Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Luns, 24 de febreiro de 2020 Páx. 13283

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 17 de febreiro de 2020 pola que se trasladan as ensinanzas de educación secundaria para persoas adultas e bacharelato do IES Universidade Laboral ao IES Rego da Trabe, ambos do concello de Culleredo.

O Decreto 86/2015, do 25 de xuño, establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, e a Orde do 11 de xuño de 2010, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, autorizou as ensinanzas para persoas adultas nas modalidades presencial e a distancia en centros específicos de educación e promoción de adultos e institutos de educación secundaria (IES) dependentes desta consellería.

Analizadas as necesidades educativas xurdidas e a oferta de modalidades en funcionamento, resulta necesario modificar esta oferta, coa finalidade de mellorar a atención do alumnado que cursa estudos de educación secundaria no concello de Culleredo (A Coruña)

Por todo canto antecede, logo do informe favorable da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Traslado de ensinanzas

Trasladar as ensinanzas de educación secundaria para persoas adultas e as de bacharelato do instituto de educación secundaria (IES) Universidade Laboral (código 15005749) ao IES Rego da Trabe (código 15032935), ambos do concello de Culleredo, con efectividade desde o inicio do curso 2020/21.

Artigo 2. Profesorado

Ao profesorado con destino definitivo no IES Universidade Laboral de Culleredo afectado polo previsto nesta orde resultaralle de aplicación o disposto no Decreto 140/2006, do 31 de agosto, que determina os criterios de perda do destino definitivo polas funcionarias e funcionarios docentes que prestan servizos nos centros educativos que imparten ensinanzas distintas das universitarias e o cómputo da antigüidade no centro en función das causas de acceso a el.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Autorízanse a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa e á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para adoptaren todos os actos e medidas necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2020

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional