Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Venres, 21 de febreiro de 2020 Páx. 12773

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 17 de febreiro de 2020 pola que se convocan cursos de adaptación da actividade física e deportiva ao socorrismo en instalacións acuáticas (CAFDO-IA) e en espazos acuáticos naturais (CAFDO-EAN), para licenciados ou graduados en Ciencias da Actividade Física e o Deporte e técnicos superiores en Animación de Actividades Físicas e Deportivas, co obxectivo de acadar a formación mínima que deben reunir os/as socorristas acuáticos/as para o seu exercicio profesional no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia e a súa inscrición no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia.

O Decreto 104/2012, do 16 de marzo (DOG núm. 67, do 9 de abril), polo que se fixa a formación mínima dos socorristas acuáticos e se crea e regula o Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia, modificado polo Decreto 35/2017, do 30 do marzo (DOG núm. 69, do 7 de abril), establece os requisitos que deben reunir os socorristas acuáticos para exercer a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, sendo requisito indispensable a inscrición no mencionado rexistro.

O artigo único do Decreto 35/2017, do 30 de marzo, dispón no punto Un que se engaden dúas novas letras D) e E) nos puntos 1 e 2 do artigo 6 do Decreto 104/2012, do 16 de marzo, e segundo estas, a acreditación da formación mínima para o exercicio da actividade de socorrismo tanto en instalacións acuáticas como en espazos acuáticos naturais, que suporá a inscrición na sección de socorristas en instalacións acuáticas ou en espazos naturais acuáticos, poderá obterse mediante:

– O título de licenciado ou graduado en Ciencias da Actividade Física e o Deporte, xunto co certificado de ter superado o curso de adaptación da actividade física e deportiva ao socorrismo en instalacións acuáticas (CAFDO-IA), establecido no anexo V (do Decreto 35/2017, do 30 de marzo) e impartido polas entidades sinaladas na disposición adicional primeira e segunda, e o título de técnico superior en Animación de Actividades Físicas e Deportivas, xunto co certificado de ter superado o curso de adaptación da actividade física e deportiva ao socorrismo en instalacións acuáticas (CAFDO-IA), establecido no anexo V e impartido polas entidades sinaladas na disposición adicional primeira e segunda.

– O título de licenciado ou graduado en Ciencias da Actividade Física e o Deporte, xunto co certificado de ter superado o curso de adaptación da actividade física e deportiva ao socorrismo en espazos acuáticos naturais (CAFDO-EAN), establecido no anexo VI (do Decreto 35/2017, do 30 de marzo) e impartido polas entidades sinaladas na disposición adicional primeira e segunda, e o título de técnico superior en Animación de Actividades Físicas e Deportivas, xunto co certificado de ter superado o curso de adaptación da actividade física e deportiva ao socorrismo en espazos acuáticos naturais (CAFDO-EAN), establecido no anexo VI e impartido polas entidades sinaladas na disposición adicional primeira e segunda.

Por outra banda, o ordinal terceiro do citado Decreto 35/2017 engade unha disposición adicional segunda pola que a Academia Galega de Seguridade Pública, nas súas propias instalacións existentes ou ben mediante contrato, convenio ou calquera outro instrumento xurídico válido con terceiro, poderá impartir os cursos de adaptación da actividade física e deportiva ao socorrismo en instalacións acuáticas e de adaptación da actividade física e deportiva ao socorrismo en espazos acuáticos naturais.

Na súa consecuencia, de cara a fomentar a realización da formación mínima e o acceso ao Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia a través desta nova vía, dentro das actividades programadas para o ano 2020, e conforme o establecido na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), anúnciase a convocatoria dun curso de adaptación da actividade física e deportiva ao socorrismo en instalacións acuáticas (CAFDO-IA) e un curso de adaptación da actividade física e deportiva ao socorrismo en espazos acuáticos naturais (CAFDO-EAN), para licenciados/as ou graduados/as en Ciencias da Actividade Física e o Deporte e técnicos/as superiores en Animación de Actividades Físicas e Deportivas, co obxectivo de acadar a formación mínima que deben reunir os/as socorristas acuáticos/as para o seu exercicio profesional no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia e a súa inscrición no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme as bases do anexo I.

A Estrada, 17 de febreiro de 2020

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

ANEXO I

Bases

Primeira. Actividades formativas

As actividades formativas serán as que se especifican no anexo II desta resolución, no cal se indica tamén, de ser o caso, o número de edicións por curso, número de horas lectivas, número de prazas, datas de realización e horarios dos distintos cursos. As actividades formativas terán preferentemente horario de mañá e tarde.

