Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Venres, 17 de xaneiro de 2020 Páx. 2245

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 17 de decembro de 2019 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o investimento na mellora das infraestruturas e do equipamento dos centros de protección de menores dependentes de entidades de iniciativa social e se convocan para o ano 2020, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia (2014-2020) (código de procedemento BS413A).

A Constitución española establece no seu artigo 39 a obriga dos poderes públicos de asegurar a protección social, económica e xurídica da familia e, en especial, dos menores de idade, de conformidade cos acordos internacionais que velan polos seus dereitos.

A Convención sobre os Dereitos do Neno, aprobada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1989, dispón no artigo 20 que os nenos temporal ou permanentemente privados do seu medio familiar, ou cuxo superior interese exixa que non permanezan nese medio, terán dereito á protección e á asistencia especiais do Estado.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, atribúelle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social, en consonancia coa habilitación competencial outorgada ás comunidades autónomas polo artigo 148.1.20 da Constitución española.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, indica, no seu artigo 58, que as competencias en materia de servizos sociais lle corresponderán á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e ás corporacións locais de Galicia, así como, se é o caso, ás demais entidades públicas previstas no Estatuto de autonomía de Galicia ou establecidas nesta lei. O artigo 59 establece entre as competencias da Xunta de Galicia a xestión de subvencións e outras axudas públicas que conceda a centros e entidades prestadoras de servizos sociais.

Pola súa banda, o artigo 40 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, establece que a planificación das políticas de apoio aos nenos, nenas e adolescentes inspirarase no principio de responsabilidade pública, así como nos de universalidade, pluralidade, participación, autonomía persoal e social e solidariedade. A actuación dos poderes públicos galegos no campo da asistencia e protección aos menores desenvolverase de forma integral, aunando, no posible, os recursos dispoñibles en accións coordinadas e, se é o caso, conxuntas. A xestión destes recursos levarase a cabo de acordo con criterios de descentralización e/ou desconcentración, de maneira que se favoreza a participación das distintas institucións, sexan públicas ou privadas, na súa xestión e a cercanía da Administración á cidadanía.

O artigo 21.2 da Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, na redacción dada pola Lei 26/2015, do 28 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia, indica, respecto dos centros de acollemento residencial que presten servizos dirixidos a menores no ámbito da protección, que deberán existir estándares de calidade e accesibilidade por cada tipo de servizo, así como que a entidade pública regulará o réxime de funcionamento dos centros de acollemento residencial, prestando especial atención á seguridade, sanidade e accesibilidade das persoas con discapacidade, e demais condicións que contribúan a asegurar os dereitos dos menores.

De conformidade co Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, atribúese á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica o exercicio das políticas públicas de apoio á familia e á infancia e, en particular, a protección e tutela das persoas menores en situación de risco ou desamparo, nos termos establecidos no Código civil, na Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, na Lei 13/2008, do 3 de decembro, na Lei 3/2011, do 30 de xuño, e no Decreto 42/2000, do 7 de xaneiro, polo que se refunde a normativa reguladora vixente en materia de familia, infancia e adolescencia.

Na procura deses obxectivos, considérase axeitado o establecemento de subvencións destinadas a entidades de iniciativa social para a prestación do servizo de acollemento residencial de menores.

A Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo VII no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito axeitado e dabondo no proxecto de Lei de orzamentos aprobado polo Consello da Xunta de Galicia do día 17 de outubro de 2019.

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da devandita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción. Para a finalidade da presente orde, existe no proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, nas aplicacións 13.02.313C.781.0 e 13.02.313C.781.1 crédito adecuado e suficiente.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Así mesmo, enmárcase no programa operativo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Galicia (Feder Galicia) para o período 2014-2020, de conformidade co disposto no artigo 125.3.e) do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello e no Regulamento (UE) nº 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego, e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia, o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas económicas ás entidades de iniciativa social que presten o servizo de acollemento residencial e/ou atención de día a menores baixo a protección da Xunta de Galicia a través da realización das obras menores e da compra do equipamento precisos, na consideración de que a mellora das infraestruturas e do mobiliario e recursos educativos utilizados son un factor básico de impulso da calidade da atención prestada. Código de procedemento BS413A.

Os centros e servizos obxecto de subvención en virtude desta convocatoria son aqueles establecementos que serven de soporte de convivencia para unha atención especializada a menores en situación de desamparo ou risco social, que ofrecen transitoriamente aloxamento, asistencia integral e unha dotación de servizos e programas especialmente orientados cara á normalización, personalización e integración socio-familiar dos seus beneficiarios.

2. Así mesmo, por medio desta orde, convócanse as ditas axudas para o ano 2020.

Artigo 2. Financiamento

1. Ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de seiscentos vinte e cinco mil euros (625.000 euros), que se imputarán ás aplicacións orzamentarias 13.02.313C.781.0 e 13.02.313C.781.1 do proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, para este fin, encadrándose dentro da Estratexia de inclusión social 2014-2020, aprobada polo Consello da Xunta de Galicia do 18 de decembro de 2014.

2. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

3. As axudas estarán cofinanciadas nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020:

• Obxectivo temático 9. Promover a inclusión social e loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación.

• Prioridade de investimento 9.7. O investimento en infraestruturas sociais e sanitarias que contribúan ao desenvolvemento nacional, rexional e local e reduzan as desigualdades sanitarias, e o fomento da inclusión social mediante unha mellora do acceso aos servizos sociais, culturais e recreativos e a transición dos servizos institucionais aos servizos locais.

• Obxectivo específico 9.7.1. Investimento en infraestrutura social e sanitaria que contribúa ao desenvolvemento nacional, rexional e local, e reduza as desigualdades sanitarias e transición dos servizos institucionais aos servizos locais.

• Actuación 9.7.1.2. Axudas para o investimento en centros de inclusión social e en centros de menores para a adaptación ás necesidades funcionais.

Están sometidas ao disposto no Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e no Regulamento (UE) nº 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego, e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006, así como ao previsto na Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. Poderán optar a estas axudas as entidades privadas de iniciativa social sen ánimo de lucro titulares dun ou máis centros de protección de menores que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia sempre que o/os centro/s para os que se solicita/n a axuda cumpra/n os requisitos establecidos no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o sistema de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia, no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, no Decreto 192/2015, do 29 de outubro, polo que se define a carteira de servizos sociais de familia, infancia e adolescencia, así como na normativa de desenvolvemento.

2. Non se poderá obter a condición de entidade beneficiaria destas subvencións cando concorra algunha das circunstancias ou prohibicións sinaladas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Todos os requisitos e condicións exixidos deberán cumprirse na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 4. Accións e gastos subvencionables e contía da axuda

1. De acordo co disposto no artigo 65.6 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, só serán subvencionables aquelas operacións que tendo comezado con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2020 non estean totalmente finalizadas no momento da presentación da solicitude de axuda e sexan efectivamente pagadas con anterioridade á finalización do período de xustificación previsto no artigo 19, relativas ás seguintes actuacións:

a) Obras menores de adecuación e mellora das infraestruturas dos centros de protección de menores, así como obras novas de escasa contía que melloren a accesibilidade ou doten o edificio de servizos necesarios. Para os efectos desta orde, consideraranse obras menores aquelas de escasa entidade, sinxeleza construtiva e pequena contía, que non precisan de proxecto técnico. A esta partida destinaranse 437.500 €.

b) Adquisición e mellora do equipamento preciso para o desenvolvemento da actividade, incluída a compra de mobiliario interior e exterior, de material didáctico e de xogo, de vehículos de transporte de seis ou máis prazas destinados aos desprazamentos dos usuarios do centro, dotación de conexión á internet e compra de dispositivos para a integración das novas tecnoloxías no centro como ordenadores, módems, impresoras, encerado dixital, gravadoras, cámaras de vídeo ou similares, comunicacións como acceso a redes, software vinculado ao desenvolvemento das actividades relacionadas coa xestión do servizo en concreto de que se trate. A esta partida destinaranse 187.500 €.

c) Non se admitirán bens de segunda man.

Os proxectos ou actuacións obxecto de subvención deberán estar comprendidos entre o 1 de xaneiro e o 20 de outubro de 2020.

2. As actuacións recollidas na letra b) deberán realizarse aplicando a perspectiva de xénero para asegurar que promoven o benestar equilibrado de nenas e nenos e unha construción da personalidade libre de estereotipos.

3. Considerarase subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) cando non sexa recuperable pola entidade solicitante.

O custo da adquisición dos gastos subvencionables non poderá ser superior ao valor de mercado.

Para seren subvencionables, os gastos deberán ser necesarios e corresponderse de maneira indubitada coa operación cofinanciada.

4. Financiarase ata o 100 % do investimento subvencionable:

a) Para realizar as obras menores recollidas no artigo 4.1.a) por unha contía mínima de 10.000 euros.

b) Para a adquisición e mellora de equipamento recollidas no artigo 4.1.b) por unha contía mínima de 5.000 euros e máxima de 10.000 euros.

5. De existir remanente nalgún dos dous tipos de axuda, poderá ser redistribuído e pasará a incrementar a consignación do outro tipo de axuda, co fin de esgotar o orzamento e alcanzar o maior número de actuacións, sempre que existan solicitudes que reúnan os requisitos establecidos.

6. En ningún caso serán subvencionables os gastos seguintes:

a) As actuacións de mantemento xeral das infraestruturas nin a mera substitución de materiais deteriorados polo uso.

b) O material consumible ou non inventariable, entendendo por tal aquel cuxa duración estimada sexa inferior a un ano.

c) Actuacións que fosen obxecto de subvención no ano 2018.

7. De acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE, do 26 de febreiro de 2014, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán presentarse na xustificación, deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Artigo 5. Procedemento e réxime de aplicación

O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 6. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. De acordo co disposto no artigo 65.11 do Regulamento (UE) n° 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, unha operación poderá recibir axuda dun ou varios fondos EIE ou dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión, a condición de que a partida de gasto incluída nunha solicitude de pagamento para o reembolso por un dos fondos EIE non estea subvencionada por outro fondo ou instrumento da Unión, nin polo mesmo fondo conforme a un programa distinto. O importe do gasto que deberá consignarse nunha solicitude de pagamento dun fondo EIE pode ser calculado para cada fondo EIE e para o programa ou programas de que se trate a pro rata, con arranxo ao documento en que se establezan as condicións da axuda.

2. No caso de percibírense outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

3. En ningún caso o importe das axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo do investimento.

4. As entidades solicitantes deberán presentar, xunto coa solicitude, unha declaración comprensiva de todas as axudas e subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma finalidade (anexo I), usando o formulario establecido para o efecto nesta orde, o cal terán que volver achegar actualizado no suposto de variar as circunstancias inicialmente declaradas.

Artigo 7. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado que figura como anexo I desta orde dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

3. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, a unidade ou organismo encargado da tramitación do expediente, requirirá a entidade solicitante para que no prazo máximo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará que desistiu da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo de que se dite resolución ao abeiro do artigo 21 desta lei.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. De conformidade co establecido na normativa de protección de datos, consultaranse os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Número de identificación fiscal (en diante, NIF) da entidade solicitante.

b) Permiso de inicio de actividades do centro para o que se solicita a subvención.

c) Certificados de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Instrución do procedemento

1. A instrución dos procedementos corresponde á Subdirección Xeral de Política Familiar, Infancia e Adolescencia, que realizará as correspondentes propostas de resolución.

2. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Instruído o procedemento e inmediatamente antes de ditar proposta de resolución, poñerase de manifesto ás entidades interesadas, para que no prazo de dez días poidan alegar e presentar os documentos e xustificacións pertinentes. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polas entidades interesadas.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, que non conteñan a documentación necesaria ou, de ser o caso, non a presenten nos modelos normalizados, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a correspondente proposta de resolución de xeito motivado.

6. No suposto de que algunha entidade non acepte a axuda ou renuncie a esta, o órgano instrutor poderá formular proposta de resolución complementaria, e propor a adxudicación do importe dispoñible ás solicitudes avaliadas pola comisión e que non acadaron axuda por límites orzamentarios, de acordo coa orde de puntuación obtida.

Artigo 11. Comisión de valoración

1. Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, unha vez instruídos os expedientes constituirase como órgano colexiado unha comisión de valoración que, de acordo cos criterios de baremación de solicitudes establecidos, realizará a selección e emitirá o correspondente informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada, indicando a puntuación e a axuda aplicable en cada caso.

A comisión rexerase polo establecido na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e mais na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, no relativo aos órganos colexiados, e estará formada polos seguintes membros:

a) A persoa titular da Subdirección Xeral de Política Familiar, Infancia e Adolescencia, que actuará como presidente/a.

b) A persoa titular da xefatura de Sección de Programación do Servizo de Protección de Menores.

c) Un/unha funcionario/a por proposta da persoa titular da presidencia, que actuará como secretario/a.

Se por calquera causa, algunha das persoas que compoñen a comisión de valoración non pode asistir cando esta se reúna para o exame das solicitudes, será substituída pola/o funcionaria/o designada/o para estes efectos pola persoa que exerza a presidencia.

No caso de ausencia da persoa que exerza a presidencia, será substituída pola persoa titular do Servizo de Protección de Menores.

2. Avaliadas as solicitudes segundo os criterios establecidos no artigo 12, a comisión de valoración emitirá un informe segundo o cal o órgano instrutor formulará a proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou denegación da subvención solicitada, propoñendo a concesión de subvención segundo a orde de puntuación e polo importe da axuda que corresponda ata esgotar o crédito dispoñible.

Artigo 12. Criterios de valoración de solicitudes

A comisión de valoración examinará as solicitudes presentadas e avaliaraas cun máximo de 100 puntos conforme os seguintes criterios:

A) Serán criterios xerais ata un máximo de 50 puntos:

1. Impacto, adecuación e repercusión da axuda solicitada segundo o número de usuarios que poden ser atendidos no centro:

1.1. Centro con 30 o máis prazas: 8 puntos.

1.2. Centro cun número inferior a 30 prazas: proporcionalmente ata 8 puntos.

2. Antigüidade na prestación do servizo de atención residencial ou de día.

2.1. Centros con 10 ou máis anos: 8 puntos.

2.2. Inferior a 10 anos: proporcionalmente ata 8 puntos.

3. Antigüidade media do persoal educador no centro.

3.1. Centros con 10 anos o máis de antigüidade media: 8 puntos.

3.2. Menos de 10 anos de antigüidade media: proporcionalmente ata 8 puntos.

4. Ocupación media do centro no ano 2019.

4.1. 95 % ou superior: 8 puntos.

4.2. Inferior a 95 %: proporcionalmente ata 8 puntos.

5. Sistema de avaliación da calidade do servizo de atención residencial ou de día de menores de protección.

5.1. Sistemas ISO, EFQM, ONG Calidade ou similares: 8 puntos.

5.2. Acreditación dun sistema de calidade propio con avaliación externa: 4 puntos.

6. Por non ter solicitada ou concedida unha subvención na convocatoria de axudas publicada no ano 2018: 10 puntos.

Os criterios dos números 1, 2, 4 e 6 comprobaranse de oficio pola Administración. Os criterios indicados nos números 3º e 5º serán acreditados mediante declaración responsable do representante legal da entidade en que se faga constar con claridade os datos referidos a cada punto. Os datos achegados deberanse poder acreditar documentalmente no suposto de ser requiridos pola Administración.

B) Criterios específicos ata un máximo de 50 puntos:

1. Tipo de axuda. Obras menores:

1.1. Que supoñan unha mellora nas condicións de habitabilidade como illamento térmico e acústico, calefacción, enerxía eléctrica, saneamento, fontanaría, etc.: 10 puntos.

1.2. Que supoñan eliminación ou mellora de barreiras arquitectónicas: 5 puntos.

1.3. Que supoñan unha ampliación ou mellora dos espazos educativos ou destinados ao lecer dos usuarios: 5 puntos.

1.4. Que supoñan unha reforma integral do centro, isto é, aquelas que afecten a todos os elementos ou estancias do centro: 5 puntos.

2. Tipo de axuda. Equipamentos:

2.1. Pola adquisición de vehículos destinados ao transporte dos usuarios do centro:

2.1.1. Con 8 prazas ou máis: 10 puntos.

2.1.2. Entre 6 e 8 prazas: 5 puntos.

2.2. Para equipamento do centro:

2.2.1. Moblaxe destinado aos espazos de uso habitual dos usuarios do centro: habitacións, comedor, aulas, etc.: 5 puntos.

2.2.2. Adquisición de grande electrodoméstico tipo lavadora, frigorífico, secadora, aspiradora, etc.: 5 puntos.

2.2.3. Equipamento tecnolóxico como ordenadores, módems, impresoras, encerado dixital, gravadoras, cámaras de vídeo ou similares, comunicacións como acceso a redes, software vinculado ao desenvolvemento das actividades relacionadas coa xestión do servizo en concreto de que se trate, etc.: 5 puntos.

No caso de empate na puntuación e co fin de determinar a orde de prelación, terá preferencia o centro que conte cun plan de igualdade, de acordo co establecido no artigos 67 do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade. Esta circunstancia acreditarase mediante certificación ou resolución do órgano administrativo correspondente e achegarase conforme o artigo 8. De persistir o empate, terá preferencia primeiro a entidade que obteña maior puntuación na epígrafe de criterios xerais, segundo, a que teña máis antigüidade na prestación do servizo e finalmente resolverase en función da data de presentación da solicitude.

Artigo 13. Resolución

1. As resolucións que procedan ao abeiro desta orde serán ditadas pola persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica que actuará por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social, despois da proposta do órgano instrutor. E no caso de que o seu contido sexa a concesión de subvención, trala correspondente fiscalización da proposta.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude por silencio administrativo. O prazo concluirá o mesmo día en que se produciu a publicación, no mes de vencemento. Se no mes de vencemento non hai día equivalente a aquel en que comeza o cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

3. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva e de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, as resolucións destas subvencións serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, a cal producirá os mesmos efectos da notificación. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como as solicitudes desestimadas con expresión sucinta dos motivos da desestimación.

4. Unha vez publicada a resolución das solicitudes no Diario Oficial de Galicia, por tratarse dunha axuda cofinanciada a través do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, cada entidade beneficiaria recibirá unha notificación electrónica de conformidade co disposto no artigo 14, co documento de condicións da axuda (DECA) que indicará a identificación da entidade beneficiaria, o obxecto da operación, a súa localización, os importes do custo total e da contribución pública, o calendario de execución, as obrigas específicas da entidade beneficiaria así como os demais requisitos previstos na norma comunitaria aplicable.

Así mesmo, informarase que a aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión das entidades beneficiarias na lista de operacións, que se publicará no portal da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda, co contido previsto no punto 1 do anexo XII e no artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013. http://www.dgfc.sepg.minhafp.gob.es/sitios/dgfc/es-ES/loFEDER1420/porFEDER/Paginas/inicio.aspx.

Artigo 14. Publicación e notificacións

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os actos administrativos de requirimento de emenda de documentación así como a correspondente resolución deste procedemento. Esta publicación producirá os efectos de notificación.

2. Complementariamente, as notificacións de actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. Para as notificacións electrónicas as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

5. As notificacións electrónicas entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Aceptación e renuncia

1. Notificada a resolución de concesión, a entidade beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez días (10) hábiles a súa aceptación, comprometéndose a executar a acción subvencionada nas condicións establecidas na presente convocatoria. No caso de non comunicar o dito aspecto no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada.

2. A renuncia á subvención poderase formular por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Os importes que, se é o caso, resultaren sobrantes por causa de renuncia poderán destinarse ao outorgamento de máis subvencións segundo o determinado nos artigos 10, 11, 12 e 13.

Artigo 16. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro da presente orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución, se esta fose expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución, se esta fose expresa, ou seis meses a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 17. Modificación da resolución

1. De acordo co disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras axudas ou subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Así mesmo, segundo o previsto no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, unha vez recaída a resolución de concesión, a entidade beneficiaria poderá solicitar a modificación do seu contido sempre que se respecte a actuación subvencionable e os requisitos ou circunstancias que determinaron a concesión.

Artigo 18. Obrigas das entidades beneficiarias

1. As entidades beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, cos requisitos e obrigas exixidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como coas condicións e obrigas establecidas nesta orde e demais que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación, en particular, as seguintes:

a) Executar e acreditar a realización da actuación que fundamenta a concesión da subvención e o cumprimento dos requisitos e das condicións desta ante o órgano que a concede, sen prexuízo da facultade da Consellería de Política Social de comprobar a realización material das actuacións.

b) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder e conservar toda a documentación relativa a esta subvención durante un período de tres anos que se contará a partir do 31 de decembro seguinte á presentación destas contas perante á Comisión Europea, data esta que se comunicará á persoa beneficiaria.

c) Ter unha permanencia mínima ininterrompida na actividade e manter as infraestruturas e equipamentos subvencionados destinados ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención por un período non inferior a cinco anos, contados desde o pagamento final ao beneficiario, tal como recolle o artigo 29.4.a) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 71 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013. O incumprimento deste requisito dará lugar á revogación da subvención, co reintegro das cantidades percibidas de xeito proporcional ao período do incumprimento e á exixencia dos xuros de demora legalmente establecidos desde o momento do pagamento da subvención. Ademais, deberá garantirse a durabilidade dos investimentos financiados con fondos Feder nos termos previstos no artigo 71 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013.

d) Facer constar en todo tipo de publicidade e información relativos aos programas e actuacións realizados a condición de subvencionados pola Xunta de Galicia e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional 2014/2020, segundo o establecido no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e mais nos artigos 3 a 5 do Regulamento de execución (UE) núm. 821/2014 polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) núm. 1303/2013.

e) Informar o público durante un período non inferior a cinco anos de que a infraestrutura está financiada pola Xunta de Galicia e polo Feder, así como dos obxectivos dos fondos. No lugar de prestación do servizo colocarase nun lugar destacado e visible un cartel informativo dun tamaño mínimo A3 no cal aparezan os anagramas da Xunta de Galicia e do Feder.

f) Efectuar a xustificación para a percepción da axuda conforme o establecido nesta orde.

g) Facilitar toda a información que lles requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

h) Someterse ás actuacións de comprobación e control e facilitar toda a información requirida pola Consellería de Política Social, polos órganos verificadores que se establezan en aplicación dos artigos 72, 73 e 74 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

i) Comunicarlle á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, e non superar as porcentaxes máximas de acumulación establecidas na normativa comunitaria europea.

j) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, estar ao día nas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Cando as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, desen como resultado que o/a solicitante ou o/a beneficiaria ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase para que regularice a situación e presente por si mesma os correspondentes certificados.

k) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

l) Todas aquelas obrigas e requisitos que se desprendan do articulado desta orde e dos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e da súa normativa de desenvolvemento.

m) Obriga de informar ao mesmo tempo que se xustifican os custos sobre o nivel de logro do indicador de produtividade asociado a esta convocatoria. Este indicador é o seguinte: identificador: E036, nome: poboación beneficiada pola actuación de infraestrutura ou equipamento social.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 19. Xustificación da subvención

1. A actuación executada deberá coincidir co contido da resolución de concesión da subvención e, se é o caso, coas modificacións autorizadas e deberá acreditarse o cumprimento das obrigas establecidas na normativa aplicable.

Só se considerará gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do prazo de xustificación determinado neste artigo.

2. Con base no establecido no título III, artigo 48, do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e tendo en conta o obxecto e a natureza destas axudas, as persoas beneficiarias con cada solicitude de pagamento (anexo II) deberán presentar a seguinte documentación:

a) Certificación da persoa que exerza a representación legal do centro beneficiario da axuda, en que se especifique a cantidade exacta do gasto realizado na finalidade obxecto da axuda.

b) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

c) Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e de pagamento.

d) Copia das facturas, ou documentos de valor probatorio equivalente do total dos gastos realizados.

e) Acreditación documental, material e/ou gráfica como fotografías, fotocopias, captura de pantallas ou similares do cumprimento da obriga de información e publicidade do financiamento público da acción subvencionada.

f) Nas subvencións para obras menores superiores a 60.000 euros, deberán presentar copia da acta de conformidade asinada tanto polo representante da Administración como polo beneficiario.

3. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento polo órgano concedente, quedando constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada, tanto polo representante da Administración como polo beneficiario. A comprobación material definida no parágrafo anterior poderase encomendar a outro órgano distinto do que concedeu a subvención.

Se a entidade beneficiaria denega expresamente ao órgano xestor a autorización para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, deberá achegar a documentación acreditativa de estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma.

De acordo co artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias, asinados e selados, onde deberán constar claramente identificados o receptor e emisor do pagamento, o número de factura obxecto do pagamento e a súa data.

4. A documentación correspondente á xustificación do investimento realizado presentarase de forma electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/portada).

5. Requisitos formais das facturas:

a) Deberán ser orixinais ou fotocopias compulsadas e cada factura deberá conter unha explicación detallada do gasto en relación coa acción subvencionada, así como o prezo unitario de cada actividade da acción realizada, aplicable igualmente para o caso de subcontratar cun terceiro a execución parcial ou total.

b) Conterán os datos identificativos do expedidor: nome, apelidos, denominación ou razón social, NIF e enderezo, así como do destinatario, que deberá ser a entidade subvencionada.

c) Incluirán o IVE correspondente ou o imposto equivalente. Cando a cota se repercuta dentro do prezo, deberá indicarse IVE incluído, así como o lugar e a data.

d) Xuntarase o comprobante bancario do seu pagamento, orixinal ou fotocopia compulsada.

Se a transferencia engloba varias facturas, achegarase a relación destas. Non se admitirán xustificantes de aboamento en metálico. Os pagamentos mediante transferencia bancaria, salvo que sexan telemáticos, deberán vir conformados ou verificados pola entidade bancaria.

e) As facturas deberán indicar a conformidade da entidade beneficiaria coa prestación recibida. Esta conformidade manifestarase mediante selo para o efecto na propia factura.

6. A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 20 de outubro de 2020.

Artigo 20. Pagamento

O pagamento da subvención realizarase logo da xustificación polo beneficiario da realización da actividade para a cal se concedeu, nos termos establecidos nesta orde.

Poderanse realizar pagamentos anticipados que supoñerán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, de acordo coas condicións establecidas no artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. A entidade beneficiaria poderá solicitar o importe do pagamento anticipado, unha vez publicada a resolución de concesión da axuda, ata un máximo do 50 % da axuda concedida, sempre que este anticipo non supere 18.000 euros.

Artigo 21. Incumprimento, revogación e reintegro de axudas

1. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida calquera incumprimento das obrigas previstas no artigo 17 e concretamente:

a) O incumprimento da finalidade ou do obxectivo para a que se concedeu a subvención ou da obriga de xustificar a realización da actuación e a non permanencia mínima da actividade subvencionada, tendo en conta o disposto no artigo 71 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013.

b) A obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

c) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, ou incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos.

2. Dará lugar ao reintegro parcial da subvención concedida:

a) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas e os investimentos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos Feder que suporá a perda dun 2 % da subvención concedida.

b) Non dar publicidade ao financiamento dos investimentos que sexan obxecto de subvención, de acordo co establecido no artigo 17.1.c) que suporá a perda dun 2 % da subvención concedida.

c) Non comunicar a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención que suporá a perda dun 5 % da subvención concedida. Esta porcentaxe do 5 % aplicarase, de ser o caso, unha vez descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

d) Non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período de 5 anos suporá o reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período en que se incumprise este requisito.

No caso de condicións que constitúan obrigas que a entidade beneficiaria debe acreditar en fase de xustificación, tales como obrigas de publicidade ou comunicación doutras axudas, estas deberán xustificarse, en todo caso, para poder proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso de que se detecte en controis posteriores ao pagamento algún incumprimento relativo ás ditas obrigas.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os puntos anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

4. Con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as persoas beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro.

Esta devolución efectuarase mediante ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia ES82-2080-0300-87-3110063172, segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación, e o importe incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 22. Infraccións e sancións

Ás persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 23. Control e verificación

1. O órgano competente para conceder a subvención comprobará a axeitada xustificación da subvención así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención.

