Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Venres, 21 de febreiro de 2020 Páx. 12571

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 30 de xaneiro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a innovación, a dixitalización e a implantación de novas fórmulas de comercialización e expansión do sector comercial e artesanal, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento CO300C).

A Consellería de Economía, Emprego e Industria é o órgano encargado de exercer as competencias que, en materia de comercio interior, o artigo 30.I.4 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á nosa comunidade autónoma.

O Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, establece que lle corresponde á Dirección Xeral de Comercio e Consumo a planificación, coordinación e control das competencias da consellería en materia de comercio interior.

Dentro destas cabe sinalar, especificamente, a promoción, fomento, modernización e desenvolvemento do comercio e a programación e xestión de axudas destinadas a estes fins.

O Plan estratéxico de impulso ao comercio de Galicia 2015-2020 ten entre os seus retos establecer un novo modelo de comercio intelixente que sitúe o cliente no centro da súa estratexia aproveitando todos os recursos á súa disposición.

Para iso, un dos obxectivos do plan é impulsar a modernización do comercio galego prestando especial atención á imaxe, á presentación do produto e á expansión comercial.

O comercio é unha actividade en constante evolución onde as novas tecnoloxías e os cambios nos hábitos de compra das persoas consumidoras lles exixen aos comerciantes unha constante actualización.

Nos últimos tempos, a modernidade únese á tradición e a realidade virtual mestúrase coa presencial; en definitiva, os valores do comercio de proximidade cobran máis vixencia que nunca: a calidade, a proximidade, a atención personalizada e, sobre todo, a imaxe.

A relevancia asignada á imaxe dos establecementos comerciais acrecentouse nos últimos anos. É preciso marcar a diferenza fronte aos demais e provocar a atracción do consumidor co aspecto externo e interno do establecemento, a mestura da oferta, mediante novas fórmulas de comercialización ou a forma de colocación dos artigos. Este aspecto cobra especial relevancia e permítenos falar de novas estratexias de márketing, de branding e de relación co cliente, facéndolle vivir experiencias no proceso de compra. A imaxe é unha clara ferramenta estratéxica dos comercios polo miúdo nun mercado cada vez máis complexo e diverso.

A innovación no sector comercial é actualmente un dos factores de competitividade empresarial máis importantes. Así, xunto coa innovación tecnolóxica introduce un novo concepto de comercio orientado a ofrecer ao consumidor unha experiencia de compra única, innovadora, de calidade e personalizada.

Na actualidade, as persoas consumidoras non precisan acudir ao establecemento comercial para comprar. Por iso, é preciso ofrecer un valor engadido ao comercio, de tal forma que todos os elementos que o integran se incorporen á oferta e sexan recoñecidos pola clientela como servizos adicionais postos á súa disposición e, en definitiva, perciba o feito de comprar como unha vivencia diferente.

Con estes obxectivos, a Consellería de Economía, Emprego e Industria pon en marcha esta orde de axudas para impulsar as seguintes actuacións:

– A transformación ou mellora no eido dixital do sector comercial e artesanal.

– Modernización integral dos locais comerciais.

– A expansión dun sector comercial que está a evolucionar e transformarse para satisfacer os cambios que a clientela demanda e a análise de novos mercados, mediante a apertura dun novo establecemento e/ou mediante a posta en marcha ou a participación en proxectos piloto pop up e concept store.

Así mesmo, a importancia das actividades artesás en Galicia desde un punto de vista social ou cultural únese á súa capacidade de xeración de emprego e riqueza económica. A Consellería de Economía, Emprego e Industria, consciente da súa relevancia, inclúe nesta orde os obradoiros artesáns como beneficiarios de axudas das ditas actuacións, salvo no tocante á modernización de locais comerciais. Ademais, mediante esta orde convócanse axudas para impulsar o investimento en equipamentos propios da actividade comercial e artesanal, que implique unha maior innovación nos procesos de deseño e calidade do produto final.

A Orde da Consellería de Economía do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto (DOG núm. 34, do 19 de febreiro), modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG núm. 231, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG núm. 209, do 29 de outubro), posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo VII no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o día 17 de outubro de 2019.

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da dita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde se entenden condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Con este fin, no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020 está consignado crédito por importe de 3.800.000,00 €, con cargo á aplicación orzamentaria 09.30.751A.770.1 «Dixitalización do sector e sustentabilidade ambiental: pulo do Comercio 360», para atender as axudas desta orde.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuída a Consellería de Economía, Emprego e Industria en materia de comercio interior, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas cales se rexerá a concesión de subvencións da Consellería de Economía, Emprego e Industria para a innovación, a dixitalización e a implantación de novas fórmulas de comercialización e de expansión do sector comercial e artesán (código do procedemento CO300C).

Así mesmo, por medio desta orde convócanse as ditas subvencións para o ano 2020.

Para a concesión destas subvencións destínanse 3.800.000,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 09.30.751A.770.1 «Dixitalización e innovación do sector comercial» dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020.

Esta cantidade poderase incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito, cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, a existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Nestes casos, publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 2. Solicitudes

Para poder ser beneficiario/a da subvención deberase presentar unha solicitude dirixida á Consellería de Economía, Emprego e Industria axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo IV, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 5 das bases reguladoras.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado anexo IV, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

2. En relación coa presentación de solicitudes, as persoas beneficiarias ás cales vai dirixida esta orde de subvencións que sexan persoas físicas están dadas de alta no réxime de autónomos e, polo tanto, teñen a obriga de empregar medios electrónicos para a realización de calquera trámite dun procedemento administrativo no exercicio da súa actividade profesional, tal e como establece o artigo 10 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

3. Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

4. Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

5. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro do mes.

Artigo 4. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez finalizado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a cinco meses, contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo para resolver sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso, as entidades interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das entidades interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o órgano ou entidade responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 7. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código CO300C, poderase obter información a través dos seguintes medios:

1. Na Guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia, no enderezo
https://sede.xunta.gal.

2. Páxina web oficial da Consellería de Economía, Emprego e Industria http://ceei.xunta.gal/portada, na súa epígrafe de axudas.

3. Nos teléfonos 981 54 55 57 ou 981 54 59 15 da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

4. No enderezo electrónico cei.dxc.axudas@xunta.gal

5. Presencialmente, na Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Consellería de Economía, Emprego e Industria; edificios administrativos San Caetano, 3º andar, 15071 Santiago de Compostela.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento poderase facer uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia: 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Recursos

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderanse interpoñer os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. Recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Economía, Emprego e Industria, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, e esta circunstancia reflectirase no dito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito nesta norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2020

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a innovación, a dixitalización e a implantación de novas fórmulas de comercialización e expansión do sector comercial e artesanal, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento CO300C)

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a concesión de subvencións para a innovación, a dixitalización e a implantación de novas fórmulas de comercialización e expansión do sector comercial e artesanal.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos (200.000 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 24.12.2013, L352/1).

3. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), consideraranse subvencionables os gastos e investimentos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actuación subvencionada.

En concreto, consideraranse subvencionables as actuacións previstas no artigo 4, sempre que estas sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de decembro de 2019 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 19, pola incidencia que nos sectores do comercio e da artesanía teñen tanto o período de rebaixas de inverno como a campaña de Nadal, que son para moitos establecementos o momento idóneo para o lanzamento de novas propostas comerciais, en establecementos e a través da canle dixital.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

As subvencións que se establezan para as actuacións previstas nesta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.30.751A.770.1 «Dixitalización e innovación do sector comercial» por un importe total de 3.800.000,00 euros.

A concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illada ou en concorrencia con outras axudas e subvencións das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos e privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total do investimento subvencionable.

As subvencións previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra das reguladas por esta consellería e entes dependentes, para os mesmos conceptos subvencionables e a mesma persoa beneficiaria.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases e sempre que nas persoas solicitantes non concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas que, en todo caso, cumpran, ademais, os seguintes requisitos:

1. Comerciantes retallistas:

a) Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia, que o domicilio social radique na Comunidade Autónoma e que cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade. No caso de comerciantes que realicen a actividade comercial en liña, deberán ter o domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Que, tendo a condición de peme conforme os requisitos establecidos pola Comisión Europea na súa Recomendación 2003/361/CE, do 6 de maio de 2003 (DOUE 124, do 20 de maio; p. 36), empreguen menos de vinte (20) traballadores e non teñan a consideración de grande establecemento comercial segundo a normativa aplicable. Para as actuacións de expansión comercial previstas no artigo 4.3 e para as actuacións de participación ou posta en marcha de proxectos de tendas efémeras ou eventos pop up, previstas no artigo 4.4, comerciantes que, tendo a condición de peme conforme os requisitos establecidos pola Comisión Europea na súa Recomendación 2003/361/CE, do 6 de maio de 2003 (DOUE 124, do 20 de maio, p. 36), empreguen menos de cincuenta (50) traballadores e non teñan a consideración de grande establecemento comercial segundo a normativa aplicable.

c) Que estean dados de alta nalgúnhas das epígrafes do IAE que se relacionan nos anexos II e III e que esta constitúa a actividade principal da persoa solicitante. No caso de que a actividade principal sexa unha actividade das epígrafes relacionadas no anexo III, deberá estar dado de alta nalgunha actividade comercial relacionada no anexo II.

No caso de actuacións de posta en marcha de expansión comercial previstas no artigo 4.3, deberán exercer a actividade comercial de forma ininterrompida nos últimos dous anos, contados a partir da data da fin do prazo de presentación de solicitudes.

d) Que desenvolvan a actividade comercial nun establecemento comercial cunha superficie de exposición e venda igual ou inferior a 300 metros cadrados, agás que a actividade comercial se encadre na epígrafe 653.1 do IAE.

2. Obradoiros artesáns:

Que estean inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. En caso de novos obradoiros terán de prazo ata o último día do prazo para a presentación de solicitudes para solicitar a inscrición no dito rexistro.

Non poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas en crise, conforme a definición prevista no artigo 2, número 18, do Regulamento (CE) nº 651/2014, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE 26.6.2014, L 187/1); nin aquelas persoas que, tendo sido beneficiarias do procedemento CO300C, renunciasen a este ou perdesen o dereito ao cobramento total da subvención no ano 2019.

Así mesmo, non poderán ser beneficiarias as persoas ás cales lles fose concedida unha subvención para as actuacións previstas no artigo 4.2 e 4.3 nos últimos dous (2) anos (IN201H ou IN228A/2018-CO300C/2019) para o mesmo local comercial.

Artigo 4. Actuacións subvencionables

1. Dixitalización comercial:

Para comerciantes retallistas e titulares de obradoiros artesáns.

a) A implantación e actualización de páxinas web comerciais coas seguintes características técnicas:

– Ter o protocolo de transferencia de datos https.

– Estar optimizada para SEO.

– Ter acceso á internet a través dun hosting con acceso do propietario da web ao código e claves da web.

– Estar adaptada a todos os dispositivos móbiles.

– Dispor de fotos de calidade profesional cun peso máximo de 400K e resolución de 72 dpp.

– Dispor de páxina de política de privacidade de acordo coa lexislación vixente, links ás redes sociais da empresa.

– Ter instalado e configurado Google Analytics.

No caso de web con acceso tenda en liña, ademais dos previstos anteriormente para a páxina web, deberá:

– Estar sincronizada co sistema de xestión do establecemento comercial.

– Ter dispoñible para a venda en liña un mínimo do 30 % das referencias de que se dispón na tenda física.

– Ter pasarela de pagamento.

b) Introdución de ferramentas de márketing 4.0: instrumentos de xeolocalización ou big data centrados na conectividade e na predición de padróns de consumo, publicidade en medios dixitais e ferramentas de realidade aumentada, que ofrezan experiencias reais e interactivas ao consumidor, como produtos 3D ou probadores virtuais e chatbots ou instrumentos similares que guíen o cliente no proceso de compra.

c) Pulo á mellora da imaxe dixital: contidos audiovisuais de promoción do produto.

d) Servizos profesionais de xestión de redes sociais (community manager) cun máximo de 11 meses.

e) Implantación de ferramentas de xestión: sistemas integrados para a planificación de recursos empresariais comerciais e software adecuados ás necesidades da empresa.

A porcentaxe de subvención será o 80 %, agás no suposto das letras b), c) e d), que será do 70 %, dos seguintes investimentos máximos subvencionables:

– Para a implantación de páxinas web con venda en liña é de 4.000,00 € (IVE excluído).

– Para a implantación de páxina web é de 1.000,00 € (IVE excluído).

– Para a actualización de páxina web é de 800,00 € (IVE excluído).

Non será compatible a solicitude de actuacións de implantación de páxinas web coas de mellora.

– Para a introdución de ferramentas de márketing 4.0 é de 6.000,00 € (IVE excluído) e establecése o límite para actuacións en publicidade en medios dixitais de 2.000,00 € (IVE excluído).

– Para a mellora de imaxe comercial dixital é de 6.000 € (IVE excluído).

– Para os servizos profesionais de xestión de redes sociais (community manager) é de 9.900,00 € (IVE excluído), a razón de 900,00 € por mes.

– Para a implantación de ferramentas de xestión é de 3.000,00 € (IVE excluído).

O investimento máximo subvencionable para o conxunto das actuacións de dixitalización é de 28.900 euros (IVE excluído).

2. Proxectos de modernización integral do local comercial incluídas nun proxecto de decoración e interiorismo.

Só para comerciantes retallistas.

En concreto, considéranse gastos subvencionables:

a) As obras de reforma e acondicionamento integral da superficie de exposición e venda do local comercial.

b) Adquisición de moblaxe destinado á mellora da imaxe comercial e adquisición de equipamento especializado para a exposición do produto que sexa necesario para o desenvolvemento da actividade comercial e de uso exclusivo na superficie de exposición e venda.

c) Actuacións de mellora da fachada exterior do local comercial e instalación de toldos, carteis, letreiros ou similares.

d) Actuacións conxuntas dun mínimo de tres establecementos comerciais contiguos para dotar de homoxeneidade estética a imaxe exterior dos comercios dunha mesma rúa comercial.

e) Os custos polos servizos profesionais de elaboración e redacción do proxecto de interiorismo e decoración.

Para as actuacións previstas nas letras a), b), c) e d), o investimento máximo subvencionable será de 30.000,00 € (IVE excluído) e o investimento mínimo de 8.000,00 € (IVE excluído) por cada establecemento comercial. No caso das actuacións previstas na letra e) o investimento máximo subvencionable será de 2.000,00 € (IVE excluído), por establecemento comercial.

A porcentaxe de subvención será o 50 % do investimento máximo subvencionable agás no suposto das letras d) e e), que será do 70 %.

3. Proxectos de expansión comercial.

Só para comerciantes retallistas.

Para os efectos desta orde, considéranse proxectos de expansión comercial a apertura dun novo establecemento comercial, baseado no desenvolvemento do mesmo proxecto comercial, na especialización ou diversificación de produtos, na especialización de servizos ao cliente ou na especialización de novas tendencias emerxentes de consumo. O proxecto deberá estar incluído nun proxecto de decoración e interiorismo.

O proxecto de expansión comercial deberá incluír un compromiso de contratación de persoal de, polo menos, un/unha traballador/a, por un período mínimo dun ano, no prazo de seis meses contados a partir da data límite de xustificación da subvención prevista no artigo 19.

En concreto, considéranse gastos subvencionables nos proxectos de expansión comercial mediante a apertura dun novo establecemento comercial as actuacións previstas no punto 2, letras a), b), c) e e).

Para as actuacións previstas nas letras a), b), e c), o investimento máximo subvencionable será de 60.000,00 € (IVE excluído) e o investimento mínimo de 8.000,00 € (IVE excluído) por establecemento comercial. No caso das actuacións previstas na letra e), o investimento máximo subvencionable será de 2.000,00 € (IVE excluído) por establecemento comercial.

A porcentaxe de subvención será o 50 % do investimento máximo subvencionable, agás no suposto da letra e), que será do 70 %.

4. Participación ou posta en marcha de proxectos de tendas efémeras ou eventos pop up.

Para comerciantes retallistas e titulares de obradoiros artesáns.

4.1. Para os efectos desta orde, considérase posta en marcha de proxectos de tendas efémeras pop up a apertura, por un prazo máximo de dous (2) meses, dun espazo comercial que terá por obxecto analizar o novo mercado, sen que en ningún caso supoña a apertura dun outlet ou teña por obxecto o desenvolvemento de actividades de liquidación ou venda de saldos.

En concreto, considéranse gastos subvencionables:

a) O alugamento do local, espazo ou contedor da tenda efémera (máximo dúas mensualidades).

b) O acondicionamento da superficie de exposición e venda.

c) A adquisición ou alugamento de moblaxe ou equipamento especializado para a exposición do produto que sexa necesario para o desenvolvemento da actividade comercial e de uso exclusivo na superficie de exposición e venda.

d) O transporte de mercadoría.

e) Publicidade e promoción da tenda efémera pop up.

Para o conxunto destas actuacións, o investimento máximo subvencionable será de 8.000,00 € (IVE excluído).

A porcentaxe de subvención será o 70 % do investimento máximo subvencionable. A subvención máxima polo alugamento do local será de 1.500,00 euros; polo transporte de mercadoría, de 500,00 euros e pola publicidade e promoción, de 1.000 euros.

4.2. Participación en proxectos de tendas efémeras ou eventos pop up.

Considéranse subvencionable, ata un máximo de tres, a participación en proxectos de tendas efémeras pop up, onde o beneficiario non participe na organización e xestión do evento.

Para o conxunto desta actuación, o investimento máximo subvencionable será de 2.100 €, a razón de 700,00 euros de investimento máximo subvencionable por cada proxecto ou evento, ata un máximo de tres.

A porcentaxe de subvención será o 70 % do investimento máximo subvencionable.

En concreto, considéranse gastos subvencionables:

Son gastos subvencionables os que ocasione o alugamento do espazo expositivo que se contrata, os seguros e aqueles servizos de carácter básico e obrigatorios sinalados pola organización do evento.

O importe máximo de subvención, para o conxunto de todas as actuacións subvencionables, non poderá superar os 8.000,00 euros, IVE excluído.

5. Proxectos de posta en marcha de concept stores.

Para comerciantes retallistas e titulares de obradoiros artesáns.

Para os efectos desta orde, considéranse concept stores os establecementos comerciais cunha oferta diversificada de produtos, xeradora de sinerxías, que supoña un valor engadido na oferta e sexa atractiva para a clientela na procura dunha identidade única e diferenciadora. O proxecto deberá estar incluído nun proxecto de decoración e interiorismo.

O concept store poderá unir unha ou varias persoas comerciantes e/ou artesás nun espazo compartido con diferentes propostas innovadoras, xa sexan comerciais, culturais, artísticas, de deseño ou gastronómicas, creando unha experiencia única de compra.

Considéranse gastos subvencionables as actuacións previstas no punto 2, letras a), b), c) e e).

Para as actuacións previstas nas letras a), b) e c), o investimento máximo subvencionable será de 30.000,00 € (IVE excluído) e o investimento mínimo de 8.000,00 € (IVE excluído). No caso das actuación previstas na letra e), o investimento máximo subvencionable será de 2.000,00 € (IVE excluído).

A porcentaxe de subvención será o 70 % do investimento máximo subvencionable.

Non será compatible a solicitude de proxectos de posta en marcha de concept store con actuacións de modernización comercial para o mesmo establecemento comercial.

6. A adquisición de equipamentos propios da actividade comercial e artesanal:

Para comerciantes retallistas e titulares de obradoiros artesáns.

Considéranse actuacións subvencionables a adquisición, en réxime de propiedade, de equipamentos propios da actividade comercial e artesanal, que deberán ser, en todo caso, de primeiro uso; en concreto de:

Maquinaria, ferramentas ou equipamento auxiliar, de fabricación externa cualificada, directamente relacionada coa actividade comercial ou artesanal, así como outra maquinaria, ferramentas ou equipamento auxiliar, de fabricación externa cualificada, directamente relacionada coa actividade comercial ou artesanal e que melloren o deseño e a calidade do produto final.

Para o conxunto destas actuacións, o investimento máximo subvencionable será de 10.000,00 € (IVE excluído) e a porcentaxe de subvención será o 70 % do investimento máximo subvencionable.

7. Non se consideran gastos subvencionables:

a) As obras ou actuacións en cuartos de baño, oficinas, almacéns e outras dependencias non afectas ao uso da actividade de exposición e venda.

b) Os custos asociados á compra ou alugamento do inmoble comercial, agás no previsto na letra 4.a).

c) Os permisos, licenzas ou cotas de colexios oficiais ou calquera outro tributo ou imposto.

d) A adquisición de moblaxe e artigos de exposición e proba, susceptibles da venda posterior.

e) A instalación de sistemas de alarma, seguridade ou similares.

f) A adquisición de ordenadores, dispositivos móbiles, televisores, reprodutores de son e imaxe e tpv.

g) Os custos de persoal e de subministracións de auga, enerxía, telefonía e internet.

h) Adquisición de maquinaria propia de procesos industriais, no caso de artesáns, e a adquisición de maquinaria e instrumentos propios de servizos profesionais.

i) A adquisición de materia prima da actividade artesanal.

j) Investimentos destinados a locais para uso da actividade artesanal. Aqueles que non estean directamente vinculados coa realización da actuación subvencionable, e/ou directamente relacionadas coa cualificación dos obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

Segundo o artigo 29.8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en ningún caso se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, nin os impostos persoais sobre a renda.

En ningún caso o custo da adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Artigo 5. Solicitudes e documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As solicitudes para participar no procedemento da concesión da subvención presentaranse na forma e no prazo que se indican no artigo 3 da orde de convocatoria.

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Acta, escritura ou documento de constitución, estatutos e, se é o caso, modificación deles, debidamente legalizados, de ser o caso. A referida documentación deberá acreditar que o seu obxecto social abrangue a actividade para a cal se solicita a subvención.

b) Documento acreditativo de poder bastante para actuar ante a Administración da persoa representante legal da entidade solicitante, ou poderá achegar, debidamente cuberto e asinado, o modelo de representación para procedementos ante a Xunta de Galicia que figura na sede electrónica.

c) No caso de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, deberán constar expresamente (anexo V) os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación e o importe de subvención que se aplicará por cada un, que terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias. Deberá nomearse unha persoa representante única da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que corresponden á agrupación. Non se poderá disolver ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei de subvencións de Galicia.

d) Se a persoa solicitante está dada de alta no IAE nunha actividade económica do anexo II ou III e noutra ou noutras que non sexan subvencionables, deberá xustificar cal de elas é a principal:

– No caso de sociedades, presentarán a declaración anual do IVE (modelo 390) do ano anterior. No suposto de sociedades constituídas con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2020, substituirase ese documento pola declaración responsable contida no anexo VII.

– As comunidades de bens, sociedades civís e persoas físicas acreditarán cal das actividades é a principal mediante a declaración responsable contida no anexo VII.

A Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá solicitar os documentos preceptivos co obxecto de efectuar as comprobacións oportunas. De non cumprir co asinado na declaración responsable, procederase ao inicio do expediente de reintegro da subvención concedida de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Informe de vida laboral do código de conta de cotización da persoa solicitante ou, se é o caso, certificación da Seguridade Social da non existencia de traballadores/as.

f) Memoria detallada de cada unha das actuacións para as cales se solicita a subvención, que incluirá unha descrición pormenorizada, obxectivos e valoración económica das actuacións que se pretenden executar.

No caso de proxectos de expansión comercial, a memoria incluirá, ademais do anterior, unha xustificación da localización do establecemento comercial, do produto e do mercado a que se dirixe, con desenvolvemento detallado de todos os aspectos en que se basea este. Así, deberá conter unha referencia ao establecemento do que se inicia a expansión comercial.

Nos proxectos de posta en marcha dun concept store deberase incluír unha memoria onde quede suficientemente xustificado o proxecto que se vai desenvolver, que inclúa un plan de actuacións dos diferentes campos de actividade implicados no concepto, xustificando a interrelación entre elas, así como o público obxectivo a que se pretende chegar.

No caso de adquisición de equipamentos e ferramentas, a memoria deberá conter a xustificación da necesidade, así como da mellora que representa a súa adquisición.

g) No caso de actuacións previstas no artigo 4, números 2, 3 e 5 das bases da convocatoria, deberán achegar:

– Proxecto de decoración e interiorismo asinado por un/unha profesional da decoración, interiorismo ou arquitectura, no cal se deberán incluír as distintas actuacións para as cales se solicita a subvención, que deberán coincidir coa memoria presentada e o deseño gráfico do resultado final que se pretende obter.

– Fotografías ou documentos gráficos do local antes de iniciar as actuacións, agás no caso de que realizasen as actuacións con anterioridade á data da publicación desta orde, así como do primeiro establecemento comercial.

h) Facturas ou, na súa falta, facturas pro forma ou orzamento detallado de gastos previstos para a realización de cada unha das actividades ou adquisicións para as cales se solicita subvención. Non terán a consideración de orzamentos as estimacións de gastos realizadas pola persoa solicitante e que carezan do soporte da oferta do provedor ou tarifa oficial do gasto, nin se admitirán aqueles orzamentos que non presenten a suficiente desagregación para determinar o carácter subvencionable dos conceptos relacionados nela.

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que se deberá achegar na xustificación, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberase xustificar expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. Considerando o anterior, deberase achegar a documentación disposta nos parágrafos seguintes:

h.1. Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas detalladas dos investimentos sobre os cales se solicita a axuda, obtidos dos provedores seleccionados pola persoa solicitante, con independencia da contía dos investimentos.

h.2. Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas que non foron seleccionadas pola persoa solicitante para a realización do proxecto.

h.3. Memoria económica xustificativa da elección dos provedores, nos seguintes casos:

h.3.1. Cando a elección do provedor non recaia na oferta económica máis vantaxosa das tres que, como mínimo, obtivo a persoa solicitante.

h.3.2. Cando, polas especiais características dos gastos subvencionables, non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

Non existe a obriga de presentar esta memoria xustificativa cando a elección do provedor recaia na oferta económica máis vantaxosa das tres que, como mínimo, obtivo a persoa solicitante.

i) Para os efectos sinalados no artigo 10 destas bases, achegarase, de ser o caso, a seguinte documentación acreditativa, que en ningún caso será obxecto de requirimento:

– Declaración responsable sobre o cumprimento do criterio establecido na letra d), coa identificación da empresa provedora, ano da contratación e importe aboado.

– Declaración responsable sobre o cumprimento do criterio establecido na letra e), coa indicación do número de persoas e grao de discapacidade.

– Declaración responsable sobre o cumprimento do criterio establecido na letra f), coa descrición das medidas.

– A integración de medidas de sustentabilidade ambiental e de eficiencia enerxética deberán estar recollidas na memoria do proxecto.

2. A documentación complementaria presentarase por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente.

Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI ou NIE da persoa representante.

d) Certificación expedida pola Axencia Tributaria na cal se indiquen as epígrafes do imposto de actividades económicas en que figura dada de alta a persoa solicitante.

e) Certificación expedida pola Axencia Tributaria da declaración do imposto da renda das persoas físicas para as persoas físicas inscritas.

f) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

g) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral de Seguridade Social.

h) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Facenda da Xunta de Galicia.

i) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

j) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

k) Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 7. Órganos competentes

A Dirección Xeral de Comercio e Consumo será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, así como para realizar a proposta de resolución ao/á conselleiro/a, e corresponderalle á persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria ditar a resolución que corresponda, sen prexuízo da delegación noutros órganos.

Artigo 8. Instrución dos procedementos

1. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase a entidade interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fai, se considerará por desistida na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 6 resulta que a entidade solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma ou coa Seguridade Social, ou no suposto de que sexa necesario achegar calquera outra documentación, logo de aplicarse o disposto na alínea d) do artigo 53.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os requirimentos citados de emenda poderanse facer mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará no taboleiro electrónico de anuncios da páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG, e poderase facer indicación de que os seguintes actos administrativos deste procedemento serán notificados a través do citado taboleiro. Se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web pola notificación individualizada, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderáselle requirir á entidade solicitante que xunte cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 9. Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións ás persoas interesadas.

Para os efectos de valorar as solicitudes e propoñer as persoas solicitantes con dereito a obter a subvención, a Comisión de Valoración aplicará os criterios de valoración para determinar a concorrencia competitiva entre as persoas solicitantes das actuacións definidas no artigo 4.

Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán de xeito individualizado as persoas solicitantes propostas para obteren a subvención e especificarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos no artigo seguinte. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada unha delas, ata esgotar o crédito dispoñible.

2. O resto das actuacións subvencionables quedará en reserva para seren atendidas, ben co crédito que quede libre de se producir algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións. Para estes efectos, poderanse realizar sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

3. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

– Presidencia: subdirector/a da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

– Vogais:

Un/unha xefe/a de servizo da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

Un/unha xefe/a de sección da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

Un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, que fará as funcións de secretario/a.

Artigo 10. Criterios de valoración

Os criterios de avaliación que servirán de base para a determinación da contía e da preferencia na concesión das subvencións, relacionados por orde decrecente, serán os seguintes:

a) Por exercer a actividade nun municipio de menos de 5.000 habitantes: 2 puntos.

b) Por exercer a actividade comercial nun concello fusionado: 2 puntos.

c) Ter o domicilio social nun concello adherido ao convenio coa Fegamp Doing business: 2 puntos.

d) Contratación con provedores de empresas de inserción social nos últimos tres (3) anos: 2 puntos.

e) Ser o titular ou ter no cadro de persoal persoas empregadas con capacidades diferentes: 2 puntos.

f) Por ter implantada algunha medida de responsabilidade social na xestión da actividade artesanal ou comercial: 2 puntos.

g) Por ser a persoa beneficiaria ou a persoa representante da persoa xurídica beneficiaria un/unha mozo/a de idade igual ou menor a 30 anos: 1 punto.

h) Por ser a persoa titular do obradoiro ou establecemento comercial ou a representante da sociedade unha muller: 1 punto.

i) Adhesión ao sistema arbitral de consumo con carácter indefinido: 1 punto.

j) A implementación de ferramentas de xestión comercial ou de márketing 4.0: 1 punto.

k) A integración nos proxectos para as actuacións previstas no artigo 4, números 2, 3 e 5, de medidas de sustentabilidade ambiental e de eficiencia enerxética: 1 punto.

l) Por estar adherido ao programa do e-ticket dixital posto en marcha pola Xunta de Galicia en colaboración coa Federación Galega de Comercio: 1 punto.

m) Por estar adherido á Rede de comercios e mercados no Camiño: 1 punto.

No caso de comerciantes retallistas que non posúan establecemento comercial aberto, para os efectos das letras a), b) e c), considerarase o municipio de exercicio e desenvolvemento da súa actividade aquel onde radique o domicilio social.

Unha vez esgotado o crédito dispoñible, no caso de que máis dunha solicitude obtivese a mesma puntuación, o desempate realizarase seguindo a puntuación acadada nas diferentes epígrafes por orde decrecente.

Artigo 11. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, poñeráselles de manifesto ás persoas interesadas para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polas persoas interesadas.

Artigo 12. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o/a instrutor/a formulará a proposta de resolución, que se elevará, a través do órgano instrutor, á persoa titular da consellería.

2. A persoa titular da consellería, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía, ou, se é o caso, a causa de denegación.

A dita resolución será publicada na web http://ceei.xunta.gal e notificada ás persoas beneficiarias, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45.1.b) da mesma lei, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade que desenvolverá a persoa beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás persoas interesadas será de cinco meses contados a partir do seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as/os interesadas/os poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Nesa notificación comunicarase o importe previsto da axuda, expresado en equivalente bruto de subvención, e o seu carácter de axuda de minimis, en aplicación do Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas minimis (DOUE 24.12.2013, L352/1).

As resolucións de inadmisión ou desestimación de solicitudes notificaranse individualmente, con indicación das súas causas. Non obstante, poderase substituír a dita notificación individual pola publicación no DOG, coa indicación de que as persoas non beneficiarias consulten a información detallada da súa resolución nun taboleiro da citada web.

Artigo 13. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderanse interpoñer os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, a persoa solicitante e outras posibles persoas interesadas poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que a resolución debería ter sido ditada.

b) Recurso contencioso-administrativo, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 14. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da subvención poderá acordar a modificación da resolución por instancia da persoa beneficiaria, para o cal se cumprirán, en todo caso, os seguintes requisitos:

1º. Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

2º. Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

3º. Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supoñan a denegación da axuda ou subvención.

3. A entidade beneficiaria deberá solicitar a modificación mediante instancia dirixida á persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados no punto anterior, cun límite de corenta (40) días hábiles antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento subvencionado, sen prexuízo do disposto no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo órgano concedente despois da instrución do correspondente expediente, en que se dará audiencia ás entidades interesadas na forma prevista no artigo 11 destas bases.

Artigo 15. Renuncia

A renuncia á subvención, debidamente motivada, poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A persoa titular da consellería ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da mesma lei.

Artigo 16. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas da persoa beneficiaria:

1º. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

2º. Xustificar, ante o órgano concedente, o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

3º. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente, ou a calquera outra actuación, xa sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

4º. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, especificando aquelas axudas de minimis obtidas, para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo a que fai referencia o artigo 1.2 destas bases. Así mesmo, comunicar a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

5º. Acreditar, con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión, que está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega, nos termos previstos no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6º. Manter os investimentos subvencionados, coa axuda outorgada e a aplicación dos fondos recibidos, durante un período de dous anos desde a súa concesión.

7º. Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso.

8º. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da devandita lei.

9º. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

10º. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 17. Obrigas específicas de publicidade

Adoptar as medidas de difusión contidas no punto 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

As persoas beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. En concreto, as persoas beneficiarias das axudas deberán facer constar o cofinanciamento dos activos adquiridos ao abeiro desta axuda con fondos da Xunta de Galicia a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Para isto empregarán adhesivos ou distintivos similares coa lenda «Proxecto cofinanciado», xunto co do escudo normalizado da Xunta de Galicia, segundo o modelo e as instrucións elaborados pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo e publicados no enderezo http://www.portaldocomerciante.gal/

Artigo 18. Subcontratación

Enténdese que unha persoa beneficiaria subcontrata cando concerta con terceiros a execución total ou parcial da actividade que constitúa o obxecto da subvención. Queda fóra deste concepto a contratación daqueles gastos en que teña que incorrer a persoa beneficiaria para a realización por si mesma da actividade subvencionada.

Será de aplicación o disposto nos artigos 27 da Lei 9/2007 e 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Faise especial indicación de que as persoas ou entidades subcontratadas non poderán estar vinculadas coa entidade solicitante salvo que concorran as seguintes circunstancias:

1ª. Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.

2ª. Que se solicite e conceda a súa autorización previa (a solicitude de autorización e a súa xustificación presentaranse xunto coa solicitude de subvención).

Artigo 19. Xustificación da subvención

1. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, nos lugares sinalados no artigo 3 da convocatoria e ata o 30 de outubro de 2020, dunha copia da seguinte documentación:

a) Xustificantes dos investimentos: facturas dos provedores e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil e con eficacia administrativa nos termos que se establezan regulamentariamente (importe sen IVE e importe total), en relación cos gastos subvencionables, emitidas dentro do período comprendido entre o 1 de decembro de 2019 e a data límite de xustificación.

Os gastos xustificaranse con facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa, pagados, en orixinal ou copias auténticas electrónicas.

Cando a persoa beneficiaria non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

No obstante, neste procedemento admitiranse os documentos en papel ou copias debidamente compulsadas debido a circunstancias funcionais e/ou tecnolóxicas derivadas da implantación progresiva por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma en relación coa organización da emisión das copias auténticas electrónicas.

b) Xustificación dos pagamentos: acreditarase a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento comprendido entre data de inicio do proxecto e a data límite da xustificación do proxecto. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, así como o número de factura obxecto do pagamento e a súa data. Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

c) Fotografías das zonas reformadas que amosen as obras realizadas obxecto da subvención, así como das actuacións de mellora de imaxe, que serán tomadas desde o mesmo ángulo desde o que se realizaron as remitidas coa solicitude.

d) Anexo VI da orde de convocatoria debidamente asinado.

e) No caso de que as persoas se opoñan expresamente á consulta dos datos, certificacións expedidas polos organismos competentes, acreditativas de estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Se o certificado dispón de código electrónico de verificación coa Administración pública correspondente, poderase presentar o dito documento sen compulsar.

f) Contrato de traballo da persoa traballadora ou, no caso de non ter sido contratado, unha declaración responsable do compromiso de contratación no prazo dos seis meses seguintes á data da xustificación e a presentación do contrato dentro deste prazo.

2. Os órganos competentes da Consellería de Economía, Emprego e Industria poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes.

Artigo 20. Pagamento

1. Unha vez recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da Consellería, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. O libramento da subvención aboarase nun único pagamento, mediante transferencia bancaria á entidade financeira ao número de conta designado pola persoa beneficiaria.

3. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución de concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxecto. En caso de concorrencia con outras subvencións ou axudas, observarase o establecido no artigo 2 desta orde.

Artigo 21. Incumprimento, reintegros e sancións

1. Nos supostos de falta de xustificación, de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 33 da Lei de subvencións de Galicia ou de incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de mora correspondente desde o momento do pagamento da subvención, incluíndo a data en que se acorde a orixe do reintegro.

Procederá o reintegro parcial da axuda concedida cando, ao non cumprir a obriga establecida no artigo 16.6 de manter a actividade durante dous anos, se aproxime de maneira significativa a ela, entendendo como tal ter mantido a actividade durante, polo menos, dezaoito meses e que a persoa beneficiaria acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos seus compromisos. A contía que se reintegrará será proporcional ao tempo que reste para o cumprimento dos dous anos.

2. O procedemento para declarar a orixe da perda deste dereito será o establecido no artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá apreciar un incumprimento parcial, e deberá resolver sobre o seu alcance aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro.

O alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables e, se é o caso, deberanse reintegrar as cantidades percibidas na dita proporción.

Para os efectos do disposto no parágrafo anterior, deberase reintegrar o total da cantidade percibida para unha o varias actuacións establecidas no artigo 4 cando o cumprimento de cada unha delas non acade o 60 % do investimento subvencionado.

4. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da dita Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Control

1. A Consellería de Economía, Emprego e Industria poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Á parte do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 23. Publicidade

No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, persoa beneficiaria, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia e será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Artigo 24. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento desta lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e modificado pola Lei 5/2000, do 28 de decembro; na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia vixente na anualidade; no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas minimis (DOUE 24.12.2013, L352/1) e no resto de normativa que resulte de aplicación.

ANEXO II

Epígrafes do IAE subvencionables

641. Comercio polo miúdo de froitas, verduras, hortalizas e tubérculos.

642. Comercio polo miúdo de carnes e miúdos; de produtos derivados cárnicos elaborados: de ovos, aves, coellos de granxa, caza, e de produtos derivados deles.

643. Comercio polo miúdo de peixes e doutros produtos da pesca e da acuicultura e caracois.

644. Comercio polo miúdo de pan, pastelaría, confeitaría e similares, e de leite e produtos lácteos.

645. Comercio polo miúdo de viños e bebidas de todas as clases.

647. Comercio polo miúdo de produtos alimenticios e bebidas en xeral (agás 647.4 e 647.5).

651. Comercio polo miúdo de produtos téxtiles, confección, calzado, peles e artigos de coiro.

652. Comercio polo miúdo de medicamentos, artigos de drogaría e limpeza, perfumaría e cosméticos (agás 652.1).

653. Comercio polo miúdo de artigos para o equipamento do fogar e a construción (agás 653.4).

656. Comercio polo miúdo de bens usados, tales como mobles, roupas e enxoval ordinarios de uso doméstico.

657. Comercio polo miúdo de instrumentos musicais en xeral, así como dos seus accesorios.

659. Outro comercio polo miúdo.

665. Actividades empresariais de comercio realizadas fóra do establecemento permanente: «comercio retallista por correo ou catálogo». No caso de comercio en liña, non será subvencionable a comercialización en liña de produtos ou servizos non comprendidos no ámbito de aplicación da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia.

ANEXO III

Epígrafes do IAE subvencionables

255.2-Fabricante de xabóns toucador e produtos de perfumaría.

253.6-Fabricante de aceites esenciais e substancias aromáticas.

41-Industria de produción de produtos alimenticios.

421-Industria de cacao, chocolate e produtos de confeitaría.

43-Industria téxtil.

44-Industria do coiro.

45-Industria do calzado e vestido e outras confeccións téxtiles.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file