Os cursos convocados realizaranse na Academia Galega de Seguridade Pública (r/ Cultura s/n, A Estrada, Pontevedra), sen prexuízo de que algunhas actividades formativas concretas ou módulos seus se poidan facer fóra das súas instalacións.

De ser o caso, as persoas seleccionadas nas diferentes actividades formativas serán notificadas por correo electrónico de calquera outra información necesaria.

Segunda. Obxectivos e contido das actividades formativas

Obxectivos:

Obter a formación necesaria para a inscrición no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia, creado polo Decreto 104/2012, do 16 de marzo, modificado polo Decreto 35/2017, polo que se fixa a formación mínima dos socorristas acuáticos e se crea e regula o Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia.

Contido:

O contido das diferentes actividades formativas convocadas pola presente resolución son os establecidos no anexo V e anexo VI do Decreto 35/2017, polo que se modifica o Decreto 104/2012, que establecen diferentes módulos formativos. Entre os módulos formativos recóllense as prácticas profesionais non laborables que deberán realizarse obrigatoriamente para obter a certificación do curso, sen que sexa posible a súa validación.

Terceira. Destinatarios/as

a) Licenciados/as ou graduados/as en Ciencias da Actividade Física e o Deporte.

b) Técnicos/as superiores en Animación de Actividades Físicas e Deportivas.

Cuarta. Requisitos de participación dos/das solicitantes

1. Requisitos xerais:

a) Estar en posesión do título de licenciado ou graduado en Ciencias da Actividade Física e o Deporte ou de técnico superior en Animación de Actividades Físicas e Deportivas.

b) Non atoparse inscrito de forma definitiva na sección ou seccións correspondentes do Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia.

2. Proba específica:

Superar a proba específica combinada con aletas, que constitúe o primeiro módulo formativo dos cursos convocados e que se regula na base novena desta convocatoria.

3. Requisitos físicos/psíquicos:

Os/as solicitantes deberán acreditar que non padecen enfermidade nin están afectados por limitación física ou psíquica incompatible coa realización das accións formativas ou co desempeño das funcións correspondentes ao curso a que se opta, mediante declaración que se efectuará xunto coa solicitude de matrícula no curso, e será obriga de cada alumno/a poñer en coñecemento da Agasp calquera alteración relacionada con esta.

Quinta. Solicitudes

a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.gal); non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións. No suposto de non seren correctos ou exactos tales datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados aos interesados.

b) As persoas que non sexan usuarias da páxina web da Agasp deberán previamente darse de alta nela, para o que é necesario facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

c) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 12, 886 20 61 37 e 886 20 61 38 ou do enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

d) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

e) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normalizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

f) Non está permitida a realización de cursos que teñan simultaneidade de horarios nunha ou varias sesións presenciais. Cando o alumnado teña coñecemento de que foi seleccionado para un curso que teña coincidencia horaria con outro no cal xa foi seleccionado, debe renunciar a un deles.

g) Se as solicitudes para participar nun curso non superan as 10 persoas, a Agasp resérvase a facultade de anular a actividade formativa.

Sexta. Prazo de inscrición

O prazo de inscrición será de 15 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos do curso, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, coa antelación posible en función da data do curso e para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.

Sétima. Criterios xerais de selección

1. A selección realizarase por orde de entrada da solicitude de inscrición.

2. Na selección reservarase o 50 % das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 50 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

Cando no proceso de selección non se completase a reserva do punto segundo, esta reserva, de existir suficiente número de solicitantes, completarase co resto de solicitudes.

Oitava. Admisión

A Agasp publicará na súa páxina web http://agasp.xunta.gal unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Os/as alumnos/as seleccionados serán informados da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

O alumnado seleccionado só poderá renunciar ao curso por causas de forza maior suficientemente xustificadas.

A renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal e cunha antelación mínima de tres días hábiles ao inicio do curso, co fin de poder cubrir a vacante.

A Agasp reserva para si o dereito de solicitar todos aqueles datos que considere necesarios para a adecuada realización da selección.

Novena. Proba específica

De acordo co previsto nos anexos V e VI do Decreto 35/2017, polo que se modifica o Decreto 104/2012, polo que se fixa a formación mínima dos socorristas acuáticos e se crea e regula o Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia, as persoas admitidas nos cursos deberán superar a proba específica combinada con aletas, que constitúe o primeiro módulo formativo dos cursos convocados, e cuxo contido poderá consultarse na ficha especifica do curso da páxina web da Agasp http://agasp.xunta.gal, na pestana Formación de colectivos.

As persoas admitidas nos cursos serán convocadas para a realización na piscina da Agasp da devandita proba específica combinada con aletas, que deberá superarse nun tempo máximo de cinco minutos e trinta segundos.

As persoas convocadas para a realización desta proba deberán vir provistas do material seguinte:

– Gorro e lentes de natación.

– Bañador.

– Chanclas para o acceso á piscina.

– Útiles persoais de aseo.

– Xogo de aletas.

As persoas admitidas que non superen esta proba específica serán dadas de baixa no curso correspondente.

Décima. Vestimenta e material

O alumnado, para a realización da parte práctica na piscina ou nun espazo acuático natural, deberá asistir ao curso co material descrito neste apartado. As persoas que incumpran esta norma poderán ser dadas de baixa na actividade.

Curso de adaptación da actividade física e deportiva ao socorrismo en instalacións acuáticas (CAFDO-IA).

– Gorro e lentes de natación.

– Bañador.

– Chanclas para o acceso á piscina.

– Útiles persoais de aseo.

Curso de adaptación da actividade física e deportiva ao socorrismo en espazos acuáticos naturais (CAFDO-EAN).

– Gorro e lentes de natación.

– Bañador.

– Útiles persoais de aseo.

– Xogo de aletas.

– Traxe de neopreno.

Décimo primeira. Dereitos e deberes do alumnado participante

Durante o desenvolvemento da actividade, ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp.

Décimo segunda. Faltas de asistencia

O Regulamento de réxime interior da Agasp regula no seu artigo 16 as faltas de asistencia nos cursos:

1. A asistencia ás clases e actividades comprendidas no programa do curso é obrigatoria. As faltas que as/os alumnas/os acumulen deberán xustificarse debidamente e penalizaranse disciplinariamente en caso contrario.

2. A/o alumna/o que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 10 % das clases do curso de formación, será declarado non apto e poderá incorporarse ao curso seguinte ou cando a causa determinante llo permita.

De ser necesario, e só nos casos en que a inasistencia ás clases estea motivada por accidente ou lesión sufridos con ocasión da actividade académica, o director xeral poderá considerar a conveniencia ou a oportunidade de permitir ao/á alumno/a poder recuperar ata un determinado número de horas e participar posteriormente nun exame extraordinario para poder superar o curso sen ter que repetilo.

3. No entanto, aínda que as ausencias acumuladas non cheguen á porcentaxe sinalada, a/o alumna/o poderá verse obrigado a recuperar todas ou parte das horas perdidas ao longo do curso. Neste caso, a Xefatura de Ensino proporá ao director xeral o número de horas que se deban recuperar, tendo en conta, en cada caso concreto, o tipo de xustificación presentada para cada ausencia, así como o número total destas e o comportamento e a actitude da/o alumna/o ao longo do curso.

Décimo terceira. Certificado de aproveitamento

Ao finalizar a actividade entregarase un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e superen a proba final.

Décimo cuarta. Facultades da Agasp

A Agasp poderá modificar sen necesidade de nova publicación o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá, sen necesidade de nova publicación, suprimir o curso, cambiar as súas datas de realización, ampliar novas edicións ou prazas deste ou suspendelo, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

Así mesmo, facúltase o director xeral para ditar resolución sen necesidade de nova publicación para interpretar, se fose o caso, o desenvolvemento da convocatoria ou docencia.

ANEXO II

Cursos de adaptación da actividade física e deportiva para o exercicio profesional do socorrismo acuático
na Comunidade Autónoma de Galicia

Denominación do curso

Núm. de edicións

Horas lectivas

Prazas por edición

Proba

específica

Datas do curso

Horario

Data de finalización das prácticas

Curso de adaptación da actividade física e deportiva para o exercicio profesional do socorrismo en instalacións acuáticas na Comunidade Autónoma de Galicia

(CAFDO-IA)

1

265

25

16 de marzo,

ás 11.00 horas

20, 21, 22, 27, 28 e 29 de marzo

3, 4 e 5 de abril

Venres:

Das 15.00 ás 20.20 horas

Sábados:

Das 10.00 ás 14.15 horas e das 15.30 ás 20.00 horas

Domingos:

Das 10.00 ás 14.00 horas e das 15.30 ás 19.30 horas

30 de xuño

Curso de adaptación da actividade física e deportiva para o exercicio profesional do socorrismo en espazos acuáticos naturais na Comunidade Autónoma de Galicia

(CAFDO-EAN)

1

270

25

4 de maio,

ás 11.00 horas

8, 9, 10, 15, 16, 17, 22, 23, 24, 29 e 30 de maio

Venres:

Das 10.00 ás 14.00 horas e das 15.30 ás 19.30 horas

Sábados:

Das 10.00 ás 13.00 horas e das 14.30 ás 17.30 horas

Domingos:

Das 10.00 ás 13.30 horas

30 de xuño