2. A Consellería de Política Social levará a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das obrigas derivadas desta orde e demais normativa aplicable.

3. Ademais do anterior, todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos establecidos no título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas. Tamén quedarán suxeitas ás verificacións previstas no artigo 125.5 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 e aos demais controis que procedan por mor do financiamento no marco do Programa operativo FSE Galicia 2014-2020 incluídas as visitas sobre o terreo.

Artigo 24. Publicidade e información

1. Ao tratarse de subvencións cofinanciadas con fondos estruturais da Unión Europea, a entidade beneficiaria deberá cumprir os seguintes requisitos de publicación e comunicación:

a) Recoñecer en todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo o apoio da Xunta de Galicia e do Feder ao proxecto, incluíndo a imaxe institucional da Xunta de Galicia e mostrando:

1º. O emblema da Unión e unha referencia á Unión Europea.

2º. Referencia ao Fondo Feder que dá apoio ao proxecto.

3º. Referencia ao lema do Fondo «Unha maneira de facer Europa».

b) Durante a realización do proxecto e durante o período de duración dos compromisos de mantemento do investimento:

1º. Mostrar unha breve descrición do proxecto na páxina de inicio do seu sitio da internet, no caso de que dispoña dun, de xeito proporcionado ao nivel de apoio prestado, dos seus obxectivos e resultados e destacando o apoio financeiro da Xunta de Galicia e da Unión.

2º. Colocar, polo menos, un cartel con información sobre o proxecto, dun tamaño mínimo A3, en que se mencionará a axuda financeira da Xunta de Galicia e da Unión, nun lugar visible para o público, por exemplo, na entrada do edificio.

c) De facer uso de aplicacións informáticas, deberán facerse as citadas referencias na zona de inicio ou menú principal da aplicación informática, así como na epígrafe de información da aplicación: «axuda», «acerca de» ou similares; así mesmo, cando se elaboren materiais divulgativos do recurso deberán constar na contraportada das devanditas publicacións as citadas referencias.

2. No portal da Consellería de Política Social informarase das características do devandito cartel e dos logos e lendas de obrigada inclusión, de acordo cos artigos 3 a 5 do Regulamento de execución (UE) 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo.

3. No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, programa e crédito orzamentario, listaxe de beneficiarias, nome das operacións, contía de fondos públicos asignados a cada operación e finalidade da subvención, en aplicación do disposto no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Do mesmo xeito, de conformidade co previsto no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 25. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información necesaria.

Artigo 26. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código BS413A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, nos servizos de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social; a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos, ou do portal de Política Social http://politicasocial.xunta.gal, dos teléfonos 012, no enderezo electrónico proteccionmenores@xunta.gal, ou de xeito presencial.

Artigo 27. Medidas antifraude

Ao abeiro do disposto no Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, ao cal están sometidas estas axudas, calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total o parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servicio Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración del Estado, por medios electrónicos, a través da canle habilitada para o efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf.

Disposición adicional primeira. Tramitación anticipada

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da devandita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Disposición adicional segunda. Límite orzamentario

A concesión das axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito orzamentario consignado para estes fins. En todo caso, as actuacións que se subvencionen deberán realizarse dentro do exercicio económico de 2020.

Disposición adicional terceira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións do conselleiro de Política Social na persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamento, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición adicional cuarta. Información básica sobre protección de datos persoais

1. Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia –Consellería de Política Social e Consellería de Facenda– coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá, todo iso de conformidade coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

2. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

3. Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia. En todo caso, remitiranse á Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos da Consellería de Facenda coa finalidade de realizar a xestión, seguimento, control, coordinación e estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europea e á Dirección competente da xestión de fondos comunitarios no Ministerio de Facenda co contido previsto no anexo XII do Regulamento (UE) núm. 1303/2013.

4. Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

5. As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o ditado de instrucións

Autorízase a directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para ditar as instrucións necesarias para o desenvolvemento desta orde, as cales serán obxecto de publicación no Portal de Política Social.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2019

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file