BDNS (Identif.): 496574.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.go.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Persoas beneficiarias
As persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas que, en todo caso, cumpran ademais os seguintes requisitos:
1. Comerciantes retallistas:
a) Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia, que o domicilio social radique na Comunidade Autónoma e que cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade. No caso de comerciantes que realicen a actividade comercial en liña, deberán ter o domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Que, tendo a condición de peme conforme os requisitos establecidos pola Comisión Europea na súa Recomendación 2003/361/CE, do 6 de maio de 2003 (DOUE 124, do 20 de maio; p. 36), empreguen menos de vinte (20) traballadores e non teñan a consideración de grande establecemento comercial segundo a normativa aplicable. Para as actuacións de expansión comercial previstas no artigo 4.3 e para as actuacións de participación ou posta en marcha de proxectos de tendas efémeras ou eventos pop up, previstas no artigo 4.4, comerciantes que, tendo a condición de peme conforme os requisitos establecidos pola Comisión Europea na súa Recomendación 2003/361/CE, do 6 de maio de 2003 (DOUE 124, do 20 de maio; p. 36), empreguen menos de cincuenta (50) traballadores e non teñan a consideración de grande establecemento comercial segundo a normativa aplicable.
c) Que estean dados de alta nalgunhas das epígrafes do IAE que se relacionan nos anexos II e III e que esta constitúa a actividade principal da persoa solicitante. No caso de que a actividade principal sexa unha actividade das epígrafes relacionadas no anexo III, deberá estar dado de alta nalgunha actividade comercial relacionada no anexo II.
No caso de actuacións de posta en marcha de expansión comercial previstas no artigo 4.3, deberán exercer a actividade comercial de forma ininterrompida nos últimos dous anos, contados a partir da data da fin do prazo de presentación de solicitudes.
d) Que desenvolvan a actividade comercial nun establecemento comercial cunha superficie de exposición e venda igual ou inferior a 300 metros cadrados, agás que a actividade comercial se encadre na epígrafe 653.1 do IAE.
2. Obradoiros artesáns:
Que estean inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. No caso de novos obradoiros, terán de prazo ata o último día do prazo para a presentación de solicitudes para solicitar a inscrición no dito rexistro.
Segundo. Obxecto
A concesión de subvencións para a innovación, a dixitalización e a implantación de novas fórmulas de comercialización e de expansión do sector comercial e artesán.
Terceiro. Bases reguladoras
Publícanse conxuntamente na convocatoria.
Cuarto. Importe
Destínanse 3.800.000,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 09.30.751A.770.1.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2020
Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria