Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Luns, 24 de febreiro de 2020 Páx. 13285

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

ORDE do 12 de febreiro de 2020 pola que se acorda a inclusión do arquivo da Fundación Exposición Nacional da Construción Naval no Sistema de arquivos de Galicia.

A Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia, regula no seu título III o Sistema de arquivos de Galicia, que se define como o conxunto de órganos, arquivos, centros e sistemas relacionados entre si por órganos de dirección e coordinación, que por medio da xestión documental ten como finalidade servir á xestión administrativa, garantir o dereito da cidadanía a acceder aos arquivos e protexer, conservar e difundir o patrimonio documental de Galicia.

A lei establece, no artigo 30, os arquivos que forman parte do Sistema de arquivos de Galicia pero regula, no artigo 31.2, a posibilidade de que outros arquivos poidan levar a cabo a súa integración naquel:

Os arquivos privados e os arquivos públicos mencionados no artigo 30.e) poderán integrarse no Sistema de arquivos de Galicia, por iniciativa das súas persoas titulares, mediante a correspondente orde da consellería competente en materia de arquivos e patrimonio documental e logo do informe do Consello de Arquivos de Galicia, e seralles aplicable o mesmo réxime de dereitos e obrigas que aos arquivos públicos.

A Fundación Exposición Nacional da Construción Naval (Exponav) solicitou diante da Consellería de Cultura e Turismo a inclusión do seu arquivo no Sistema de arquivos de Galicia.

Logo de acreditar o cumprimento dos requisitos exixidos polo artigo 31.3 da Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia, a solicitude foi sometida ao Consello de Arquivos de Galicia, que na súa reunión do 27 de xaneiro de 2020 emitiu informe sobre a inclusión do arquivo de Exponav no Sistema de arquivos de Galicia.

Para os efectos de dar cumprimento ao previsto no artigo 31 da Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia, así como ao Decreto 25/2016, do 3 de marzo, polo que se regula a composición e funcionamento do Consello de Arquivos de Galicia, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Primeiro. Acordar a inclusión do arquivo da Fundación Exponav no Sistema de arquivos de Galicia.

A partir da súa integración, este arquivo queda sometido ao mesmo réxime de dereitos e obrigas que os arquivos públicos.

Segundo. Ordenar a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. A orde terá eficacia desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Contra este acto, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que o ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnalo ante o órgano competente da orde xurisdicional contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2020

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura e Turismo