas instrucións técnicas garantirán a calidade, de acordo coa técnica forestal, dos traballos que se realicen.

b) Formalizar todos os requisitos administrativos preceptivos para a realización dos traballos a que se refire a alínea anterior. Para estes efectos, os contratos de prestación do servizo incluirán expresamente a atribución a Seaga da representación da persoa usuaria ante as administracións públicas competentes.

c) Comunicar á persoa usuaria coa antelación suficiente o comezo da realización dos traballos, así como o remate destes no prazo máximo de dez días desde que se produza.

7.3. Os contratos de prestación do servizo incluirán as seguintes obrigas da persoa usuaria:

a) Facilitar o acceso ao predio a que se refira o contrato do persoal e os medios facultados por Seaga para a prestación do servizo, logo de comunicación cursada por aquela.

b) Non obstaculizar a realización dos traballos necesarios para a prestación do servizo.

c) Aboar a tarifa prevista no número 9.

8. Duración dos contratos de prestación do servizo.

Os contratos de prestación do servizo terán un prazo de vixencia único que se estenderá desde a data da súa formalización ata o 31 de decembro de 2021, coincidente coa duración do convenio de colaboración. Así mesmo, incluirán unha cláusula que subordine a súa vixencia á do convenio de colaboración de que deriven.

9. Réxime económico de prestación do servizo.

9.1. Para efectos da sustentabilidade financeira do sistema público de xestión establécese unha tarifa que deberá ser obxecto de aboamento polas persoas responsables do cumprimento das obrigas da xestión da biomasa que formalicen o contrato regulado neste réxime xurídico do servizo, consistente na cantidade de 350 euros por hectárea e ano.

Esta cantidade, uniforme para todas as persoas responsables, fíxase como inferior aos custos económicos totais das actividades prestadas, de acordo co réxime económico xurídico do servizo que se recolle, tendo en conta o interese público presente na prevención dos incendios forestais.

As tarifas serán percibidas por Seaga, como prestadora material da actividade.

A contía da tarifa concretarase nos contratos de prestación do servizo en proporción á cabida do predio. Para estes efectos, atenderase á cabida consignada no título de propiedade daquel ou, na súa falta, á que figure no catastro inmobiliario.

9.2. A tarifa aboarase anualmente a Seaga polos medios que esta determine, os cales deberán incluír necesariamente os medios electrónicos de pagamento enunciados no artigo 98.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. O primeiro pagamento efectuarase dentro dos 10 días seguintes ao da comunicación da aceptación de Seaga e sinatura por esta do contrato de prestación do servizo, que preverá expresamente que a súa eficacia queda condicionada á realización daquel. Os pagamentos sucesivos efectuaranse no primeiro mes de cada ano natural en que se vaian levar a cabo os sucesivos traballos de prestación do servizo.

Nos casos de falta de pagamento da tarifa establecida no contrato como contraprestación a cargo das persoas responsables das obrigas de xestión da biomasa, as cantidades debidas terán a consideración de créditos de dereito público, de acordo co previsto no artigo 39 da Lei 1/2015, cuxa recadación na vía executiva corresponderá aos órganos competentes da Administración, atendida a situación estatutaria das persoas destinatarias das prestacións e a responsabilidade última da Administración sobre a actividade.

9.3. Os maiores custos que supoña a prestación do servizo con respecto á tarifa establecida neste número serán compensados a Seaga pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia de acordo co establecido no convenio de colaboración. De igual xeito, os devanditos custos poderanse compensar parcialmente cos ingresos xerados polo alleamento de todos os subprodutos de natureza forestal orixinados durante o proceso de xestión da biomasa e retirada de especies arbóreas.

10. Responsabilidade derivada da prestación do servizo.

10.1. A formalización dos contratos con Seaga determinará a asunción por esta das obrigas das persoas responsables da xestión da biomasa de acordo coa Lei 3/2007, sempre que as indicadas persoas responsables cumpran o previsto no réxime xurídico da actividade prestacional e no contrato.

10.2. A responsabilidade polos danos e perdas ocasionados ás persoas usuarias ou a terceiras persoas polas operacións necesarias para a prestación do servizo exixirase á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia mediante reclamación administrativa dirixida á persoa titular da Consellería do Medio Rural.

11. Causas de suspensión e finalización anticipada da prestación do servizo.

11.1. Os contratos de prestación do servizo preverán como causas de suspensión da prestación deste o incumprimento polas persoas usuarias das obrigas recollidas no número 7.3. A suspensión da prestación do servizo deixará en suspenso a asunción por Seaga da responsabilidade da xestión da biomasa vexetal e a retirada de especies arbóreas que correspondese á persoa usuaria desde que se lle comunique a esta por calquera medio que permita ter constancia da súa recepción. Así mesmo, Seaga comunicará ao concello correspondente a suspensión da prestación do servizo.

11.2. Os contratos de prestación do servizo preverán como causas de resolución o incumprimento reiterado pola persoa usuaria das obrigas recollidas no número 7.3 e a desistencia da persoa usuaria, que dará dereito á devolución da tarifa, se se tivese aboado e non se tivesen realizado os traballos da anualidade a que corresponda. A resolución do contrato comporta a finalización da prestación do servizo e, xa que logo, a recuperación pola persoa usuaria da responsabilidade da xestión da biomasa vexetal e a retirada de especies arbóreas desde que se lle comunique por calquera medio que permita ter constancia da súa recepción. Así mesmo, Seaga comunicará ao concello correspondente a finalización da prestación do servizo.

12. Suxestións e queixas das persoas usuarias.

As persoas usuarias poderán presentar suxestións e queixas en relación coa prestación do servizo a Seaga, que estará obrigada a trasladalas á correspondente xefatura territorial da Consellería do Medio Rural, ou ben a esta última directamente. De tratarse dunha queixa, a xefatura territorial elaborará unha proposta de resolución que elevará á Dirección Xeral de Defensa do Monte para a súa resolución e notificación ao interesado no prazo máximo dun mes desde o seu traslado a aquela ou a súa recepción, en caso de presentación directa.

ANEXO III

Modelo de contrato de xestión da biomasa no marco do sistema público
de xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas nas redes de faixas secundarias de xestión de biomasa

En ..., a ... de ................ de 20...

Dunha parte, D/Dª ..., maior de idade, con DNI núm. ... e domicilio en ..., número de teléfono ..., enderezo de correo electrónico ..., actuando en nome propio/en nome e representación de ..., como acredita mediante copia de escritura de poder bastante (en diante, a persoa usuaria).

Doutra parte, a Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (en diante, Seaga), representada por D/Dª ...

Acordan formalizar o presente contrato, de xestión da biomasa, no marco do Sistema público de xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas nas redes de faixas secundarias de xestión de biomasa (en diante, o servizo), á persoa usuaria no predio con referencia catastral ..., situado no temo municipal de ... (en diante, o predio), baixo as seguintes

Cláusulas

Primeira. Obxecto do servizo

O servizo ten por obxecto a realización material dos traballos necesarios para dar cumprimento á obriga legal de xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas que corresponde á persoa usuaria no predio, de acordo coas instrucións técnicas impartidas pola Dirección Xeral de Defensa do Monte da Xunta de Galicia.

Segunda. Obrigas de Seaga

Seaga asume para todos os efectos legais a responsabilidade da xestión da biomasa vexetal e a retirada de especies arbóreas que correspondese á persoa usuaria no predio durante todo o prazo de vixencia deste contrato.

Como consecuencia, Seaga obrígase a:

a) Realizar anualmente os traballos necesarios para a xestión da biomasa vexetal e a retirada de especies arbóreas no predio, consonte as instrucións técnicas da Dirección Xeral de Defensa do Monte e nos prazos legalmente previstos, sendo responsable en todo caso da xestión e venda dos residuos e subprodutos de natureza forestal xerados durante o proceso.

b) Formalizar todos os requisitos administrativos preceptivos para a realización dos traballos a que se refire o parágrafo anterior. Para estes efectos, mediante este contrato a persoa usuaria atribúe a Seaga a súa representación ante as administracións públicas competentes.

c) Comunicar á persoa usuaria con antelación suficiente o comezo da realización dos traballos, así como o remate destes no prazo máximo de dez días hábiles desde que se produza.

Terceira. Obrigas da persoa usuaria

A persoa usuaria obrígase a:

a) Facilitar o acceso ao predio a que se refira o contrato do persoal e os medios facultados por Seaga para a prestación do servizo, logo de comunicación cursada por aquela.

b) Non obstaculizar a realización dos traballos necesarios para a prestación do servizo.

c) Aboar a tarifa prevista na cláusula quinta.

Cuarta. Duración do contrato

O contrato terá un prazo de vixencia que se estenderá desde a data da súa formalización ata o 31 de decembro de 2021, coincidente coa duración do Convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios forestais para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias, no que se soporta a prestación deste servizo. Así mesmo, a súa vixencia estará subordinada á do convenio de colaboración de que deriva.

Quinta. Tarifa pola prestación do servizo

1. A prestación do servizo realizarase a cambio dunha tarifa anual de ... euros, que é o resultado de multiplicar 0,0350 pola superficie do predio expresada en metros cadrados (... metros cadrados).

2. A tarifa aboarase a Seaga polos medios que esta determine, os cales deberán incluír necesariamente os medios electrónicos de pagamento enunciados no artigo 98.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O primeiro pagamento efectuarase dentro dos 10 días seguintes á comunicación da aceptación de Seaga e sinatura por esta do contrato de prestación do servizo. A eficacia deste contrato queda expresamente condicionada á realización do pagamento. Os pagamentos sucesivos efectuaranse no primeiro mes de cada ano natural en que se vaian levar a cabo os sucesivos traballos de prestación do servizo.

Nos casos de falta de pagamento da tarifa establecida no contrato, as cantidades debidas terán a consideración de créditos de dereito público, de acordo co previsto no artigo 39 da Lei 1/2015, cuxa recadación na vía executiva corresponderá aos órganos competentes da Administración, atendida a situación estatutaria das persoas destinatarias das prestacións e a responsabilidade última da Administración sobre a actividade.

Sexta. Responsabilidade de Seaga pola prestación defectuosa do servizo

A formalización dos contratos con Seaga determinará a asunción por esta das obrigas das persoas responsables da xestión da biomasa de acordo coa Lei 3/2007, sempre que as indicadas persoas responsables cumpran o previsto no réxime xurídico da actividade prestacional e no contrato.

Sétima. Causas de suspensión da prestación do servizo

Seaga poderá suspender a prestación do servizo en caso de incumprimento pola persoa usuaria das obrigas recollidas na cláusula terceira. A interrupción da prestación do servizo deixará en suspenso a asunción por Seaga da responsabilidade da xestión da biomasa vexetal e a retirada de especies arbóreas que correspondese á persoa usuaria desde que se lle comunique a esta por calquera medio que permita ter constancia da súa recepción. Así mesmo, Seaga comunicará ao concello correspondente a suspensión da prestación do servizo.

Oitava. Causas de resolución do contrato e finalización da prestación do servizo

1. Serán causas de resolución do contrato:

a) O incumprimento reiterado pola persoa usuaria das obrigas recollidas na cláusula terceira, apreciada por Seaga.

b) A desistencia da persoa usuaria, que dará dereito á devolución da tarifa, se se tivese aboado e non se tivesen realizado os traballos da anualidade a que corresponda.

2. A resolución do contrato comporta a finalización da prestación do servizo e, xa que logo, a recuperación pola persoa usuaria da responsabilidade da xestión da biomasa vexetal e a retirada de especies arbóreas desde que se lle comunique por calquera medio que permita ter constancia da súa recepción. Así mesmo, Seaga comunicará ao concello correspondente a finalización da prestación do servizo.

Novena. Suxestións e queixas da persoa usuaria

A persoa usuaria poderá presentar suxestións e queixas en relación coa prestación do servizo a Seaga, que estará obrigada a trasladalas á correspondente xefatura territorial da Consellería do Medio Rural, ou ben a esta última directamente.

Décima. Marco xurídico do presente contrato e normativa complementaria

O presente contrato baséase no Convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, publicado no Diario Oficial de Galicia do ......., para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias e na adhesión formalizada a este sistema polo concello en que se encontra o predio xestionado.

Polo exposto, o réxime xurídico do presente contrato intégrase co réxime xurídico do servizo establecido no anexo II do indicado convenio.

En particular, de acordo co disposto no artigo 33.1 da Lei 1/2015, de garantía de calidade no servizos públicos, será aplicable a regulación e garantías establecidas no seu artigo 111, e consideraranse servizo público as actividades de prestación previstas no presente contrato, desenvolvidas pola Administración xeral da Comunidade Autónoma, no exercicio das súas competencias de prevención de incendios e xestión da biomasa, que asume como propias en virtude do presente convenio e conxunturalmente mentres estea este en vigor, sen prexuízo das competencias locais e das obrigas asumidas por estas de acordo co convenio, e poñeraas, baixo a súa responsabilidade, á disposición da cidadanía.

A Administración autonómica, como Administración responsable da prestación da actividade prestacional, disporá, en todo caso, das potestades precisas para asegurar o bo funcionamento do servizo e garantir e regular a súa prestación, sen prexuízo do exercicio destas potestades, se é o caso, conforme os acordos adoptados na comisión de seguimento do convenio.

Sen prexuízo do indicado, as relacións dos destinatarios da actividade prestacional prevista neste contrato con Seaga, como xestora directa do servizo, terán natureza xurídico-privada.

O contido deste contrato integrarase co réxime xurídico dos servizos públicos de titularidade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia previsto no capítulo I do título III da Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración. En particular, á persoa usuaria seralle de aplicación o estatuto xeral das persoas usuarias recollido no artigo 38 da devandita lei.

Décimo primeira. Xurisdición competente

Para a resolución dos litixios que, de ser o caso, resulten deste contrato as parte sométense aos xulgados e tribunais con xurisdición no municipio de ..., con renuncia expresa aos que por foro propio lles puidesen corresponder.

E, en proba de conformidade, asinan este documento, en dobre exemplar e para un único efecto, no lugar e data indicados ao inicio.