Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Martes, 28 de xaneiro de 2020 Páx. 5538

VI. Anuncios

c) Outros anuncios

Fundación Galicia Europa

ANUNCIO do 27 de decembro de 2019 polo que se convocan cinco bolsas para a realización de prácticas en asuntos relacionados coa Unión Europea (código de procedemento PR770N).

O 20 de decembro de 2018 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 7 de decembro de 2018 pola que se autoriza a Fundación Galicia Europa a conceder subvencións e se aproban as bases reguladoras para a concesión de bolsas de formación, dirixidas a persoas cun título universitario ou cun título de técnico superior de formación profesional, para a realización de prácticas en asuntos relacionados coa Unión Europea.

Segundo o establecido no artigo 15 dos estatutos da Fundación Galicia Europa, en ausencia do presidente da fundación, corresponde ao vicepresidente asinar as convocatorias públicas das axudas, subvencións e bolsas formativas da fundación.

Á vista do anteriormente exposto,

DISPOÑO:

Primeiro. Obxecto e finalidade

1. O obxecto deste anuncio é convocar, en réxime de concorrencia competitiva, catro bolsas dirixidas a persoas cun título universitario e unha dirixida a persoas cun título de técnico superior de formación profesional, para a realización de prácticas en asuntos relacionados coa Unión Europea, de conformidade coas bases reguladoras establecidas no anexo I da Orde do 7 de decembro de 2018, publicadas no DOG do 20 de decembro, pola que se autoriza a Fundación Galicia Europa a conceder subvencións e se aproban as bases reguladoras para a concesión de bolsas de formación, dirixidas a persoas cun título universitario ou cun título de técnico superior de formación profesional, para a realización de prácticas en asuntos relacionados coa Unión Europea (en diante, bases reguladoras).

2. O código asignado a este procedemento administrativo é o PR770N, mediante o cal se facilitará a identificación e o acceso para a tramitación destas axudas ás persoas interesadas na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Segundo. Duración, número, modalidades e lugar de realización das bolsas

1. O programa formativo das bolsas terá unha duración de 12 meses.

2. Número, modalidades e lugar de realización das bolsas.

a) Tres bolsas destinadas a persoas cun título universitario para a súa formación en asuntos comunitarios desde unha perspectiva galega.

Unha delas desenvolverase na oficina da Fundación Galicia Europa (en diante, FGE) en Santiago de Compostela e dúas na oficina de Bruxelas.

b) Unha bolsa destinada a persoas cun título universitario para a súa formación en comunicación das políticas comunitarias e da participación galega en asuntos europeos, con destino na oficina de Bruxelas.

c) Unha bolsa destinada a persoas cun título de técnico superior de formación profesional para a realización de prácticas de secretariado e apoio administrativo con destino na oficina de Bruxelas.

Terceiro. Contía e financiamento das bolsas

1. O importe total destas bolsas é de 83.000 €, coa seguinte distribución:

a) Retribucións brutas e axudas de desprazamento para gastos de viaxe (pagamentos aos bolseiros): 80.000 €.

b) Seguridade Social: 3.000 €, en cumprimento do establecido no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social (BOE núm. 259, do 27 de outubro).

2. O importe total de cada bolsa distribuirase do seguinte xeito:

a) Para as bolsas con destino na oficina da FGE en Santiago de Compostela:

– Retribución bruta (pagamento ao bolseiro): 13.200 €.

– Seguridade Social: 600 €.

b) Para as bolsas con destino na oficina da FGE en Bruxelas:

– Retribución bruta (pagamento ao bolseiro): 16.200 €.

– Axuda de desprazamento para gastos de viaxe (pagamento ao bolseiro): 500 €.

– Seguridade Social: 600 €.

3. O financiamento destas bolsas enmárcanse na epígrafe de gastos por axudas e outros, axudas monetarias, con cargo á conta 65001 Axudas monetarias individuais, na cal existe crédito adecuado e suficiente no orzamento da FGE, coa seguinte distribución:

Conta

2020

2021

Total

65001

69.500

13.500

83.000

Cuarto. Requisitos das persoas beneficiarias para obter a bolsa

Poderán optar á obtención das bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:

1. Ter a nacionalidade española ou ser nacional dun Estado membro da Unión Europea.

2. Ser natural de Galicia, ser fillo/filla de galegos ou acreditar, mediante empadroamento, residencia en Galicia polo menos desde os dous anos anteriores á publicación da convocatoria.

3. Posuír o título académico necesario ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición. Os estudos conducentes á obtención do título deberán terse rematado dentro dos seis anos anteriores ao da publicación da convocatoria.

a) Para as bolsas de formación en asuntos comunitarios desde unha perspectiva galega é necesario posuír un título universitario de grao, licenciado/a, enxeñeiro/a ou equivalente.

b) Para as bolsas de formación en comunicación das políticas comunitarias, das actividades da FGE e da participación galega en asuntos europeos, é necesario posuír un grao ou licenciatura en xornalismo, comunicación audiovisual ou publicidade e relacións públicas.

c) Para as bolsas para a realización de prácticas de secretariado e apoio administrativo é necesario posuír un título de técnico superior de formación profesional na familia profesional de administración e xestión (administración e finanzas, asistencia a dirección ou secretariado).

4. Posuír a capacidade funcional necesaria para o desempeño das funcións que deriven do obxecto desta bolsa.

5. Non estar incursas nas prohibicións para obter a condición de persoa beneficiaria sinaladas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño).

6. Non ter gozado anteriormente doutra bolsa da FGE en convocatorias anteriores, excepto que na convocatoria do ano inmediatamente anterior fose chamada da lista de suplentes e gozase da bolsa por un período de tempo non superior a tres meses.

Quinto. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal de acordo co artigo 10.2 e 10.3 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

2. Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluido o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Sexto. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas solicitantes deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Copia do pasaporte, no caso de nacionais da Unión Europea residentes fóra de España e que non posúan NIE.

b) Copia do libro de familia ou documento equivalente para aqueles solicitantes que pretendan acreditar a filiación de proxenitores galegos.

c) Xustificación do pagamento dos dereitos de expedición da titulación correspondente (no caso de non estar en posesión do título universitario ou de formación profesional).

d) Copia da homologación ou validación do título pola Administración educativa española, no caso de presentar un título académico estranxeiro.

e) Currículo: preferentemente en formato Europass.

f) Anexo III xunto coa copia dos documentos acreditativos dos méritos alegados relacionados nese anexo.

– O expediente académico acreditarase mediante copia da certificación académica dos estudos realizados, na cal consten as materias cursadas, as cualificacións obtidas e a nota media do expediente, calculada segundo o sistema establecido no Real decreto 1125/2003, do 5 de setembro, polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de calificacions nas titulaciones universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional para estudos universitarios, ou normativa que o modifique; ou segundo o sistema establecido na Orde do 12 de xullo de 2011 pola que se regulan o desenvolvemento, a avaliación e a acreditación académica do alumnado das ensinanzas de formación profesional inicial, ou normativa que os modifique.

– Os cursos relacionados co obxecto da bolsa acreditaranse mediante o correspondente título ou certificados de participación nas actividades formativas. Non se terán en conta os cursos que non acrediten as horas de duración ou os inferiores a 20 horas lectivas, nin os diplomas relativos a xornadas, seminarios, simposios e similares.

– O coñecemento do idioma galego acreditarase mediante o Celga 4, Celga 3 ou titulación equivalente, só no caso de non seren expedidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

– O coñecemento de idiomas estranxeiros acreditarase mediante os documentos a que fai referencia a Orde do 21 de xuño de 2016, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (DOG núm. 128, do 7 de xullo).

– Sen prexuízo dos puntos anteriores, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos e aclaracións resulten procedentes para a tramitación do procedemento.

Non se valorarán os cursos e idiomas que formen parte do plan de estudos dunha titulación académica.

Os méritos que non estean acreditados non se computarán e non procederá o requirimento. Así mesmo, non se terán en conta aqueles méritos obtidos con posterioridade á data de finalización do prazo de presentación das solicitudes.

2. Os documentos presentados en lingua distinta ao español, galego, inglés, francés ou portugués deberán xuntarse cunha tradución xurada.

3. Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

Sétimo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes e da documentación complementaria será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.

Oitavo. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Consulta de títulos oficiais universitarios.

d) Consulta de títulos oficiais non universitarios.

e) Datos de residencia con data de última variación padroal.

f) Celga 4, Celga 3 ou titulación equivalente, se están expedidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegaren os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Noveno. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Décimo. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efecutadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e, entenderán rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo primeiro. Información aos interesados

1. Sobre este procedemento administrativo (PR770N) poderase obter información adicional a través dos seguintes medios:

a) Na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal

b) Na páxina web da Fundación Galicia Europa: http://www.fundaciongaliciaeuropa.eu/

c) Nos enderezos electrónicos:

santiago@fundaciongaliciaeuropa.eu ou bruselas@fundaciongaliciaeuropa.eu

d) No teléfono: 981 54 10 12 ou +32 (0) 27 35 54 40.

e) Persoalmente no enderezo da FGE:

En Santiago de Compostela: rúa do Hórreo 61.

En Bruxelas: Rue de la Loi/Wetstraat 38 - 2°, bte. 2.

2. Para dúbidas relacionadas con dificultades técnicas ou de carácter xeral poderán facer as súas consultas no teléfono de información da Xunta de Galicia 012, ou no correo electrónico 012@xunta.es

Décimo segundo. Criterios de adxudicación

A Comisión avaliará as solicitudes admitidas en dúas fases, de modo simultáneo para as distintas modalidades de bolsas, de acordo cos seguintes criterios:

I. Persoas con título universitario.

As fases son comúns para os candidatos ás bolsas de formación en seguimento de asuntos relacionados coas institucións comunitarias e coas súas políticas e á bolsa de formación en comunicación.

1. Primeira fase: valoración de méritos. Máximo 40 puntos.

Formación

Puntuación

Puntuación máxima na epígrafe

Expediente académico

Nota media do expediente, calculada segundo o sistema establecido no Real decreto 1125/2003 (de 0 a 10) ou normativa que o modifique: ata 10 puntos.

10

Estudos preferentes

Por estar en posesión dalgunha/s da/das seguinte/s titulación/s:

Grao ou licenciatura en dereito, dirección e xestión pública, ciencias políticas e da Administración, relacións internacionais e economía.

– Primeiro grao ou licenciatura: 5 puntos.

– Segundo grao ou licenciatura: 2 puntos.

7

Mestrado

Mestrado universitario en asuntos europeos ou relacións internacionais: 6 puntos.

6

Cursos relacionados cos ámbitos obxecto das bolsas

–Cursos de duración igual ou superior a 20 horas e ata 74 horas: 0,50 puntos por curso.

–Cursos de duración igual ou superior a 75 horas: 1 punto por curso.

– Cursos de duración igual ou superior a 120 horas: 2 puntos por curso.

5

Lingua galega

Celga 4 ou titulación equivalente ou superior: 2 puntos.

2

Linguas inglesa e francesa

– Nivel B2: 3 puntos.

– Nivel C1: 4 puntos.

– Nivel C2: 5 puntos.

As puntuacións por niveis dunha mesma lingua non son acumulativas.

Aplicaranse 5 puntos nesta epígrafe aos graos ou licenciaturas en filoloxía ou traducción e interpretación das linguas referidas.

10

Pasarán á seguinte fase, a entrevista persoal, os nove primeiros clasificados na modalidade de asuntos e políticas europeas e os 6 primeiros clasificados na modalidade de comunicación das políticas comunitarias, por orde decrecente de puntuación. En caso de empate nas posicións novena e sexta respectivamente, pasarán todas as persoas aspirantes que teñan esa mesma puntuación.

2. Segunda fase: entrevista persoal. Máximo 10 puntos.

As persoas candidatas seleccionadas serán convocadas a unha entrevista na cal se valorará o coñecemento xeral e de actualidade sobre asuntos europeos da persoa aspirante e a súa capacidade de adaptación e de traballo en equipo, especialmente nun contorno multicultural e multilingüe. A Comisión de Valoración poderá efectuar preguntas en lingua inglesa e/ou francesa.

II. Persoas cun título de técnico superior de formación profesional.

1. Primeira fase: valoración de méritos. Máximo 40 puntos.

Formación

Puntuación

Puntuación máxima na epígrafe

Expediente académico

Nota media do expediente, calculada segundo o sistema establecido na Orde do 12 de xullo de 2011 ou normativa que o modifique: ata 10 puntos.

10

Titulación

Título de técnico superior en márketing e publicidade, comercio internacional, na familia profesional de informática e comunicacións, ou equivalente: 5 puntos por titulación.

10

Cursos relacionados con asuntos europeos

– Cursos de duración igual ou superior a 20 horas e ata 74 horas: 0,50 puntos por curso.

– Cursos de duración igual ou superior a 75 horas: 1 punto por curso.

5

Cursos de ofimática e cursos relacionados co ámbito obxecto da bolsa

– Cursos de duración igual ou superior a 20 horas e ata 74 horas: 0,50 puntos por curso.

– Cursos de duración igual ou superior a 75 horas: 1 punto por curso.

5

Lingua galega

– Celga 3 ou titulación equivalente: 1 punto.

– Celga 4 ou titulación equivalente: 2 puntos.

2

Linguas inglesa e francesa

– Nivel B1: 3 puntos.

– Nivel B2 ou superior: 4 puntos.

As puntuacións por niveis dunha mesma lingua non son acumulativas.

8

Pasarán á segunda fase, a entrevista persoal, os primeiros catro clasificados por orde decrecente de puntuación. En caso de empate na cuarta posición, pasarán todas as persoas candidatas que teñan esa mesma puntuación.

2. Segunda fase: entrevista persoal. Máximo 10 puntos.

As persoas candidatas seleccionadas serán convocadas a unha entrevista na cal se valorará o coñecemento xeral sobre a organización dunha oficina e a capacidade de adaptación e de traballo en equipo, especialmente nun contorno multicultural e multilingüe. A comisión de Valoración poderá efectuar preguntas en lingua inglesa e/ou francesa.

Décimo terceiro. Comisión de Valoración

1. Dentro dos quince días naturais seguintes ao da publicación da correspondente convocatoria das bolsas, o director da FGE designará unha comisión de valoración que será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes de acordo cos criterios de adxudicación sinalados no artigo anterior, así como de elevar ao órgano instrutor a proposta de concesión ou denegación das bolsas.

O seu funcionamento rexerase polo disposto na sección 3ª do capítulo I, do título I, da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ou normativa que a modifique.

2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

Presidencia: a directora da oficina da FGE en Bruxelas ou persoa en quen delegue.

Secretaría: a persoa titular da Subdirección Xeral de Relacións coa Unión Europea da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou persoa en quen delegue.

Vogais: ata un máximo de tres vogais que serán designados entre o persoal da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE e FGE.

A composición da Comisión de Valoración farase pública na páxina web da FGE http://www.fundaciongaliciaeuropa.eu/

3. A Comisión poderá estar asesorada polo persoal técnico que considere necesario, o cal asistirá ás sesións con voz pero sen voto.

Décimo cuarto. Órganos competentes para a instrución e resolución do procedemento

1. A competencia para resolver as solicitudes de concesión corresponderalle ao director da FGE.

2. O órgano instrutor do procedemento será a Subdirección Xeral de Relacións coa Unión Europea.

3. A instrución e tramitación do procedemento establécese no artigo 14 das bases reguladoras.

4. O prazo máximo para a tramitación e resolución da concesión das bolsas será de catro meses, desde a data de publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que se ditase resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender rexeitadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Décimo quinto. Recursos

A resolución do director da FGE non pon fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación.

Décimo sexto. Xustificación e pagamento das bolsas

1. As axudas de desprazamento serán aboadas con anterioridade á primeira mensualidade das retribucións brutas, teñen a consideración de pagamentos anticipados e non exixen a constitución de garantías de acordo co artigo 65 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Estes desprazamentos xustificaranse no prazo dun mes dende a súa realización e acreditaranse mediante facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa.

2. As retribucións brutas aboaranse en 12 mensualidades ao final de cada mes pola parte proporcional que corresponda e tras descontar as retencións do IRPF e a cota obreira da Seguridade Social, sempre que non haxa algunha incidencia no seu desenvolvemento.

A xustificación debe presentarse con carácter previo aos pagamentos mediante a presentación da seguinte documentación:

a) Unha declaración responsable da obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

b) Unha declaración responsable de que están ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

c) Os informes que xustifiquen a actividade realizada durante o mes.

Décimo sétimo. Transparencia e bo goberno

De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a FGE publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Décimo oitavo. Información básica sobre a protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Fundación Galicia Europa, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información dos contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, esta circunstancia reflectirase no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2019

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente da Fundación Galicia Europa

missing image file
missing image file
missing image file