Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Luns, 10 de febreiro de 2020 Páx. 8822

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

ORDE do 8 de xaneiro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a participación de persoas escritoras, ilustradoras e tradutoras nas actividades que se realicen no sector do libro no 2020, e se procede á súa convocatoria para o dito ano (código de procedemento CT221A).

A Xunta de Galicia ten atribuídas funcións en materia de fomento da cultura, de acordo co establecido no artigo 27.19º do Estatuto de Autonomía, en consonancia co estipulado no artigo 148.1º.17ª da Constitución Española. Dentro dese ámbito competencial, a Consellería de Cultura e Turismo vén desenvolvendo unha serie de actuacións encamiñadas á divulgación, información e promoción da cultura, para achegar o máximo posible o noso patrimonio cultural á sociedade en xeral. Así mesmo, é competencia desta consellería o apoio á produción editorial e a promoción da participación en festivais e feiras do sector do libro.

A Consellería de Cultura e Turismo, desenvolve as actividades relacionadas coa promoción da cultura galega, en xeral, e da produción creadora en particular, fóra do territorio da comunidade, consonte ao establecido no marco competencial vixente. As actuacións encádranse dentro dunha política baseada na identidade e na ocupación plena dos espazos que lle corresponden a Galicia, e tamén de incorporar á cultura galega o máis interesante, a través dos correspondentes intercambios intelectuais. A finalidade última é crear novas vías abrindo amplos escaparates, a diferentes actividades susceptibles de comunicación a través da súa venda ou exposición pública.

Por este motivo, dentro das responsabilidades que lle competen, no uso das facultades que se lle confiren, e de acordo co previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería de Cultura e Turismo establece subvencións de apoio a aquelas persoas escritoras, ilustradoras e tradutoras que desexen participar en distintas actividades que se realicen no sector do libro, tales como feiras, festivais, seminarios, encontros, obradoiros e estadías creativas, como medio de favorecer a promoción do libro galego.

No exercicio destas competencias, a Consellería de Cultura e Turismo quere, con esta orde, establecer un instrumento que, conforme á normativa legal vixente, marque as pautas para unha distribución, segundo os criterios de publicidade, obxectividade e non concorrencia, dos recursos destinados ao libro, axustada ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Na súa virtude, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro.

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que establecen o procedemento de concesión de subvencións a persoas escritoras, ilustradoras e tradutoras que desenvolvan o seu traballo no sector do libro e no ámbito da Comunidade Autónoma galega facilitando a súa participación en actividades de dito sector que se celebren no ano 2020 (código do procedemento CT221A).

Serán obxecto de subvención os gastos de viaxe referidos ao aloxamento e transporte, que permitan a asistencia as seguintes actividades realizadas no sector do libro: feiras, festivais, seminarios, encontros, obradoiros e estadías creativas.

Fináncianse os gastos realizados que respondan de xeito directo e indubitable á natureza da actividade subvencionada e resulten estrictamente necesarios para a realización da mesma.

2. Así mesmo, ten por obxecto convocar a dita subvención para o ano 2020.

Artigo 2. Natureza e concorrencia das axudas

1. As axudas establecidas nesta orde para apoiar a participación en actividades realizadas no sector do libro ás persoas escritoras, ilustradoras e tradutoras que desenvolvan o seu traballo neste sector, quedan suxeitas ao Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de mínimis (DOUE do 24 de decembro de 2013, L352/1).

2. As axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites sinalados no Regulamento (UE) núm. 1407/2013. A contía total das axudas de mínimis concedidas a unha empresa non poderá exceder de 200.000,00 € nun período de tres exercicios fiscais. Este limiar aplicarase independentemente da forma da axuda ou do obxectivo perseguido. As axudas de mínimis non se acumularán con ningunha axuda estatal correspondente aos mesmos gastos subvencionables se dita acumulación da lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida para as circunstancias concretas de cada caso pola normativa comunitaria.

3.O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e coas garantías previstas no artigo 31.4 da dita lei, e con base no disposto no artigo 32 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da devandita lei.

4. A concesión destas axudas efectuarase tendo en conta a data de presentación de cada unha das solicitudes, sempre que se cumpran os requisitos para poder ser beneficiarios, e estará en calquera caso condicionada á existencia de crédito orzamentario. No caso de esgotamento do crédito establecido para esta subvención, a Dirección Xeral de Políticas Culturais publicará esta circunstancia no DOG, non obstante, serán inadmitas aquelas solicitudes de axuda que se reciban entre o periodo en que se esgote o crédito e a súa publicación, sen prexuízo de que se poida incrementar o crédito orzamentario nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. As subvencións concedidas ao abeiro desta convocatoria son compatibles con calquera outra que puidese ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que levou a cabo a persoa beneficiaria.

Artigo 3. Requisitos para obter a condición de persoas beneficiarias e exclusións

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde, as persoas escritoras, ilustradoras e tradutoras que acrediten esta condición e desenvolvan o seu traballo no sector do libro no ámbito da Comunidade Autónoma galega, que cumpran, ademáis, os seguintes requisitos debidamente acreditados:

a) Terse inscrito, e asistido a nunha actividade subvencionable realizada no sector do libro no prazo establecido na presente convocatoria.

b) Que acrediten o desenvolvemento do seu traballo no sector do libro no ámbito da Comunidade Autónoma galega.

c) Ter publicado obra en Galicia ben como persoa escritora, ilustradora ou tradutora, para a que se solicita a subvención, nos tres anos anteriores á publicación da presente orde.

2. En todo caso, estarán suxeitas ás limitacións que establece o punto seguinte deste artigo.

3. Non poden beneficiarse das axudas recollidas nesta orde aqueles solicitantes que se encontren nos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Financiamento e contía das subvencións

1. As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 11.20.432A.770.01 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, por un importe de 30.000,00 €.

A tramitación desta orde faise por tramitación anticipada de gasto e queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma galega para 2020.

2. A Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 sobre tramitación anticipada de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, establece que os expedientes de gasto se poderán iniciar, sempre que as necesidades que se teñan que satisfacer poidan ser razoablemente previstas anticipadamente, no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar, condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente no proxecto de Lei de orzamentos xerais aprobado polo Consello da Xunta de Galicia. Por iso, a eficacia desta convocatoria queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o próximo ano 2020, no momento da resolución de concesión.

No anteproxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020 existe crédito adecuado e suficiente para poder tramitar esta orde.

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da devandita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

3. O financiamento dos gastos da viaxe son os referidos ao aloxamento e transporte e terán o seguinte importe por ámbito xeográfico de destino, sempre que se xustifique:

– España, agás a Comunidade Autónoma galega: 250 €.

– Resto da Unión Europea: 600 €.

– Fóra da Unión Europea: 1.500 €.

4. Este importe pode ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Gastos subvencionables e excluídos

1. Son subvencionables os gastos realizados que respondan de xeito directo e indubidable á natureza da actividade subvencionable, resulten estrictamente necesarios, se realicen no prazo establecido na presente orde e estean facturados e pagados entre o 1 de xaneiro e o 12 de decembro de 2020 (inclusive), sempre que exista crédito suficiente para ó seu financiamento.

2. Serán obxecto de subvención os gastos de viaxe referidos ao aloxamento e transporte que permitan a asistencia ás actividades celebradas no sector do libro establecidas no artigo 1 desta orde, as persoas escritoras, ilustradoras e tradutoras que desenvolvan o seu traballo no sector do libro no ámbito da Comunidade Autónoma galega e cumpran os requisitos para poder ser beneficiarias segundo o disposto no artigo 3 desta orde.

Para o establecemento da contía que se pode percibir en concepto de gasto de viaxe valorarase, exclusivamente, a xustificación documental dos gastos de aloxamento e transporte.

3. Serán obxecto de subvención os gasto da viaxe, aloxamento e transporte, que permitan a asistencia a unha única actividade no sector do libro por persoa beneficiaria.

4. Quedan expresamente excluídos desta subvención, os gastos de manutención ou calquera outro gasto que non se refira de xeito induvidable á natureza da subvención.

Artigo 6. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, segundo o modelo que se incorpora como anexo I. Soamente se poderá solicitar axuda para a asistencia a unha única actividade realizada no sector do libro.

2. Opcionalmente, poderán presentar as súas solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365)

Artigo 7. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación de esta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 15 de outubro de 2020 (inclusive).

Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Coa solicitude deberase achegar copia da seguinte documentación:

a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados.

b) Xustificante da inscrición na actividade obxecto da subvención.

2. Documentación acreditativa de que cumpre os requisitos establecidos no artigo 3 desta orde para poder ser persoa beneficiaria:

a) Que desenvolva o seu traballo no sector do libro como persoa escritora, ilustradora ou tradutora, achegando a seguinte documentación:

– Copia do último recibo do imposto de actividades económicas, certificado de exención, no caso de proceder, ou declaración xurada de tal exención.

– Copia da alta en autónomos, de ser o caso.

b) Ter publicada obra en Galicia e no sector para o que se solicita a subvención, nos tres anos anteriores a publicación da presente orde.

– Documentación na que conste o ISBN e o Depósito Legal dos títulos publicados nos tres anos anteriores a data de publicación desta orde. No caso de non ser posible achegar a dita documentación terase que presentar un exemplar completo da obra publicada en soporte papel posto que é inviable a súa presentación electrónica, en aras dunha mellor racionalización dos recursos administrativos e tamén por motivos legais.

