Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Luns, 10 de febreiro de 2020 Páx. 8820

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

EXTRACTO da Orde do 8 de xaneiro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o libro galego, no que se refire á tradución a outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución ao galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas, así como para a súa edición e procédese á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento CT221C).

BDNS (Identif.): 494381.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas e entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas para a tradución e a edición aquelas persoas físicas ou xurídicas, que acrediten a súa condición de editoras de acordo co establecido na presente orde.

Segundo. Obxecto

Esta orden ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten a condición de editoras, de acordo co establecido na presente orde (código de procedemento CT221C).

As axudas van dirixidas á produción editorial para apoiar o libro galego, no que se refire á tradución para outras linguas de obras, publicadas orixinariamente en galego e á tradución para o galego de obras, publicadas orixinariamente noutras linguas. Tamén se subvenciona a edición dos libros traducidos ao abeiro desta orde, financiando os gastos de edición, tales como os de deseño e maquetación, preimpresión, impresión e manipulado, correccións de estilo, ortotipográfica e as probas.

Terceiro. Bases reguladoras

ORDE do 8 de xaneiro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o libro galego, no que se refire á tradución a outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución ao galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas, así como para a súa edición e procédese á súa convocatoria para o ano 2020.

Cuarto. Importe

A contía máxima adxudicada por medio desta orde ascende a douscentos mil euros (200.000,00 €), do seguinte modo:

A) Para a tradución desde outras linguas para o galego destínase o 60 % do orzamento total previsto, polo que se asigna unha contía de 120.000 euros.

B) Para a tradución desde o galego para outras linguas destínase o 40 % do orzamento total previsto, polo que se asigna unha contía de 80.000 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2020

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura e Turismo