Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Xoves, 6 de febreiro de 2020 Páx. 8069

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2019 pola que se convocan, para o ano 2020, con carácter plurianual, as subvencións dos Programas de fomento do parque de vivenda en alugamento e de fomento de vivendas para persoas maiores e persoas con discapacidade do Plan estatal de vivenda 2018-2021 (códigos de procedemento VI432C e VI432D).

O Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021 (Boletín Oficial del Estado núm. 61, do 10 de marzo de 2018) prevé dous programas de axudas dirixidos a incentivar economicamente a promoción, pública ou privada, de vivendas destinadas a alugamento ou cesión en uso: o Programa de fomento do parque de vivenda en alugamento e o de fomento da construción de vivendas para persoas maiores e persoas con discapacidade. En ambos casos se exixe un compromiso de permanencia mínima no réxime de alugamento ou cesión en uso durante vinte e cinco anos, no primeiro suposto, e durante corenta anos, no caso do programa de fomento de construción de vivendas para persoas maiores e persoas con discapacidade.

En desenvolvemento do citado real decreto, a Comunidade Autónoma de Galicia, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, estableceu as bases reguladoras das subvencións destes programas mediante sendas Resolucións do 6 de xuño de 2019 (Diario Oficial de Galicia núm. 115, do 19 de xuño).

Esta resolución ten por obxecto convocar as subvencións dos citados programas para a anualidade 2020; a súa tramitación axústase á Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de axudas e subvencións no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos. Con este fin, no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020 habilítanse créditos para o financiamento destas axudas.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto e réxime das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto convocar para o ano 2020, con carácter plurianual, as subvencións dos seguintes programas:

a) Programa de fomento do parque de vivenda en alugamento previstas no capítulo V do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021 (en diante, Plan 2018-2021), que se tramitará co código de procedemento VI432C.

b) Programa para o fomento de vivendas para persoas maiores e persoas con discapacidade previstas no capítulo X do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan 2018-2021, que se tramitará co código de procedemento VI432D.

2. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Bases reguladoras

As bases reguladoras das subvencións obxecto desta convocatoria establécense nas seguintes resolucións:

1. Resolución do 6 de xuño de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa de fomento do parque de vivenda en alugamento do Plan estatal de vivenda 2018-2021 e se procede á súa convocatoria para o ano 2019, con carácter plurianual, publicada no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) núm. 115, do 19 de xuño (código de procedemento VI432C).

2. Resolución do 6 de xuño de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa de fomento de vivendas para persoas maiores e persoas con discapacidade do Plan estatal de vivenda 2018-2021 e se procede á súa convocatoria para o ano 2019, con financiamento plurianual (DOG núm. 115, do 19 de xuño), (código de procedemento VI432D).

Terceiro. Crédito orzamentario

1. As axudas previstas nesta convocatoria para os citados programas faranse efectivas con cargo ás aplicacións orzamentarias 07.83.451B.760.0, 07.83.451B.770.0 e 07.83.451B.781.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, polos seguintes importes e repartición plurianual:

Programa de fomento do parque de vivenda en alugamento

Aplicación

Importe 2020

Importe 2021

07.83.451B.760.0

Proxecto 2019 00004-FFE

86.957

200.000

07.83.451B.770.0

Proxecto 2019 00003-FCA

Proxecto 2019 00004-FFE

400.000

28.450

400.000

20.247

07.83.451B. 781.0

Proxecto 2019 00004-FFE

200.000

200.000

Total

715.407

820.247

Programa de fomento de vivendas para persoas maiores e persoas con discapacidade

Aplicación

Importe 2020

Importe 2021

07.83.451B.760.0

Proxecto 2019 00006 FFE

300.000

96.442

07.83.451B.770.0

Proxecto 2019 00005 FCA

528.400

195.680

07.83.451B. 781.0

Proxecto 2019 00006 FFE

64.600

133.800

Total

893.000

425.922

2. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.

3. As contías establecidas nesta convocatoria poderán ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), e terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. No suposto de existir remanente nalgunha das anteriores aplicacións, poderíase utilizar para financiar solicitudes da outra aplicación, mediante a pertinente xestión orzamentaria.

A alteración da distribución da contía total máxima entre os créditos orzamentarios citados no parágrafo primeiro non precisará dunha nova convocatoria pero sí das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación polos mesmos medios que a convocatoria, de acordo co previsto no artigo 31 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Cuarto. Persoas beneficiarias. Requisitos

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas:

a) As administracións públicas, os organismos públicos e demais entidades de dereito público e privado, así como as empresas públicas, privadas, público – privadas e sociedades mercantís participadas maioritariamente polas administracións públicas, en cuxo obxecto social figure a promoción de vivendas.

b) As fundacións, as empresas de economía social e as súas asociacións, as cooperativas de autoconstrución, as organizacións non gobernamentais e as asociacións declaradas de utilidade pública e aquelas ás que se refire a disposición adicional quinta da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.

c) Ademais, para as axudas do Programa de fomento do parque de vivenda en alugamento (código de procedemento VI432C), as persoas físicas maiores de idade que posúan a nacionalidade española ou, no caso de ser estranxeiras, que teñan a residencia legal en España.

2. As persoas ou entidades beneficiarias deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Atoparse ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

b) Non estar incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou que se lles teña revogado ou fosen obxecto dunha resolución de reintegro dalgunha axuda prevista neste ou no anterior plan estatal de vivenda por incumprimento ou causa imputable a aquelas.

c) No suposto de fundacións de interese galego, para ter a condición de beneficiaria será requisito necesario que teña presentadas as contas ao protectorado do exercicio inmediatamente anterior ao da correspondente convocatoria, segundo o establecido no artigo 38.3º da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

d) No suposto de concellos de Galicia, para ter a condición de beneficiario será requisito necesario que o concello teña presentadas no Consello de Contas as contas xerais do exercicio inmediatamente anterior ao da correspondente convocatoria, conforme ao artigo 208 e seguintes do Texto refundido da Lei reguladora de facendas locais, aprobado por Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo.

Quinto. Requisitos e prazo para a execución das actuacións

1. Poderán obter financiamento con cargo ás axudas destes dous programas as promocións que reúnan os requisitos esixidos polos ordinais décimo primeiro da correspondente resolución pola que se establecen as bases reguladoras.

2. O número mínimo de vivendas que deberán ter as promocións financiadas con cargo ao Programa de fomento do parque de vivenda en alugamento (código de procedemento VI432C) será de cinco. No caso do Programa de fomento de vivendas para persoas maiores e persoas con discapacidade (código de procedemento VI432D) será de oito.

3. As actuacións obxecto de financiamento non poderán estar iniciadas con anterioridade do 1 de xaneiro de 2020 e non poderán estar finalizadas con carácter previo á publicación desta resolución no DOG.

4. O prazo para executar as obras correspondentes a actuacións financiadas con cargo a esta convocatoria non poderá exceder de 18 meses, contados desde a data de notificación da citada resolución de concesión e, en todo caso, non poderá exceder do 30 de novembro de 2021.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de dous (2) meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

Sétimo. Solicitudes

1. A solicitude realizarase mediante a presentación do formulario anexo I, correspondente ao código de procedemento VI432C para o Programa de fomento do parque de vivenda en alugamento, ou do formulario anexo II do código de procedemento VI432D, para o Programa para o fomento de vivendas para persoas maiores e persoas con discapacidade, que se acompañan a esta resolución. Tanto nun como noutro caso, a solicitude deberá dirixirse ao IGVS.

2. As persoas xurídicas e as entidades, así como as súas persoas representantes obrigadas a relacionarse a través de medios electrónicos deberán presentar a súa solicitude electronicamente, de acordo co establecido no artigo 14.2.b) e d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro. No caso de que presenten a súa solicitude presencialmente, serán requiridas para que a emenden a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. As persoas físicas deberán presentar a súa solicitude preferiblemente por vía electrónica. Tamén poderán presentar, en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. No modelo de solicitude realizaranse as seguintes declaracións:

a) Declaración de que non obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de solicitar ou obter algunha outra axuda, deberá indicar cales e a súa contía.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida para esa mesma finalidade, así como a súa contía.

c) Compromiso de destinar todas as vivendas ao alugamento ou a cesión en uso durante un prazo mínimo de 25 anos, no suposto de solicitudes de subvención do Programa de fomento do parque de vivenda en alugamento, ou de 40 anos, no caso de solicitudes de subvención do Programa de fomento de vivendas para persoas maiores e persoas con discapacidade.

d) Declaración de que non se lle revogou algunha das axudas contidas neste ou en anteriores plans de vivenda por causas imputables á persoa ou a entidade solicitante.

e) Declaración responsable de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e nos apartados 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

f) Declaración de estar ao día no pago de obrigas por reintegro de subvencións, conforme ao artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e ao artigo 9 do seu regulamento.

g) Declaración de que todos os datos da súa solicitude son certos.

Oitavo. Documentación complementaria

1. Coa solicitude de axuda deberá achegarse a seguinte documentación:

a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa ou entidade solicitante. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados.

b) Documento administrativo acreditativo da cesión ou a concesión administrativa do solo ou, de ser o caso, a escritura pública de constitución do dereito de superficie ou de titularidade do solo ou, de ser o caso, da titularidade do inmoble que se rehabilitará.

c) Reportaxe fotográfica do estado actual da actuación, de ser o caso.

d) Infografía da actuación que se vai executar.

e) Memoria-programa da actuación, co seguinte contido mínimo:

– Certificación urbanística do solo que habilite a execución da promoción.

– Número de vivendas de la promoción, cadro de superficies útiles de cada unha delas e dos seus anexos e prezo de alugamento ou cesión en uso. No suposto de subvencións do Programa de fomento do parque de vivendas en alugamento (VI432C), deberá conter, así mesmo, unha descrición dos espazos destinados a outros usos.

– Orzamento detallado da actuación para a que se solicita a subvención.

– Programación temporal e pormenorizada da actuación coherente cos prazos establecidos nesta convocatoria.

– Análise da viabilidade económica da actuación.

– No suposto de subvencións do Programa de fomento para persoas maiores e persoas con discapacidade (VI432D), relación e descrición detallada das instalacións e servizos comúns con que conta a promoción segundo o establecido no ordinal décimo primeiro, letra f) da Resolución do 6 de xuño de 2019, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións deste programa.

f) No caso de obras iniciadas con anterioridade á data da publicación no DOG desta resolución, certificado emitido polo/a técnico/a director/a das obras que acredite a data de inicio das obras, así como as obras pendentes de finalización.

g) Declaración responsable da persoa ou entidade beneficiaria, de que a promoción se atopa totalmente baleira de inquilinos ou outros ocupantes por calquera título.

h) Certificado de eficiencia enerxética de proxecto que acredite a cualificación de consumo enerxético como mínimo da letra B

i) Licenza municipal de obras ou, solicitude de licenza, no caso de non dispoñer dela.

j) No caso de reanudación de obras en curso en vivendas ou promocións paralizadas no suposto de actuacións do Programa de fomento do parque de vivenda en alugamento (VI432C):

– Licenza municipal de obra.

– Certificado municipal que acredite que a licenza non foi obxecto de declaración de caducidade.

– Orde/acta de paralización ou suspensión das obras, emitida pola dirección facultativa da obra.

– Certificado emitido polo/a técnico/a director/a das obras no que consten as obras executadas e o orzamento desagregado e detallado executado ata ese momento e as obras pendentes de finalización, con indicación do orzamento necesario para a súa finalización.

k) No caso de edificios situados en conxuntos históricos, documentación xustificativa desta circunstancia.

l) No caso de solicitudes presentadas por fundacións de interese galego, certificado da persoa responsable no que se acredite que a fundación teña presentadas as contas ao protectorado do exercicio inmediatamente anterior ao da correspondente convocatoria.

m) No caso de solicitudes presentadas por concellos, certificado da secretaría municipal no que se acredite que o concello teña presentadas no Consello de Contas as contas xerais do exercicio inmediatamente anterior ao da correspondente convocatoria.

n) No caso das entidades de dereito privado, empresas públicas, privadas, público – privadas e sociedades mercantís participadas maioritariamente polas administracións públicas,certificado emitido polo seu órgano competente que acredite o seu obxecto social no momento da presentación da solicitude.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente, sempre que non se modificasen as súas circunstancias. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

3. No suposto de que exista a imposibilidade material de obter o documento, o IGVS poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a súa acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Noveno. Forma de presentación da documentación complementaria

1. As persoas xurídicas e as entidades obrigadas a relacionarse a través de medios electrónicos, así como as súas persoas representantes, deberán presentar a documentación complementaria electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co establecido no artigo 14.2. da Lei 39/2015, do 1 de outubro. No caso de que se presentara a documentación complementaria presencialmente, requiriráselles para que a emenden a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

2. As persoas físicas deberán presentar a documentación complementaria preferiblemente por vía electrónica. Tamén poderán presentala en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Para o caso de que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

4. As persoas ou as entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas. Excepcionalmente, o IGVS poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o seu cotexo coa copia electrónica presentada.

5. No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo 3º. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo. Comprobación de datos

1. Para a tramitación destes dous procedementos consultaranse os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas Administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade (DNI) ou número de identidade de estranxeiro (NIE) da persoa representante da persoa ou entidade solicitante.

b) Número de identificación fiscal (NIF) da entidade solicitante.

c) NIF da entidade representante.

d) Certificacións da Axencia Estatal da Administración Tributaria, da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, correspondentes á persoa ou entidade solicitante.

2. Para a tramitación do Programa de fomento do parque de vivenda en alugamento (código de procedemento VI432C) consultaranse, ademais, os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas Administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) Permiso de residencia legal da persoa solicitante, cando sexa estranxeira, de ser o caso.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Décimo primeiro. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

No suposto de suxeitos obrigados a relacionarse electronicamente coa administración, todos os trámites administrativos que deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo segundo. Criterios de valoración

1. A valoración das solicitudes realizarase de acordo cos seguintes criterios e puntuacións:

a) Número de vivendas destinadas a alugamento ou cesión en uso:

– De 5 a 25 vivendas (Programa de fomento do parque de vivenda en alugamento) ou de 8 a 25 vivendas ( Programa de fomento de vivendas para persoas maiores e persoas con discapacidade): 5 puntos.

– Máis de 25 vivendas: 10 puntos.

b) Zona territorial na que se sitúen as vivendas ou a promoción:

– Municipios incluídos na zona territorial II: 5 puntos.

– Municipios da zona territorial I: 10 puntos.

– Municipios das áreas territoriais de prezo máximo superior: 15 puntos

c) Suxeición ao réxime das vivendas protexidas:

– Se se trata de vivendas de protección autonómica de réxime concertado: 5 puntos

– Se se trata de vivendas de protección autonómica de réxime xeral: 10 puntos

– Se se trata de vivendas de protección autonómica de réxime especial: 15 puntos

d) No suposto de que a actuación conte con licenza municipal de obras: 10 puntos.

e) No suposto de edificios situados en conxuntos históricos: 10 puntos

2. No caso de igualdade de puntuación, resolverase atendendo á orde cronolóxica da data de presentación da solicitude no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia ou, para o suposto de suxeitos non obrigados a relacionarse electronicamente coa Administración, en calquera dos rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Para tal fin, considerarase data de presentación aquela na que a solicitude estea validamente cuberta e acompañada da totalidade dos documentos esixidos na correspondente resolución de convocatoria.

Décimo terceiro. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento

1. A instrución do procedemento é competencia da Dirección Técnica de Fomento do IGVS.

2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre a concesión das axudas

3. Co obxecto de realizar a selección das persoas e das entidades beneficiarias, constituirase unha comisión de valoración, composta polas persoas titulares das seguintes unidades:

a) Presidente/a: Secretaría Xeral do IGVS.

b) Vogais:

– Dirección Técnica de Fomento do IGVS, que realizará as funcións de secretario/a.

– Dirección Técnica de Solo, Edificación e Calidade.

– Un/unha arquitecto/a da Dirección Técnica de Solo, Edificación e Calidade.