3. A documentación que se achegue coa solicitude debe vir obrigatoriamente nunha das dúas linguas oficiais de Galicia ou, noutro caso, acompañada da súa correspondente tradución, certificada pola persoa solicitante, que será responsable da súa veracidade.

4. A Dirección Xeral de Políticas Culturais poderá pedirlles as persoas solicitantes que acheguen a documentación complementaria ou orixinais que considere necesarios para acreditar os datos que figuren na solicitude, incluídos albarás, facturas, certificados de tirada e de distribución etc.

5. As persoas solicitantes, responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas. Excepcionalmente, a Dirección Xeral de Políticas Culturais poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o seu cotexo coa copia electrónica presentada.

6. Para o caso de que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

Artigo 9. Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

3. No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade ou, se é o caso, número de identidade de estranxeiro da persoa solicitante.

b) Documento nacional de identidade ou, se é o caso, número de identidade de estranxeiro da persoa representante.

c) Alta no imposto de actividades económicas referido á epígrafe correspondente a persoas escritoras, ilustradoras e tradutoras, de ser o caso.

d) Certificado de domicilio fiscal, de ser o caso.

e) Certificacións da AEAT, da Tesourería Xeral da Seguridade Social e da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e de non ter pendente ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega.

f) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas

2. Cando as persoas interesadas se opoñan a estas consultas deberán facelo constar nos correspondentes recadros habilitados para tal efecto na solicitude e, ao mesmo tempo, achegar os documentos oportunos.

3. No caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Emenda das solicitudes

Se a documentación presentada fose incompleta ou presentase erros emendables, requirirase á persoa solicitante para que, no prazo de 10 días hábiles, rectifique a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se lle terá por desistido da súa solicitude, segundo o disposto no artigo 20.5º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo de que se dite a oportuna resolución ao abeiro do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 12. Procedemento de instrución

1. Corresponde á Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro a instrución do procedemento de concesión de subvencións e desenvolverá de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución.

2. As solicitudes que se axusten aos requisitos establecidos nesta convocatoria asignaráselle a cantidade correspondente ao ámbito xeográfico para o que se solicita a actividade por orde de entrada da solicitude segundo a lexislación vixente, ata, de ser o caso, que se esgote o crédito dispoñible, tendo en conta que cada persoa solicitante pode solicitar axuda para a asistencia a unha única actividade e beneficiarse dunha única axuda. Estas axudas son de pagamento único.

3. De conformidade co disposto no artigo 22 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, rematada a tramitación do expediente, o órgano instructor formulará directamente a proposta de resolución ao órgano concedente, que unicamente deberá comprobar a concorrencia dos requisitos requiridos para conceder a subvención.

4. Á vista da proposta de resolución, á persoa titular da Dirección Xeral de Políticas Culturais resolverá por delegación do conselleiro de Cultura e Turismo.

Artigo 13. Resolución

A persoa titular da Dirección Xeral de Políticas Culturais por delegación da persoa titular da Consellería de Cultura e Turismo, no prazo de quince (15) días desde a elevación da proposta de resolución da Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro, ditará a resolución de concesión de acordo co disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Nesta resolución incluirase a relación de persoas beneficiarias e as cantidades concedidas por solicitude e publicarase no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, farase pública na páxina web oficial da Consellería de Cultura e Turismo (https://www.cultura.gal).Esta publicación substituirá a notificación persoal e producirá os mesmos efectos.

Artigo 14. Notificación e desestimación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia – Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que conste na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar, en todo caso, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. O prazo máximo para ditar e notificarlles ás persoas interesadas a resolución expresa será de cinco meses, contado desde a presentación da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

7. O vencemento do dito prazo sen que se notifique a resolución expresa faculta a persoa interesada para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 15. Publicación dos actos

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as resolucións administrativas, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web https://www.cultura.gal

Artigo 16. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite as persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Aceptación e renuncia

1. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, as persoas interesadas propostas como beneficiarias dispoñerán dun prazo de 10 días para a súa aceptación. Transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á subvención concedida, debidamente asinada pola representación da persoa beneficiaria.

2. A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. No caso de renuncia, a persoa titular da Dirección Xeral de Políticas Culturais, por delegación da persoa titular da Consellería de Cultura e Turismo, ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 18. Prazo e xustificación

1. O prazo para xustificar as axudas será:

– Para actividades realizadas ata a data de aceptación da axuda, 5 días hábiles dende a data de aceptación.

– Para actividades que se realicen con posterioridade á data de aceptación, 5 días hábiles dende o remate da actividade subvencionable.

2. As persoas beneficiarias das axudas, para percibir a subvención, quedan obrigadas a acreditaren a realización dos gastos subvencionados e a xustificalos, no prazo establecido na presente orde.

3. Para a xustificación das axudas deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Copia do certificado de asistencia á actividade realizada no sector do libro, con especificación do lugar e datas de realización, emitido pola entidade organizadora, de ser o caso, ou ben, calquera outro xustificante oficial da entrada da persoa beneficiaria da axuda.

b) Memoria das actividades levadas a cabo en relación coa finalidade da subvención solicitada, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos. A memoria deberá estar asinada pola persoa solicitante.

c) Declaración das axudas solicitadas ou recibidas para o mesmo obxecto ou concepto para os que se solicita esta subvención. Poderá empregarse o modelo previsto no anexo II.

d) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. Poderá empregarse o modelo previsto no anexo III.

e) Relación clasificada dos gastos da actividade, con identificación do acreedor, do documento de gasto ou factura, o importe, a data de emisión e a data de pagamento. No caso de desprazamentos fóra da zona euro terá que indicar a conversión a euros dos gastos xustificados, segundo establece o Banco de España ou os bancos nacionais de referencia. Xunto coa relación clasificada dos gastos se deberá certificar que as facturas corresponden ás actividades obxecto da subvención. Deberá empregarse o modelo establecido no anexo IV.

4. Son subvencionables os gastos da viaxe, aloxamento e transporte. Os gastos de transporte refírense só os gastos de ida e volta desde a localidade de residencia, segundo consta na solicitude, á localidade onde se realice a actividade e, no caso de billetes electrónicos, deberase xuntar as tarxetas de embarque. Nos gastos da viaxe incluense os de emisión dos billetes, así como os correspondentes as taxas e impostos directamente relacionados coa emisión daqueles.

5. Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

a) Xustificante bancario do pagamento pola persoa beneficiaria (transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso en efectivo polo portelo ou certificación bancaria), en que conste o número da factura obxecto do pagamento. Identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir coa persoa beneficiaria da axuda. Identificación da persoa destinataria do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa e/ou entidade que emitiu a factura.

b) Con carácter excepcional, admitiranse pagamentos en metálico cando o seu importe, individual ou en conxunto por provedor, non supere os 1.000€. Neste caso, o pagamento xustificarase mediante a factura asinada e selada polo provedor en que figure a expresión «recibín en metálico».

6. A Dirección Xeral de Políticas Culturais poderá requirir en todo momento as persoas solicitantes que acheguen a documentación complementaria que estime necesaria a fin de completar a solicitude e xustificar a axuda.

7. Cando as actividades fosen financiadas, ademais de coa subvención, con fondos propios ou outras subvencións ou recursos, deberá acreditarse na xustificación o importe, procedencia e aplicación de tales fondos ás actividades subvencionadas, segundo recolle o artigo 28.6º da Lei 9/2007, do 13 de xuño de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias desta axuda quedan suxeitas ás obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As persoas beneficiarias das axudas terán a obriga de facilitar toda a información que lles requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 20. Reintegro da axuda e procedemento sancionador

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, das subvencións e axudas públicas percibidas cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que a persoa beneficiaria da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigacións estipuladas, a Consellería de Cultura e Turismo instruirá o correspondente expediente sancionador, de conformidade co previsto no título IV da Lei 9/2007, citada no punto anterior.

3. Toda alteración das condicións observadas para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 21. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007,do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a suministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no Título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a.) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de Datos Nacional de Subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 22. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Consellería de Cultura e Turismo, a través dos seguintes medios:

a) Portal web oficial da Dirección Xeral de Políticas Culturais (https://www.cultura.gal) onde, ademais de obter os modelos normalizados de solicitude, se poderá descargar o texto íntegro desta orde.

b) Así mesmo, poderá obterse información xeral deste procedemento na Guía de procedementos e servizos na páxina web da Xunta de Galicia (https://www.xunta.gal).

Artigo 23. Remisión normativa

No desenvolvemento desta orde, observarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

E, supletoriamente:

d) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, reguladora dos requisitos de concesión e xustificación de subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico, que resultan de aplicación á normativa desta comunidade autónoma, e consecuentemente, a esta orde de convocatoria.

e) Real Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

f) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

g) Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Artigo 24. Recursos

Contra os actos resolutivos que esgotan a vía administrativa, poderá interpoñer o interesado recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a recepción da notificación da resolución, ou potestativamente interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura e Turismo.

Disposición adicional. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Cultura e Turismo coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de Procedementos e Servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás Administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade esixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme ao descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercitar outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira

Facúltaselle á persoa titular da Dirección Xeral de Políticas Culturais, no ámbito das súas competencias, para que dite as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2020

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura e Turismo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file