Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Martes, 3 de marzo de 2020 Páx. 14426

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 2 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, sobre delegación de competencias na persoa titular da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa.

Con data do 2 de marzo de 2020, publícanse no Diario Oficial de Galicia os decretos 31/2020 e 32/2020, do 27 de febreiro, polos que se dispón que cesen, con efectos do 2 de marzo, as persoas titulares da Secretaría Xeral da Igualdade e da Dirección Xeral de Administración Local.

O Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, determina, na súa disposición adicional segunda, que no suposto de vacante, ausencia ou enfermidade dos titulares dos órganos superiores e de dirección da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, as competencias atribuídas aos correspondentes órganos serán exercidas, temporalmente e mentres persistan tales circunstancias, pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería.

Ao terse producido a vacante simultánea da Secretaría Xeral da Igualdade e da Dirección Xeral de Administración Local, prodúcese unha elevada concentración de funcións na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica que, por razóns de eficacia administrativa, aconsellan unha delegación de competencias que ordene a actuación administrativa co fin de acadar unha maior axilidade e eficacia na xestión, sen esquecer o debido respecto aos principios recollidos no artigo 103.1 da nosa Constitución.

Deste xeito, mediante esta resolución delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa o exercicio das facultades que lle corresponden á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza por suplencia da persoa titular da Secretaría Xeral da Igualdade.

A delegación de competencias atópase regulada, no ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, como normativa básica estatal.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren o artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, e o artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e logo de aprobación do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza,

RESOLVO:

Artigo 1. Delegación de competencias na persoa titular da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa

Delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa o exercicio das competencias que lle corresponden á Secretaría Xeral da Igualdade polo artigo 6 e pola disposición adicional primeira do Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, así como aquelas outras atribuídas na normativa de aplicación, mentres non se designe a persoa titular da Secretaría Xeral da Igualdade.

Artigo 2. Criterios complementarios na aplicación das delegacións

Na aplicación das delegacións de competencias contidas nesta orde teranse en conta os seguintes criterios:

a) O exercicio das competencias que se delegan nesta orde axustarase ao disposto no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

b) En calquera momento, a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza poderá avocar para si o exercicio das competencias que se delegan nesta resolución.

c) Enténdese comprendida na delegación da persoa titular da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa o exercicio da competencia para resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra as resolucións que dite en virtude das facultades que se lle delegan nesta orde.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2020

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza,