Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Xoves, 30 de xaneiro de 2020 Páx. 6045

III. Outras disposicións

Consello de Contas de Galicia

RESOLUCIÓN do 20 de xaneiro de 2020 pola que se dá publicidade á oferta de emprego público para o ano 2020.

Con data do 15 de xaneiro de 2020, o Pleno do Consello de Contas de Galicia aprobou a oferta de emprego público para o dito ano.

Para o seu coñecemento xeral e vixencia, o acordo prevé a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Dando cumprimento á dita previsión e ao abeiro das competencias que me corresponden consonte o artigo 10 do Regulamento de réxime interior do Consello de Contas,

DISPOÑO:

Dar publicidade ao Acordo do Pleno da Institución, do 15 de xaneiro de 2020, polo que se aprobou a oferta de emprego público para o ano 2020 do Consello de Contas de Galicia, que se incorpora como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2020

José Antonio Redondo López
Conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia

ANEXO

Acordo do Pleno do Consello de Contas de Galicia, do 15 de xaneiro de 2020 polo que se aproba a oferta de emprego público para o ano 2020

A disposición transitoria terceira da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas de Galicia (LCCG), introducida pola Lei 9/2017, do 26 decembro, de medidas fiscais e administrativas, autoriza o Consello de Contas a convocar, con carácter extraordinario e por unha soa vez, co fin de conseguir a estabilidade no emprego público no ámbito da Institución, un proceso selectivo de consolidación de emprego de prazas de auxiliar administrativo de carácter estrutural, dotadas orzamentariamente e que se atopen desempeñadas interinamente con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2005.

Consonte a dita disposición, a convocatoria deberá axustarse ás previsións contidas na disposición transitoria cuarta do texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, e respectar os límites e requisitos fixados pola normativa básica estatal.

Ao estar incluído na taxa autorizada para a estabilización do emprego temporal, o proceso de consolidación respecta os límites establecidos na Lei 6/2018, do 3 de xullo, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2018, prorrogados no ano 2019 e 2020, e no artigo 12.2 da Lei 6/2019, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020.

A competencia para aprobar a oferta de emprego público correspondente ao dito proceso está atribuída ao Pleno do Consello de Contas de Galicia polo parágrafo 2 da disposición transitoria terceira da LCCG.

En virtude do exposto, unha vez negociados os criterios xerais coas organizacións sindicais, o Pleno do Consello de Contas adopta o seguinte

ACORDO:

Artigo 1. Aprobación da oferta de emprego público

Apróbase a oferta de prazas de consolidación de emprego do Consello de Contas para o ano 2020 nos termos que se establecen neste acordo.

Artigo 2. Cuantificación da oferta de emprego público

Ofértase a totalidade das prazas de auxiliar administrativo da relación de postos de traballo do Consello de Contas que están desempeñadas interinamente con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2005. No anexo figuran as prazas que se convocarán e detállase a súa distribución entre cotas.

Artigo 3. Criterios xerais de aplicación no proceso selectivo

1. O proceso de consolidación realizarase polo sistema de concurso-oposición e garantirá o cumprimento dos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade.

2. O contido das probas gardará relación cos procedementos, tarefas e funcións habituais dos postos obxecto da convocatoria. Na fase de concurso valoraranse, entre outros méritos, os servizos prestados nas administracións públicas e a experiencia en postos de traballo obxecto da convocatoria. A puntuación da fase de concurso acadará a porcentaxe legal máxima.

3. O órgano cualificador actuará de acordo co principio de transparencia. Nas actas das súas reunións e dos exercicios realizados deixarán constancia de todo acordo que afecte a determinación das cualificacións outorgadas aos exercicios.

Os criterios xerais e aspectos que se considerarán na valoración dos exercicios que non estean expresamente establecidos nas bases da convocatoria difundiranse antes da realización da proba.

4. A composición do órgano de selección aterase ao establecido no artigo 59 da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia (LEPG), a que remite o artigo 17 da LCCG, e garantirá a paridade entre mulleres e homes.

O órgano de selección aplicará na súa actuación principios de austeridade e axilidade á hora de ordenar o proceso selectivo.

Artigo 4. Persoas con discapacidade

1. De conformidade co artigo 48 da LEPG, debe reservarse un mínimo do 7 % das vacantes ofertadas para persoas con discapacidade, considerando como tales as definidas no número 2 do artigo 4 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, sempre que superen o proceso selectivo e acrediten a súa discapacidade, así como a compatibilidade no desempeño das súas funcións. Cando resulten fraccións decimais, redondearase por exceso para o seu cómputo.

Para dar cumprimento ao establecido no número anterior, establécese a reserva dunha praza, que representa o 12,5 % das vacantes ofertadas. Dada a imposibilidade de distribuír un só posto entre persoas con discapacidade intelectual e persoas con outro tipo de discapacidade como prevé o artigo 48.2 da LEPG, óptase por incluír na reserva persoas con discapacidade sen distinción de tipo.

2. Nas probas selectivas estableceranse, para as persoas con discapacidade que o soliciten, as adaptacións razoables de tempo e medios para a súa realización, de acordo co disposto na Orde PRE/1822/2006, do 9 de xuño.

3. A praza reservada convocarase conxuntamente coas prazas ordinarias, garantindo en todo caso o carácter individual dos procesos.

4. No suposto de que algún aspirante con discapacidade que se presente pola cota de reserva supere os exercicios e non obteña praza na dita cota, sendo a súa puntuación superior á obtida por outros aspirantes do sistema de acceso xeral, será incluído pola súa orde de puntuación no sistema de acceso xeral.

5. Se a praza reservada para persoas con discapacidade queda deserta, acumularase á quenda xeral.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este acordo entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

ANEXO

Procesos de consolidación de prazas de persoal funcionario

Administración xeral

Quenda xeral

Quenda discapacidade

Total prazas

Auxiliar administrativo (subgrupo C2)

7

1

8