O funcionamento da comisión de valoración axustarase ao réxime establecido para os órganos colexiados na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Décimo cuarto. Procedemento de concesión

1. O procedemento iniciarase de oficio, en réxime de concorrencia competitiva, mediante a publicación no DOG da resolución de convocatoria realizada pola persoa titular da Presidencia do IGVS.

2. O prazo de presentación de solicitudes será o establecido nesta resolución para cada tipo de subvención.

3. Se a solicitude presentada non reunise os requisitos esixidos, requirirase a persoa ou entidade solicitante para que no prazo de dez días hábiles a emende ou achegue os documentos preceptivos, advertíndoa que, no caso de non atender o requirimento, se considerará que desiste da súa petición, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. De conformidade co establecido nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os requirimentos de emenda poderanse facer mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web do IGVS.

5. O órgano instrutor, tras a comprobación do cumprimento dos requisitos esixidos, procederá á preavaliación das solicitudes presentadas, de acordo co establecido no artigo 21.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Para estes efectos, o órgano instrutor poderá requirir as persoas ou entidades solicitantes a información ou documentación adicional que se considere de relevancia para unha mellor avaliación das solicitudes.

6. A comisión de valoración elaborará un informe no que se concrete o resultado da avaliación efectuada, que conterá a relación ordenada de todas as solicitudes que cumpran os requisitos e a subvención que lles corresponde, de conformidade co establecido no artigo 33.5 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

7. O órgano instrutor, á vista do informe sinalado no parágrafo anterior, redactará a proposta de resolución de concesión das subvencións que remitirá á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, e que deberá conter unha memoria–programa, onde se defina cada actuación en todos os seus extremos e se xustifique a súa viabilidade económica, para os efectos de que proceda á súa remisión ao Ministerio de Fomento.

8. Logo da subscrición do acordo previsto no ordinal oitavo das bases reguladoras, a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolverá o que en dereito proceda, sobre cada unha das solicitudes presentadas.

Décimo quinto. Resolución e recursos

1. A resolución estimará, desestimará ou declarará a inadmisión da axuda solicitada.

2. A resolución estimatoria indicará as persoas ou entidades beneficiarias, as actuacións sub- vencionables, o seu custo, a contía da subvención concedida, as condicións que se deberán cumprir para a execución da obra, o prazo para a execución das actuacións, así como o prezo máximo do alugamento ou da cesión en uso das vivendas.

A resolución de concesión fixará os importes da subvención correspondentes a cada unha das anualidades, que deberán ser xustificados na forma sinalada nas bases reguladoras e nesta resolución.

3. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución do procedemento será de tres (3) meses, a contar desde a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se dite e notifique a resolución expresa, a persoa ou entidade interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

4. Contra a resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo de interposición deste recurso será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

Décimo sexto. Prazo e presentación da documentación xustificativa

1. A comunicación do remate final ou parcial das obras deberá realizarse nun prazo máximo de quince días, contado, ben desde o día seguinte ao da finalización das obras, ben desde o remate do prazo máximo fixado na resolución de concesión da subvención para a terminación de cada anualidade das obras. En ningún caso se admitirá a presentación de documentación xustificativa, final ou parcial, da subvención con posterioridade ao 30 de novembro de cada unha das anualidades comprendidas na resolución de concesión. A documentación xustificativa presentarase de conformidade co anexo III correspondente ao código de procedemento VI432C ou VI432D que se acompaña a esta resolución.

2. A comunicación de execución parcial de obras deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Licenza municipal de obras, no suposto de que non se achegase con anterioridade.

b) Certificado de inicio das obras, no caso de que non se presentase con anterioridade.

c) Memoria económica xustificativa do custo das actuacións realizadas, en que se faga constar o cumprimento das actuacións da anualidade que lle corresponda xustificar. Conterá a relación clasificada de gastos polas actuacións realizadas, coas correspondentes facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, onde consten a identificación do acredor, o seu importe e a súa data de emisión, así como os documentos que xustifiquen o seu pagamento. Para estes efectos, o seu pagamento deberá xustificarse mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados polo/a solicitante.

d) Memoria explicativa das obras realizadas asinada, se fose o caso, por persoa técnica competente.

e) Fotografías que mostren as obras realizadas.

f) Copia de tres orzamentos, no suposto de que o importe do gasto subvencionable da actuación supere a contía de 40.000 euros. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme a criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

g) No seu caso, documento acreditativo da constitución das garantías previstas no ordinal vixésimo sétimo, punto 3 de cadansúa Resolución do 6 de xuño de 2019.

h) De ser o caso, indicación do expediente de cualificación provisional da actuación.

3. A comunicación final das obras, ademais da documentación sinalada no punto 2 no suposto de non tela aportado con anterioridade, deberá vir acompañada da seguinte documentación:

a) Certificado de fin de obra, no que se faga constar que as actuacións realizáronse conforme aos criterios fixados na Guía de Cor e Materiais elaborada pola Xunta de Galicia.

b) Licenza de primeira ocupación, no seu caso.

c) Certificado de eficiencia enerxética de edificio rematado no que conste a cualificación de consumo enerxético mínima da letra B, debidamente rexistrado ante o organismo correspondente.

d) Copia da escritura de división horizontal da edificación.

e) Nota marxinal da inscrición no Rexistro da Propiedade do destino das vivendas a arrendamento ou cesión en uso durante un prazo mínimo de 25 anos para o Programa de fomento do parque de vivenda en alugamento, e de 40 anos para o Programa de fomento de vivendas para persoas maiores e persoas con discapacidade.

f ) Contratos de arrendamento ou cesión en uso formalizados, na porcentaxe mínima establecida no ordinal vixésimo sétimo, punto 4º de cadansúa Resolución do 6 de xuño de 2019.

Décimo sétimo. Obrigas das persoas e entidades beneficiarias

As persoas e as entidades beneficiarias, ademais das recollidas na Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, terán as seguintes obrigas:

1. Executar a totalidade das actuacións subvencionadas dentro dos prazos máximos que se establezan na respectiva resolución de concesión, cumprindo as condicións e prescricións que nela se establezan.

2. Xustificar a execución coas facturas e documentos bancarios de pagamento en que se identifiquen as persoas ou as entidades beneficiarias.

3. Destinar as vivendas a arrendamento ou cesión en uso durante un prazo mínimo de 25 anos, contado desde a data da licenza municipal de primeira ocupación, no caso de subvencións do Programa de fomento do parque de vivenda en alugamento, ou de 40 anos, no caso de subvencións do Programa de fomento de vivendas para persoas maiores e persoas con discapacidade.

4. Alugar ou ceder en uso as vivendas a persoas cuxos ingresos, incluídos os das persoas que integran as súas unidades de convivencia, non superen os límites establecidos nas bases reguladoras das subvencións.

5. Alugar ou ceder en uso as vivendas sen exceder a súa renda do prezo máximo fixado na resolución de concesión da subvención.

6. Presentar no IGVS, para o seu visado, os contratos de arrendamento ou de cesión en uso das vivendas, nos termos establecidos nas bases reguladoras das subvencións.

7. Dar a axeitada publicidade de que as actuacións están subvencionadas no marco do Plan 2018-2021, polo Ministerio de Fomento e a Xunta de Galicia, a través do IGVS.

8. Non concertar, en ningún caso, a execución total ou parcial das actuacións con persoas ou entidades que se atopen nalgún dos supostos previstos no número sétimo do artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

9. Permitir ao IGVS a realización das inspeccións e/ou as comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados e/ou o destino da subvención concedida.

10. Estar ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social no momento en que se aboe a subvención.

11. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

12. As demais obrigas que se derivan das bases reguladoras e da resolución de convocatoria.

Décimo oitavo. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude.

Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo noveno. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o IGVS publicará no DOG e na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. As persoas beneficiarias deberán subministrar ao IGVS, logo do requirimento para o efecto, de conformidade co artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no DOG.

Vixésimo. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados nestes procedementos serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-IGVS coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión destes procedementos e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá nos devanditos formularios.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de dar a publicidade exixida aos procedementos, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Vixésimo primeiro. Recursos contra a presente resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do IGVS no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Vixésimo segundo. Eficacia

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file