Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Xoves, 6 de febreiro de 2020 Páx. 8063

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 29 de xaneiro de 2020 pola que se convoca a xornada Como loitar contra a aporofobia, o odio e a desinformación desde a Administración pública.

Aprobado polo Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2020, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da EGAP, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,

RESOLVO:

Convocar a Xornada «Como loitar contra a aporofobia, o odio e a desinformación desde a Administración pública», de acordo coas bases que se indican a continuación:

1. Obxectivos.

O obxectivo principal desta xornada é dotar ao alumnado dos coñecementos e competencias necesarias para prevención de situacións de discriminación, culpabilización e/ou aporofobia que se poidan dar por mor dos prexuízos e os estereotipos no marco da Administración pública cara a persoas en situación de pobreza e/ou exclusión social.

A través da formación e o debate construtivo tentarase reforzar o compromiso ético cos dereitos dos e das profesionais do Sistema de Servizos Sociais, animando á reflexión e facilitando ferramentas para a prevención de conflitos para, en definitiva, mellorar a relación entre a cidadanía e as administracións públicas. Tamén se presentarán os recursos dispoñibles en Galicia para a atención ás vítimas.

2. Contidos.

Nesta xornada trataranse principalmente os seguintes contidos:

– A discriminación colectiva e individual. Narrativas alternativas.

– Agravantes de aporofobia: caridade ou enfoque de dereitos?

– A discriminación institucional e estrutural.

– O compromiso ético do persoal do Sistema de Servizos Sociais cos dereitos das persoas.

– Diferentes colectivos, mesma discriminación. Comunicando a defensa dos dereitos sociais contra a aporofobia.

– A defensa das vítimas do odio.

– Procura de solución aos diversos tipos de discriminacións.

3. Persoas destinatarias.

A xornada está dirixida ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, das administracións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, dos entes instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia e das universidades do Sistema universitario de Galicia, xuristas, profesionais e persoas interesadas en xeral.

4. Desenvolvemento.

Data: xoves, 20 de febreiro de 2020.

Horario: de mañá e tarde.

Lugar: Escola Galega de Administración Pública. Rúa Madrid, 2-4. Santiago de Compostela.

Duración: 8 horas lectivas.

5. Número de prazas: limitado pola capacidade do local.

6. Inscrición.

1. O prazo para a inscrición estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o día 18 de febreiro de 2020.

2. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

7. Criterios de selección.

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes ata completar o aforo do local.

8. Publicación das listaxes do alumnado seleccionado.

Na epígrafe desta xornada da páxina web da EGAP, (https://egap.xunta.gal/), publicarase a listaxe de persoas seleccionadas así como tamén un número adecuado de reservas no caso de que o número de solicitudes recibidas fose superior ao número de prazas.

Entenderase que as persoas que non figuren en ningunha das listaxes foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda ou se atopan excluídas de acordo co disposto na epígrafe segunda, punto 6º, da Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro).

9. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia.

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia deberá ser comunicada, enviando un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, como mínimo un día antes do comezo da actividade formativa, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nas liñas a) e b) pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de asistencia desta actividade formativa.

2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

10. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización.

11. Certificado de asistencia oficial.

Ao final da xornada emitirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas rexistradas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización da xornada, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2020

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública